03/04/2009

Proposta de documento político para a Asemblea Extraordinaria do BNG

1.- A CONXUNTURA POLÍTICA
1.1.- Avaliación dos resultados electorais das Autonómicas de 2009 e conclusións.
3.4.- Importancia das eleccións municipais de 2011.
1.2.- A españolización do marco político: recentralización e ideoloxía antinacionalista.
1.3.- O nacionalismo e cambio de modelo socioeconómico, político, cultural e lingüístico no Estado.
1.4.- Optimizar a potencialidade social do nacionalismo na Galiza.
2.- PERFIL E OBXECTIVOS POLÍTICOS DO BNG
2.1.- Actores e destinatarios da alternativa nacionalista na Galiza
2.2.- A colaboración entre as organizacións do campo nacionalista e os obxectivos comúns.
2.3.- O BNG como forza de oposición social e institucional ao PP na Galiza.
2.4.- Democracia e pluralismo no Estado.
2.5.- A relevancia política da presenza do BNG nas Cortes Xerais.
3.- ACTUACIÓN MUNICIPAL, PRESENZA SOCIAL E DEFENSA DOS INTERESES COLECTIVOS.
3.1.- Presenza do BNG nos Gobernos municipais: Acordos programáticos e formas de actuación.
3.2.- O BNG como forza de oposición nos concellos.
3.3.- Por un modelo de política municipal nacional.
4.- PRINCIPIOS POLÍTICOS DO NACIONALISMO E FUNCIONAMENTO DO BNG UNIDADE, PLURALISMO, LEALDADE E OPERATIVIDADE.


1.- A CONXUNTURA POLÍTICA
1.1.- Avaliación dos resultados electorais das Autonómicas de 2009 e conclusións.
As eleccións non son o único termómetro para medir a temperatura da nosa sociedade mais si proporcionan unha información relevante a respecto da evolución do estado de opinión dos distintos segmentos sociais e da capacidade das forzas políticas para sintonizar cos desexos e apreciacións presentes no tecido social. Certamente, non fomos quen de analizar adecuadamente as perdas rexistradas pola nosa organización no 2001 (49.000 votos e 1 deputada) e no 2005 (34.000 votos e 4 deputados) para coñecer os motivos singulares que explicaban a transferencia dese volume de votantes. A perda de algo máis de 41.000 votos e 1 deputado no 2009, ficando nos 270.000 apoios, obrigan a unha análise demorada. Debe terse en conta ademáis que os resultados electorais das autonómicas 2009 prodúcense despois da chegada do nacionalismo á Xunta por primeira vez na historia, polo cal na avaliación dos resultados electorais debe incluírse tamén o da propia acción de goberno desenvolvida polo BNG.
Os resultados electorais son obxectivamente negativos para o BNG, supoñendo un fracaso a respecto dos obxectivos marcados, tanto no que ten a ver coa perda de apoios como no relativo ao retorno do PP ao Goberno.
Así, o nacionalismo non consegue tirar réditos positivos da súa primeira experiencia no Goberno galego.
A nosa presenza no mesmo puido, nalgún aspecto, desfigurar a nosa imaxe diante dalgúns sectores dinámicos e transformadores mais tamén é certo que evidenciou a nosa vontade de tomar decisións orientadas estratexicamente cara un cambio real na Galiza. A esto uniuse algunha incogruencia do noso discurso nacionalista e transformador, cuestión que produciu confusión nos destinatarios das mensaxes e, ao cabo, incomunicación coas clases e sectores sociais aos que se dirixe o discurso do BNG.
Pódese afirmar que o PP logrou mobilizar á maioría do seu electorado potencial a través dunha campaña con forte implicación de medios estatais e concibida como o primeiro paso para a conquista da Moncloa.
A chave do seu éxito estribou na desmobilización dos votantes do PSOE e, sobre todo, do BNG a través dunha campaña demagóxica e, valoracións éticas á parte, eficaz en liña co que vén sendo a súa estratexia desde a perda do goberno español en 2004: utilización dos seus potentes instrumentos mediáticos para criar axenda e, sobre todo, elementos de posicionamiento social cargados de potencialidade mobilizadora.
Mais unha tal campaña non tería producido a perda de apoios para o BNG de non concorreren outras circunstancias que cumpre analisar demorada e rigorosamente, a fin de tirar conclusións operativas perante a nova situación que o nacionalismo vai ter que enfrontar nos próximos anos.
A tal fin é preciso ter presente os seguintes factores:
  1. Fraxilidade do nacionalismo, tanto no plano organizativo como no referente á vulnerabilidade ideolóxica da súa base electoral: Ao BNG fíxolle máis dano a falsa percepción instalada polo PP e algúns medios de comunicación de que practicamos políticas de imposición idiomática que o feito de que os avances en materia de normalización lingüística que houbo nesta lexislatura fosen moi cativos. Tamén callou a percepción nalgúns sectores de que “os do BNG son iguais que os outros” e na desafección que isto conlevou, influíron máis as campañas de desprestixio dalgúns medios (precisamente provocadas por non ter actuado “como os outros”) que aos erros propios, sen dúbida cometidos.
  2. Avanzo do proceso españolizador, nomeadamente nos ámbitos urbanos, co amparo de importantes poderes económicos e mediáticos, baixo a cobertura ideolóxico-política do Partido Popular e cunha campaña electoral -e precampaña- absolutamente agresiva co nacionalismo.
  3. Crise do modelo neoliberal, cun impacto tremendo en amplos sectores da cidadanía, con importantes repercusións sociais na Galiza, que leva a unha parte da sociedade a non acreditar nas alternativas políticas e si a entender as proclamas populistas como solución aos seus problemas. Nesta contexto o BNG non foi capaz de conseguir facer chegar as súas alternativas a unha maioría da sociedade e que se visualizase así un proxecto alternativo e atraínte.
  4. Fracasamos na tarefa de ampliar a nosa base electoral nalgúns dos territorios sociais hexemonizados tradicionalmente polo PP sen perder, ao mesmo tempo, o apoio de sectores que conformaban habitualmente o noso electorado. Ademais de sobrevalorar as nosas posibilidades de sintonía con aqueles votantes que se viñan mostrando máis proclives a dar o seu respaldo aos partidos do goberno por riba doutras consideracións, non acertamos a deseñar un conxunto de medidas, explicacións e interlocucións que permitiran dar satisfacción aos segmentos que demandaban un cambio fondo e rápido nos contidos e nas formas de facer política dende a Xunta.
  5. Dentro dunha acción de goberno –nas áreas nacionalistas- globalmente positiva para o país, mesmo con actuacións estruturais de singular dimensión política e social, déronse desacertos importantes, que provocaron desmotivación en sectores tradicionalmente afíns ao BNG, que teñen a ver con actitudes incorrectas na transmisión de determinadas medidas, co exceso de apariencia continuista fronte ao contido, ou con desaxustes na relación entre o BNG no Goberno, o BNG na organización, e o BNG na sociedade.
  6. Dialéctica política intragoberno fundamentada na intención do PSOE de fagocitar e anular ao BNG. Foi posíbel, contodo, marcar un espazo propio nacionalista socialmente visíbel, mais cunha percepción social, alimentada polo PP, de división gubernamental.
  7. Desacertada política de relación cos meios de comunicación, públicos e privados.

1. 2.- A españolización do marco político: recentralización e ideoloxía antinacionalista.
Desde o Goberno español, moitos medios de comunicación, forzas políticas de ámbito estatal, ou grandes corporacións económicas colaboran de xeito desinhibido na negación de dereitos democráticos na Galiza, como os lingüísticos. Non só se ataca o nacionalismo como unha opción electoral máis, senón como a expresión política da vontade libre do pobo galego. En realidade, os ataques ao BNG teñen a súa razón de ser na visión intolerante e antidemocrática que sustenta a estrutura unitaria do Estado español. Incomoda a existencia dunha lingua diferente á española, dunha cultura singular, dunha historia autónoma, ou de referentes psicosociais propios. En definitiva, o problema é a nosa mera existencia como pobo diferenciado, como nación.
Por tanto, a españolización non só procura a anulación do pobo galego como comunidade humana diferenciada, mais tamén (e ese mesmo proceso facilítao) a recentralización do poder político, reducindo a marxe do xa cativo e aparente autogoberno, mesmo do punto de vista meramente administrativo.
É evidente que este esquema resulta especialmente valioso para poderosos intereses económicos e as súas terminais mediáticas que precisan dunha Galiza submetida como mellor método para seguir tirando lucro económico.
O reforzamento do aparello do Estado, a recentralización da súa intervención política e económica e o combate contra dos nacionalismos, especialmente dos periféricos como o galego, atopa nunha situación de crise estrutural como a actual o substrato ideal axeitado sobre o que asentar dito discurso.
A lingua non é, neste contexto, un compartimento estanco. Moi pola contra, e máis na Galiza, lingua, economía e sociedade compartillan a mesma sorte. A defensa da lingua conleva a aposta pola nación no seu conxunto. Tamén porque se corresponde cunha concepción da Galiza desacomplexada e digna, coa autoestima colectiva. E recíprocamente, a má saúde económica e social, a falta de futuro colectivo, repercute na involución lingüística.

1. 3.- O nacionalismo e cambio de modelo socioeconómico, político, cultural e lingüístico no Estado.
Por unha alternativa democrática, popular e galega á crise económica do modelo capitalista neoliberal.
A crise que estamos a atravesar non é unha crise cíclica máis: é a crise do modelo neoliberal praticado, con escasas diferenzas, polos distintos gobernos estatais e erixido en doutrina oficial da Unión Europea e dos organismos económicos internacionais que, incapaces de prever e previr a crise, teiman agora nas vellas receitas –recortes sociais, precarización laboral, privatización de recursos e servizos públicos– esquecéndoas apenas cando de salvar as entidades financeiras se trata. Trátase dun modelo social que eleva o individualismo egoísta á categoría central da organización da sociedade e propaga un economicismo extremo que pon o mercado e o beneficio por riba da sociedade, por riba da cohesión social, da calidade de vida e da saúde das persoas; un produtivismo que se impón máis alá dos límites ecolóxicos dunha natureza tensionada ao extremo. En definitiva, o neoliberalismo está nas antípodas dos principios ideolóxicos do BNG.
Na Galiza coñecemos de vello as consecuencias destas políticas: a desigualdade, a precariedade, a reconversión e o submetemento dos nosos sectores produtivos –a pesca, o agro ou a construción naval- a deseños foráneos contrarios aos nosos intereses. Por iso o nacionalismo galego sempre cuestionou a viabilidade de modelos económicos baseados na especulación e na depredación dos recursos naturais, na precariedade laboral e nos baixos salarios defendendo, fronte aos partidos estatais, o dereito de Galiza a formular e executar as súas proprias estratexias de desenvolvemento. Son precisamente as clases populares as que están a sufrir a crise do modelo neoliberal con maior intensidade. O desemprego para os traballadores e a asfixia para a pequena e a mediana empresa produtivas son o escenario que depara a estes sectores unha crise producida por receitas que foron aplicadas con distintos matices polos sucesivos gobernos españois nas últimas décadas. E sabemos tamén que este modelo neoliberal vai da mán, e non por acaso, da negación do poder de decisión e do ataque ás bases lingüísticas e culturais de países como o noso e, en xeral, da degradación da democracia. E é precisamente aí onde o nacionalismo galego debe intervir, traballando na construción dunha alternativa verosímil e viábel a esta situación de crise sistémica, fuxindo da abstracción e adaptada á singularidade e ás potencialidades da nosa realidade nacional.
Obviamente, non é esta a intención do Goberno español. Nin dos poderes económicos que o sustentan ou do envoltorio ideolóxico que lle dá sentido. Moi pola contra, tratan de manter, ou no mellor caso “refundar” un sistema capitalista que é precisamente o que provoca a desigualdade, a discriminación e a explotación dos pobos, das clases traballadoras, e de amplas capas populares. No futuro inmediato todo apunta a un empeoramento que se verá aínda agravado polas políticas que veñen anunciando dende a dereita e o capital especulativo, co seu discurso de privatizacións a esgalla e medidas de apoio ao capital en detrimento das condicións de vida e de traballo da maioría da cidadanía. O BNG debe estar preparado para esa circunstancia, para o cal tamén resulta imprescindíbel a recuperación e intensificación das relacións fraternas con aquelas organizacións e entidades que comparten o mesmo espazo de discurso e proxecto transformador e alternativo.
No combate contra a crise económica o nacionalismo debe, pois, relacionar ambas as dúas cuestións: formular alternativas económicas que respondan aos intereses e ás demandas da maioría social e, apartir delas, ilustrar pedagoxicamente a necesidade de alargarmos o noso autogoberno, afondar na democracia e defendermos a nosa identidade cultural e lingüística. Xa que logo, non só debemos facer unha aposta firme por unha economía produtiva fronte ao paradigma especulativo, tamén por un modelo de sociedade onde os dereitos sociais –ao ensino, á vivenda, ao traballo, a unha vellice digna, etc. - non estexan regulados polo mercado, senón que sexan garantidos polos poderes públicos.

1. 4.- Optimizar a potencialidade social do nacionalismo na Galiza.
O nacionalismo é hoxe unha realidade asentada socialmente na Galiza, referencial para unha parte importante dos sectores máis dinámicos e comprometidos da nosa sociedade, e cunha capacidade de mobilización social, de influencia ideolóxica e iniciativa política contrastábel, en moitos casos por enriba da adhesión electoral. Posuíndo ademais unha presenza institucional non desdeñábel, unha estrutura territorial mellorábel, mais consolidada, e un importante activismo social na súa militancia. Desde a perspectiva do fortalecemento do nacionalismo e do avance do autogoberno nacional, o BNG vai realizar unha análise especial sobre a estrutura socioeconómica de Galiza despois das fondas mudanzas sofridas nas últimas décadas.
O nacionalismo galego debe aproveitar todos os resortes ao seu alcance para criar as condicións que permitan o seu avanzo e consolidación social. Convertermos o BNG nunha organización da masas: alargamento da militancia e fidelización dos simpatizantes, envolvéndoos activamente na vida organizativa e na acción política do BNG estabelecendo, a tal fin, novas vías de participación.
A organización é un elemento chave, indispensábel, para a consecución dese obxectivo. Priorizar, por tanto, a posta en marcha de medidas que permitan acadar un corpo militante formado, informado, coherente e ben organizado, con estruturas territoriais e sectoriais con funcionamento regular, e con vinculación e incidencia na representación institucional, que posibiliten o aproveitamento máximo do imenso potencial que posuímos, debe ser un obxectivo preferente para o BNG.


2.- PERFIL E OBXECTIVOS POLÍTICOS DO BNG
2.1.- Actores e destinatarios da alternativa nacionalista na Galiza
O BNG, como organización nacionalista, representa unha alternativa de transformación socioeconómica, política, cultural e lingüística de Galiza. Como tal, o BNG aspira a representar todo o amplo espectro social que posúe un certo sentido de país, facendo avanzar o movemento nacionalista na Galiza, nas actuais circunstancias, como forza de oposición fronte ao PP. Asemade aspira a ser visualizado, a cada paso de forma máis nidia, como única posibilidade de cambio real positivo para Galiza, pola maioría da sociedade.
Hai sectores que participan ideolóxica e materialmente dun modelo de Estado español desigual e contrario ao pluralismo nacional, aqueles que están máis vinculados con empresas multinacionais de distintos ámbitos -desde o enerxético até o mediático- cuxa razón social está residenciada en Madrid.
Eses sectores contan ademais coa complicidade de poderes mediáticos de titularidade galega que, pese a non teren vinculación formal con matrices españolas, defenden vicariamente o modelo recentralizador español para Galiza por considerar que unha Galiza dependente e atrasada é a mellor garantía da perpetuación do seu dominio.
A poboación galega, en xeral, debe ser a destinataria da acción política do BNG. Pero neste contexto de dinámica continuada de anos en que perdemos apoios da poboación urbana e nova, deben ser estes segmentos centro de especial atención, revisando no necesario as liñas de actuación e mesmo o xeito de estruturarnos territorialmente para adaptarnos ás novas realidades urbanas ou do funcionamento de Galiza Nova, na procura de máis protagonismo da mocidade na liña de actuación do BNG.
A nosa presenza no Goberno demostrounos que o nacionalismo galego ten a súa razón de ser nas potencialidades das clases traballadoras e da pequena e mediana burguesía vinculada á economía produtiva. As clases sociais que crían riqueza e que poden estar obxectivamente interesadas na existencia dun marco político galego de decisión son as proclives a comprender a necesidade do nacionalismo e as que poden facer que avance, aquí e agora. Sen arroupe das clases populares ningún proceso de emancipación nacional e social é posíbel. Tampouco o é ningún proceso de consolidación do nacionalismo desde o Goberno. O BNG debe ter unha relación diplomática e correcta con todos os axentes sociais, mais debe deixar patente cales son os destinatarios fundamentais da súa política.
Isto é básico para que o nacionalismo político estea sempre arroupado polo nacionalismo social.
Temos xa detrás un longo percorrido; debemos tirar conclusións da nosa experiencia e asumir a nosa actuación futura con realismo e coa convición da necesidade e utilidade do nacionalismo galego, como instrumento insustituíbel para mudar o papel da Galiza no Estado español, para desenvolver as nosas potencialidades como pobo e para contribuír a unha orientación internacionalista do marco europeo e do mundo. Un verdadeiro autogoberno, con capacidade e competencias reais, realmente responsábel, é unha das condicións prioritarias para o desenvolvemento produtivo do país e para a súa vertebración.
Polo tanto, a alternativa nacionalista significa mellorar as condicións de vida desde a auto-estima e a confianza nas nosas posibilidades e capacidades como pobo. O labor social e institucional do BNG debe estar orientado a estes fins. Actuando sempre no seo da sociedade, traballando na súa vertebración, o obxectivo político último será facer aboiar a maior consciencia nacional, estimulando a confianza na capacidade do pobo galego e transformando o sentimento en identificación e práctica político-social.

2. 2.- A colaboración entre as organizacións do campo nacionalista e os obxectivos comúns.
A partires da base social tradicionalmente identificada co proxecto nacionalista debe ser obxectivo do BNG aumentar o ámbito de incidencia deste proxecto. A ampliación do mesmo non virá da man de sectores sociais que teñen uns intereses e/ou unha ideoloxía contraditoria coa base social máis firme do nacionalismo. Por esa razón o BNG debe identificar con claridade os trazos definitorios da súa base social ao redor da que pivota o noso proxecto para, a partir de aí, definir a estratexia de ampliación e alargamento da base social organizada ou organizábel.
O Bloque Nacionalista Galego comparte con outras organizacións sindicais e sociais principios comúns por estaren situadas tamén no ámbito do nacionalismo, particularmente o da autoorganización no marco da nación galega.
Especial interese ten a relación do BNG coas organizacións sindicais, socio-profisionais, empresariais, culturais e ecoloxistas que teñan Galiza como marco de actuación e/ou unha orientación nacionalista.
A colaboración e coordinación con elas contribúe á conquista de melloras laborais e sociais, á defensa dos servizos públicos, ao impulso da economía produtiva, á esixencia de medidas gobernativas para confrontar a crise económica do punto de vista dos intereses maioritarios, ao coñecemento e posta en valor da nosa cultura e do noso patrimonio natural, ao impulso dos procesos de normalización de usos do galego. En definitiva, a crear a atmosfera de responsabilidade e confianza na nosa capacidade, que é o que axuda a espallar a conciencia nacional galega.
O BNG estabelecerá unha relación fluída e constante cos movementos sociais vencellados ao nacionalismo. O obxectivo será chegar a posicionamentos e reivindicacións comúns sempre que sexa posíbel. Consultarase a súa opinión para definir estratexias e o BNG oferecerase de canle transmisora nas institucións, de compartillar a análise, loitando por abrir espazos para que as súas reivindicacións sexan escoitadas e defendidas.
A experiencia do goberno obríganos a traballar a prol dunha mellor e máis eficaz relación coas organizacións sociais do nacionalismo, tecendo obxectivos e articulando estratexias comúns.
A relación debe fundarse en dous principios complementares:
  • Dunha banda, a autonomía e a correlativa especialización de cadansúa organización e do propio BNG no ámbito que lles é propio.
  • Da outra, a consciencia de facermos parte todos do movemento nacionalista e de sermos todos corresponsábeis do seu avanzo social.
Para o avanzo do noso proxecto é preciso o suporte das organizacións sociais e sindicais.
A relación debe ser sempre en mutuo beneficio e debe intensificarse.
Deben mesmo institucionalizarse ámbitos simbólicos comúns (por exemplo, mitins, xornadas organizadas conxuntamente, …).
As organizacións sociais do movemento nacionalista deben entender que sen referente político o proxecto nacionalista non é viábel e, ao mesmo tempo, o proxecto político debe entender que sen referentes sociais non é posíbel o progreso dunha alternativa como a nosa.

2.3.- O BNG como forza de oposición social e institucional ao PP na Galiza.
O BNG asume o compromiso, nesta nova situación, de realizar, en consonancia coa súa alternativa política, unha oposición firme contra as políticas que a dereita española está empeñada en aplicar desde o Goberno galego. Ábrese un tempo político no que previsibelmente a dereita vai endurecer as medidas represivas contra as liberdades colectivas e contra todos os sinais da identidade propios da nosa nación.
O españolismo vai encentar un proceso de poda das ponlas que sustentan o proxecto emancipador galego. O PP representa:
  1. converter o goberno galego nunha sucursal das estratexias do PP español, decididas na súa sede de Madrid.
  2. instrumentalizar Galiza para servir ao seu obxectivo de conquistar o goberno do Estado.
  3. destruír o as políticas iniciadas polo nacionalismo desde a Xunta, na medida en que ían encamiñadas a unha mudanza social e económica e á autoestima colectiva.
  4. política de privatizacións de servizos públicos e incapacidade para optar por unha economía non especulativa.
  5. parálise e involución no proceso normalizador do noso idioma.
  6. secundarización e marxinación das nosas manifestacións culturais.
  7. confesionalidade relixiosa.
  8. parálise no avance do autogoberno.
A oposición a esta política, para ser eficaz, necesita de aliados sociais, de cobertura na base, de compromisos e mobilizacións das maiorías sociais afectadas. O noso labor de oposición debe ter os seguintes obxectivos: Por unha banda, defender as medidas tomadas polo goberno bipartito en favor do benestar social e da nosa identidade lingüística e cultural.
Pola outra; acompañar aos sectores sociais que padecen os efectos da crise económica; asumir a defensa incondicional de todas as medidas que promovan o mantemento e ampliación das redes públicas de protección dos dereitos laborais e sociais; afondar na elaboración de propostas alternativas á lóxica económica dominante que permitan ir abrindo novas dinámicas de acumulación de forzas en favor dun modelo diferente de creación e distribución da riqueza.
O BNG, como forza de oposición social e institucional ao PP na Galiza, debe situarse na cabeza visíbel dunha ampla mobilización a prol dos intereses populares de Galiza, retomando o papel didáctico e pedagóxico que a historia do nacionalismo ten reservado para a creación de conciencia nacional, antepoñendo os dereitos colectivos fronte ao interese das forzas concentradoras de capital-poder e acentuando unha defensa fechada daqueles sinais de identidade propia como a cultura e a lingua, que teñen ante si nos próximos tempos perigos de deturpación e musealización.
O nacionalismo galego ten que ser vangarda na oposición destinada a desvendar o verdadeiro significado da política do PP. Debe servirnos para o avance social dos postulados nacionalistas. O BNG, con realismo, aspira a ser unha forza política máis introducida socialmente e con máis capacidade de determinar a política galega. O nacionalismo galego é a antítese do que o PP representa como alternativa reaccionaria e anti-nacionalista. A introdución do nacionalismo na base popular do PP ten que vir a través dos conflitos sociais que a afecten, actuando de forma que contribúa a un cambio de mentalidade.
Só a iniciativa, e a atención aos problemas do país, pode permitirnos criar unha dialéctica política na Galiza que non sexa unha mera trasposición da política española.
Malia que BNG e PSOE representamos non só dous proxectos políticos distintos mais tamén dúas formas de concibir Galiza e de actuación política, procuraremos acordos tácticos no ámbito institucional co PSOE para favorecer coincidencias na acción e dinámicas propias das necesidades de Galiza. A visualización dunha alternativa democrática ao PP debe conlevar unha dialéctica política propia de Galiza.

2.4.- Democracia e pluralismo no Estado.
O modelo bipartidista antítese da alternativa nacionalista, da democracia, do pluralismo e dun modelo económico-social, político-cultural e lingüístico alternativo. Actualmente o chamado Estado das autonomías está ancorado, sen saír dunha descentralización burocrático-administrativa, expresando a incapacidade de evoluír cara un estado plurinacional pola cerrazón e hostilidade dos poderes hexemónicos, desde os económicos e mediáticos aos políticos e ideolóxico-culturais. O proceso seguido polo Estatuto vasco, primeiro, mesmo coa negativa das Cortes á súa admisión a trámite, e o do Estatut catalán, á espera da sentenza do Tribunal Constitucional, cos máis que probábeis recortes, após pasar pola peneira das Cortes españolas e ser aprobado en referendo polo pobo catalán, evidencia as limitacións do actual marco autonómico e constitucional para unha transformación democrática do Estado español.
O modelo bipartidista estatal é refractario a esta democratización, igual que o é ao respecto polo pluralismo político, que paradoxalmente é un valor constitucional. Coa actual configuración do Estado, as alternancias no Goberno se producen entre as dúas ponlas do bipartidismo, ambas, malia os matices de importancia, contrarias a calquera cambio cualitativo na súa configuración.
Os nacionalismos son no Estado a antítese do modelo bipartidista, a expresión máis xenuína do pluralismo político e asemade simbolizan a posibilidade de configurar poderes e tendencias (económicos, mediáticos, culturais, lingüísticos, marcos de decisión e auto-organización…) a través dos gobernos autonómicos, que entran en contradición cos hexemónicos a nivel estatal.
A democracia, o pluralismo, o anti-monopolismo, a diversidade cultural e lingüística dependen, en grande maneira, da vitalidade dos movementos nacionalistas no Estado. A dereita española, representada polo PP, ten abrazado con entusiasmo a causa do combate contra o nacionalismo en nome da españolidade e dunha concepción da democracia destrutiva coa expresión do pluralismo político, consoante coa súa vocación hexemonista e autoritaria. A esquerda española mantén unha postura errática, confusa, moitas veces seguidista, puramente tacticista e, no fondo, conivente coa tese de que os nacionalismos deben ser reducidos ou eliminados do cenario político. O aparente cambio operado na primeira lexislatura do Goberno Zapatero, que anunciaba un debate máis aberto e posibilista sobre o avance no autogoberno das nacións, semella agora paralizado.
O bipartidismo é o reflexo dun modelo socioeconómico profundamente inxusto e que se caracteriza por un altísima concentración do poder político, económico, mediático e financeiro nunhas elites cada vez máis minoritarias.
Non podemos caer no erro de sustentarmos a teses de que as dúas patas do bipartidismo son intercambiábeis, pero o que si debemos é denunciar como antidemocrática a súa entente sobre os asuntos esenciais da política estatal e nomeadamente a súa determinación por ir estendendo a súa hexemonía a todos os territorios do Estado.
Enfrontar o bipartidismo require promover unha reforma no Estado. É preciso estreitarmos as alianzas políticas cos outros referentes nacionalistas e procurar neste sentido o alargamento de Galeuscat ao conxunto do nacionalismo político operante no Estado.
O nacionalismo debe actuar cun maior grao de coordinación na defensa do mínimo común denominador: a) a plurinacionalidade; b) o dereito de todos os territorios do Estado a formular un modelo de desenvolvemento económico autocentrado; c) estabelecer un novo sistema de financiamento autonómico que remate coa incongruencia de que se descentralicen os gastos, pero non os ingresos.

2.5.-A relevancia política da presenza do BNG nas Cortes Xerais.
A presenza de Galiza desde 1996 no cenario da política estatal condicionou a estratexia dos partidos españois, e mesmo o BNG chegou a condicionar a política práctica do Goberno español respecto do noso país. Sen dúbida, cando o BNG foi necesario para conformar maiorías parlamentares de apoio ao Goberno, puidemos negociar acordos claramente beneficiosos para o país. Podemos afirmar que houbo un cambio de posición, no aspecto cuantitativo, do Goberno do Estado respecto de Galiza grazas ao BNG, especialmente evidente nos Orzamentos desde 2006 até hoxe.
Porén, a presenza nas Cortes ten un valor altamente simbólico tamén. Quen non ten alí presenza case que non existe no escenario político. Significa, ademais, que hai vontade de existencia como nación e dignidade nacional con capacidade para expresarse no contexto estatal. Na nova situación, con Goberno PP na Galiza, e un PSOE no Estado escorado cara posicións pactistas (situación en Euskadi) e recuando na súas posicións democráticas, errático perante a crise económica, o BNG ten que redefinir e matizar máis a súa actuación nas Cortes. O BNG ten que manter un perfil claro fronte á crise desde a diferenza de ser unha forza política galega e popular. Debe ao mesmo tempo seguir mantendo a dispoñibilidade a acordos pontoais co Goberno español en beneficio de Galiza, de forma que non poidan ser instrumentalizados 1 ou manipulados polo Goberno PP.
O BNG manterase como unha forza de oposición con suficiente intelixencia para chegar a acordos puntuais co Goberno ou coas outras forzas de oposición. En todo caso, o BNG denunciará sempre a demagoxia e o oportunismo políticos do Partido Popular, evitando facerlle o xogo na súa estratexia de acceso ao poder no estado.
Por último, a actividade parlamentar intensa e en conexión coa sociedade debe seguir caracterizando a presenza do BNG nas Cortes, hoxe máis crucial que nunca.


3. ACTUACIÓN MUNICIPAL, PRESENZA SOCIAL E DEFENSA DOS INTERESES COLECTIVOS. AUMENTAR A BASE SOCIAL ORGANIZADA DO BNG EN TODO O PAÍS.
A implantación social do BNG, a ampliación da súa base social e da militancia, a integración na vida política interna da afiliación, ten na nosa organización unha relación moi forte coa actuación municipal polo que as organizacións locais e a actuación municipal constitúen os elementos básicos da organización e da presenza social do BNG.
O marco no que se desenvolve o noso traballo municipal está caracterizado por unha estruturación territorial, institucional e normativa mal adaptada á realidade de Galiza. Os concellos están concibidos como contrapeso político ao poder autonómico, cun funcionamento lastrado polo localismo baseándose nunha suposta autonomía local, mais curiosamente só en relación coa institución autonómica e non así coa estatal, e unha gran compoñente personalista coa potenciación do alcalde ou alcaldesa como figura única. A consecuencia intencionada de todo isto é a extensión dun lugar común falso: nos concellos importa pouco a ideoloxía, o fundamental é a xestión.
Este modelo, disfuncional para Galiza, resulta distante e contraditorio cos nosos plantexamentos políticos.
Por iso debemos centrar o noso traballo municipal non só na xestión administrativa e burocrática, senón, sobre todo, na implementación do noso proxecto político na vida municipal.
En consecuencia a nosa actuación debe rexerse polos seguintes principios:
  • Todas as actuacións que se fagan no ámbito local (xestión, oposición, mobilización, sensibilización, debates sociais, etc.) deben dar resposta a obxectivos políticos claros, definidos, priorizados e impulsados de xeito que cada actuación concreta, incluídas as institucionais, teña un sentido e unha finalidade previamente definidos.
  • Somos nacionalistas e esa condición débese plasmar non só na nosa análise política e na defensa do noso ideario político, senón tamén na translación de iniciativas, políticas concretas e na execución dun proxecto de concello inserido nun proxecto nacional.
  • BNG debe actuar sempre con iniciativa, introducindo na sociedade os debates sobre as nosas propostas que permitan, ademais, acrecentar a base social organizada.
  • Definir e regular a relación entre a organización local, garantindo a súa participación na definición e impulso político, e os grupos municipais, conxugando o papel de dirección política da organización coa necesaria autonomía de acción dos cargos públicos.
  • A organización será sempre a responsábel de fixar os obxectivos políticos e os métodos de actuación, definir as liñas básicas da actuación política, establecer a prioridade das actuacións, marcar as actuacións de maior repercusión social e avaliar periodicamente a marcha da actuación municipal. Ademais, a organización debe complementar e reforzar o noso traballo institucional de oposición ou goberno, a través do traballo de información veciñal, introdución social, agrandamento da base organizada do BNG e explicación e valorización social da nosa acción de goberno municipal.

3.1.- Presenza do BNG nos Gobernos municipais: Acordos programáticos e formas de actuación.
Aínda que existe unha enorme diversidade de situacións dependendo do tamaño do Concello e das condicións nas que estamos no Goberno, as pautas básicas de actuación deben ser as mesmas en calquera dos casos, adaptados logo a cada casuística particular: proxecto nacionalista claro, mensaxes claras, priorización da acción de goberno, relacionamento equilibrado da xestión e os obxectivos políticos prefixados, participación e corresponsabilidade social. Os obxectivos fundamentais da nosa presenza nos gobernos son: dar solución aos problemas da sociedade e servir ao proxecto político do nacionalismo e de emancipación nacional.
Cando estamos nun goberno de coalición co PSOE, a situación vólvese moito mais complexa pois as análises políticas das dúas forzas son distintos. O BNG entende que a ocupación da maioría das institucións municipais por un Partido Popular centralista e obsesionado coa eliminación dos nosos sinais de identidade e consciencia nacional, seria negativo para Galiza, polo que as coalicións entendémolas como necesarias para conxurar este perigo. O PSOE está nunha conxuntura diferente. A súa deriva centralista, cada vez máis acentuada, así como a constatación da súa falla de lealdade cando son a forza minoritaria fai que teña un comportamento que en moitas ocasións compromete os propios pactos.
Obviamente o BNG, por criterios políticos, ten o máximo interese en que os pactos sigan. Tendo en conta que o problema é máis de actitude política de fondo e de incumprimento dos acordos que do contido dos propios acordos non é oportuno proceder a unha revisión global do pacto polo que a revisión debe quedar circunscrita aos casos que de mutuo acordo se consideren necesarios. Esta revisión debe estar orientada á procura da maior efectividade no plano político e social.
A actuación do BNG nos gobernos municipais debe guiarse polas seguintes orientacións: • O BNG nos Gobernos Municipais debe ter un perfil nidio e ben definido fuxindo da dispersión de mensaxes e do hiperactividade da xestión como fin en si mesmo.
  • O BNG debe impulsar políticas transformadoras e orientadas ao fortalecemento do noso carácter nacional e a apostar polo benestar e mellora das condicións de vida da cidadanía, especialmente das persoas máis desfavorecidas.
  • Aplicar na nosa acción de goberno as propostas relativas á administración local incluídas no programa de goberno co que concorremos ás eleccións autonómicas.
  • Elaboración de plans de traballo conxuntos entre os grupos municipais e organizacións locais para lograr que o poder municipal do BNG se traduza en medre organizativo e maior introdución social do nacionalismo.
  • Actualizar as fórmulas de participación e mellorar a comunicación entre os cargos municipais e a nosa base social. Unha militancia informada e partícipe dos debates e tomas de decisión é a mellor garantía para trasladar á sociedade a nosa acción política.
  • Temos que abordar abertamente os pactos co PSOE sobre a base de estratexias políticas comúns. Os gobernos de coalicións deben estar baseados na lealdade e no respecto mutuos.
  • Análise da situación na que se atopan os distintos gobernos de coalición procedendo á revisión dos que sexa necesario e adoptando as correccións para o cumprimento dos acordos.
  • O BNG debe manter na súa actuación municipal un perfil propio que debe plasmarse nas propostas, na forma de executalas e estabelecendo complicidades sociais.
  • Actualización da estratexia de actuación en todos os gobernos municipais nos que participamos, garantindo a participación da militancia na que se definan, polo menos, os seguintes aspectos: obxectivos políticos a desenvolver polo BNG en diversos planos de actuación (organizativo, institucional e social), temas a abordar no espazo temporal que vai até o 2011 e coordinación entre os grupos municipais e a organización.

3.2.- O BNG como forza de oposición nos concellos.
É preciso desterrar definitivamente a tan estendida idea de que a política de verdade só se pode facer dende o goberno, o que levou a situacións tan paradoxais como a de vivir como éxito ter unha representación minguada se permitía ter responsabilidades de goberno e como un fracaso unha nutrida representación na oposición.
Os obxectivos políticos básicos do BNG (aumento da conciencia nacional, activación e ampliación da nosa base social, clarificación ideolóxica de cada vez máis amplas capas das clases populares) poden avanzar en calquera situación, malia os gobernos disporen de máis instrumentos.
Desde a oposición pode realizarse unha política nacionalista coa mesma eficacia e co obxectivo de acadar apoio social para ter a maioría social que nos permita gobernar.
Pa iso é preciso realizar unha correcta identificación dos temas nos que imos a centrar a nosa actividade política, da idónea engrenaxe da nosa representación municipal coa organización e da necesaria implicación de máis amplos sectores sociais no traballo a desenvolver.
A nosa actuación municipal na oposición deber ter en conta os seguintes criterios:
  • A nosa actuación na institución debe estar orientada a obxectivos políticos, ao activismo social e introducir na sociedade debates por iniciativa do BNG.
  • Tentar transmitir que temos un proxecto nacionalista de goberno con perfil nidio e alternativas realistas.
  • Xerar na cidadanía a necesidade dun cambio político e que este sexa liderado polo BNG, para o que debemos facer explícita a nosa alternativa política e que esta se perciba como críbel e verificábel.
  • Definir coa antelación suficiente as candidaturas para que se visualice a credibilidade das nosas equipas.
  • Analizar e definir desde os consellos comarcais e os consellos locais, en colaboración coas distintas asembleas, a nosa política municipal.
  • Incorporar á organización a todas aquelas persoas que forman parte da nosa base de simpatizantes e colaboradoras/es.
  • Manter unha política informativa acaída (voceiros locais, web) que garantan a transmisión directa da nosa mensaxe ao conxunto da sociedade.
  • Intensificación do traballo social e da participación da militancia nas organizacións sociais.
  • Defensa dos avances políticos logrados polo BNG desde o Goberno galego.

3.3.- Por un modelo de política municipal nacional.
A coordinación necesaria e a definición de liñas de actuacións comúns. O BNG carece dun modelo de política municipal a nivel nacional por múltiples razóns que non se poden apor só a falla de medios ou de vontade política, senón que ten causas máis fondas. A disparidade de situacións que fai complexa a tarefa si se pretende homoxeneizar sen unhas premisas claras, a necesaria autonomía das Asembleas/Consellos Locais e Grupos Municipais sempre deixou fendas para unha excesiva atomización sen chegar nunca a acoutarse con claridade cales deberan ser os seus límites.
A isto hai que engadirlle as dificultades que temos atopado para que se interiorice a importancia do que chamamos política municipal nacional, como consecuencia das dinámicas propias dos gobernos locais, polo que é esencial implicar á organización -local e comarcal, no seguimento e supervisión da execución da política municipal nacional no ámbito local.
En relación aos contidos políticos, hai que trazar unha clara liña divisoria: cada concello ten unha dinámica propia que só pode ter unha resposta acaída con certa autonomía local. Agora ben, cada asemblea local pode definir o modelo que enfronte a súa realidade pero sempre que os seus contidos políticos e os seus métodos de actuación estean claramente dentro dos parámetros do nacionalismo.
A acción política do BNG nos concellos deber servir para abrir un debate amplo e responsábel sobre a estrutura territorial de Galiza, apostando por un modelo baseado nas parroquias, bairros e concellos e nas comarcas e áreas metropolitanas nas que se insiren.
Neste sentido, o BNG debe tomar a iniciativa nos debates nacionais sobre política municipal: o marco lexislativo de réxime local, a racionalización do mapa municipal do país, o financiamento das institucións locais, o papel da FEGAMP, etc…
As cidades galegas constitúen unha realidade sociopolítica de primeira orde en Galiza e a súa relevancia na política nacional do BNG merece toda a atención da propia dirección nacional. O peso demográfico e electoral ou a influenza que a dinámica política de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo ou Ferrol exercen sobre o resto do país, fan obrigado abordar fórmulas que aseguren a máxima coordinación e implicación da dirección nacional na política do BNG nas cidades.
A nosa acción de goberno nas cidades, a toma de posición dos nosos alcaldes, tenentes de alcalde ou portavoces municipais sobre determinados asuntos, as crises dos gobernos locais, as polémicas coa administración galega ou estatal, etc. sobardan os límites locais e adquiren con frecuencia relevancia e trascendencia nacional.
Ao mesmo tempo, os e as nosas principais referentes nas cidades poden e deben converterse en emisoras da opinión e posición política nacional do BNG para amplificar e reforzar a nosa mensaxe e discurso.
Coa experiencia acumulada podemos apuntar as seguintes medidas para avanzar nun modelo de política municipal nacional:
  • Construír e proxectar a nivel nacional un perfil propio da política municipal do BNG: política local e concellos para construírmos e facer nación, para xerar máis benestar e máis emprego, mellor xestión, máis transparencia, máis democracia e participación.
  • Criar un modelo de política municipal baseado na autonomía local dentro dos parámetros dos contidos políticos e ideolóxicos e dos métodos de actuación do BNG, así como coa fixación de postura ante asuntos e preocupacións comúns e o intercambio da xa abundante experiencia existente.
  • Creación dunha Comisión Nacional de Política Municipal, que inclúa tanto á Secretaría Nacional como ás de ámbito comarcal, que terá a responsabilidade de coordinación, seguimento e proposta de estratexias 2009-2011 en todos os concellos e deputacións atendendo ás diferentes casuísticas. Reprodución no ámbito comarcal dun esquema similar.
  • No ámbito local, definición de estratexias de actuación municipal, procurando a participación do conxunto da militancia; fuxindo da concepción que relega a política municipal á que se fai dentro da institución.
  • Coherencia e homoxeneidade das políticas locais. Evitar contradicións entre gobernos e entre gobernar e estar na oposición.
  • Executar as previsións contidas no programa marco das pasadas eleccións municipais.
  • Consello Nacional velará pola homoxeneización das obrigas e dos dereitos dos grupos municipais en todos os seus aspectos: financeiros, de relación coa organización, de aceptación das decisións colectivas, de comportamento público, etc.
  • A organización de xornadas e encontros sobre asuntos ben definidos garantindo a súa operatividade con borradores previos, fuxindo dos amplos foros de debate para fixar supostas posturas en común que case nunca chegan a conclusións operativas.
  • Definición do papel que deben cumprir as Deputacións nas que co-gobernamos na súa relación cos nosos grupos municipais e coordinación entre as políticas locais e a acción das deputacións da Coruña e Lugo, para o seu mutuo reforzamento.
  • Poder local do BNG en proveito do reforzo organizativo (máis afiliación e implicación dos gobernos nas campañas nacionais do BNG) e electoral noutros procesos electorais.
  • Coordinación da representación do BNG nas mancomunidades e noutros instrumentos de xestión municipal.
  • Coordinación entre a dirección nacional do BNG e as direccións locais das cidades e, polo tanto, a integración da política das cidades na política nacional do BNG.

3.4.- Importancia das eleccións municipais de 2011.
As Eleccións Municipais 2011 deben constituír un grande reto para o BNG como instrumento para fortalecer a implantación territorial e social e avanzar na clarificación social das nosas alternativas políticas. Ao tratarse dun proceso onde o campo de xogo vai ser fundamentalmente o dos concellos, vainos permitir facer unha política moi directa de contacto coa sociedade, coa súa problemática real.
Cómpre iniciar a preparación destas eleccións para mellorar a nosa implantación social, territorial e electoral :
  • De cara a acadar un maior número de alcaldías e de presenza municipal, elaborar antes de outubro deste ano un Plan de Traballo no que se avalíe con profundidade política a situación real. Tomar decisións con tempo e de xeito matizado e pór en funcionamento as medidas adoptadas nesta Asemblea, coa finalidade de afrontar as vindeiras municipais coas máximas garantías de éxito. Mellorar a nosa colaboración cos colectivos veciñais, sociais, etc. que actúen en cada entorno.
  • Deseñar unha estratexia acaída, nese Plan de Traballo, para a recuperación do voto urbano.


4.- PRINCIPIOS POLÍTICOS DO NACIONALISMO E FUNCIONAMENTO DO BNG UNIDADE, PLURALISMO, LEALDADE E OPERATIVIDADE.
Todas as persoas, colectivos e partidos que conformamos o actual BNG debemos aceptar que existen distintas formas de desenvolver o patrimonio programático común, que todas elas son lexítimas e que só hai un limite que non podemos sobordar: o da propia destrución da organización como instrumento ao servizo de Galiza.
Perante a nova situación, cómpre lembrar principios básicos que dan coherencia e cohesión ao BNG como instrumento eficaz para a actuación política. Hoxe máis que nunca temos que suliñar o valor da unidade: sen esta unidade o nacionalismo non é viábel como alternativa política significativa na Galiza.
A estrutura frontista fai viábel a unidade orgánica do nacionalismo galego. A diversidade ideolóxica, o pluralismo, é unha realidade que ten a súa pegada na concepción organizativa do BNG, como un valor ineludíbel, que ten que ser aceitado e respectado.
Son os principios básicos do nacionalismo galego os que prestan vertebración nun todo á diversidade ideolóxica do BNG. A lealdade a estes principios e ao seu desenvolvemento analítico básico, discutido e aprobado nas sucesivas Asembleas Nacionais do BNG, constitúe a chave para actuarmos como alternativa política coherente e cohesionada. Os acordos e as decisións colectiva e democraticamente tomadas, conforme aos principios e resolucións asembleares, teñen que ser respectados escrupulosamente se queremos que o BNG teña a operatividade que unha forza política necesita en calquera circunstancia, e moito máis en circunstancias adversas. Neste sentido, a lealdade é coa organización, co colectivo que a conforma e cos principios e as decisións que a moven. Para todos os militantes, pero especialmente para os que ostentan cargos na dirección e nas institucións, o principio de lealdade esixe discreción respecto dos debates internos, das resolucións aprobadas, para sermos operativos no exterior. A lealdade conleva corresponsabilidade, isto é, desempeño das funcións encomendadas, cun sentido de identificación coa liña política e as decisións acordadas. Conleva no facer deixación de funcións. O debate necesario e as discrepancias lóxicas deben ter unha canle exclusiva dentro das estruturas orgánicas. A lexítima discrepancia externa non pode converterse nun arma de deterioro social do BNG e moito menos en boicot activo á súa actividade política.
Da conxunción equilibrada destes principios vai depender en boa maneira a vitalidade do BNG no futuro inmediato.

Nenhum comentário: