26/10/2008

Galiza no Foro Social Europeu

Índice:
I. Malmö, no Sund
II. Unha nova Europa construída dende os povos
III. Encontros en Folkets Park
IV. Debates en Sofielund
V. No Consello Internacional do F.S.M.
VI. A cuestión da estratexia (I)
VII. A cuestión da estratexia (II)
VIII. Coda: cara ónde fura a vella toupa?


Xosé Manuel Beiras

I. Malmö, no Sund
Desta vez foi en Malmö, na beira leste do Sund, o estreito que esgana polo sueste o famoso Kattegat -"gorxa de gato"- e separa a costa sueca do Skane, ou Escania, da illa danesa de Sjaelland, onde está Copenhague, fronte por fronte de Malmö, mesmamente. Posto no mapa -e con licenza- o Sund évos algo así como a ría de Vigo, só que invertida a orientación: co mar de fóra, o Báltico, ao sueste -sen as Cíes, iso si- e Rande ao noroeste -iso si tamén: co cu de saco da ría aberto, por Arcade, ao Kattegat. E todo chao. Sen Jajáns nen Galiñeiros. Nin sequera lomba ningunha: chao como un mapa, como unha alfombra, como o encefalograma do auto-Bush. Esplícome ben, non si?. Nesta disposición, Copenhague cadra onda Vigo, e Malmö onda Cangas ou Moaña, máis ou menos. Canto a Rande, onde temos nós Chapela e Santadrán -nome enxebre de San Adrián de Cobres- cadran alí Helsinborg, na beira sueca, e na danesa Helsingor. Ouh, Helsingor!: un respeto, poisque é nada menos que o Elsinor do Don Hamlet de Cunqueiro -e de Shakespeare tamén, compre recordar. Pero, alí, a ponte de Rande non está entre Elsinor-Chapela e Santadrán. Non, alí une as aforas de Copenhague e de Malmö: túnel primeiro, entre o aeroporto e unha insuíña pequecha, lámina de area verduxa, e oito kilómetros de ponte despois. E pasa o tren: meia hora escasa de centro a centro das duas cidades -como eiqui. Tamén podes facelo en bicicleta: alí anda en bicicleta tododiós. Ou case. O resto en transporte público. Coas bicicletas tamén.
* * * * *
Esaxero un chisco, mais non bromeo. A xente anda alí toda en transporte público e colectivo. Maiormente na rede do metro, moi densa na área metropolitán de Copenhague e, para alén dela, na do tren, que atravesa a cidade por liñas e estacións coincidentes coas do metro no seu caso. Autobús para itinerarios transversais a esas duas redes. Andan lixeiro, porque non hai atascos, claro. E logo, para distancias curtas, as bicicletas, que podes meter no metro tamén: cada vagón ten un espazo exento, con asentos abatíbeis nos costados e, entremedias diles, uns dobles aros nos que introducir a roda traseira da bici pra mantérese en pé. Nas estacións, hai grandes montacargas para subir e baixar con elas e, nas escaleiras, unhas canaletas laterais fan de rodeiras para levalas da man conforme os ciclistas gavean ou descen a pé polos chanzos. Hai nubes delas, circulan en bandos, coma os paxaros migratorios, ás veces latricando entre iles, e enxamios de bicis aparcadas onda as estacións do metro, ao pé dos edificios públicos, das tendas e oficinas, en múltiples recantos das prazas, ruas e patios abertos das moradas. Sería o paraiso do "ladrón de bicicletas" do filme neorrealista italián, mais semella que ali ninguén as rouba -tampouco ninguén precisa roubalas: o salario mínimo danés anda polo equivalente aos mil catrocentos euros mensuais, cáseque o triplo que onda nós, ou a mitade máis ca os famosos "mileuristas" galegos. E o custe da vida obreira pouco máis é ca eiqui. En Malmö, os dous primeiros días -logo xa me afixen- eu ríame co Macías: "Seríache boa que o Beiras finase atropelado por unha bici escandinava!". Camiñabamos dende o hotel ao Foro, en Folkets Park, pra facermos exercizo -cousa de vinte minutos cada paseata- e eu índa confundía a beirarrúa peonil co corredor de tránsito dos ciclistas: tiña o Xavier que pillarme polo brazo a cada pouco pra me librar da embestida dun centauro sobre rodas. Aquela xente non teme ao ventimperio: nos restoráns do casco antigo de Malmö había moitos máis parroquianos a cear fóra, nas terrazas, ca dentro dos locais. A "Lilletorg" - Praza pequena- contigua á grande praza do Concello, está orlada toda ela de cafés, bares e restoráns: as terrazas ocupan ben case a mitade do espazo aberto. Venres e sábado, á tardiña, Lilletorg era un formigueiro de parroquianos, un fervedoiro ruidoso de xente a cear, rir e falar de voz alta nas terrazas, mentras nós percurabamos -e achabamos- sitio dentro. Claro que hai toldos cubrindo as terrazas, e quentadores de gas, deses que empeza a haber eiqui tamén, como farolas antigas. Mais, por se acaso, en cada asento hai un cobertor ao dispor do cliente, como as mantas de viaxe nos vagóns de postín dos trens de antes. Con todo, moita xente moza ceaba en mangas de camisa, iles, e elas cos brazos espidos por baixo dun chale. O dito: non temen ao ventimperio. E inda era setembro, mesmiñamente o equinocio: teñen todo o longo e frío inverno septentrional para abrigarense -ou atereceren.
* * * * *
Malmö, en orixe, chamouse Malmhaug, que seica siñifica lomba de area. Como toda a beira leste do Sund, que forma parte da rexión de Escania, foi territorio danés até o s. XVII, e a pouca arquiteitura medieval que conserva é, no estilo, máis danesa que sueca, segundo opinaba Ned Thomas o galés, veterano camarada da CONSEU, que coñece ben as culturas nórdicas. Con posición estratéxica no paso do Báltico ao Mar do Norte, na Baixa Idade Meia establecéranse alí mercaderes da Hansa de Lübeck, e chamárono Elbogen -cóbado- pola forma da costa onde está Malmö. Anexionada Escania a Suecia en 1658 por Carlos X Gustavo -o sucesor da Cristina de "Herba moura" - Malmö entra en decadencia até fins do XVIII. Será Gustavo III -o déspota ilustrado amigo de Voltaire e pioneiro da liberdade de prensa- quen reactive Malmö coa construción do novo porto, que inducirá a sua conversión nun foco de desenrolo industrial dende meiados do XIX. Hoxe é a terceira urbe de Suecia en dimensión demográfica e potencial comercial e industrial -estaleiros, industria madeireira e alimentaria. Na zona portuaria érguese o único rañaceos da cidade: unha altisima torre de nervadura retorta deseñada por Calatrava, como unha enorme broca ascendente que fura no pálido ceo septentrional en percura imposíbel da luz mediterrán. A poucas leguas ao nordés, Lund, faille a réplica en contrapunto.
Lund, a antiga cidade fundada no albor do segundo milenio, comenzos do s. XI, polo lexendario Knut, o rei Canuto, precoz descubridor de América polo Norde. Alumeáraseme o enigma desa fazaña vikinga cando Xoan Anllo e Fernando Pérez-Oya me agasallaran en Xenebra, hai xa ben aos, coa anovadora Historia medieval de Europa -en fuga a duas voces coa do Islam, por certo- dirixida por Robert Fossard, daquela recén saída do forno. Alí achara eu a espricación, moi sinxela, pola combinación de duas variábeis: climática e tecnolóxica. Tecnolóxica: o salto adiante na habelencia dos carpinteiros de ribeira vikingos, que dan en case duplicar as dimensións dos seus famosos barcos de remo e vela, co conseguinte aumento de capacidade en remeiros e provisións, que prolonga en distancia e tempo a autonomía das suas singladuras. Climática: o ciclo longo de quencemento do planeta na encrucillada dos dous milenios -e non fora daquela por contaminación da atmósfera- que favoreceu a navegación no Atlántico máis nordesío, ao reducir a magnitude e frecuencia dos xeos flotantes. E así -co motor da sua audacia, madia leva- puideran aquiles vikingos chegar, primeiro, a Islandia, e colonizala; logo a Groenlandia, e bautismar así -"terra verde"- a ese imenso molete de xeo; e finalmente ás costas do Labrador. Mais aló non ficaron: estaba lonxe de máis. E, para "razzias", millor lles viña viren cara o sul, onda nós e máis abaixo, onde quenta o sol -precursores milenarios do boom turístico mediterrán.
Mais isto todo veu a conto por Lund, que fai réplica "avant la lettre" ao parafuso postmoderno do Calatrava en Malmö coa sua catedral románica do XII, contemporánea do Pórtico compostelán, e a sua Universidade do XVII, a máis antiga de Suecia despois da de Uppsala, que é do tempo de Fonseca. Non puiden visitar Lund. Como fóramos traballar, e arreo, no Foro, non tivemos lecer para iremos visitala. Fiquei secretamente adoecido por non facelo: sospeito que, ao cabo, o románico de Lund teríame esclarecido encol dalgunhas doenzas sociais da humanidade de arestora millor ca algúns dos debates presenciados no FSE de Malmö. Terei que corroboralo calquera día no futuro, mentras dure -o futuro, claro está.


II. Unha nova Europa construída dende os povos
Foi ise o tema do Seminario que protagonizamos no FSE de Malmö. E abofé que non estou a empregar un plural "maiestático". Falo en plural porque plural foi o protagonismo dese seminario, plantexado en forma de mesa redonda. O rótulo co que aparecía enunciado no programa do Foro dicía, literalmente, "O dereito de autodeterminación: unha nova Europa fundada nos dereitos dos povos". E unha breve alusión orientativa ao contido temático acompañaba a ese rótulo: "Diferentes experiencias confirman a forza do dereito de autodeterminación e os dereitos das minorías nacionais como un elemento progresista na loita contra a globalización neoliberal. A fonte dun internacionalismo realmente solidário está na autodeterminación das nacións, na sua liberdade para transformar a Europa neoliberal nunha Europa Social dos Povos".
O Seminario fora proposto, por iniciativa conxunta galega, catalá e vasca, a traveso da Rede CONSEU (Conferencia de Nacións sen Estado de Europa), de xeito que a Fundación Galiza Sempre, o CIEMEN catalán, e máis a Askapena euskaldún iamos ser o protagonista colectivo e plural do debate como ponentes da mesa redonda. Mais acordamos encetar un labor de colaboración entre a FGS e a CIG, que participa activamente no FSM dende a sua fundación, elaborando en man común a ponencia galega. Así se fixo e, en Malmö, Macías e máis eu combinamos para a sesión con Moncho Boán, que leva as relacións internacionais da CIG -inda que apandei eu coa defensa da nosa tese no debate. Disque non saín mal librado.
A nosa participación nesa palestra tiña dous obxectivos cardinais. Un, facer presente a Galiza e dar razón da cuestión nacional galega. Outro, expór a nosa diagnose da UE e a nosa posición encol dunha Europa alternativa baseada nas comunidades nacionais, no contexto da dialéctica entre as realidades e dereitos dos povos/nacións e a globalización ultraliberal. Ofrézovos, a seguida, algúns anacos escolmados dese texto, rotulado "A perspectiva da nación galega", e estruturado en catro seccións: "Antecedentes do nacionalismo galego"; "Povos e globalización"; "Crítica da Unión Europea"; e "Alterglobalización e cuestión nacional". Velaí vos van.
* * * * *
O movemento político contemporáneo a prol do exercizo da súa soberanía polo povo galego arrinca da sublevación de 1846, sofocada polo exército da monarquía española: os chamados "mártires de Carral" marcan o comezo do proceso de loita cívica, cultural e política pola autodeterminación da nación galega, que tivera Estado propio dende o remate do Imperio Romano - o Reino Suevo - até a baixa Idade Media - o Reino de Galiza. Durante o S.XIX, ese combate democrático desenvólvese primordialmente en catro frentes. No cultural, pola rehabilitación sociolingüística e a recuperación do uso escrito do idioma propio: é o "Rexurdimento" literario, dende Rosalía de Castro. No social, pola emancipación do campesiñado: é o movemento abolicionista dos "foros", forma de servidume á que estaba sometida a case totalidade da povoación labrega. No económico, pola descolonización: o país, daquela primordialmente agrario e pesqueiro, estaba convertido nunha "colonia interna" do Estado español. No xurídico-político, pola accesión do dereito consuetudinario autóctono ao rango legal e a consecución dun aparato de estado baseado na soberanía propia.
O proceso dá un salto nos primeiros decenios do S. XX: no combate polo idioma (Academia Galega, 1906; Irmandades da Fala, 1916) e a súa eclosión literaria (Xeración "Nós"); o triunfo do agrarismo abolicionista (Lei de redención dos foros, 1926); e a consolidación política do nacionalismo organizado (Asamblea Nazonalista de 1918). Á altura de 1930, nos intres nos que se extingue o rexime dictatorial de Primo de Rivera e entra en crise a monarquía española, o nacionalismo galego acadou madurez abondo para unificarse orgánicamente -coa fundación do Partido Galeguista en 1931- e lanzarse á fantástica carreira que en só cinco anos vai mudar a fasquía sociopolítica do país. Até o punto de que o país tería sido completamente diferente do que foi, e problemas políticos aos que aínda hoxe nos enfrentamos levarían máis de meio século resoltos, de non ser pola traxedia de 1936, que deu ao traste con todo o labor feito, estivo a piques de exterminarnos como povo, fixo recuar o noso proceso de autodeterminación a un estadio equivalente ao previo á fundación das Irmandades (1916) e da Asamblea Nazonalista (1918).
* * * * *
No eido socioeconómico configurouse nos últimos anos un proceso mundializador xerarquizado, desigual, e con graves consecuencias, tanto cara á posibilidade dunha estratexia de desenvolvemento autocentrado, acorde coas necesidades específicas de cada país, como no incremento da dependencia, disfrazada de interdependencia, por efecto das decisións adoptadas por poderes alleos, sen control posíbel sobre as mesmas. Para nós, resultan de especial relevancia as implicacións da mundialización en termos de progresiva destrución das bases materiais e distorsión das estruturas económicas e morfoloxías sociais xenuínas das realidades nacionais, pois esas implicacións resultan especialmente graves cando se trata de nacións sen Estado e, por tanto, inermes no plano político-institucional por careceren dun aparello de Estado propio. Esa carencia foi un factor determinante do confinamento da Galiza no espazo socioeconómico da "Europa periférica".
No contexto da globalización asistimos, por outra banda, a unha auténtica subversión involutiva dos postulados democráticos nos que se asentaba a orde xerárquica e as engrenaxes entre os tres poderes. Esta perversa metamorfose trasládase de xeito máis descarado ás institucións supraestatais creadas nos procesos de integración económico-política, como a Unión Europea, e ás construídas pola "comunidade internacional" durante o longo período da "guerra fría", como acontece coa ONU. Paralelamente, a metamorfose deu lugar a que o poder económico xa opere fóra do control do poder político (mercé ao combinado "desregulación máis privatización" xeneralizadas) e máis a que o poder político actúe de facto á marxe do control democrático dos cidadáns. Entrementres, agudízanse e fortalécense os resortes e funcións medularmente represoras do poder político fronte ao medre das masas de cidadáns prexudicados nas súas condicións sociais de existencia pola perda dos instrumentos ou o abandono das funcións económicas, sociais e até culturais do modelo de Estado preexistente.
* * * * *
A primacía do proxecto económico pódese rastrexar desde os inicios da construción da actual UE, en contraste coas concepcións dos europeístas que daquela ideaban unha vertebración acorde coa realidade socio-política e cultural, a Europa das "comunidades básicas", ou sexa, os pobos e nacións con ou sen estado. A globalización veu agravar unha tendencia que hoxe permite constatar a consolidación dunha unión económica eficaz para as estratexias e accións do grande capital transnacional, pero moi precaria politicamente.
Os dirixentes europeos mantiveron que o Tratado de Lisboa, asinado en decembro de 2007, era a "esencia da constitución europea", pero que esta vez ía ser aprobado excluíndo o referendo cidadán. Neste Tratado a UE concíbese como un proxecto neoliberal, punta de lanza da mundialización capitalista e sucursal do hexemonismo estadounidense. Así concibida, a UE é basicamente un proxecto económico ao servizo do capital, que absorbe cada vez máis competencias para protección das multinacionais, que aumenta as desigualdades, que desmantela a protección social, que procura a división e competición entre si das clases traballadoras para anular os dereitos laborais históricos, que declara e consagra a integridade territorial dos actuais estados membros, que recorta as liberdades e que ten un crecente carácter militarista.
A orientación neoliberal da Unión Europea está a destruír o modelo social que caracterizou a Europa na maior parte do século XX, nun proceso acelerado cunha serie de normas que deseñan un horizonte de altísimas cotas de traballo precario, agravado por novas Directivas, como as que fan referencia aos inmigrantes extraeuropeos ou á duración do tempo de traballo, que reduplican a desregulación e a destrución das conquistas sociais. O afondamento e reformulación democrática do proxecto político europeo segue a ser ollado como un atranco polas forzas económicas protagonistas da transnacionalización, e resulta boicoteado tamén polos grandes estados chauvinistas, que monopolizan a actual estrutura institucional, e tentan impedir a emerxencia cívica dunha nova Europa articulada desde a súa base plurinacional, pluricultural e plurilingüe.
* * * * *
No marco da nosa activa participación desde 2001 no proceso do Foro Social Mundial, compartimos a aspiración de reformar en profundidade o sistema de institucións internacionais, e subscribimos a Campaña Mundial impulsada polo Foro UBUNTU que sinala o risco de uniformización cultural, a merma da influenza das institucións políticas perante a hexemonía do mercado e a debilidade e marxinación das institucións internacionais. Desde a nosa perspectiva de nacións-sen-estado, os criterios para unha nova arquitectura institucional da UE e máis das UN deben basearse nos conceptos de "povo" e "nación", restituíndolles a plenitude do seu valor como significantes socioculturais e sociopolíticos. É a morfoloxía dos estados a que debe axustarse ás realidades sociais dos povos e nacións, e non ao revés. Compre que a arquitectura das Nacións Unidas se axuste a ese concepto, no canto de seren uns Estados Unidos disfrazados baixo a denominación de ONU. Trátase, pois, do mesmo enfoque que cando reclamamos que a Unión Europea articule a Europa dos povos no canto de representar á Europa dos estados.
Este enfoque, ademáis, reforza duas aspiracións de especial relevancia no contexto actual: a democratización real e efectiva das sociedades, e o restablecemento do deseño orixinariamente multicéntrico das Nacións Unidas. A rexeneración democrática das relacións sociais e políticas é a resposta necesária ao deterioro da relación entre Estado e cidadanía que padecen as institucións dos aparatos de estado actuais. E o redeseño multicéntrico das Nacións Unidas é unha resposta indispensábel tanto á uniformización sociocultural e identitaria canto á polarización centrípeta do poder que padece a humanidade na globalización capitalista e ultraliberal.


III. Encontros en Folkets Park
O día da nosa chegada a Malmö, Xabier e máis eu citaramonos con Quim en Folkets Park -o "parque dos cidadáns". As actividades do F.S.E. íanse desenvolver repartidas en tres áreas -Möllevangen, Sofielund e Rosengard- situadas consecutivamente á beira dunha longa avenida , a Amiralsgatan, que atravesa en diagonal os bairros da cidade moderna máis próximos ao casco antigo. Tres grandes espazos públicos municipais dotados de instalacións e servizos para actividades sociais, culturais e de lecer dos cidadáns. O Folkets Park estaba situado na primeira desas áreas, a de Möllevangen, e alí, cara o serán, ía celebrarse a sesión inaugural do Foro.
O Quim estaba en Copenhagen, e ía desprazarse ida e volta cada día a Malmö durante as xornadas do FSE. Logo trasladaríamonos nós á capital danesa para asistirmos ás sesións do Consello Internacional do FS Mundial, do que me nomearan membro, e que ían ter lugar a continuación. Mais, agora que me decato, estou a falarvos do Quim -con eme final- como se o coñecésedes xa. Disculpade. Apresentareivolo. Joaquim Arrufat é un mozo catalán, non chega á trintena, que leva as relacións internacionais do CIEMEN e coordena as actividades conxuntas dos membros da CONSEU. Nesa calidade, fora il quen xestionara a programación do Seminario do que vos falei xa, que tería lugar ao día seguinte, e no que il tamén ía ser ponente por parte do CIEMEN.
* * * * *
En Folkets Park había ambiente de romería. Inda locía o sol, baixo, e non facía frío. Soaban músicas populares de diferentes culturas, non só europeas, africanas e latinoamericáns tamén. A sesión de apertura non comezara aínda. A xente estaba a chegar, fluía a modo como regos de lava, encorábase en relanzos, conversando en grupos que esbaraban paseniño sobre a erba do parque como actores dun teatro chinés, aconchegándose cara o pé da tribuna montada nun recanto, índa deserta de oradores. O Quim non chegara. E néstas topamos -pequeno que é o mundo- co Ramonet, que ali estaba xa, na compaña de Bernard Cassen. Démonos unha aperta, botámonos a latricar, e falámoslle do Foro Social que se estaba a organizar na Galiza para decembro. "Qué boa idea tivéchedes! Fenomenal. Xa vexo que non parades. Dá gusto." "Non quererás vir. Se queres, xa sabes". "Pois claro, se podo. Vou ver se teño esas datas libres, e chámote." Fíxoo, nefeito, de volta en Paris, mandoume un correo: "Foi un gran placer volverte ver en Malmö, sempre tan cheo de entusiasmo e ideas provocadoras." E a conxénita ironía: "Xa ves que, entre todos, conseguimos nada menos que facermos abalar o sistema financeiro internacional. Mágoa que a esquerda oficial se atope nese estado soporífico." Mais non pode vir: cádralle ter que estar na sede da ONU nesas datas -il sí que non para.
O Cassen agasalloume cun libriño recén saído do prelo, un pequeno volume colectivo de ensaios que il coordinou, ao estilo das publicacións de "Attac". Contido transgresor, tíduo provocador: "Acabar de vez co euro-liberalismo". "Se queredes editalo en galego -díxome- podedes, encantaríame." Xa me gostaría -pensei. E se cadra pódese. Faloume entusiasmado -il que non é dado a entusiasmos- do caderno mensual "Altermundo" que publica GH, e máis do Manu Santos que o dirixe. E tiña grata lembranza da entrevista que lle fixera Marga Tojo hai poucos meses para ese mesmo caderno, cando da conferencia que dera en Ferrol, apresentado polo Manu. Pareceume un miragre de conversión dun xacobino impenitente coma il é -ou era.
A que estabamos de palique, achegouselles Pepe Viñoles, a quen eu non coñecía. Viñoles dirixe un semanario, "Liberación" que se publica en Malmö, en español -non é trola- dende hai vintesete anos. Baixo o rótulo da cabeceira di, con moita fachenda: "Desde 1981 con los pies en esta tierra. Toda América Latina, Suecia y el mundo en español". Na edición desa semana inseriran un pequeno suplemento a propósito do Foro, no que relataban escuetamente a sua insólita historia. O periódico nacera "nun pequeno local dun arrabaldo periférico de Malmö". Relembran que, daquela, "moitos países de América Latina vivían baixo o xugo de sanguiñentas ditaduras militares sostidas polos Estados Unidos, que tiveron como saldo miles de desaparecidos, presos e exiliados, e un feroz retroceso nas condicións políticas e sociais dos habitantes". Os "leitores potenciais do entón eramos nós mesmos -esprican- os latinoamericáns exiliados en Suecia e noutros paises nórdicos, urxidos de termos noticias e análises do que acontecía nas nosas patrias nun dos momentos máis escuros da sua historia. Por iso -engaden- Liberación naceu latinoamericano, antiimperialista e solidario con tódolos que, en calquera parte do mundo, loitasen por un mundo millor liberado do capitalismo e das suas lacras históricas." Lembreime das publicacións do exílio galego republicán que chegaban en mán á nosa casa cando eu inda era un neno.
* * * * *
Comezaran os discursos dos oradores. Deramos ao cabo co Arrufat, que xa levaba alí un anaco, acompañado do Adam, un xovial mozo de San Francisco afincado en Catalunya traballando como tradutor e intérprete do catalán co inglés. Máis logo xuntaríamonos con outros membros da delegación da CONSEU, todos camaradas e amigos de vello. O incansábel Aureli Argemi, fundador e alma viva do CIEMEN. Ned Thomas, o inteleitual activista que se fixo nacionalista galés a partir do marxismo, e fala tantos idiomas europeus que por sí só desminte o mito bíblico da confusión de linguas. John Cutcliffe, de Cornualles -Cornubia, dicían Cabanillas e os nosos ancestros das Irmandades da Fala- que me fai enrubiar de vergoña falando un portugués impecábel. Jean-Luc Morucci, o sindicalista corso que leva ás costas decenios de loita obreira e nacionalista irredutíbel. Xuntos fixemos a andaina deste Foro. Todos iles estarán en Compostela, en novembro, para as xornadas do seminario da CONSEU que organiza a FGS encol dun deseño político alternativo para Europa.
* * * * *
A sesión de apertura do FSE achegábase ao remate. Na quenda de oradores, prestei especial atención ás palabras de Mustafá Barghouti -o veterano loitador fundador da Unión de Comités de Auxílio Médico Palestino- e de tres mulleres sobranceiras: a polaca Nina Sankari, da Iniciativa Feminista Europea; a kurda Sebahat Tuncel, deputada no parlamento turco; e a indú Vandana Shiva, referente mundial do ecofeminismo e da loita contra a OMC.
Anoitecera xa, comezaba a festa inaugural coa música mestiza de ritmos árabes e blues da saharaui Aziza Brahim, nacida nos campos de refuxiados en Alxeria. Nun recinto próximo, con público de pago, o clarinetista búlgaro Ivo Papasov estaba a dar un recital de "wedding band music", o estilo criado por il a partir da música popular búlgara e balcánica. Ficamos coa Brahim un anaco. Non moito: doíanme as costas, o meu vello carrelo non daba pra máis. Fómonos paseando a modo Xabier e máis eu cara o hotel, no casco antigo, á par da Gustaf Adolf Torg, a praza coa estatua do rei sueco que arrebatara Malmö a Dinamarca no XVI -xa volo contara. Cismei en que a historia -case- sempre se repite: as estatuas fánselles aos conquistadores, non aos aborixens. Polo camiño restaurámonos nun idem indú atendido por suecas. Moi ben, por certo -a cociña. Esa noite, mallado que estaba, durmin coma un rei. Digo, como un cidadán satisfeito. Soñei con Xulia, a miña neta en Bruxelas. Eu faláballe en francés, e ela reprendíame en galego. Estúpido de min. Menos mal que só era un soño.


IV. Debates en Sofielund
Na área de Sofielund foi onde tivo lugar o seminario do que xa vos dei conta, protagonizado pola FGS e a CIG galegas conxuntamente cos cataláns do CIEMEN e os vascos de Askapena, encol dunha nova Europa construída sobre o dereito de autodeterminación dos povos. Situada a uns dez minutos a pé dende o Folkets Park, as actividades programadas en Sofielund gravitaban arredor dun grande centro social bautismado co nome de Olof Palme, o histórico dirixente socialdemócrata sueco solidario co Terceiro Mundo, asasinado nun enigmático episodio nunca máis esclarecido -daquela, a "vox populi" inculpara á CIA, lémbrome ben. Diante, aberta á Amiralgatan, unha praza axardinada coa advocación de Alfred Nobel e, á volta, outro espazo verde, unha extensa agra ao longo dun paseo, flanqueada da outra banda por un arboredo de frondosas. Alí instalaran diversos servizos e duas carpas circulares habilitadas como recintos para sesións de seminario e debates, ademáis das estancias do centro Olof Palme, constantemente ateigadas de participantes nas tres quendas de sesións programadas ao longo do día, unha pola mañán e duas pola tarde, até as nove do serán.
* * * * *
Nunha desas carpas celebrouse o noso seminario na primeira quenda da tarde do xoves, das duas ás cinco. No interior montaran varias cabinas para tradución simultánea nos idiomas programados, entre os que estaba o portugués -ou, en xénese histórica, dialecto meridional do galego, como adoitaba dicir Ricardo Carvalho Calero, coa sua sobria ironía profesoral. Tamén figuraba o maxiar, poisque -esquecera dicírvolo- en proba do noso proverbial esprito hospitalario, déramos acollida na nosa sesión a representantes do Foro Social Húngaro, que non acharan outro abeiro dada a proliferación de iniciativas e actividades propostas pola constelación de movementos, orgaizacións e entidades participantes neste FSE de Malmö. Como en todos, polo demais: xa é habitual. A relación delas, no programa do Foro, ocupaba cáseque cincuenta páxinas de xornal en formato tabloide. Ben imaxinades que, de non acudirmos en grupo numeroso e ben organizado para distribuirmos as presencias, resultaba imposíbel asistir ao número de sesións indispensábel para cubrirmos as diversas temáticas e obtermos presencialmente unha mostra informativa acaída dos debates acontecidos no Foro.
Os húngaros ficaron moi obrigados connosco. Por outra banda, as suas teses verbo do artellamento dunha Europa dos povos, non dos Estados, e social, non dos mercaderes, cadraban xustiño coas nosas. Aqueles húngaros pensaban e falaban como povo, non como Estado. Saben moi ben, por memoria e experiencia históricas, qué longa travesía tivera que facer a sua nación para emanciparse, primeiro do Imperio xermánico, logo do austríaco, e finalmente do estalinista. Son moi conscientes da sua fráxil posición na franxa estremeira de duas placas tectónicas xeopolíticas en constante fricción, e sintonizan perfeitamente cos povos que, coma nós, cunha traxectoria análoga na historia das cuestións nacionais europeas, inda non chegamos á meta que iles acadaron hai case cen anos. Un diles, o que compartíu a nosa mesa redonda á miña beira -valla a redundáncia- vivira un tempo na Arxentina, e ali soubera do ronsel deixado polos exiliados galegos nacionalistas e republicáns. Faleille das referencias que facía Murguía á loita dos países danubiáns no seu tempo. O nome de Murguía non lle era coñecido, mais o de Castelao si. Escachou a rir cando lle dixen que eu tiña na casa a obra completa de Sándor Petöfi, o grande bardo do nacionalismo húngaro, e en maxiar, inda que -apresureime a aclararllo por se acaso- eu de maxiar non entendía nen res. E iso pesia dispor dun minúsculo dicionario maxiar-francés -que de nada me valera pra o caso, naturalmente. Logo sorríu con certa emoción cando lle contei cómo chegara ás miñas mans esa obra en dous volumes, encadernados en pastas duras, que sobrancean nos andeis centrais da miña biblioteca a carón de Hölderlin.
* * * * *
Cóntovolo a vós tamén, se queredes. Fora por mor de Uxío Novoneyra. Hai anos, en vésperas de facermos unha longa viaxe por Europa Aurichu e máis eu cos meus dous fillos, aínda adolescentes, comentáramos con Uxío o noso propósito de chegarmos a Budapest. A que llo dixemos, encetara un entusiasmado parladoiro encol do grande poeta Petöfi -de quen eu daquela non sabía nada, debo confesalo. Xa en Budapest, visitaramos tendas de música, onde mercaramos partituras e discos, incluído un estuche con grabacións dos arquivos de Bartok -e tamén unha fermosa frauta de bico, de rexistro grave, que eu quería aprender a tocar, mais nunca tal fixen, e só a leva tocado Luis Soto, o noso amigo frauta da Real Filharmonía, algunha das veces que ven por casa. A uns prezos irrisorios: eran os anos oitenta, e daquela aínda estaban fortemente subvencionados os bens de uso cultural. Tamén os libros, claro, só que, lóxicamente, estaban editados en maxiar. Mais, estando a visitarmos unha libraría, lembreime da conversa co Novoneyra, e merquei o Petöfi para il. De volta en Compostela -inda viviamos no Preguntoiro- veu pola casa Uxío para contármoslle da viaxe. Cando lle ofrecín os dous volumes do Petöfi, acariñounos coa man, sorríu e veume dicir: "Sonche ben lindos. Dá groria miralos. Para o que é ler, nen ti nen eu entendemos palabra do maxiar. Así que gárdaos ti en lembranza desa viaxe. E de min tamén, se queres". E velos aí están, como un fetiche benfeitor.
* * * * *
Mais eu ía falarvos dos debates nas carpas de Sofielund, non de Petöfi e o maxiar. Todo veu polas cabinas para a tradución simultánea, e aí fóiseme o fío dos dedos e encerellouse como xa víchedes. Na nosa sesión, as cabinas alí estaban, mais os receitores de arradio para escoitar aos intérpretes non daban sintonizado. Logo comprobaríamos que acontecía o mesmo en moitas outras sesións e recintos. Pasara algo polo estilo en Nairobi, cando do FSM do 2007. Mais agora non estabamos na Africa central, senón na Europa punteira en tecnoloxía e, para máis inri, precisamente no país da Ericson -de ingrata memoria na Coruña, por certo, lembrádesvos? Moito rexoubamos a conta do choio da eficiencia e o monopolio tecnolóxico do Norte no planeta, do totémico prestixio do "know-how" post-industrial do mundo desenvolvido fronte ao desdén polas formas de saber e habelencias artesanais dos povos subdesenvolvidos. Relembrei e compartin cos camaradas as matinacións de Sousa Santos a prol dunha "epistemoloxía do Sul", que vos teño glosado nestas mesmas páxinas do GH, e a piques estivemos de realizar sobre a marcha un simposium sobre o tema, en paralelo simultáneao co noso seminario. No que, ao cabo, resolvimos o problema da comunicación interlingüística por un sinxelo método pre-industrial: varias intérpretes voluntarias agruparon en corros por idiomas aos asistentes e fóronlles traducindo polo baixiño as nosas intervencións segundo ían producíndose. Da nosa encarregouse unha moza balear, de nome Ana Prats -e de nai galega. Contrapartida benéfica do noso andacio social de andarmos os galegos e galegas ciscados polo mundo.
* * * * *
Na mesma carpa do noso seminario tivo lugar, no seguinte día, un denso e celmoso debate encol dos problemas de estratexia do FSM na conxuntura actual cara o futuro. Foi un anticipo, para os participantes no Foro europeu, do informe que ía apresentar días despois en Copenhagen, para debatelo no Consello Internacional do FSM, o coordenador da comisión de estratexia, Gustave Massiah, un dos veteranos da andaina dos Foros. Mais como diso vou darvos conta mañán -digo, a semana que ven- afórrovolo agora. Só dous apontamentos finais verbo de duas presencias que non se ían repetir en Copenhagen, por non estaren na xuntanza do CI.
Primeira: Blanca Chancoso. Lider dos movementos indixenistas de América, e membro da Coordenadora Andina dos Povos Indíxenas, confrontados ao ALCA ianqui -"ahora cambió de nombre: con la UE", ironizou. Plantexou a urxencia de "tracexar novas estratexias", na loita contra o racismo, no apoio aos "novos rumbos" en América Latina -en alusión a procesos como o boliviano, o venezolano, o ecuatoriano, o paraguaio, ou proxectos como o ALBA. E explicitou a formulación do problema en termos de cuestións nacionais: eis unha novedade de enfoque conceitual e ideolóxico que introduce no escenario un novo actor fronte á identificación "xacobina" entre nación e estado. Algunhas frases textuais: "a plurinacionalidade debe ser un tema mundial, non só un debate para onde hai indios..."; "en todo o mundo hai povos e nacións diferentes..."; "diferentes como povos, pero iguais como humanos". E un reto crucial: "Cómo afortalar a nosa unidade cara esta nova democracia, participativa, integradora e pluralista, cara un verdadeiro socialismo". Tomemos nota os europeus de carné.
Segunda: Susan George. Na sua lúcida e penetrante diagnose encol da -aparente- complexidade da actual crise, aseverou a sua índole sistémica, e advertíu, rotundamente, que "o seu centro neurálxico está na crise financeira: compre centrar aí a nosa ofensiva, para someter a control estricto ao capital financeiro responsábel das demáis manifestacións da crise do sistema". Ao remate achegueime, saudeina, apresenteime e conversei un anaco con ela: nunca antes tivera ocasión de facelo. Comenteille o útil que me fora o seu fabuloso "Informe Lugano" na docencia. Pedíume un pitillo -"quero deixar de fumar, pero pídolle tabaco aos que fuman", confesou botando unha risada- e díxome que tiña previsto vir a Santiago. Consultou a axenda: anotara a data, mais non o anfitrión. "Supoño que valerá que fale en inglés ou francés; en español non sei". Pois claro: eiquí somos plurilingües. Na primaria -disque, non si?


V. No Consello Internacional do F.S.M.
Pasamos de volta o Sund o domingo, Xabier e mais eu, despois dun último café no vello Mosaïk, que data de 1650, na praza chamada Stortorget, mesmo a carón do histórico edificio do Concello que recorda a arquitectura renacentista holandesa, e a un tiro de pedra da St. Petri Kirka, impoñente igrexa do s. XIV en ladrillo macizo, peza singular do gótico do Báltico. Despedímonos así de Malmö para virmos a Copenhagen, ás xornadas do Consello Internacional do FS Mundial que comezaban ao día seguinte. O tren deixounos na estación de Osterport, que tamén o é do metro, como moitas outras. Mesmo ao pé dela estaba o noso hotel, onde íamos encontrarnos con Quim Arrufat para traballarmos xuntos nas sesións do CI. Inda nos deu tempo de pegarmos unha boa paseata até o parque do Kastellet, a vella fortaleza pentagonal á beira do canal no treito onde está a Sereíña, "den lille Havfrue" que din iles -a famosa escultura de Edvard Eriksen, máis valiosa como fetiche e icono de Copenhagen ca como peza escultórica, coido eu. Debeume de castigar ela cun meigallo por pensar así, porque pillei tal catarreira que esa noite tiven calentura e á mañán seguinte deixeime estar un cacho na cama pra recuperarme antes de saír do hotel. Así que o Xabier e máis o Quim partiron primeiro. Eu, por unha única vez, collin un taxi. Advirtíranme que eran caros. Érano, certamente.
* * * * *
As reunións do Consello tiñan lugar na Casa da cultura -Kulturhuset- do bairro de Bispebjerg, no distrito noroeste da cidade. Un sobrio edificio moderno de tres andares cun espacioso curro axardinado aberto a duas ruas paralelas. Ao que me adentrei no curro, unha parella conversaba fumando -ou máis ben fumaba conversando, poisque fumar era sen dúbida o motivo de estaren alí fora, ao ventimperio, diante do adro acristalado do edificio. En español. Ela con inequívoco sutaque e elocuencia latinoamericán: Gina, chamábase. Il, cunha cachimba que non retiraba da boca pra falar, tiña ese acento neutro de quen manexa moi ben un idioma que non é o proprio. Achegueime a iles para perguntarlles pola sesión do Consello. Apresenteime, ela saudou, escusouse e entrou na casa. Eu fiquei a botar un palique co da paipa. Era holandés, home xa maduro, grande e esguío, chamábase Wilhem Verhallen, fora navegante, así aprendera o español, e coñecía ben a Penínsua. Mais velaí que, desque lle dixen que eu era galego, espetoume moi serio, cun seu dicir asosegado: "Teñen vostedes unha espléndida literatura. Unha pasmosa produción literaria actual, quérolle dicir, polo que eu coñezo. Sonlle un grande admirador de Manuel Rivas, tamén desoutra escritora, Teresa Moure". Fiquei pampo, e tardei uns intres en reaccionar. Poñédevos no meu caso: era o que menos podía imaxinar. Recén chegado a Copenhagen, desembarcar dun taxi na Kulturhuset de Bispebjerg para asistir ao CI do FSM, e a primeira persoa coa que topo e entro en conversa, un ex-mariño mercante holandés, sen preámbulo ningún, bótaseme a falar da literatura galega actual, encomiásticamente e en calidade de leitor, con cita de autores e obras accesíbeis meiante traducións -iso sí. Podía entender máis ou menos o galego falado, tamén o portugués do Brasil, mais non os lía. Na continuación da conversa, proseguida en intermitencias durante aquil par de días, animaríao a facer a proba, e non dixo que non.
Unha desas tardes, cara o serán, ao remate da xornada, coincidimos con il Xabier e máis eu no autobús, de volta ao centro da cidade. Acompañábao unha rapaza catalá asentada en Paris. Botámonos a pasear os catro xuntos polo casco antigo, en boa parte peoníl, nas inmediacións do Museu Nacional de Historia e do canal de Frederiksholms, que arrodea o pazo de Christiansborg e o Museu Thorvald de escultura. Ao cabo recalamos no labirinto de pequenas ruas e calexas que arrodean a Kikolaj Kirke e sentamos na terraciña dun pequeño restorán, polo estilo dun "bistrot" parisién. É un dicir, e non moi acertado, porque se chamaba "Mama Rosa", o dono era mexicano, a cociña latinoamericana, e os millores pratos as enchiladas. E o mozo que nos atendeu, un rapaz novo portugués, das illas Madeira, moi xovial e falangueiro. Viñerase primeiro das Madeira a Portugal, e logo dera o salto a Dinamarca. Estaba encantado. "Chámome José, como vocé" -dixo, desque nos ouvíu falar en galego e escoitou o meu nome na nosa conversa. E, sen máis, integrouse nela. O xefe mexicano debía ser un home pándigo e tolerante, porque o mozo demorábase a latricar connosco cada vez que acudía a atendernos, e non percibimos síntomas de que o reprendese.
Xa imaxinades o palique en galego-portugués co holandés no medio, feliz por certo e inmerso en descifrar a conversa, sorbendo as palabras que millor cataba coma os grolos da cervexa danesa coa que regabamos a inxestión das picantiñas enchiladas. Esa noite debullamos a fondo o tema da floración literaria galega e tentamos, entre o Xabier e máis eu, dar resposta aos enigmas verbalizados polo Pim -que tal era o nome familiar do holandés, e non Wim, apócope usual de Wilhelm: segundo il espricou, por decisión da sua nai dende o principio, para distinguilo doutros nenos, pois que Wims habíaos demasiados en Holanda. "Resulta insólito e difícil de comprender -dicía il- que un país tan pequeno como é o voso, nunha posición tan afastada, cun idioma tan agredido e con problemas tan graves de diglosia como é o galego, produza unha floración literaria tan vizosa e de tan alta calidade. Qué espricación ten -interpelábanos- un fenómeno cultural tan asombroso?". Afórrovos transcribirvos as espricacións que o Macías e máis eu tentamos aportarlle. Mais -o que son as cousas- lembreime moito da actitude de Pim, o holandés, neste episodio cando, de volta na nosa Terra, me informaron dos pexorativos comentos feitos encol da literatura galega actual, por un veterano dirixente político dunha xa vetusta forza nacionalista indíxena nunha recente entrevista xornalística. O mundo ao revés, non si?
* * * * *
O Foro Social Mundial é unha "rede de redes": unha urda reticular das organizacións nas que están estruturados e artellados os diversos movementos sociais e cívicos que cuestionan e combaten o actual sistema capitalista globalizado. O seu Consello Internacional ven ser a cámara de representantes das orgaizacións integradas nese arquipélago e recoñecidas polo FSM, de xeito que os membros do CI sóno en calidade de delegados designados e acreditados por elas. Así, a miña incorporación ao Consello operarase por designación da CONSEU, na que participa a Fundación Galiza Sempre. O CI funciona en pleno e por comisións. Cando cheguei, estabase a proceder á acreditación dos membros. A seguida celebrouse unha sesión plenaria na que se realizou a apresentación de cada un de nós e aprobouse o programa de traballo proposto para aquelas xornadas. Despois de xantarmos no autoservizo do proprio centro, traballouse en comisións até a noite. Eu integreime na Comisión de estratexias do Foro. Os documentos resultantes discutiríanse e someteríanse a aprobación en pleno ao día seguinte. Eu alí era un neófito, estaba a pasar o meu noviciado, mais dispuña dos borradores e materiais de traballo fornecidos con anterioridade, e axiña me atopei con algúns vellos coñecidos, veteranos iles, que me facilitaron a entrada en rodaxe. Polo demáis, o ambiente cordial e o clima de camaradeiría reinantes nas sesións, propiciaban a interlocución doada, a confianza para entablar conversa e a asequibilidade plena dos "gurús" e referentes históricos do FSM, como Chico Witaker -un dos protagonistas da iniciativa que deu orixe aos foros- Candido Grizbowsky ou Moema Miranda, unha das líderes máis imaxinativas, audaces e cautivadoras do movemento. Macías e máis eu aproveitamos esa receitividade para entregar algunhas publicacións da FSG e dármoslles a coñecer a convocatoria do primeiro Foro Social Galego -iniciativa que foi acollida con especial simpatía polos membros brasileiros do CI.
* * * * *
Nun dos intervalos, estándomos no curro a aproveitar a raxeira dun sol que intermitentemente furaba no ceo entoldado, achegousenos un mozo que, con maneiras moi corteses e un aquel de timidez, chamoume polo meu apelido e faloume nun galego aprendido e un chisco inseguro. Era un dos intérpretes voluntarios que cubrían as sesións plenarias -nas que os idiomas empregados na tradución simultánea eran inglés, francés e español. Chamábase Joel, nacera en Inglaterra, fillo de galegos emigrados, e arestora traballaba en Alemaña. Apelidábase López Ferreiro. Rinme e díxenlle: "Só che faltaba chamarte Antonio para estares ao completo". Sorríu, mais non comprendeu a brincadeira: non tiña coñecemento do autor de "O niño de pombas". Empatizamos decontado, conversamos a eito entremedias das sesións, e ficamos amigos. Tiña unha sede enorme de saber cousas do seu país. O pai era dunha comarca ourensán, á que Joel non viñera nunca até a adolescencia. "Daquela descubrín que tiñamos un idioma, e que era o que ali falaba todo o mundo. Meu pai nunca mo dixera. Descubrino así, e puxenme a aprendelo. Aínda non o falo ben, teño poucas ocasións de praticalo. Pero léoo e enténdoo todo. Tamén o portugués. Vostede, se quere, pode falar en galego nas sesións, que o traduzo eu. Si, descubrin que tiñamos un idioma vivo, descubrin as miñas raíces, descubrin que eramos un povo, como Escocia ou como Gales, con raigañas comúns, ademáis...". Estabamos néstas cando se achegou outro mozo. "Chámome Manuel, coma vostede" -e dálle: o portugués por X(J)osé, e iste por Manuel. Falaba o galego coma nós: il non nacera na emigración. Tamén viñera alí como intérprete voluntario. "Agora vivo en Helsinki, traballo nun programa de software en galego". Manda truco! -pensei. Toda esta xente nova por aí ciscada, como se onda nós sobrase mocedade preparada -e o poder, a velas vir. "Éche isto a globalización?" -perguntámonos Xabier e máis eu. Tomamos os seus "emílios": xa temos resolta a tradución simultánea do galego pra vindeiras ocasións.


VI. A cuestión da estratexia (I)
"Cando se fetichiza a idea de que os movementos sociais son o único que pode actuar efectivamente, daquela o movemento paralízase". Expresábase asi Ignacio Ramonet en declaracións ao semanario de esquerdas alemán "Freitag" en xaneiro deste ano. E engadía esta aseveración máis esplícita: "Chegou a hora de que movementos coma o do Foro Social Mundial deixen de ser só movementos exitosos de resisténcia e entren nunha nova etapa, con outras formas de loita". Poucos días despois, a asociación "Mémoire des luttes" -dinamizada por il mesmo e máis Bernard Cassen- orgaizaba en Paris, conxuntamente coa revista "Utopie critique", un coloquio tiduado "Altermundialismo e post-altermundialismo". Mais, qué viña siñificar "post-altermundialismo"?: "caracterízase pola percura de novos espazos e novas formas de artellamento antre movementos sociais, forzas políticas e governos progresistas" -esprica un texto de "Memoria das loitas" asinado por Cassen, Ramonet e Christophe Ventura, tódolos tres partícipes na xestación do primeiro FSM. "Non se trata de suplantar o altermundialismo, que dista moito de ter esgotado as suas posibilidades", senón de abrirlle unha nova dimensión potencial: a que o proxecta sobre a instancia política.
Espricáballo elocuentemente Cassen a Marga Tojo na entrevista feita para o "Altermundo" de agosto no GH. Os movementos incardinados no FSM -dicíalle- "fan propostas, e son os responsábeis e partidos políticos quen deben admitilas ou non. Iste é o límite dos Foros sociais. É por iso que "Memoria das loitas" propuxo a noción de post-altermundialismo". E prosegue: "A partir dos logros e experiencias do movemento altermundialista e dos Foros Sociais, que manteñen a sua razón de ser, trátase de construir novos espazos de información, de animación e de coordenación, artellando a escada mundial as loitas sociais, as forzas políticas, así como as accións dos gobernos comprometidos nos procesos de transformación das suas sociedades con vistas a liberalas do xugo neoliberal". Que os hai: velaí os que, en Latinoamérica, están a levar á prática política de governo alternativas forxadas e preconizadas nos sucesivos FSM.
* * * * *
Eis o cerne da cuestión no actual debate da estratexia do FSM: cómo construir o "outro mundo posíbel" propugnado e deseñado polo movemento altermundialista incardinado nos Foros; cómo facelo realidade, se nace no seo da cidadanía activa, no seu proceso participativo de reflexión e combate na "sociedade civil", pero só pode efectivizarse a traveso da acción nas instancias da "sociedade política" -entendidas esas duas nocións en termos de Gramsci. Mais non nos precipitemos, e vaiamos por pasos.
No relatório de Gustave Massiah para a Comisión de estratexia do Consello Internacional recoñécese: "O movemento altermundialista permitiu o xurdimento dunha forza mundial, mais non conseguiu resolver a cuestión dun poder mundial". E agrégase: "O FSM ten desempeñado un papel no surximento dunha nova cultura política. As actividades autoxestionadas, a democracia participativa, a horizontalidade, a afirmación do respeito pola diversidade son algúns dos seus elementos. Ao afirmalos como constituíntes das suas formas de orgaización, o FSM tenlles afirmado que a cuestión da cultura política e as formas de poder facían parte das cuestións estratéxicas. É preciso agora cuestionar estes compoñentes dunha cultura política en relación á eficacia das loitas".
* * * * *
O debate encol da estratexia do movemento altermundialista ven de moi atrás. Pódese dicir que é unha constante que abrolla intermitentemente de xeito esplícito ao longo do proceso dos Foros, ao abeiro das discusións sobre a sua natureza, o seu papel e a sua evolución nun contexto cambiante no marco da sua dialética co sistema globalizado. Con todo, ese debate non se aborda de xeito metódico até despois do FSM de Nairobi no 2007. Na xuntanza de maio dese ano en Berlin, o Consello Internacional do FSM encoméndalle á Comisión de estratexia encetar un proceso de debate sistematizado arredor duns eixos temáticos que se definirán na reunión do outono seguinte, en Belem, para seren tratados en forma de seminario en abril do 2008, durante as xornadas do CI en Abuxa, a capital de Nixeria. Tratábase de percurar respostas a tres interrogantes recurrentes, ou "cuestións clásicas", na traxectoria dos Foros: a natureza do FSM como espazo ou movemento; a relación entre o FSM e as forzas políticas e governos; o camiño andado e por andar polo FSM como proceso global cara unha mundialización alternativa. A percura de respostas a eses interrogantes sistematizouse en catro eixos temáticos: 1) situación xeopolítica mundial e mudanzas nas correlacións internacionais de forzas dende o comenzo do FSM; 2) mutacións na orgaización das loitas antisistémicas dos movementos sociais e cívicos ao longo do proceso do FSM; 3) evolución, froitos e dilemas do FSM como evento e como proceso; 4) o futuro do FSM.
A metoloxía establecida, no canto de cinxir a participación aos membros da Comisión, abría a porta a contribucións aportadas polos restantes membros do CI, e mesmo por outros movementos e orgaizacións artelladas nas redes do FSM. "Dende o comenzo -di o informe de resultados do seminario de Abuxa- estaba claro que ese debate non sería concluído dunha soa vez. Por forza ten que ser un traballo contínuo do CI. Dada a natureza dinámica e flexíbel do FSM, o seu futuro e o funcionamento da sua orgaización deben ser revisados e debatidos de cando en vez". Conforme a esa metodoloxía, as sesións do CI en Copenhagen cubriron unha nova etapa, mais non a derradeira, nese proceso de debate das cuestións de estratexia do FSM. Será en Belem do Pará, nas sesións do CI subseguintes ao Foro mundial de xaneiro, onde está previsto que ese debate chegue á meta dunhas conclusións que orienten a estratexia na nova fase que alí se abrirá na traxectoria do FSM. Desta vez no contexto da crise que está a atravesar o sistema globalizado -e que plantexa o reto da necesaria resposta do movemento altermundialista. Resposta, por forza, tamén política, e non só social e cívica. Ou sexa, alternativa formulábel e transferíbel á instancia política: eis outravolta a encrucillada na que se volve situar o cerne da cuestión.
* * * * *
Nefeito, as formas e vieiros de relación antre, dunha banda, os movementos artellados no Foro e máis o proprio FSM, e doutra banda, as forzas políticas e aparellos institucionais do poder, ten sido a cuestión de estratexia máis controvertida nos Foros europeus de Florencia, Paris e Atenas, e tamén nos FSM celebrados en Porto Alegre. No caso europeu, por mor da crise da esquerda institucional, a esclerose dos aparellos de Estado, e a deriva ultraliberal da UE. No latinoamericán, polo estropicio ultraliberal na Arxentina e máis polos cambios políticos emerxentes, daquela, en Brasil, Venezuela ou Uruguay. E a nivel global, pola virulenta agresividade da metrópole imperial Usa comandada polos "neo-cons" de Bush. Á altura da reunión do CI en Copenhagen, o estado da cuestión reflíctese nos documentos da Comisión de estratexia resultantes das sesións de Abuxa. Coido que val a pena comentalos un algo, mais farémolo o vindeiro domingo -se seguides aí.


VII. A cuestión da estratexia (II)

Propuxéravos o día pasado comentarmos un algo os documentos que reflectían o estado da cuestión da estratexia do FSM á altura da reunión do seu Consello Internacional en Copenhagen. E relembrareivos que os debates incardináranse en catro eixes temáticos, a saber: diagnose do contexto xeopolítico mundial; situación do movemento alterglobalizador; rol do FSM como espazo de encontro e como proceso de acción; e futuro do FSM. Os dous primeiros refírense a fenómenos reciprocamente vencellados, na sua dinámica, por unha relación dialética -poisque o movemento alterglobalizador xurde e desenvólvese como unha réplica ao contexto xeopolítico da globalización ultraliberal: constituen así dous campos de forzas que interactúan nunha relación antitética de confrontación. No terceiro trátase dos problemas a resolver na dinámica interna do FSM, derivados da sua propria natureza e feitío, da relación cos movementos que o integran, e das diversas liñas de confrontación co sistema globalizado. A resultante diso todo proxéctase no cuarto: o futuro do FSM. Vexámolos, logo, se vos parece.
* * * * *
Dende xaneiro do 2001, en que se celebrara o primeiro FSM en Porto Alegre, até hoxe, a evolución do sistema caracterizouse pola "transición cara un neoliberalismo de guerra -a raíz dos acontecementos do 11 setembro- aínda máis agresivo, máis opresivo e máis esplotador". Ese proceso ten duas dimensións. Unha atinxe á estrutura do sistema e á morfoloxía da globalización: enguedéllanse as crises -enerxética, alimentaria, ecolóxica- no sarillo dunha crise financeira que acaba por rebentar no corazón do sistema financeiro globalizado, colapsar as súas institucións internacionais e provocar a máis grave crise estrutural do capitalismo dende 1929. Seguramente non se producirá un afundimento do sistema, mais "a crise do capitalismo abre unha xanela de oportunidade para o movemento altermundialista". A outra consiste en que "a militarización da estratexia política" do sistema globalizado deu lugar a que "a agresividade dos USA aumentou, mais a sua tentativa de expansión fracasou": "a crise de hexemonía dos EUA entrou nunha nova fase".
Nesta fase, "as representacións xeopolíticas están a mudar. O xurdimento dun polo de países emerxentes (China, India, Sudáfrica, Brasil) abre unha nova perspeitiva sobre a centralidade oucidental. Europa acentua un control de natureza colonial na sua área de influencia e conduce unha verdadeira guerra contra os inmigrantes. A concurrencia entre os líderes rexionais relanza o debate sobre o poder nuclear militar. As grandes rexións reaccionan de forma diferente perante a crise de hexemonía dos USA: coa resistencia armada á guerra polas materias primas enerxéticas no Oriente Medio; coa concurrencia comercial en Asia; coa desestabilización en Africa; cos governos apoiados en movementos cívicos en América Latina. Neste escenário, para o proceso do FSM, os foros rexionais e continentais cobran unha importancia estratéxica reduplicada".
* * * * *
O primeiro a ter en conta para un balanzo da traxectoria do FSM é que o movemento altermundialista é un movemento antisistémico, pero non é o único, e máis que constitue un movemento histórico de longo prazo, no que confluen os precedentes. Por unha banda, a consciencia da sua índole antisistémica dá lugar a que só a sustitución do sistema contra o que se combate polo outro alternativo que se propugna, sexa percibida como un logro satisfactorio -coa conseguinte tendencia a non apreciar os logros parciais acadados no camiño andado. E o protagonismo desempeñado na mundialización das loitas sociais dificulta a asunción de que existen outros movementos antisistémicos fora do seu ámbito -nomeadamente de aquiles que actuan primordialmente na instancia política, ou sexa, con proxectos estritamente políticos.
Por outra banda, dicíavos, está o seu carácter de movemento historico, do que lle cómpre ser moi consciente para incorporar a herdanza das experiencias do pasado, no canto de caír na ilusión narcisista de ter sido o fundador da revolta. "Este movemento -di o relatório de Massiah- prolonga e renova movementos históricos de longo período, especialmente as grandes loitas sindicais do s. XX, a descolonización, os movementos campesiños, o movemento polas liberdades e a democracia, unha de cuxas expresións foina o movemento feminista. E ten tamén fontes máis recentes: o zapatismo, as loitas contra o FMI e a débeda dos países do Sul dende os anos oitenta, contra o G8, o FMI e a OMC nos noventa". As novas alianzas tecidas nese período "conforman a base social inicial do movemento altermundialista".
Resulta patente, xa que logo, a complexidade do proceso protagonizado por un suxeto histórico tan diverso nun movemento tan polimorfo: velaí a primordial complicación para o deseño da estratexia do FSM. Primeiro, "o FSM é o resultado do movemento" -e non ao revés- inda que "non é a sua consecuencia automática": o que compre é "elucidar a relación entre o FSM e a evolución dos movementos sociais e cidadáns que o enxendraron", dado que, en calquer caso, "a sua sorte é a do movemento". Segundo: "O FSM deu e dá visibilidade ás loitas a escada mundial. É a ferramenta que responde á necesidade dos movementos de interviren regular e continuadamente a escada mundial. E tamén a ligazón das loitas locais e nacionais na afirmación da necesaria saída a respeito do sistema económico e político mundial. Nas suas formas, o FSM pon en evidéncia a diversidade das confrontacións e a necesidade do seu artellamento".
Mais, mesmamente por iso, "a situación dos movementos sociais e cidadáns que están na base do FSM é contraditória. Compre traballar en estratexias coordenadas para os movementos que conducen as loitas en temas e con formas que mudan nas diferentes rexións do mundo e aos diferentes níveis, mais con repercusións continentais e mundiais. O FSM debe desempeñar o seu papel ao servizo do movemento, destacando os desafíos comúns e propiciando a comunicación entre as estratexias dos movementos".
* * * * *
Velaí que o desempeño dese rol pon en funcións duas valencias diferentes do FSM: como espazo de encontro e como trebello de acción. Na primeira prepondera a reflexión sobre experiencias, perspeitivas e opinións diversas postas en común. Na segunda predomina a acción na prática de loita dos diferentes movementos. A cuestión está en "saber cómo conciliar a permanéncia dun espazo aberto cun meirande apoio á capacidade de acción". A polémica interna sobre este tema "surxíu non como un novo debate, senón como unha cuestión que asumíu unha nova importáncia".
Nefeito. A consideración do FSM como un espazo "reforza a apertura e a diversidade", mais tamén o rexeitamento "da transformación do FSM nunha orgaización permanente". No límite, esa óptica conduce a soster que "é a diversidade o que une ao FSM, e non o obxetivo da unificación das loitas" -coa evidente repercusión que ese critério ten na factibilidade dunha estratexia global. O relatorio da comisión de estratexia dá conta de que, alomenos até a reunión de Copenhagen, "ninguén defendeu a ideia dunha orgaización permanente, que se defrontaría axiña con cuestións de representación e de orgaización interna de poderes": prepondera a finalidade de que "este espazo -o FSM- sexa un momento de democracia participativa".
Porén, afírmase que "o apoio reforzado ás accións -ou sexa, á prática de loita do movemento no seu conxunto- non resulta bloqueado por esa prioridade: un espazo aberto non é -non ten por qué ser- un espazo neutro". Portanto, pódense suscitar "posicionamentos políticos e propostas de acción a partir do FSM -só que non en nome do FSM. Pódese facilitar, no FSM, a emerxéncia de posicións políticas e propostas coordenadas de acción". Mais, abonda con iso para proxectar as loitas sociais do movemento altermundialista no combate político fronte ao sistema globalizado? Parece evidente que non -e están a ir en aumento dentro do CI as opinións que así o consideran.
* * * * *
A elucidación desa problemática resulta decisiva para o futuro do FSM -e aí cobran o seu pleno sentido teses ou formulacións como as xa mencionadas do "post-altermundialismo". O proprio relatorio da comisión, afirma que "esta cuestión encontra o seu lugar na discusión sobre o futuro do FSM". Enunciareivos a seguida, para rematar, algunhas das teses propostas que me semellan máis relevantes. Unha: "O FSM debe concretizar a sua estratexia como un espazo aberto ao servizo das loitas, respeitando a sua diversidade". Outra: "Nos debates sobre os obxetivos fundamentais e as grandes orientacións, que compre continuar, o FSM debe contemplar as diferentes correntes de pensamento progresistas sen tentar definir un único pensamento". Outra: "O FSM, permanecendo como un espazo aberto, pode/debe ousar posicionarse políticamente dentro dos principios da sua Carta". Outra máis: "O FSM debe ser un lugar de politización dos movementos a traveso do seu encontro". Outra aínda: "O FSM ten de facer unha análise crítica do pensamento predominante no FSM durante a sua traxectoria, integrando a segunda xeración de críticos do sistema dominante". Finalmente: "O FSM debe expandir a sua reflexión sobre a relación entre as sociedades civís e os governos. O FSM é un espazo de debate e de alianzas". Velaí o estado actual do debate da estratexia: recalamos outravolta no cerne da cuestión, non si? O desenlace fica aberto.


VIII. Coda: cara ónde fura a vella toupa?
De regreso xa no meu país -a Mahía- recibo a entrega correspondente a xullo-agosto da "New Left Review". Ábroa polo índice e báteme a ollada nun ensaio de Lucio Magri, o que fora fundador de "II Manifesto", cara 1970, na compaña de Rossana Rossanda e algúns outros camaradas do PCI -a Rossanda protagonista de "La ragazza del secolo scorso", as fascinantes e moi atípicas memorias publicadas este ano en versión española. Chámame a atención o rótulo, de sutaque enigmático, do artigo de Magri: "O xastre de Ulm". "De enigmático, nada", estaredes a pensar os bos coñecedores de Brecht. A min, que non me conto antre eses ilustrados, e por riba ando a perder a memória, compríume encetar a leitura do texto de Magri para descifrar o enigma, e refrescar de paso a memoria miña: referíase a un coñecido poema de Bertolt Brecht que construe unha parábola sobre o episodio dun xastre de Ulm que, no s. XVI, disque inventara un artiluxio para voar, amostrárallo ao bispo, o bispo reclamáralle unha demostración prática, o xastre botárase a voar dende o alto da catedral e, como é natural, esnafrárase no enlousado do adro.
Mais, inda así, o enigma non se disipara, só mudara de forma, ou desprazárase o seu contido: o enigma, agora, era qué raio pintaba a parábola de Brecht no exordio das reflexións de Magri. Pois tamén esa incógnita ficaba despexada alí mesmo polo autor: a fábula do xastre fora a resposta dada por Pietro Ingrao, nos debates do 1991 encol do cambio de nome do PCI, que Ingrao rexeitaba, a un militante moi desacougado polo descrédito do termo "comunista" despois do fracaso dos reximes do Leste. A clave desa enigmática resposta está no vaticinio do bispo co que conclue o poema brechtián -que Magri non reproduce e eu tiña esquecido, mais puiden rememorar arrecadando a obra poética de Brecht nos andeis da miña bibloteca. Di asi: "Como o home non é un paxaro /-díxolle o bispo á xente-/ nunca o home voará!". Para aquela xente, a palabra profética do bispo era infalíbel. E resultou ser tal, non si? Coma os dogmas ultraliberais, que agora comprobamos que o eran tamén. Porque a Historia seica rematara con iles -ou iles coidaban ter dado cabo dela.
* * * * *
No entanto, non é o episodio do xastre alemán a razón de que eu vos fale eiquí do texto de Magri. Non. Éo que a leitura dese seu ensaio, co que o azar me agasallou ao meu retorno de Copenhagen, mesmiñamente encaixou, mallado, como un colofón ou, en música, unha coda, ás matinacións que me suscitara o debate sobre a estratexia cara o futuro no Consello Internacional do FSM, e das que tentei darvos conta nas entregas precedentes desta serie de prédicas profanas. Verédelo, se acerto a volo espricar.
Lucio Magri reflexiona sobre a derrota finisecular da esquerda no planeta, materializada no afundimento das experiencias do "socialismo real", simultánea coa emerxencia da metamorfose ultraliberal do sistema capitalista, e máis sobre o subseguinte fracaso do dogma neoliberal á sua vez, evidenciado na crise sistémica que está a acontecer: "No espazo de poucos anos, o escenario mudou profundamente. Está a surxir outra configuración da orde mundial, da sociedade e da conciencia". Desenvolve a sua diagnose en percura dunha "alternativa sistémica e coerente", poisque advirte que o perigo máis grave estriba "no feito de que, mesmo cando entra en crise ou rexistra un fracaso, o sistema apáñase, porén, para reproducir as suas proprias bases de forza e interdependencia, e destruir ou chantaxear aos seus antagonistas: convoca, e ao mesmo tempo enterra, ao seu proprio enterrador".
Nesa procura da reelaboración dunha alternativa, Magri adopta unha actitude de combate fronte ao derrotismo e ao pesimismo da vontade -non da razón- na esquerda, que conducíu a algunhas das suas correntes a botar pola borda o patrimonio acumulado en esperiencias de loita e elaboración de idearios e proxectos transformadores e revolucionarios ao longo do pasado século. Relémbranos que non só os movementos de esquerda sufriron derrotas e derivas deturpadoras, senón tamén os nacidos das revolucións liberais e burguesas do XVIII e o XIX. Mais plantexa a necesidade primordial dunha reflexión veraz e desinhibida, sen complexos, autocensuras nen tampouco autoxustificacións. E faino dende a esplicitación da sua convicción e compromiso comunistas. "A situación actual -afirma- esixe que a esquerda, actualmente sumida na confusión, reflexione encol da "custión comunista". "Reflexión", -di- non reabilitación nen restauración, poisque unha fase histórica rematou, e que a nova require innovacións radicais nas tradicións teóricas e práticas, baseadas en matinacións sobre as suas orixes, evolución e resultados. E falo de "comunista" porque estou a referirme (...) sobre todo a unha esperiencia histórica concreta que plantexou esplicitamente o tema dunha revolución anticapitalista dirixida pola clase obreira (...) que finalmente dexenerou e foi derrotada", mais "deixou a sua pegada sobre todo un século".
Nunha análise somera das novas "dinámicas mundiais", Magri esboza unha avaliación provisoria "das forzas alineadas contra o sistema". E aí aparece en primeiro termo a rede do movemento altermundialista. "Certamente -di- é importante que os novos movementos sociais permanezan en escena, e que nalgúns casos teñan contribuído á reactivación de enerxías políticas. En todo caso -prosegue- chamaron a atención sobre problemas críticos que anteriormente estaban minusvalorados". A respeito diles, considera que "sería equivocado falar de regresión ou crise, mais igualmente falar dun segundo poder mundial xa existente ou en xestación". Dende aí, salta á sua proxeción política, e diagnostica: "o rexeitamento da política, o poder dende abaixo, facer a revolución sen tomar o poder, corren o risco de convirtírense, máis que en etapas dunha viaxe, en elementos dunha subcultura fosilizada, nunha retórica repetitiva que eluda a reflexión ou unha esacta definición das prioridades". Ben botaredes de ver as concomitancias con algúns dos eixos do debate da estratexia do FSM que vos relatara eu eiquí mesmo.
Mais, cando Magri pasa a "considerar as forzas (políticas) orgaizadas da esquerda que resistiron con coraxe o colapso posterior a 1989", parécelle que "o balanzo segue a ser probe. Despois de anos de traballo nunha sociedade en axitación, esas forzas seguen a ser marxinais e están divididas entre elas e máis dentro delas". E conclue: "en resume, parafraseando a algúns marxistas clásicos: estamos unha vez máis nunha fase na que o vello mundo pode xerar barbarie, pero inda non xurdíu un mundo novo capaz de reemprazalo".
O caso está en que é mesmamente na "sociedade política" onde compre librar a batalla decisiva no proceso de combate desencadeado polos movementos sociais antisistémicos no seo da "sociedade civil". O inimigo mudou de fasquía, inda que non de natureza: "O neoliberalismo e o unilateralismo son a expresión dunha alteración máis profunda e permanente do sistema mundial capitalista, que levou ás suas estremas a sua vocación orixinal". Xa que logo: "Para desafiar e superar semellante sistema compre unha alternativa sistémica e coerente, o poder de impoñela e a capacidade para facela funcionar, un bloque social que a sosteña, e máis os pasos e alianzas congruentes co logro dese obxetivo". E advirte: "Lonxe do mito da milenaria conquista do poder do Estado por unha minoría xacobina oportunista, aínda hai menos razóns para sucreber a espranza de que unha sucesión de revoltas isoladas ou de reformas a pequena escada podan fundirse espontáneamente nunha grande transformación".
Eis, se cadra, o reto decisivo no debate da estratexia, a coda do contrapunto de opostos na escritura melódica da dialética sociopolítica actual. Na contradición principal, antre o sistema imperante e as forzas antisistémicas. Mais tamén antre os movementos rupturistas na "sociedade civil" e as formulacións necesarias para a sua proxección na "sociedade política". O optimismo da vontade implícito nas matinacións de Lucio Magri lévao a concluir con esta imaxe e esta exortación: "A vella toupa segue a furar, mais é cega e non sabe de ónde ven ou cara ónde vai. E aquiles que non poden ou non queren confiar na Providencia, deben facer todo o posíbel para comprendela e, dese xeito, axudala na sua andaina". Velaí a cuestión -que diría Hamlet, o contumaz hesitante. O que pagou coa sua vida, e coa ruina do seu reino, a sua aguniante hesitación.

Nenhum comentário: