29/07/2008

25-X, conta atrás

Antón Losada
E ste ano a concentración da Quintana vai ter algo de deja vu pero moito máis de despedida. Pode que sexa o final das manifestacións do Día da Patria tal e como as coñecemos até o de agora. Empeza a conta atrás dunhas eleccións galegas que van colocar o nacionalismo galego diante do dilema existencial que boa parte do nacionalismo organizado, especialmente a UPG pero non menos as pseudocorrentes alimentadas polas personalidades de Nogueira ou Beiras, levan tanto tempo manexando o seu favor, disfrazando ou simplemente evitando.
A vida real e a sociedade galega real van chamar ás portas do nacionalismo e do BNG e vanlle preguntar se está listo para ser un partido maioritario e de gobemo, ou prefire seguir xogando a ser os gardiáns, sacerdotes ou gardas xurados dunha ortodoxia pre-post-revolucionaria que só eles saben como funciona, cando se realiza e para que serve exactamente. O único que sabemos os demais é que soe activarse cando lles convén.
A confusión ideolóxica e a surrealista desconexión coa Galicia real na que vive instalada iso que no mundo nacionalista adoita chamarse reverencialmente "a organización" é a día hoxe o principal obstáculo e o maior freo para que o BNG alcance a maioría de idade. Iso que chaman a "organización" non só ten desaproveitado estes anos de goberno para medrar en tamaño, peso e presenza social, senón que semella terse adicado a todo o contrario: impedir por todos os medios que nada que non fose a súa ortodoxia entrase nun BNG asfixiado. Pero para iso estaremos o 25 na Quintana: para abrir as fiestras e que entre o fresco da mañanciña.
A Nosa Terra, nº 1320, 24-07-08

Nenhum comentário: