Non podemos cometer o erro de pretender pasar o trago cunha asemblea de trámite, facer a política do avestruz e agardar tempos mellores. Sería o suicidio do BNG único "aparato de estado" co que conta o País para defenderse e dunha miopía histórica.
Trataríase de rexenerar ao BNG, convertelo de novo no proxecto común do nacionalismo, plural e cooperante, en troques dunha plataforma electoral ao ditado dun partido político que é no que sensiblemente hoxe se ten convertido, e que ven de mostrar incluso a súa ineficacia para recadar votos.
Hai que recuperar a confianza de todo o BNG máis aló de maiorías trucadas e mecanicistas, só posíbeis na pasividade de moita militancia e polo control dunha burocracia ao servizo dun lobby, para recuperar a operatividade social do nacionalismo.
É preciso reconectar o BNG con toda esa actividade social, máis ou menos conformada en plataformas, asociacións, actividades, etc... que tradicionalmente sintonizou con nós e que hoxe nos deu as costas en parte.
Hai unha dirección responsábel da política decidida e practicada polo BNG e esa responsabilidade debe ser asumida colectivamente cara fora e sen paliativos. É evidente que hai moitos factores externos que determinan, condicionan e en última instancia sancionan determinados procesos electorais, podemos estar de acordo en moitos deles, pero o que é fundamental e poñérmonos de acordo na análise, diagnóstico e medidas a tomar de índole interna que son os factores que dependen so de nós.
Por iso acordamos facer público e trasladar ao BNG a seguinte proposta:
- Esixencia da dimisión Dirección Executiva como responsábel da estratexia que afastou ao BNG das súas bases. Non é o momento de falar de novo candidato.
- Convocar xa unha Asemblea Nacional ordinaria sen delegados para redeseñar a política estratéxica do BNG recuperando o proxecto fundacional e o proxecto común no que non sobran nin os excluíntes. Creación dunha Dirección Executiva Provisoria só para cuestións de gobernación ordinaria do BNG e para garantir a neutralidade do "aparato" na a preparación da Asemblea.
- Pedir desculpas aos movementos sociais aos que o BNG deu as costas nos últimos anos e abrir unha nova etapa de colaboración.
Coordenadora do Encontro Irmandiño
Galiza, 3 de Marzo de 2008
Galiza, 3 de Marzo de 2008
Nenhum comentário:
Postar um comentário