Bautista Álvarez
(Presidente da UPG)
Vou revelar un segredo que durante mais de vinte anos tiven acochado na intimidade: a miña correspondencia con Castelao, despois de el retornar do desterro arxentino para entrar no desterro do panteón de Bonaval. Foi o noso petrucio quen se puxo en contacto comigo, após coñecer as pancadas que a policía me dera no acto de recebimento que os nacionalistas organizamos en reproba de que o seu cadáver fose utilizado e o seu cadaleito portado polos herdeiros políticos daqueles que no '36 quedaran frustrados porque o exilio lles furtara a satisfaccion de levalo ao piñeiral da Caeira. Inteirárase polos xornais. Polos xornais que o ollo de vidro aínda lle permite ler. O ollo con que agasallou ó protagonista das Memorias dun esquelete, agradecido por telo inmortalizado nunha peza digna de figurar nas antoloxías da literatura universal. Isto é, dito de paso, que para atopar mestres non precisamos sair da Terra. As musas galegas gozan tamen de boa saúde. Non vou demorarme mais neste exordio, pois non quero escurecer o artigo coa prolixa extension do prólogo. Vaiamos ao miolo da cuestión. A carta que transcrebo responde, en primeiro lugar, ao interese de Castelao polos ideais que en vida defendeu. Non podia ser doutro xeito.Pero tamen me incita a comunicarlle a él inquedanzas que, confesadas nestes tempos de post-modernidade (a unica revolución que se fixo), poden considerarse produto dunha mentalidade resesa, enferruxada pola vellice.
Entrego a Terra e Tempo o texto integro desta epístola, solicitando de antemán a benevolencia do leitor, por querelo facer partícipe dunha rancia e aloucada interpretación da actividade política:
"Amigo Daniel:
Chámote amigo e non irmán, porque a irmandade nace do sangue e a amizade do corazón. Ti ben sabes que algúns que antes do '36 te chamaban irmán -compañeiros de sangue corrupto- cravaron despois a faca na túa memoria. Non quero dar nomes. Nas miñas anteriores procurei animarte, transmitíndoche novas edulcoradas de optimismo. Quizais fose -teño que recoñecelo- por mor de non debilitar os teus osos, xa enfraquecidos pola progresiva desaparición dos fluídos embalsamantes que che inxectaron antes do enterro. Para o amigo Alexandre non houbo sequera esa compensación. Tiro seco nun tépedo mencer de agosto.
Falábasme, na túa anterior, da ledicia que che causara a presenza nacionalista no cativo governo autonómico, aínda que non ocultabas a preocupación de que esa presenza servise -por ambición ou incompetencia- para malversar o noso caudal ideolóxico. A navalla que serve para cortar, torpemente manexada, pode lesionarnos. De todo hai, querido amigo, pois por veces abrollan síntomas alarmantes de grave desorientación politica. Por exemplo, os sex-shops, que baixo a epígrafe de Obradoiros sexuais desde a Xunta de Galiza se estan a promover. Non te persignes, que non e cousa de meigas. Tal como cho conto. Nestes obradoiros preténdese iniciar as féminas nos praceres do erotismo, sen depender para iso de estímulos e colaboracións externas. Ti ben me entendes. Aínda que parecería correcto chamarlles escolas de masturbación, considero acertado o nome de obradoiro -o atelier francés- por ser nel o lugar onde se realizan os labores manuais, a diferenza da escola que educa para os traballos da intelixencia.
Temo utilizar unha linguaxe para ti descoñecida no teu tempo. Daquela, cando as mulatas te perseguían no carnaval da Habana por meterlle ciumes a Virxinia, a economía de mercado non se introducira aínda nesta parcela sexual. Facíase todo de maneira artesanal. Hoxe existen tendas ateigadas de produtos eróticos "made in USA", que se insinuan irreverentes desde as vitrinas das zonas comerciais. Será por iso que a promocion institucional destes artigos novidosos, máis que responder a criterios pedagóxicos, sexa servil cumplicidade coa economía neoliberal. Igual que o mercado institucionalizou o día do pai, da nai, o día do avo, tamén teremos dentro de pouco o día de ... Ponlle ti o que quixeres nos pontos suspensivos.
Malia a todo, a túa xeración -e tampouco a miña- nunca tivo problemas para satisfacer as apetencias sexuais. Cando a fornicación se facía sen papeis, había palleiros no inverno e agras de centeo para as noites de verán, causando aqueles estropicios de que se mofaban os pícaros castróns do teu debuxo. Isto polo que se refere ao consumo erótico fornecido por vía de intercambio. Pero ambos sexos coñecían tamén a perfeición -en aprendizaxes nas escolas- o pracer do auto-servizo. A prática da modalidade individual recebía o name de solitarios: para o vulgo, xogos, e, para o confesor, pecados. A historia atribue a Onán o invento da masturbación. A patente e súa, non cabe dúbida. Mais o descobrimento dela, opino eu, debeu de ser anterior a aparición do homo sapiens e, por coerencia semántica, coñecida e practicada polo homo erectus. Xa me dirás, querido amigo, cando a parella orixinal foi expulsada do Edén, sen proxenie feminina acreditada nos empadroamentos bíblicos, de que maneira se apañou Cain -morto Abel e inmaduro Set- para compracer e liberarse das servidumes do instinto.
E ven agora a Administracion galega metendo esta vella disciplina na sua reforma educativa? Parodiando o clásico aforismo que reza: "O que a natureza non da, Salamanca non empresta", concluio eu que o obradoiro non ensina o que o instinto non demanda. E esta a nova "Rota Ho-Chi-Minh" escollida para levar a luz nacionalista á mocidade? Magoa profunda, vallame Deus. Magoa profunda que organizacibns nadas para seren vangarda das clases populares -dos labregos, obreiros, mariñeiros- vaian derivando en vangarda do rídiculo. E tanta ermanza por decruar no terreo cultural, ideolóxico e político.
Hai extremos que eu descoñezo, por servirme exclusivamente das informacións subministradas pola prensa. De momento, os obradoiros dos que temos noticia son só para mulleres. Será por fidelidade ao criterio de discriminación positiva. Se así non fose, podería revelar unha androfobia perigosa para a perpetuación da especie. Ignoro tamén se os temarios son leccionados por monitores ou monitoras, e se no futuro haberá obradoiros para homes. Obradoiros mistos, de nengunha maneira, non sexa o demo que os aprendices rachen os apontamentos e acorden facer as cousas pola vella. Tampouco sei se con eles se pretende estimular unha sexualidade inapetente, causante do descenso demográfico actual. Vidroso asunto, xa desenvolvido no seu tempo por Fernandez Florez na súa novela Las siete columnas. Sexa como queira, do noso nomenclator pronto van desaparecer as Carminas e Manias, ocupando o canto delas -por iso da paternidade- abundancia de Consolos ou Consolacións. Do meu ponto de vista, para maior transparencia da xestión e investimentos públicos, cada cursiño debería rematar con avaliacións finais e outorgamento de diplomas.
Perdóame, amigo, que envolvese a nova que hoxe che transmito en reflexións moralizantes. Que impúdicamente confiase ao papel intimidades que antes nunca saíran da alcoba. Como ves, estoume contaxiando tamén da fachenda post-moderna da progresía. Como cambiaron os tempos! Antes, os labregos de Nebra manifestábanse contra os foros brandindo o fouciño. Agora abundan manifestacións totalmente en coiros, sen eximentes para nengunha das partes pudendas. Claro que os traballadores ocupaban as rúas para esixiren xustiza. Os progres de hoxe en día fanno para protestaren contra a caza do raposo, ou tan so para poxar en oferta pública as súas dotes xenitais.
Non te canso mais coas miñas divagacións, pois sabes, ademais, que o correo secreto que nos serve de contacto ten limitada a extensión dos nosos escritos. Saúdos a Bóveda e unha aperta moi forte para Moncho Reboiras. Au revoir".
Epílogo: Estou seguro de que o leitor se decatou de que o título deste artigo e un plaxio descarado da Epístola moral a Fabio, carta versificada en tercetos encadeados e metro endecasílabo, que o capitán Fernández de Andrada lle enviou a Tello de Guzmán, correxidor en Mexico. A realidade e que a miña intención inicial era outra: lamentar, como fai Rodrigo Caro na "Canción a las Ruinas de Itálica", o derrube dunha fortaleza construida co sacrificio de moitos patriotas. E o castelo que non logrou asaltar a Ditadura pode virse abaixo polo mel que a democracia depositou na culler dos sentinelas. Troquei de idea. Optimista até o suspiro derradeiro, penso que aínda estamos a tempo de restaurar a casa petrucial.
De Terra e Tempo (nº 146-146; Xaneiro-Xuño 2008)
Nenhum comentário:
Postar um comentário