Xosé Manuel Beiras
I. A doutrina dos "dous mundos" (I)
I. A doutrina dos "dous mundos" (II)
II. ...no actual nacionalismo galego (I)
II. ...no actual nacionalismo galego (II)
II. ...no actual nacionalismo galego (III)
II. ...no actual nacionalismo galego (IV)
II. ... no actual nacionalismo galego (V)
II. ...no actual nacionalismo galego (e VI)
I. A doutrina dos "dous mundos" (I)
Ando un algo entristecido por todo o que está a acontecer arredor de nós. Para vencer o desánimo, teimo en tentar comprendelo. Estou na biblioteca. Hoxe fixo unha calor do demo, mais o día vai ao cabo cara o solpor, e estes muros de dobre folla das casas petruciais son unha bendición con este tempo. Remexo nos meus libros, e revisito a Domènech* na procura da sua lucidez. Leo: "E mentras que, na tradición política da democracia social revolucionaria de Marx e Engels no 1848, a tarefa asignada á clase obreira industrial era encabezar o movemento do dêmos todo, de tódolos dominados na "sociedade civil moderna", e de tódolos sometidos ao despotismo monárquico vello-europeu, en troques, o xeito en que a socialdemocracia do derradeiro terzo do XIX se inseríu na nova sociedade civil crebada, e maormente o seu ideoloxema central dos "dous mundos", contribuíu sen dúbida a isolar á clase obreira industrial do resto do povo traballador, e a incapacitala para ofrecer ao conxunto da sociedade unha alternativa emancipatoria realista e críbel á "forma capitalista" da industrialización. A vella idea lassallián de que, fronte á clase obreira, tódalas outras non forman máis ca unha "masa reaccionária", ameazaba convirtírese nunha tráxica profecía que teimudamente laboraba a prol do seu proprio cumplimento".
A conversión en "tráxica profecía" á que, con aceda ironía, se refire Domènech, consumaríase, primeiro, co fracaso das revolucións obreiras -con modelo bolchevique- subseguintes á guerra do 14-18 na Europa central e oucidental e, máis logo, coa absorción polos fascismos emerxentes de boa parte das clases "populares" que, en principio, constituían aliados potenciais do proletariado industrial fronte á grande burguesía e o capital monopolista -e que, en boa lóxica, deberían terse posicionado da banda da clase obreira estrita... se ésta non as tivese botado en brazos dos seus inimigos de clase, mesmamente. Eis o adverso resultado e tráxicas consecuencias da doutrina dos "dous mundos". Mais compre comezarmos polo principio e espricar un par de nocións para desenlearmos este enguedello.
Comecemos, logo, pola expresión "sociedade civil crebada" -ou "fendida". O bloque revolucionario francés do 1789 foino o tiers état, o "terceiro estado" na estrutura das sociedades do Antigo Rexime -é dicir, o que non era nen a nobreza nen as xerarquías eclesiásticas, senón as clases "populares". Mais nese bloque coexistían dous segmentos ben distintos: a emerxente burguesía e o resto, ou sexa, a heteroxénea base popular estrita, dende o campesiñado ou os artesáns até o "proletariado" urbán e os desposuídos -la canaille e os sans culottes.
Esa era mesmamente a base popular da esquerda ou avangarda revolucionaria, a dos montagnards de Robespierre, que invocaba a fraternidade como lema dunha democracia horizontal republicana. O seu ideario postulaba a construción dunha "sociedade civil nova, fogar de confraternización democrática onde as vellas barreiras de clase e máis tódolos privilexios puidesen ser derrubados". Con tal ideario, esa base popular -equivalente das "camadas populares" do nacionalismo galego frentista- "constituíuse políticamente en "cuarto estado", políticamente independizado do "terceiro"". E sinala Domènech: " "Emanciparse" chegou daquela a siñificar, para as bases populares, "irmanarse" horizontalmente, sen barreiras verticalmente dispostas. Emancipados da tutela do señor ou do patrón, non só podíase ser "irmán" de tódolos "menores" que compartian a cotianeidade baixo a mesma dominación patriarcal-patrimonial, senón que se podía chegar a ser tamén irmán emancipado de tódolos que estaban baixo a tutela e a dominación doutros patróns. A segmentación señorial da vida social europea no Antigo Rexime atrancaba a relación horizontal da base popular. Derrubado ese rexime, tódolos individuos pertencentes ás clases domésticas e subalternas, antes fragmentadas en gremios de oficios, xurisdicións, dominios e proteitorados señoriais ou eclesiásticos, uniríanse, fundiríanse como irmáns emancipados que só recoñecerían un proxenitor: a nación, a patria".
Mais, ben axiña, a involución encetada co famoso golpe de "termidor" empoleirou no poder á burguesía, e o subseguinte período napoleónico deixou en herdanza "a realidade dunha sociedade civil burguesa clásica". Os desposuídos, ou sexa, carentes de meios económicos proprios -de "propriedade"- e que comezan a chamarse "proletarios", fican xurídicamente excluídos da "lei civil" no que resultaba primordial para iles: as relacións de produción na "empresa" burguesa. "A "liberdade económica", ou a "liberdade industrial", ou a "liberdade de empresa" -recibíu todos eses nomes- só tiña a aparencia de "lei civil": en realidade, era unha nova "lei de familia", que herdaba institucionalmente, adaptándoo funcionalmente ás modernas condicións da incipiente sociedade capitalista industrial, o inveterado autoritarismo dun oikos, dun domus ou dun dominio señorial. (...) a plena liberdade de contrato napoleónica, ao excluir da "lei civil" á incipiente empresa privada capitalista, construíaa xurídicamente, de esguello, como unha institución social na que o poder exercíase de xeito absolutista polo proprietario ou os seus axentes, como un ámbito desleixado a unha vellísima "lei de familia" ". De modo que, no seo do proprio "cuarto estado", encétase un proceso sociolóxico constantemente acelerado de disociación , decantación e polarización: emerxe o "proletariado" propriamente dito, a clase dos traballadores asalariados, a clase obreira industrial, que vai medrar como mancha de aceite e polarizar progresivamente a estrutura das "clases populares", por mor da industrialización combinada coa crecente proletarización dos outros segmentos dese conxunto inicialmente "equilibrado" na sua heteroxeneidade. Esa metamorfose tende a polarizar á sua vez as contradicións de clase arredor da configurada polos polos antagónicos do capital e a forza de traballo asalariada: é o proceso de xestación dunha "sociedade civil crebada" ou "fendida" pola divisoria desa contradición principal.
Ora, por riba, no nivel político, os desposuídos do primeirizo "cuarto estado" tamén fican excluídos da "lei política". O inaugural "sufraxio universal" do período revolucionario -que inda así non o era cabalmente, porque non chegou a abranguer ás mulleres, malia o propósito dos "montagnards"- fica abolido con base na perversamente raposeira distinción antre cidadáns "activos" e "pasivos" imposta pola burguesía trunfante dende "termidor". Non pode demoucar a Declaración dos Droits de l"Homme que transmuta aos "súbditos" en "cidadáns" titulares da soberanía política e decláraos iguais nesa titularidade. Mais a perversa raposería consiste en manter que tódolos cidadáns son titulares de cadansúa alícuota de soberanía, mais só algúns terán o dereito de exercela meiante o voto: só aquiles -vaia casualidade!- que dispoñan de meios proprios de subsistencia, que non dependan doutros cidadáns para térenos -en prata, só aquiles que sexan proprietarios. A propriedade privada de meios económicos convírtese así en condición indispensábel para exercer o dereito político fundamental: elixir representantes democráticos. Constitúese así a democracia "liberal" burguesa, a "democracia dos proprietarios". O "cuarto estado" fica excluído da "lei política", e igualmente exluído ficará, claro está, o emerxente proletariado malia o seu constante medre en dimensión e a sua conversión en polo cardinal da loita de clases: tardará perto dun século en re-establecerse o "sufraxio universal"... masculino -as mulleres terán que loitar meio século máis para conquerilo.
Eis os vectores primordiais da xénese dunha sociedade civil fendida, como realidade antitética do modelo de "nova sociedade civil" concebida como "fogar de confraternización democrática" pola esquerda do bloque revolucionario francés de 1789-94. No entanto, ese modelo inda vai orientar os estoupidos revolucionarios da primeira metade do XIX -como a do 1830 contra o absolutismo do Charles X francés. Inclusive a fase inicial da revolución de 1848 e o goberno provisorio no que Louis Blanc inda tenta artellar o conxunto do "terceiro estado" -e fracasa: como é sabido, o desenlace é nada menos que Napoleón III e o II Imperio. De aí á Comuna de Paris de 1870 vaise consumar a definitiva "creba da sociedade civil postrevolucionaria", e polarizarse a dialética antagónica antre clase obreira e grande burguesía industriais. E velaí que vai emerxer -só que en Alemaña, e non en Franza- a doutrina dos "dous mundos". Falaremos diso na vindeira prédica dominical, ou?
*Antoni Domènech, El eclipse de la fraternidad, ed. Crítica, 2004. Permítome tomar esa excepcional obra, "sen permiso" do seu autor, como fío condutor das miñas proprias matinacións neste artigo
I. A doutrina "dos dous mundos" (II)
Envío: Prao Xosé Luis, confiado en que mo debulle e discuta dende o alén
O primeiro enunciado da tese dos "dous mundos", como dous espazos sociais completos en si mesmos e recíprocamente excluíntes, faino o socialdemócrata marxista alemán Wilhelm Liebknecht nun seu discurso de 1871 -o ano seguinte ao da Comuna de Paris. Domènech* recólleo textualmente: "O mundo dos proprietarios e o mundo dos desposuídos, o mundo do capital e o mundo do traballo, o mundo dos opresores e o mundo dos oprimidos, o mundo da burguesía e o mundo do socialismo: dous mundos (...) que non poden coexistir, de xeito que un diles terá que desprazar ao outro".
O proceso, ao que me referín o día pasado, de disociación interna da "nova sociedade civil" configurada a raíz da Revolución Francesa acadara o seu ponto de fractura na Revolución do 1848. E, como tamén dixen xa, o veloz desenvolvemento industrial acelerara a sua polarización en duas novas clases antagónicas: as emerxentes clase obreira e grande burguesía industriais. Á altura da Comuna de Paris do 1870, consumárase xa a "creba da sociedade civil postrevolucionaria": xa que logo, a definitiva caducidade dos vellos ideais revolucionarios republicáns de "confraternización democrática" -da fraternidade, pois- no seo do "terceiro estado" e a sua sustitución polos da revolución proletaria.
Ora, simultáneamente á Comuna, a derrota francesa na guerra fanco-prusiana, coa subseguinte parella de fulminantes procesos conducidos por Bismarck -o económico da expansión industrial do Rhur e o político da unificación alemá- trasladaron a Alemaña o foco máis dinámico da "loita de clases" proletariado-burguesía (industriais): eis o contexto no que xurde o devandito enunciado inaugural da tese dos "dous mundos" pronunciado por Liebknecht. Mais a sua formulación a efectos programáticos vaise facer no proceso conducente á unificación da socialdemocracia alemá: no programa do famoso congreso de Gotha, do 1875. E vaise facer en termos rotundamente contundentes -pero reducionistas, eis o problema. Veleiqui os tendes: "A liberación do traballo debe ser obra da clase obreira, fronte á cal tódalas demáis clases non forman máis ca unha masa reaccionaria". Pero, de ónde procede esa visión?.
As duas orgaizacións obreiras, até daquela enfrontadas, que se van fusionar en Gotha, érano o Partido Obreiro Socialdemócrata e a Unión Xeral Alemá de Obreiros. Liebknecht lideraba, con Bebel, a primeira, seguindo direitamente o pensamento de Marx, inda vivo no entón -morrerá no 1883. En troques, a segunda era liderada por seguidores de Lassalle -morto dez anos antes. Lassalle, outrora discípulo de Marx, rifara logo con il e enfrontaraselle no tocante á estratexia de alianzas da clase obreira. Marx acusaba a Lassalle e os seus de sectarismo. Chegou a escribir que Lassalle "deulle dende o principio á sua axitación -coma todo home que pretende ter unha panacea para as coitas das masas- un caráiter relixioso sectario. De feito, toda secta é relixiosa" -recalcara.
Nas negociacións cara a fusión, a correlación de forzas era favorábel aos lassalliáns. Polos marxistas levounas Liebknecht -Bebel estaba na cadea. E fixo demasiadas concesións en custións ideolóxico-políticas cruciais. Unha delas foi a que asumiu a reducionista análise lassallián da estrutura de clases formulada na frase devandita. Marx arremeteu na sua famosa e demoledora Crítica do Programa de Gotha, con tres acusacións primordiais: as de ser obreirista, estatista e escasamente internacionalista. Precisamente a primeira delas é a que denuncia a improcedencia da tese dos "dous mundos".
A crítica marxián desa tese comezaba remitíndose á aseveración, contida no Manifesto do 48, de que "de tódalas clases que hoxe -no 48- se enfrontan á burguesía, só o proletariado é unha clase realmente revolucionária", poisque "as demais clases decaen e extínguense coa grande industria", mentres que o proletariado é "o produto máis característico dela". Ora, no Manifesto -comenta don Carlos- a burguesía, por ser mesmamente a "portadora da grande industria", resulta "concebida como unha clase revolucionaria fronte aos feudais e aos estamentos medios (...) que non son senón resultado de modos de produción anacrónicos". Daquela é un disparate metelos "xunto coa burguesía" no saco de "unha masa meramente reacionaria". Iso primeiro. Logo, por outra banda, "o proletariado é revolucionario fronte á burguesía porque, formado il mesmo no eido da grande industria, tenta mudarlle o caráiter capitalista que a burguesía pretende perpetuar". Mais no Manifesto engadíase que "os estamentos medios tórnanse revolucionarios por mor da sua progresiva proletarización". Daquela volve ser un disparate metelos "xunto coa burguesía", e máis tamén cos feudais, no saco de "unha masa reaccionaria". E enfin, Marx sublévase contra a identificación, que fai o programa de Gotha, antre "povo traballador" e clase obreira. E guíndalle este sarcasmo: "En primeiro lugar, a maioría do "povo traballador" en Alemaña está composta por campesiños, e non por proletarios".
A primordial relevancia desa rotunda descalificación da doutrina dos "dous mundos" atinxe á estratexia das alianzas de clase cara un proceso revolucionário. En primeiro lugar, Marx é consciente de que, naquil contexto, o "inimigo principal" político non coincide co "inimigo de clase" do proletariado nas relacións de produción que o vencellan antagónicamente coa burguesía industrial, dado que, na instancia política estrita, ou sexa, no aparello de estado do II Reich, o do Kaiser Guillerme II, está instalado un rexime semi-absolutista dominado pola vella clase dos "feudais" -como os latifundiarios Junkers prusiáns- e non un rexime liberal-burgués: a cámara de deputados é pouco máis que un adorno parafernal, o governo noméao o Kaiser e só perante il responde, non perante a cámara, e un e outro, agás casos moi especiais, poden "pasar" por completo dos acordos parlamentares. Xa que logo, o primeiro que compre facer é derrubar ese rexime pra construir as institucións nas que o partido do proletariado poda ter unha presenza políticamente eficaz e librar a batalla polo poder fronte á burguesía. Mais, precisamente, os lassalliáns pretenden o contrario: unha alianza con Bismarck para -sinala Domènech- "atenazar á pequena burguesía democrático-radical meridional e máis á grande burguesía nacional-liberal renana, e en troques obter da monarquía semiabsolutista prusián certas concesións en materia "social" ". Ou, nas verbas de Marx, "que Lassalle falsificara tan toscamente o Manifesto Comunista só se esprica polo afán de desimular a sua propria alianza cos adversarios feudais e absolutistas da burguesía".
Mais, en segundo lugar, botar no saco dunha soa e mesma "masa reaccionaria" ao campesiñado -inda maioritario nas clases traballadoras, como relembra Marx- á pequena burguesía comercial e mesmo industrial, aos "estamentos medios" urbáns, e ás demáis clases subalternas, todos xuntos e remexidos coa grande burguesía e os "Junkers" nun xigantesco e amorfo caixón de xastre, facer iso cos potenciais aliados da clase obreira estrita, supuña condeala ao illamento, facerlle carregar en esclusiva coa angueira transformadora que só lle correspondía liderar -e finalmente choer, ao cabo, a vía revolucionária.
No entanto, a doutrina dos "dous mundos" consolidaráse no programa de Kautsky para o congreso de Erfurt do 1891 -malia ter pasado á historia como o congreso do "retorno" a Marx. Pasada a crise finisecular do XIX, rematada a "belle époque", nas vésperas da Guerra do 14, a unificada socialdemocracia alemá -o SPD- será o partido con meirande presencia no Reichstag. No tecido social, será unha rede impresionante que abranguerá tódalas dimensións e facianas da vida e a cultura da clase obreira. Será un auténtico "mundo", un planeta coa sua propria atmósfera que gravitará sobre si mesmo. Mais un mundo isolado. A Gran Guerra e o impacto de revolución soviética esgazaráno. E cando sobreveña a involución contrarrevolucionaria de entre-guerras, ficará espido fronte á "masa reaccionária" sorbida e amalgamada no outro "mundo" polo grande capital monopolista meiante a fabricación dos nazi-fascismos e a "resistíbel ascensión" dos Arturo Ui de turno: asediado, non sobrevivirá á semellante arremetida. A revolución proletaria no centro do sistema, a construción do "mundo do socialismo" no corazón do capitalismo, ficará adiada "sine die". Inda fica adiada hoxendía, mesmamente.
*Reincido en seguir, "sin permiso" do autor, coma no artigo precedente, o fío de Ariadna de Antoni Domènech, El eclipse de la fraternidad, Crítica, 2004
II ...no actual nacionalismo galego (I)
Cando se tratar dun proceso de emancipación nacional, o problema do suxeito protagonista e das alianzas precisas para acadárese o trunfo -problema do que o ideoloxema dos "dous mundos", nas loitas pola revolución social, víramos que resultou ser unha vía de solución errada- plantéxase en duas dimensións ou, se preferides, proxéctase en dous eixos de coordenadas diferentes que compre combinar con acerto.
Nefeito -vexámolo. Neste caso, o suxeito éo o povo que constitue unha nación negada. Xa que logo, un povo ao que se lle nega a sua identidade sociopolítica como nación e, pola mesma, o seu caráiter e o seu rol de suxeito colectivo de soberanía política democrática: un povo, daquela, desposuído dos seus dereitos e liberdades democráticas nacionais. Esas negación e desposesión implican un fenómeno político de opresión ou asoballamento antidemocrático, contra o que o povo se rebela desque acada consciencia dil: "Da Terra asoballada", no poemario nacionalista emancipador de Ramón Cabanillas. O aparello político de poder alleo a ese povo, o que exerce a negación da sua identidade e a desposesión dos seus dereitos nacionais, o aparello de Estado opresor que couta as suas liberdades nacionais, constitue o antagonista na loita dese povo por se emancipar, por se autodeterminar: eis a primeira e primordial dimensión do conflito, o eixo da contradición nacional.
No entanto, nen na asunción á consciencia da propria identidade nacional negada, nen -inda menos- na posta en marcha do movemento emancipador adoita participar, cando menos de primeiras, o povo enteiro: do contrario, a situación de opresión non podería pasar de ser un accidente histórico efémero, e a re-conquista das liberdades nacionais resultaría imediata. As conflitivas "custións nacionais" xurdidas nos últimos douscentos anos da Historia -non só da europea- adoitan constituir re-nacementos das consciencias identitarias subseguintes a longos períodos históricos de opresión nacional, moitas veces asociados a situacións de sometemento colonial típico ou atípico, e á sua vez precedidos de cruentos procesos previos de "doma e castración", ou sexa, de perda da soberanía e destrución das institucións políticas -e culturais- proprias dos povos-nacións asoballados por estados ou imperios que os enguliron no seu voraz estómago político.
Eses procesos de deglución levaron aparellados fenómenos de alienación identitaria de diversa intensidade, fracturas sociais e ideolóxicas internas derivadas da ocupación política polo invasor, e até perda ou erradicación da memoria histórica peculiar. No caso da Galiza -hoxe é ben sabido- o proceso de decapitación política acontece nos s. xiv e xv, e o subseguinte "sono" da consciencia "nacional" dura até o xix. De xeito que, cando esa "consciencia nacional" acorda, cando a nación "esperta do seu sono", ese espertar non abranxe ao povo enteiro: comeza por prendérense as luces, e logo os lumes, en focos determinados, e de variábel intensidade e dimensión, do espazo social da nación. Configúrase así un espazo socio-ideolóxico polarizado arredor da contradición nacional: no caso galego, a bipolaridade antitética resultante vai ter a sua expresión ideolóxica máis simplificada nos termos "nacionalismo versus españolismo". E a potencia, dinamismo e dimensión relativa do espazo nacionalista, en proporción á dimensión demográfica global da sociedade, van condicionar, en cada caso, a formulación ideolóxico-política e máis a estratexia socio-política do movemento de emancipación nacional: velaí o eixo de coordenadas no que pode acontecer que xurda unha versión da doutrina dos "dous mundos" traducida nos termos da dialética da contradición nacional.
Mais, por outra banda, ese povo que encarna o suxeito histórico da nación negada en loita por se emancipar, non é unha realidade social uniforme nen sequer homoxénea. Constitue unha sociedade e, pola mesma, está estruturada en clases ou "grupos de estatus" -se preferides as nocións maxweberiáns. Ou sexa, en grupos sociais con distintas posicións e intereses nas relacións económicas, mesmo antagónicos no seu caso, e diversas ideoloxías e até culturas. Cada un diles está situado en distintos "pontos de vista" e dispón de diferentes lentes ou prismas para a contemplación do conxunto da sociedade: ten diferentes "cosmovisións". Xa que logo, cada un diles, percebe e concibe de diferente maneira o seu proprio "país" e a problemática que implica en canto tal. Mesmo os que coinciden en concebila como a sua nación, apréixana de diferente maneira. E cando coinciden tamén en arelar a emancipación nacional, traducen esa arela común en proxecións ideolóxicas e estratéxicas peculiares e, portanto, distintas: resultan así proxectos de emancipación nacional con diferentes contidos de clase. Veleiquí, logo, a segunda dimensión, o segundo eixo de coordenadas no que se plantexa ou proxecta o problema do suxeito protagonista e das alianzas -de clase- precisas para a autodeterminación, para a condución e o trunfo do proceso de emancipación nacional: é o eixo das contradicións de clase internas á nación asoballada -e tamén eiquí está ao axexo, espreitante, a proxeción transmutada do ideoloxema dos "dous mundos".
Segundo sexan, por unha banda, a estrutura interna da sociedade e, pola outra, as condicións sociopolíticas da contorna de cada nación negada, no intre histórico no que se activa o seu proceso de emancipación, así será diferente o feitío característico desa "custión nacional" resultante de combinar a sua proxeción nos dous eixos de coordenadas devanditos, nas duas ordes de contradicións dialéticas nas que se desenvolve ese proceso: a nacional co poder opresor externo e as internas antre os grupos e clases sociais. O suxeito da contradición nacional -do conflito co Estado asoballador- seráo en todo caso o povo titular da soberanía negada. Mais tanto o liderado do proceso como a fórmula de alianzas internas, ou sexa, as duas claves primordiais pra que o movemento emancipador acade a hexemonía "no seo do povo", dependerá en cada caso da estrutura de clases correlativa ao feitío económico, cultural e ideolóxico desa realidade nacional, e máis da dimensión que teña a asunción desa identidade na conciencia social dese povo. E inda logo, a partir de aí, a dinámica do movemento dependerá tamén do contexto externo e, nomeadamente, da índole e circunstancias políticas do poder e aparello de estado opresores. A partida, xa que logo, xógase nos dous eixos de coordenadas xa referidos. O panorama dos últimos dous séculos ofrécenos todo un repertorio de mostras diferentes, nos contextos históricos do dezanove e do vinte, na vella Europa e nos "novos mundos", no centro e na periferia do sistema, na descomposición de arcaicos reximes imperiais ou estatais europeus e na implosión de conglomerados coloniais. Mostras tamén de procesos emancipadores trunfantes, doutros abortados ou aletargados, e máis inda doutros aínda hoxe non culminados.
Mais, en todo caso, o problema crucial estriba en que o movemento emancipador acade a hexemonía no interior da nación asoballada. Sexa porque o seu proxecto chega a abranxer á maioría social, sexa porque o suscreben os sectores -clases ou "grupos de estatus"- máis dinámicos da sociedade, capaces de constituírense nun "bloque histórico" -motor e referente que suscita un "consentemento colectivo", unha asunción do seu proxecto alén os lindes do seu proprio espazo social e ideolóxico peculiar e xenuino. Eis a clave. Ora, o contrario desa capacidade sóno os reducionismos, tanto os sociais -como confinarse nos intereses corporativos do grupo- canto os ideolóxicos -como o economicismo, o chovinismo ou o mesianismo. E velaí mesmamente onde volve axexar, espreitante, o perigo desa modalidade de reducionismo que é o ideoloxema dos "dous mundos": con resultados tan frustrantes para os procesos de emancipación nacional coma os que históricamente tivo para as estratexias da revolución social.
II. ...no actual nacionalismo galego (II)
"Cremos que é precisa esta profunda reflexión da esquerda galega que xa iniciamos na Rolda de Rebeldía. Non se trata de guerras internas de "los del Bloque" -que ademáis o proceso excede os límites do nacionalismo organizado- nin de ensimesmarse nin de abrirse á sociedade. Trátase de exercermos de cidadáns e cidadás, no sentido republicano, e de forzar a conciencia crítica do noso pobo, que non pode ninguén negar a capacidade das xentes do común para enfrontar este repto, malia aceptando a actuación dos mecanismos coloniais e alienantes de distinto signo que difunden os "falsimedia" e demáis aparatos: todas e todos temos na nosa man rematar "con esta vergonza", e non por ser demasiado pobre ou demasiado iletrado, ou demasiado vella ou demasiado novo deixamos de ter algo que aportar".
Se enceto a miña entrega de hoxe con estas palabras de Paula Vázquez Verao no encontro irmandiño de Sober do pasado dia 7 -sen o seu permiso, tamén neste caso- é porque cadran esactamente co ideario radicalmente democrático e republicano proprio da ilustración progresista que inspirou o pensamento da corrente central do nacionalismo galego ao longo de tódalas etapas da sua traxectória, dende a sua emerxencia como "provincialismo" proto-nacionalista aló polo 1846 en diante. E máis porque expresa unha cosmovisión antitética -malia que non a mantenta- de calquer caste de versión do ideoloxema dos "dous mundos". Tentarei espricarme.
Comecemos polo suxeito histórico e a proxeción do proceso emancipador nos dous planos ou eixos de coordenadas xa referidos nas miñas entregas precedentes: o da contradición nacional co Estado español, e o das contradicións de clase internas á nación galega. A combinación desas duas proxecións varía, como é lóxico, nas sucesivas etapas históricas do combate emancipador -conforme ás variacións tanto na configuración e rexime do poder e aparello de estado opresores, canto na estrutura social interna e na penetración de consciencia identitaria nos diversos eidos da conciencia social.
Mais a identificación do suxeito histórico é inequívoca dende o comenzo: éo o povo galego como totalidade. Coas duas precisións seguintes. A primeira é que, dende Faraldo e os "Precursores" en diante, a sua conceición da Galiza cadra nos seus contidos coa dunha nación, e a formulación dos seus dereitos políticos colectivos co exercizo da soberanía política do povo galego. Todos combateron por ese exercizo: só o léxico e as fórmulas foron mudando ao longo dun proceso de progresivo madurecemento da expresión da consciencia identitaria, e máis da evolución histórica tánto da formulación das categorías conceituais no pensamento filosófico e político, canto das esperiencias de emancipación nacional na contorna europea e máis logo, xa no s.xx, nas periferias oprimidas do sistema mundial.
A segunda é que o combate emancipador ten a índole radicalmente cívica e democrática, propria da ilustración progresista en cada etapa, como fío condutor e atributo constante -ou, como escribiu Justo Beramendi, "desde o seu nacimento até hoxe, ao longo de cento sesenta anos, o galeguismo político actuou sempre, en calquera das suas fases evolutivas, a prol da democratización e do progreso". Esa óptica radicalmente cívica e democrática -que nas palabras da Paula Verao inaugurais desta entrega agurgulla no protagonismo das nocións "cidadáns" e "común" asociadas a "povo", e máis na reivindicación da igualdade asociada á democracia horizontal participativa, ou sexa a fraternidade republicán- esa cosmovisión, digo, exclúe calquer caste de reducionismo, sexa de clase ou sexa "chovinista", na configuración do suxeito protagonista da angueira emancipadora nacional: eis, redivivo, o ideario basilar que enchoupou á corrente central do nacionalismo galego en tódalas etapas da sua peripecia histórica. Veño de escribir "en todas", e agora asáltame a dúbida: non houbo ningunha en que non fose así?
Cando, pasado o primeiro terzo do s.xix, emergulla a consciencia identitaria nacional no proto-nacionalismo dos "mártires de Carral", esa consciencia comenza a espertar dun sono que durara tres séculos e meio: a duración completa da decisiva Idade Moderna na historia europea. Galiza é un povo decapitado social, cultural e políticamente, un povo "domado e castrado", dende finais do s.xv: primeiro, coa derrota da alianza de clases revolucionaria que integrara a Grande Irmandade, e a seguida da nobreza enxebre aliada con Afonso V de Portugal a prol da "Beltraneja" na guerra de sucesión á coroa de Castela. E é tamen daquela unha sociedade na que, no século precedente, abortaran, por unha banda, a accesión da clase labrega a se convirtir en campesiñado libre e, pola outra, a xénese dunha "revolución industrial" burguesa: frustráranse portanto, nos seus mesmos inicios, dous procesos socieconómicos cruciais para o inserimento deste país no "ciclo da modernidade". De xeito que non hai burguesía industrial, non hai formación de "proletariado", e os labregos seguen a ser foreiros -ou sexa, anacrónicos servos da gleba. Noutras verbas: nen está en formación a clase obreira que, alén Pirineus, vai protagonizar os procesos revolucionarios na loita de clases, nen existe a burguesía que, noutras nacións-sen-estado europeas, vai liderar nese periodo os procesos de autodeterminación e construción dos seus respeitivos Estados-nación, nen o campesiñado dispón da liberdade indispensábel pra abordar procesos de auto-orgaización agraria modernizadores análogos aos que acontecerán noutros países europeus.
Galiza, en suma, está confinada na condición de "colonia de la Corte" -na coñecida expresión metafórica de Antolin Faraldo. Así que o "espertar" da conciencia nacional agroma só en segmentos ilustrados da pequena burguesía e en focos determinados das elites culturais e inteleituais -da "inteligentsia". Dos que, lúcidamente, encetarán a loita emancipadora priorizando a acción desalienadora na conciencia social da nación encol de dous peares identitarios claves: a reconstrución da historia propria sepultada no esquecemento colectivo pola "historia de España en Galiza", e o "rexurdimento" na escrita do idioma proprio reducido á condición de fala polo colonialismo lingüístico español. E acordará en claves ideolóxicas herdadas da revolución francesa, verquidas nos esquemas da "confraternización democrática" anteriores ao esgazamento do "terceiro estado" e á "creba da sociedade civil postrevolucionaria" na Europa do capitalismo industrial en expansión: as claves e esquema congruentes coa estrutura da formación social precapitalista confinada na periferia do sistema que era daquela Galiza.
Nesas condicións, a estratexia do incipiente nacionalismo galego vai pivotar primordial ou case esclusivamente no eixo da contradición nacional. No plano da estrutura de clases, o grupo dirixente elaborador do ideario "galeguista" e do imaxinario colectivo emancipador vai deseñar como protagonista a un povo galego virtualmente identificado co "mundo" labrego e mariñeiro -a "soa e verdadeira xente do traballo no noso país", nas certeiras verbas de Rosalía: a base popular depositaria, asemade, dos valores identitarios primordiais. Na sua antítese, o antagonista esterno resultará identificado co binomio Estado español-Castela -o aparello político do poder colonial e o seu sustrato centrípeto- e o interno cos seus seudópodos institucionais e sociais -a administración colonial e os "grupos de estatus" colaboracionistas- e máis co inimigo de clase do campesiñado -os foristas. Mais, alén diso, a estratexia do nacionalismo galeguista tentará captar para "a causa" ás capas meias urbáns e camadas subalternas do país, e mesmo á alienada e raquítica burguesía indíxena: tal será o intento dun Brañas, por caso -que fracasa por falla de interlocutor social mentres se convirte en ideólogo involuntario do nacionalismo burgués catalán do seu tempo. Ou sexa: nada a ver con ningunha caste de reducionismo ideolóxico nen social en deriva cara un ideoloxema de "dous mundos".
Eses prantexamentos han perdurar, con lenes variacións, até mesmo o período das Irmandades: até a "redención" dos foros e a formación dunha clase obreira coa emerxencia do complexo mar-industrial no primeiro terzo do s.xx. Noutra perspeitiva, se queredes: até a chegada da II República española e a fundación do Partido Galeguista.
II. ...no actual nacionalismo galego (III)
Cando, no 1916, abrolla a gomariza das Irmandades da Fala e ben axiña, no 1918, celebran en Lugo a I Asambleia Nazonalista, o movemento emancipador enfronta un dobre repto de decantación ideolóxico-política: tanto no eixo da contradición nacional co Estado español canto no da conflitividade social interna. No primeiro, trátase de sobardar a equívoca -e ao cabo políticamente frustrante- formulación "rexionalista" da precedente etapa finisecular. Neste eido, o "Manifesto" aprobado pola Asambleia pronúnciase de xeito argumentado e en termos inequívocos: "Tendo a Galicia todal-as características esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas". Con todo, a fórmula escollida para o exercizo da soberanía nacional galega non é a dun estado independente, senón a dun "Poder Galego" -lexislativo, executivo e xudicial- con "Autonomía integral" dentro dun pacto federal-confederal -"Federación da Ibéria" aberta a "chegar á federación con Portugal".
No outro eixo -o da estrutura social e o feitío das clases e grupos de estatus- o povo galego de entón segue a ser abrumadoramente rural, labrego e mariñeiro. No censo do 1920, a poboación urbá non chega ao 13%, do cal o 8% corresponde ás sete maiores cidades: o resto é rural. E na estrutura da poboación activa, só o 7% está ocupado no sector "secundário" -industria, oficios e construción: eis a dimensión máxima da clase "obreira"- e o 10% no "terciario" -os servizos: eis o recinto do proletariado non "industrial". Así que o "mundo" labrego e mariñeiro abrangue o 83% da poboación activa -que, na feminina, chega ao 85% . E se excluímos as sete cidades consabidas, o "secundario" e o "terciario" caen ao 5% cada un: o 90% ocúpano as actividades agrarias e mariñeiras. Só no espazo social desas cidades muda nidiamente esa estrutura, naturalmente: 30% no "secundario" -por certo, chega ao 39% nas mulleres: eis a pegada da forza de traballo feminina nas conservas e noutras industrias do mar. Mais daquela as cidades -xa dixen- só abranguen o 8% da poboación galega total. E os labregos inda son maormente foreiros: a "redencion" dos foros abriráse coa lei do 1926. De xeito que na problemática sempiterna do "mundo" labrego-mariñeiro, e máis logo do complexo mar-industrial, van gravitar os eixos programáticos das reivindicacións nacionalistas no eido socioeconómico: na emigración, na terra... -ou na famosa custión do "arancel".
Porén, no espazo ideolóxico do movemento emancipador xa agrelaran diverxencias, tanto a respeito da custión nacional coma da conceición social, que tendían a esgazalo en -digámolo así- unha "esquerda" e unha "dereita". Simplificadamente: nunha liña "Murguía" e nunha liña "Brañas". "Nacionalismo" versus "rexionalismo", por unha banda e, pola outra, "republicanismo democrático progresista" versus "tradicionalismo social-católico". E esa dobre tensión dialética vai marcar o proceso "constituinte" do nacionalismo esplícito nas Irmandades e a Asemblea de Lugo.
Beramendi sintetízao nunha certeira diagnose -e millor será cederlle eiquí a palabra. "Por un lado -esprica- enfrontábanse os novos nacionalistas cos vellos rexionalistas que non querían dar o salto (de) asumir que Galicia era unha nación e España só un estado plurinacional. (...) Por outro lado, a tendencia maioritaria de orientación democrática e filorrepublicana diferenciábase claramente da minoritaria do tradicionalismo socialcatólico. O proceso de transición, que culmina precisamente nesta asambleia (de Lugo), sáldase coa definición nidiamente nacionalista das Irmandades (...). En cambio, as diferencias entre esquerda e dereita (...) fican aparcadas en nome dunha unidade imprescindible para a consolidación do movemento. Con todo, o tenor deste manifesto-programa indica o predominio dos demócratas sobre os tradicionalistas na definición do nacionalismo pois, no que atinxe ás características básicas do sistema político que se preconiza, estamos perante un proxecto moi avanzado para o seu tempo, que postula unha democracia representativa moderna, daquela non existente en ningún país europeo e menos aínda na España da Restauración: voto para a muller, representación proporcional, erradicación do clientelismo"...-e así seguido.
Mais o esgazamento desa "unidade imprescindible" vaise producir axiña, e frustrar así a andaina política cara a hexemonía na conciencia social do país durante todo o decenio dos vintes. Só o inxente labor sociocultural nucleado arredor da "Xeración Nós" dotará ao movemento nacionalista dun patrimonio e un prestixio inteleitual, ideolóxico e moral decisivos para a etapa seguinte. E só a caída da monarquía española e a reunificación nacionalista no Partido Galeguista permitirán pór políticamente en valor ese patrimonio e dar un salto sen precedentes no proceso de autodeterminación. O Anteproxecto de Estatuto redactado polo SEG na primavera do 1931 xa non vai falar de Poder Galego, senón esplícitamente de Estado Galego: un "Estado libre" nunha "República Federal Española", cun deseño de poderes e potestades que abranguen inclusive o rexime da Administración local e unha Facenda pública con soberanía fiscal cáseque completa. E o Partido Galeguista vaise configurar como unha formación interclasista co centro de gravedade orientado cara o conxunto das clases populares, un cerebro colectivo nutrido do milloriño da "inteligentsia" do país, e unha estrutura radicalmente democrática de base asemblearia: en realidade, ven ser unha frente plural sub specie formalmente partidaria.
II. ...no actual nacionalismo galego (IV)
Todo muda de sócato coa brutal irrupción de "Atila en Galiza" no vran do 1936, que impón polo terror un rexime totalitario, o do fascismo franquista, que vai durar nada menos ca catro decénios -cáseque a metade do "longo século xx". Todo muda súpetamente en traxedia para o movemento emancipador da nación galega e para o povo galego mesmo. Para o común do povo: xenocidio inda hoxe non recoñecido, pavura inda até hai pouco non sandada, memoria inda agora non restaurada -e longuísimo confinamento no silenzo, no atraso e no auto-odio. Para o nacionalismo, e máis para a esquerda transformadora, mesmo tamén para o resto das orgaizacións republicáns: exterminio das redes de cadros políticos, sociais e culturais por eliminación física, exilio, cadea, "depuración" -ou simples amordazamento e redución á impotencia dos supervivintes. Un povo derrotado, aferrollado e empavorecido, socialmente retrotraído a varios decenios atrás na sua historia; un tecido democrático escalazado e esfiachado, coas suas elites políticas esfrangulladas: só a guerrilla antifascista galega resiste no maquis neses negros anos da feroz post-guerra española e da II Guerra mundial.
No exilio, o nacionalismo vaise reorgaizar de imediato e manter unha intensa actividade combativa, unido arredor do liderado de Castelao que presidirá o Consello de Galiza e reactivará o Galeuzca. No interior, os supervivintes do PG comezan a buligar na clandestinidade desque a traxectoria do conflito bélico bascula a favor dos "aliados". Nesa etapa, fascismo e anti-fascismo, ou totalitarismo e democracia, son os dous "mundos" mortalmente confrontados. Na sua concreción doméstica, tanto no exilio coma no interior, o nacionalismo galego está inserido no "mundo" republicán antitético do rexime franquista. Deica a treizón dos "aliados" oucidentais e o comenzo da "guerra fría", que provocarán duas fracturas de graves consecuencias. Unha no universo republicán, protagonizada polos anticomunistas -que Castelao e o nacionalismo do exilio non comparten. Outra no eido do Partido Galeguista, antre o exilio e o interior -que conducirá, morto Castelao, á ruptura dos do interior co Consello de Galiza, á auto-disolución do PG, á deriva anticomunista, e á sustitución do nacionalismo político polo "galeguismo" cultural -tal coma un malfadado retorno do síndrome dos anos vintes nun contexto diferente, mais con análogo destrago político para as urxencias da emancipación social e nacional do povo galego, ou sexa, a metafórica "ruda adversidade urxente" do verso pondalián que eu invocaría anos despois no frontispicio do Atraso.
Vai ser a primeira xeración moza posterior á guerra de España a que reate co activismo nacionalista na instancia política estrita, rematado o decenio dos cincuenta, coa convocatoria constituínte do Consello da Mocedade -por iniciativa, compre dicilo, do exilio, que envía a Moreda, e dos segmentos máis rotundamente nacionalistas, mesmo "arredistas", e de xinea marxista como, no interior, os "Brais Pinto". O proxecto latente consistiría nunha a xeito de frente ampla nacionalista e antifascista, con gravitación na esquerda, e máis emparentada co frentismo dos movementos de liberación nacional anticoloniais ca cos vellos frentepopulismos europeus de pre-guerra. Mais é tamén o intre en que emergulla -en boa medida como resposta a esa iniciativa- o deseño piñeirán de reproducir, no espazo "galeguista", o modelo dual socialdemócrata-democristián imperante na Europa oucidental -con exclusión, portanto, da esquerda marxista-comunista: diría eu que ven ser algo análogo ao esquema orixinario dos "dous mundos", só que invertido.
De xeito que o "piñeirismo" irrumpe no Consello da Mocedade -que fende nada máis nacer. A seguida, do proxecto inspirador do CdaM xurdirá a UPG, e o deseño piñeirán parirá o inicial PSG -a pata democristián nunca chegará a camiñar. A consecuencia será un "mundo" galeguista-nacionalista internamente esgazado, tanto no eixo da contradición nacional -nacionalismo estrito versus simples galeguismo federalista- canto no das contradicións de clase -marxismo-leninismo en clave "terceiromundista" versus socialdemocracia de caste europea. E, para máis, ausente no espazo social burgués e pequeno-burgués: a insensata liquidación do PG máis a inexistencia da pata democristián do deseño piñeirista hanlle custar caro á nación galega na "transición" postfranquista -frustrada a alternativa da "creba democrática".
No entanto, a forza da razón e as evidencias da realidade social galega suscitan no PSG unha evolución ideolóxica e unha correlativa corrección de rumo político que o conducen, a finais dos sesenta, a unha reformulación dos seus principios e máis á posta en común coa UPG dalgunhas teses diagnósticas cardinais encol da patoloxía colonial da nación galega e dos vieiros políticos para a sua liberación: o novo documento de principios do PSG e máis a declaración ou manifesto conxunto UPG-PSG marcan o inicio dunha nova etapa nas relacións antre esas duas forzas nacionalistas, e conteñen tácitamente as bases para a sua recíproca colaboración na andaina emancipadora do povo galego, cun reparto de roles complementarios tanto no escenário galego canto no estatal e no internacional. Ábrese así un proceso de vertebración do espazo nacionalista na esquerda, con actividade compartida ou combinada na frente cultural e nos movementos e plataformas cívicas e sociais, que desembocará na constitución do CFPG (Consello de Forzas Políticas Galegas) no horizonte da "creba democrática" co rexime franquista. Semella daquela que, no contexto desa "creba", a esquerda indíxena así artellada vaise abastar para abranguer o "mundo" nacionalista galego ao completo e garantir -en enunciado do CFPG- a "participación da nación galega nun pacto federal" constituinte, ex novo, dun Estado español plurinacional.
Mais seica os fados políticos non estaban polo labor. Na encrucillada estatal, a rupturista creba democrática popular foi sabotada polos celestiais poderes imperiais, atreizoada polos grandes partidos ao seu servizo, e suplantada polo menú precociñado da "reforma política" pactada co franquismo. E no ámbito doméstico galego, unha crise interna na cúpula da UPG saldouse coa defenestración do seu xa histórico líder Méndez Ferrin e a sua equipa, o ascenso ao poder dos malchamados "coroneles", e un brusco cambio de rumo na política de alianzas -que esnaquizou o CFPG. O modelo informalmente frentista que permitira artellar o nacionalismo de esquerdas foi sustituído, con algúns aditamentos ad hoc, polo do vello frentepopulismo comandado pola correspondente formación M-L coa esclusiva da sua direición ideolóxico-política -neste caso a UPG, claro é. E a estadea do ancestral ideoloxema dos "dous mundos" fixo a sua reaparición -nunha singular metamorfose. No eixo da custión nacional, só o da UPG era nacionalismo auténtico, só o da UPG era "patriótico". E no da custión de clase(s), só a UPG era esquerda real, só a UPG representaba ao proletariado. E nese "mundo" de duas dimensións, a U era o centro, coma o punto sobre o plano de Kandinsky: o espazo esterior a il, ou se sometía ao seu campo de gravitación, ou disiparíase transformado en póo cósmico. O PSG era "beirismo" seudonacionalista. O MCG españolismo seudomaoísta. E o resto, nada máis que amorfa "masa reacionária". É un dicir meu, a xeito de simplificación -se cadra abusiva, pero veraz. Como a caricatura, que non constitue un retrato, pro identifica á persoaxe -tal, por caso, os Cincuenta homes por dez reás de Castelao.
Rematada esa romería, pasado pola porta o sol da "creba" española sen entrar, no lusco-fusco da transición precociñada, o panorama do nacionalismo asemellábase ao dun arquipélago... gulag. Só o exercizo colectivo de xenerosidade e lucidez -e patriotismo, iste si- que permitíu fundar o BNG, ía reconstruir pontes antre as illas do arquipélago e re-artellar o esnaquizado "mundo" nacionalista nunha arquiteitura frentista de nova formulación -mais con raigañas nas orixes, aló polo ano setenta, cando da famosa declaración conxunta... UPG-PSG.
II. ... no actual nacionalismo galego (V)
Dicíavos o día pasado que o exercizo colectivo de xenerosidade e lucidez -e patriotismo- que enxendrou e paríu o BNG, no 1982, permitíu reconstruir e artellar o "mundo" nacionalista galego nunha arquiteitura frentista de nova formulación. Esa formulación concebía a frente como a estrutura global dun movemento emancipador que operaba acompasada e combinadamente en dous planos ou níveis: o da "sociedade civil" e o da "sociedade política" -no senso gramscián desas duas nocións. No primeiro operaba unha polimorfa rede de movementos e orgaizacións sociais e cívicas que constituían o centro de gravedade da arquiteitura frentista e os motores do proceso sociopolítico de emancipación nacional e social. O segundo era o campo de actuación da frente política no senso estrito, da orgaización responsábel de trasladar á instancia política o proxecto político do movemento emancipador: o BNG.
Permitídeme agora recurrir a unha imaxe sinxela -e portanto simplificadora. O plano desa arquiteitura frentista podería equipararse ao deseño dun leque aberto e despregado en círculo, cunha serie de segmentos dispostos radialmente, inanque con desiguais lonxitudes de arco. O leque no seu conxunto definiría o espazo abranguíbel polo "proxecto común" da frente -ou sexa, o proxecto de liberación nacional e social- tanto na dimensión sociolóxica canto na ideolóxico-política. Os distintos segmentos radiais dese abano identificarían as diferentes leituras do "proxecto común" aportadas polos diversos retrincos do tecido sociolóxico -dada a estrutura de clases sociais e grupos de estatus da nación- así como as, en principio correlativas, formulacións ideolóxico-políticas específicas -encarnadas en partidos e/ou colectivos integrados na frente. Mais todas elas converxerían cara o centro, definido polos principios fundacionais do BNG -os que, ademáis, identificarían por sí sós ao segmento máis amplo do leque: o da militancia non adscrita a ningún dos colectivos orgaizados existentes dentro da frente.
Porén, resulta evidente que, no límite, a apertura máxima do leque frentista nunca podería, nen teórica nen práticamente, completar o círculo: sempre ficarían fóra os segmentos sociais correspondentes ás oligarquías, á burguesía emisaria do poder colonial, aos inquilinos da rede institucional dese mesmo poder, e asimesmo os sectores ideolóxico-políticos reacionários e/ou irredutibelmente españolistas -é dicir, as estremas marcadas polos dous eixos de contradicións antagónicas, a nacional e a de clase, nun específico contexto de opresión colonial ou colonialismo "interno". Pero tamén resulta evidente que esa apertura máxima, de chegar a completarse, permitiría abranxer á imensa maioría social do povo galego, e en todo caso ao conxunto completo das suas "camadas populares", nunha alianza de clases vertebrada arredor do proceso de autodeterminación da nación galega.
En contraste con ese deseño -se me permitides abusar do recurso a imaxes sinxelas- o do "vello" frentepopulismo nacionalista operante no período da "transición" (en siglas: UPG-ANPG-BNPG) sería semellante a unha superposición de círculos concéntricos de diferente radio, que delimitarían espazos tanto máis próximos ao centro canto considerados máis conspicuamente aderidos e identificados co proxecto definido polo núcleo detentador do liderádego, tanto na dimensión da loita de clases canto na da liberación nacional-popular. E viceversa, claro é. Esas diferentes "distancias ao núcleo" marcarían, inevitábelmente, unha gradación de níves de confianza e fiabilidade dos sucesivos segmentos concéntricos, portanto unha xerarquización e en definitiva unha desigualdade interna de estatus na participación no proxecto e no seu proceso de execución.
O novo deseño do BNG permitía, ou millor dito propiciaba, e até en rigor requería, un artellamento democrático horizontal de iguais entre os diversos sectores sociais e ideolóxicos da frente, só modulado polo peso relativo en iniciativa ideolóxico-política e militancia de cada un diles -poisque a configuración dos órgaos internos a tódolos niveis, e máis os procesos de toma de decisións, non se operaban por cooptación entre os grupos orgaizados integrados na frente, senón por funcionamento asembleario da militancia do BNG como tal: iso daba lugar a unha democracia participativa directa ascendente -no canto dun "centralismo democrático" verticalmente dirixista- e máis a unha dialética de contraste plural de leituras, no marco dos principios fundacionais, finalmente converxentes nunha resultante de síntese na elaboración, desenvolvemento e concreción do "proxecto común". Por outra banda, a gama de segmentos do leque, radialmente orientados aos diferentes espazos captábeis para o proxecto frentista no universo socio-ideolóxico da nación, pero converxentes no espazo central dos principos básicos, arrequecía ese feitío plural e conferíalle ao conxunto, sen merma da sua consistencia medular, o potencial de penetración e difusión na sociedade necesario para camiñar cara a hexemonía: ou sexa -outravolta en termos gramsciáns invocados eiqui dias pasados- para se constituir nun "bloque histórico", motor e referente que suscita un "consentemento colectivo", unha asunción do seu proxecto alén os lindes do seu proprio espazo social e ideolóxico peculiar e xenuino. Noutras verbas: a antítese do esquema reducionista dos "dous mundos".
Mesmamente iso foi o que aconteceu ao longo de tres lustros, a dous niveis e en duas etapas. Na primeira delas -até o 1993- e a nivel interno, o bloque abríuse con novos segmentos engadidos aos fundacionais, é dicir, coa incorporación de grupos políticos inicialmente non integrados, até abranguer e artellar a cuase-totalidade do arquipélago nacionalista pre-existente nun amplo abano socio-ideolóxico co centro de gravedade na esquerda e no "soberanismo". Ao longo das duas, a nivel socio-político, a frente convirtiuse no catalizador de dous ámbitos combinados: o espazo social realmente democrático e o espazo cívico conscientemente galego. E a nivel socio-eleitoral, o leque ampliouse velozmente sen deixar espazo virtualmente ningún pola esquerda, a sua penetración no entramado social máis vivo e participativo do país deulle o liderado hexemónico no movemento asociativo, e o seu ascenso eleitoral tornouse mesmo vertixinoso até o remate do século nas diversas instancias da política institucional -maiormente na Cámara lexislativa galega e nos concellos, pro tamén nas Cortes do Estado e até, por sí só, no Parlamento da UE. No escenário galego, o BNG volveuse así o primordial motor protagonista da iniciativa política transformadora e emancipadora da nación, a forza política dotada de maior prestixio e credibilidade ética e ideolóxica, e pola mesma a máis respeitada pola opinión do común: convirtiuse en alternativa de poder para o goberno no marco institucional da autonomía galega.
Mais velaí que, nese intre, as tornas mudaron. Mudaron na contorna próxima e no contexto extra-nacional: a conversión do estado español nun "aznarato" -sarcásticamente bautismado así por J.L. Sampedro- cabeza de ponte do máis reacionario ultraliberalismo ianqui na Europa continental, e a correlativa cruzada do neofascista aznarismo contra as identidades e movementos políticos das nacións non españolas, exacerbada co belicismo xenófobo da banda de Bush a raíz do 11-S-2001. Mais, infortunadamente, mudaron tamén na dialética interna do BNG. Cóntovolo outro dia? -hoxe non vou poder... sen saírme da páxina.
II. ...no actual nacionalismo galego (e VI)
Na reviravolta do milenio -e non, abofé, por ningunha profecía milenarista- mudaron as tornas para o BNG no contexto externo -dicíavos "onte". Mais, infortunadamente, mudaron asimesmo na sua dialética interna -dicíavos tamén. Duas castes de frenómenos, ben diferentes inanque interactuantes, contribuiron primordialmente a esa mudanza interna -para mal. Os da primeira caste foron consecuencia do proprio éxito do BNG no eido da política institucional, é dicir, do seu veloz ascenso eleitoral, tanto nas institucións municipais canto na cámara lexislativa galega. En primeiro lugar, ese proceso sorbeu cada vez máis enerxías e efectivos humáns cara as funcións institucionais, en detrimento do traballo no seo da "sociedade civil" -poisque a militancia medraba proporcionalmente moito menos ca o apoio eleitoral e a correlativa presenza nas institucións políticas. Mais o tecido social era, por unha banda, o viveiro fornecedor de nova miliancia e, pola outra, a agra aberta para a proliferación do proxecto político estratéxico do nacionalismo, ou sexa, para o avance do proceso de emancipación social e nacional -que non cabía no corsé constitucional e estatutario. Eis, xa que logo, o primeiro problema a resolver: a prática institucional tornábase, a fortiori, "autonomista", mais compría que a loita política nas institucións autonómicas potenciase o avance no proxecto estratéxico que as transcendía, e para iso era preciso pór habelenciosamente ao seu servizo a praxe -discurso e acción- no marco institucional e revitalizar a rede de penetración social necesaria pra a sua difusión. Ora, mesmamente iso, a partir da revolta do milenio, deixouse progresivamente de o facer: a actividade política do BNG deu en escorar máis a cada pouco cara o costado dunha prática institucional autonomista e análoga á usual nos partidos convencionais, nunha deriva que o arredaba do roteiro marcado polo seu proxecto xenuino e da cidadanía máis ilusionadamente identificada con il.
Por outra banda -en segundo lugar- ese proceso eleitoralmente ascendente levara ao BNG a se convirtir en alternativa de governo autónomo -ao superar ao PSOE na cámara galega, no 1997- e a acceder ao governo de cinco das sete maiores cidades -nas municipais do 1999. Ese éxito municipal disque -ou considerouse que- situaba ao BNG na rampla de lanzamento cara a Xunta, mais en realidade esas novas responsabilidades institucionais púñano de imediato perante a coñecida disxuntiva de "xestionar" ou "transformar" o existente -ou acertar na acaída combinación deses dous elementos de oposta natureza, correlacionados respeitivamente coas constricións do marco institucional e as esixencias do proxecto político emancipador. E esa mesma disxuntiva -só que en termos de máis grave dificuldade- pairaba no horizonte, aberto polo famoso "sorpasso", de acceso ao governo autónomo. Ora, infelizmente, non foi ese problema, nen os seus derivados ou concatenados, o centro de gravedade da dialética interna suscitada pola nova posición do BNG no nível da política institucional. Foino a metamorfose do abano de diversas leituras converxentes do proxecto político da frente, ligadas polo principio sobranceiro da cooperación solidária na tarefa común, nun mosaico de desiguais campos de forzas en competición por acadaren cadansúas posicións proveitosas na agra institucional -e velaí a segunda caste de fenómenos causantes da referida mudanza interna... para mal.
Nesa metamorfose interna tivo un rol determinante a executoria do núcleo dirixente da UPG. En parte, coido eu, pola sua leitura pesimista do escenário político tanto intra coma extra-nacional -traducindo un comprensíbel "pesimismo da razón" nun improcedente "pesimismo da vontade"- e en parte, coido eu tamén, pola índole ideolóxico-política desa formación -unha deriva dos constructos M-L da que existen abondas mostras en diferentes contextos na historia do pasado século, na que a perda de referentes e o esluimento dos idearios matriciais confínannos na sua peculiar concepción dos aparellos de poder e o seu control, nunha sucesiva suplantación da clase revolucionaria polo seu partido, e diste pola sua cúpula. O primeiro factor conduciuna a unha estratexia defensiva de "terra queimada" e encastelamento nas cidadelas do territorio nacionalista, coa auto-proclamación como baluarte senlleiro do "patriotismo" dentro da frente e máis a conseguinte avaliación pexorativa do resto dos seus segmentos. O segundo impelíuna a tentar controlar o aparato orgaizativo da frente para acadar así o control da sua presencia e actuación na política institucional.
Esa tendencia, relativamente aletargada durante os felices anos de "viño e froles", reactivouse -"espertou do seu sono"- coa conversión do BNG en alternativa de governo galego, agudizouse co brusco salto adiante no poder municipal, exacerbouse co impacto da involución política no "aznarato" e no escenario internacional, e transformouse en ofensiva interna sen reparos após o fracaso do 2001 en chegarmos á Xunta. Semellante executória, desque foi percibida polos restantes grupos orgaizados dentro da frente, contribuíu a suscitar a metamorfose antes referida, que convirtiu aos máis diles -non todos- en cativos "lobies" ou grupos de presión en percura dun lugar ao sol da U, ou á contra dela -dinámica que ela soubo manexar con habelencia, compre dicilo, para os seus fins. O proceso así conducido lograría reconverter, subrepticiamente, o anovador deseño frentista en leque, xenuino do BNG, na sucesión de círculos concéntricos da vella xeometría frentepopulista precedente. Ou se cadra -coa inestimábel colaboración doutros grupos de cadros dirixentes- transformalo nalgo así como un partido proteiforme -en diversas "correntes" ou "sensibilidades"- con outro partido no seu núcleo -iste, en troques, fundido dunha peza en aceiro "corten". En calquera dos casos, reinstaurar o "centralismo democrático" vertical en sustitución da democracia participativa horizontal de base asemblearia, e a bisección asimérica en maioría e minorías no canto do pluralismo igualitario e operante por respeito recíproco e consenso. Non compre dicir que a metodoloxía seguida para lograr parella metamorfose resultou análoga, en principios e resultados, á famosa terapia aplicada polos médicos do antigo rexime aos pacientes afectados por doenzas infeciosas, que sangaban ao enfermo pra lle extraer os "humores pezoñentos" causantes das calenturas -e poucos sobrevivían a semellante tratamento, claro está. Non. Non riades, que o conto é triste, non si?.
De xeito que a estadea do ideoloxema dos "dous mundos" fixo outravolta reaparición. E nunha versión máis insidiosa e corrosiva, poisque operaba no interior do recinto da propria frente, corroía os vencellos da confianza recíproca indispensábel para manter a coesión entre os diversos sectores ideolóxicos, esmendrellaba o "proxecto común" e esgazaba o corpo militante en dous segmentos xerarquizados: o núcleo "patriótico" e "obreirista" constituído na sua cabeza, e o resto, progresivamente considerado e tratado como "fofo", inconsistente e só valedeiro para recibir, acatar e executar as direitrices e consignas transmitidas por un aparato verticalizado que a cabeza controlaba virtualmente en exclusiva. A supresión do dereito dos militantes de base a participaren direitamente, con voz e voto, nas asembleas nacionais da frente, púxolle o ramo ao proceso de de-construción do deseño fundacional do BNG baseado na democracia horizontal participativa -ou sexa, no principio da "fraternidade".
O resultado foi, claro está, o esclerosamento do sistema arterial do Bloque e a correlativa perda de criatividade e capacidade de liderádego ideolóxico, político e social verbo do común cidadán da nación. Fenómenos moi axiña traducidos na progresiva perda do prestixio e ascendente referencial sobre os espazos cívicos e sociais adxacentes ao eido soarengo do BNG -ou sexa, o máis preciado patrimonio acumulado nos tres lustros precedentes polo nacionalismo galego, a bagaxe máis valiosa para gavearmos no costento camiño cara a hexemonía. Alá vai a rebolos costa abaixo pola aba do monte, coma no mito de Sísifo. Mais non é mito, non hai meigallo. Hai teimudez sectaria, como a do Lassalle outrora denunciada por Marx, século e meio atrás. Hai, portanto, responsábeis, malia que eludan e enmascaren esa sua responsabilidade. Dos que, ensimesmados e ensoberbecidos, esqueceron que é o povo -galego- quen máis ordena. O povo, e non os seus pretensamente infalíbeis intérpretes omniscientes. Alá iles: non quixera eu estar no seu pelexo. Non, abofé.
Nenhum comentário:
Postar um comentário