Benqueridos e benqueridas amigos e amigas:
Os fillos e as fillas do cabo verde de Corrubedo facemos un chamamento desesperado para liberar a nosa costa das poutas das transnacionais fabricantes do peixe. Fixémolo hai anos para preservar os nosos montes de area, as nosas dunas. Fixémolo tamén para rematar? e abofé que rematamos? cos vertidos incontrolados e contaminantes dunha conserveira e fixémolo incluso o ano pasado para liberarnos da primeira ameaza das macropiscifactorías en zona protexida, na alma acantilada do país noso. E facémolo de novo, hoxe e agora que pretenden castigar á nosa costa, a mesma que nós, fillos e fillas do cabo, fillos e fillas de Galiza, conservamos dende sempre sen unha soa agresión nin urbanística nin industrial. Unha piscifactoría, fábrica de peixes ao cabo, de 308.000 metros cadrados en territorio virxe é o noso premio por conservar, o castigo a ese cabo do mundo ao que só chegan os salseiros do mar. Corrubedo é aínda Terra Liberada. É xusto que á nosa terra liberada, ao noso litoral incólume, veña agora o poder dunha empresa para exercer o castigo da destrución?
Dende aquí, dende o cabo liberado de Corrubedo, pedimos a intelectuais e artistas o seu apoio, a penas un parágrafo asinado que poidamos empregar para continuar coa nosa presión mediática e social? pois é o único que entenden?, sen ningunha pretensión nin política nin doutro tipo, tan só polo amor á terra. Sondes intelectuais, artistas, actores e actrices, pintores e pintoras, escritores e escritoras?, e o voso traballo, para ben ou para mal, é ou será ao cabo patrimonio de todos e todas as galegas. É por iso que levades nos miolos unha arma invencíbel, as verbas da terra nosa. Tan só é iso o que vos pedimos, un compromiso máis.
Se concordades coa nosa defensa da terra, podedes enviar a vosa mensaxe respostando a esta mesma (corrubedo@altermundo.org). As vosas verbas serán empregadas como arma pola Plataforma Medioambiental de Corrubedo, que as publicará en internet (www.altermundo.org) a partir da vindeira semana, e as remitirá puntualmente á prensa. Un miúdo esforzo por unha causa grande como o mar de Corrubedo!
CORRUBEDO, TERRA LIBERADA!
Nenhum comentário:
Postar um comentário