12/04/2009

Glosa(s) encol da esquerda (imaxinaria)

Xosé Manuel Beiras

I. "Guerra cultural" e polarización política

II. Polarización congruente e ligazón da esquerda
III. "Cipaios austeros, fame segura"


I. "Guerra cultural" e polarización política
Mentara eu eiqui, hai algunhas semanas, un texto do filósofo catalán Antoni Domènech tiduado "Crisis económica y polarización política". Retorno agora a il: hoxe vou glosalo. Trátase, non dun ensaio nen dun artigo, senón da transcrición abreviada dunha sua disertación na universidade de Barcelona a fins do outono pasado.
O tema é o seguinte. A polarización política "normal" opérase ou maniféstase ao longo do eixo dereita-esquerda, correlativamente á estrutura de clases da sociedade e á sua proxección no espello ideolóxico. Unha estrutura social e ideolóxicamente polarizada dará lugar a que as posicións políticas dos cidadáns aparezan agrupadas nos dous segmentos contrapostos -esquerdo e dereito- dese eixo, e tanto máis distantes entre sí e próximas aos estremos canto meirande sexa a polarización. Inversamente, no caso contrario, o groso da cidadanía aparecerá nunha posición política equidistante dos estremos, ou sexa, amoreado arredor do centro dese eixo.
Estatísticamente, a distribución das posicións políticas da cidadanía sería "bimodal" no primeiro caso e "unimodal" no segundo: a sua expresión gráfica daría un perfil de camelo -duas chepas- ou de dromedário -unha chepa soa- respeitivamente. Sociolóxicamente, estruturas moi clasistas e marcada ou crecente desigualdade social darían o primeiro modelo, mentras que unha sociedade do benestar e clases meias en expansión darían o segundo. Eleitoralmente, a confrontación bipolar esquerda-dereita primaría no primeiro, mentras no segundo asistiríamos á disputa polo "centro". Finalmente, as políticas ultraliberais, agravadoras da desigualdade social e do conflito de clases, e máis a crise, deberían propiciar a polarización -o primeiro modelo- mesmamente ao revés do acontecido no período de expansión e "welfare state" -dos cincuentas aos setentas- no centro do sistema.
Si: mais nen o acontecido nos decenios ultraliberais, nen o que acontece desque estoupou a crise, nen os aconteceres politicos nun diverso mostrario de países moi diferentes, encaixan na lóxica deses dous modelos. Realidades tan distintas como as de Alemaña, por unha banda, e Bolivia ou Venezuela, pola outra, encaixan coincidentemente no modelo polarizado normal,ou "bimodal", mentras outras, tan diferentes tamén entre sí, como USA e España ou Italia, enmárcanse no segundo, o "unimodal". Cómo se entende?.
A espricación require distinguir duas dimensións moi diferentes do fenómeno da polarización política, unha delas evidente, a outra menos ostensíbel. Domènech deslíndaas con moita precisión. Unha, a máis evidente, consiste na "radicalización de posturas perante diversos asuntos situabeis no espectro (ideolóxico)político dereita-esquerda". Por exemplo, a polarización que se manifesta cando dous continxentes importantes da cidadanía adoptan posicións antitéticas a respeito da despenalización do aborto ou do recoñecemento da realidade plurinacional do Estado español. A outra, menos ostensíbel, refírese á "coerencia (ou congruencia) na alineación de asuntos políticamente debatíbeis". "Unha cousa -di Domènech- é a radicalización verbo de un ou varios temas políticamente debatíbeis; outra moi distinta é a coerente (ou congruente) alineación deses temas". Noutras verbas, unha cousa é a radicalización de posicións a favor e en contra de determinados temas, e outra moi distinta a congruencia entre os temas nos que se está ideolóxica e políticamente a favor ou en contra. Por exemplo, non é congruente estar en contra da pena de morte e da despenalización do aborto. O congruente, nun cidadán de esquerda, é estar en contra da pena de morte e a favor da despenalización do aborto. E o congruente con esas duas posicións dun congruente cidadán de esquerda debera ser asumir o carácter plurinacional do Estado español, a sua diversidade lingüística, e estar a favor dos dereitos políticos deses diferentes povos e do respeito e normalización do uso dos seus respeitivos idiomas. Só cando esa congruencia se dá, só nese caso a radicalización de posturas contrapostas se traduce nunha polarización política congruente, só nese caso se configuran bloques cidadáns de dereita e de esquerda internamente congruentes -e o perfil da polarización resulta normal e "bimodal", cos continxentes cívicos maiormente amoreados en duas medas, como as duas chepas do gráfico camelo devandito.
Mais a realidade dista de ser así en en moitos casos. O máis importante factor distorsionador adoita selo a utilización de temas chamados "transversais" como armas para a manipulación da opinión cidadán no que, nos USA dos pasados anos, deuse en denominar "cultural war": a "guerra cultural desencadeada por unha nova dereita contra algunhas das conquistas "culturais" emblemáticas dos anos sesenta" -como a despenalización do aborto, a discriminación positiva, ou o afortalamento da laicidade do estado. Trátase dunha "estratexia de combate eleitoral destinada a provocar confusión no campo do adversario" -e eficazmente empregada polos contrarrevolucionarios neo-cons gringos dentro e tamén fóra da sua metrópole imperial. Domènech cita palabras ben elocuentes do estratega eleitoral do PP español, Gabriel Elorriaga, a respeito de sustraer do debate eleitoral temas e problemas económicos e sociais centrais e cardinais para a identificación polas clases populares das posicións de dereita e de esquerda, e sustituilos pola introdución en primeira plana de temas periféricos para provocar unha polarización "artificial" e dividir, ou inda millor, literalmente, "desmoralizar" ao adversario. Análogamente se refire ao cometido da "a señora Rosa Díez e o seu novo partido UPyD" de operar como "unha forza "transversal" sobre a base de radicalizar a sua hostilidade aos nacionalismos periféricos, ou sexa, apostar por unha crecente polarización do eleitorado español arredor dese asunto e fiar o seu posíbel medre futuro á incongruencia no alineamento das preferencias políticas do eleitorado da esquerda" -ou sexa, típica metodoloxía dos fascismos, ouso engadir eu. "Boa parte -conclue Domènech- da hexemonía ideolóxica conservadora das últimas décadas apousou nese proceso de desbaratamento da coerencia política cognitiva das clases traballadoras e populares, e máis da paralela rearticulación do ideario político e da capacidade de operar socialmente, capilarmente, dos estratos dominantes da sociedade".
Nas últimas eleicións lexislativas galegas asistimos a unha experimentación "en vivo", sobre o corpo eleitoral paisano, da "cultural war", en clave primordialmente de "guerra das linguas", que diría L.-J. Calvet. E máis a un recital completo de manipulación da opinión polo Pepé para"desbaratar a coerencia política cognitiva das clases populares", para "sustraer do debate eleitoral temas sociais centrais", para "radicalizar a hostilidade aos nacionalismos periféricos", en fin, para sementar "confusión no campo do adversario". O texto de Domènech publicouse en novembro pasado, mais está visto que os estrategas eleitorais do bipartito non o leran aínda cando puxeron en marcha a campaña cara o 1-M. Supoño que inda menos leran publicacións nas que se basea, como as de Delia Baldassarri, Andrew Gelman, Larry Bartels, todas do pasado ano, nen as enquisas realizadas en outubro en Usa, Alemaña, Francia, Italia, Gran Bretaña e... o Reino de España, que lles serven de fundamento empírico. Pior aínda: semella que tampouco leron nada diso nen estudos e ensaios análogos os analistas e avaliadores a posteriori dos resultados eleitorais dos perdedores. Para qué ían facelo, se o traballo inteleitual dos pensadores de esquerda é consabidamente un lastre inútel para a acción eficaz, unha flaxelación masoquista e un entroido perturbador para saíren do paso a escape os aparatos robotizados das forzas políticas que iles mesmos meteron nas pedras da nosa treizoeira beiramar?

II. Polarización congruente e ligazón da esquerda
Disimulade: xogo coas verbas, mais vou en sério. Con "polarización congruente" xogo á ligazón coa miña anterior entrega desta(s) glosa(s), e máis ligo coa idea alí exposta da necesaria ligazón interna das posicións ideolóxico-políticas de esquerda perante diferentes temas e problemas socioeconómicos e socioculturais, como condición indispensábel para que a esquerda constitua ou configure un bloque sociopolítico congruentemente polarizado nunha posición antitética fronte á dereita e consistentemente invulnerábel aos proxectís das suas "guerras culturais". E con "ligazón da esquerda" xogo á tradución ao galego dun combinado léxico bilingüe -que non bífido- angloalemán que rezaría "the link of die Linke" e que, escoitado isoladamente con sutaque galego por alguén que, coma min, descoñeze o alemán, resultaría semánticamente confuso e desconcertante, porque coidaría se tratar da redundante expresión "o vencello do vencello". Xa vedes a ónde me pode levar a miña iñorancia. Mais, por detrás deste xogo pueril, vou en serio: porque o que está en xogo neste lerio é a coerencia da esquerda reformulada nun modelo coma o da alemá "Die Linke", ou sexa, en galego "A Esquerda", de Oskar Lafontaine.
Suxeríume este xogo, como exercizo mental didáctico para min mesmo, a posta en relación de duas leituras de hai uns meses: a do texto de Domènech que glosei parcialmente o dia pasado, coa dun discurso de Lafontaine perante os militantes do novo "Parti de la gauche" francés en Paris. Liguémolos, pois, se vos parece ben.
*****
Comezarei por unha cita textual. É ésta: "Queridos camaradas, resulta evidente que a construción dun novo partido de esquerda non podería ter éxito se a situación política e social en Alemaña non fose favorábel a ese proxecto. Xa que logo, ésta é a primeira razón do noso éxito. Mentras tódolos partidos políticos do oeste de Alemaña se disputaban o "centro" e preconizaban unha política económica neoliberal, a maioría da poboación alemá deploraba a falla de equilibrio social resultante desa política. O valeiro na esquerda do abano político só demandaba que alguén o enchese. Non hai nada máis eficaz ca unha idea que acerta coa sua época".
Son palabras de Oskar Lafontaine no seu discurso en Paris, na reviravolta de novembro a decembro do pasado ano, para espricar o veloz ascenso de Die Linke que, en menos de dous anos, situaba a esa nova formación política nunhas espectativas de voto dun 13% a nível federal alemán -alén do seu fulgurante éxito en varios estados federados ou "länder". As outras duas razóns primordiais desa traxectoria aducidas por Lafontaine eran éstas: unha, a unión dentro da Linke das orgaizacións políticas "que se definen a partir dunha posición crítica encol do capitalismo"; e a outra, "dármoslle ao novo partido un perfil nidiamente diferenciado a respeito da uniformidade dos demáis".
Duas semanas antes do discurso de Lafontaine en Paris, Antoni Domènech, na sua disertación na Universidade de Barcelona xa referida por min eiqui mesmo, comentaba unha enquisa de opinión sobre da crise, publicada poucos días antes polo Financial Times. Esa consulta, feita por mostreo a cidadáns de seis países -Gran Bretaña, Franza, Italia, España, Alemaña e USA- perguntáballes polas causas da crise, con catro opcións de resposta: 1. abusos do capitalismo; 2. fallas do capitalismo; 3. ningunha desas duas; 4. non está certo da causa. Resulta claro que a resposta máis radicalmente crítica co sistema é a segunda, poisque pon en custión ao sistema mesmo, e non só anomalías -"abusos"- no seu funcionamento, como fai a primeira. Pois ben, a porcentaxe máis alta de cidadáns que escollen esa segunda resposta, ou sexa as "fallas" ou eivas intrínsecas do capitalismo, como causa primordial da crise, rexístrase precisamente en Alemaña, co 30% dos consultados: perto de duas veces o do caso que o segue en magnitude (Franza, co 17%) e esactamente o dobre do caso español (15%). En contraste, nos USA, só o 7% das respostas sinalan esa causa da crise -e a seguinte porcentaxe máis baixa dáa Italia, cun exiguo 11%. Por certo, as anomalías -abusos- funcionais do sistema son a causa sinalada por arredor dos dous terzos das respostas neses catro países, porén tan sensíbelmente diferentes entre si -Franza, España, Italia, USA. Só en Alemaña é moito menor o peso desa resposta -poisque é moito meirande o da máis crítica coa natureza do sistema. E, enfin, Gran Bretaña bate o récord da resposta da incerteza cidadá: nada menos que o 28% dos consultados constesta que "non está certo" da causa da crise -seguida por Italia e USA co 16% e España co 14%. Escusádeme pola enxurrada de cifras: paro xa.
Fagamos agora a ligazón de textos. Para comezar, os comentos do Domènech aos dados desa enquisa non teñen desperdicio, pola irónica acuidade con que descifra a sintomatoloxía que acobillan. Asi, por caso, o referido récord británico de incerteza revela "a enorme desorientación da poboación británica após máis dunha década de "terceira vía" e "novo laborismo" ". Así tamén: "pesia ter o governo máis dereitista dende o final da II Guerra Mundial, cun presidente que gañou abrumadoramente as eleicións prometendo "americanizar" a vida económica francesa -inda que agora di querer nada menos ca "refundar o capitalismo" mundial- o formato republicano da vida política gala semella aínda robusto abondo como para que un 17% da poboación culpe direitamente da crise ás eivas endémicas do capitalismo". E así enfin: "as actitudes máis conformistas (cotas máis baixas da resposta máis crítica) en pleno suicidio do capitalismo financeiro, danse en países que contan cunha dereita -os Bush, os Berlusconi, os Aznar- entregada a feroces "guerras culturais" e teimuda nunha crispante polarización elitista da vida política, capaz de anestesiar políticamente o debate, ou desviar a atención da tremenda polarización socioeconómica obxetiva operada nas últimas décadas e, pola mesma, capaz até agora de frear a polarización política de masas que, doutro xeito, esa situación obxetiva debera propiciar". E por aí desembocamos no reverso da "polarización congruente": "Diríase, pois logo, que as "guerras culturais" da dereita son posíbeis sobre todo en países nos que as clases populares perderon boa parte da coerencia política cognitiva, e resúltalles màis doado ás elites conservadoras achar estratexias de polarización baseadas na radicalización de temas máis ou menos periféricos, pero capaces de dividir (e "desmoralizar") ao adversario".
Nas antípodas desa situación sociopolítica está, precisamente, a Alemaña actual: "dáse a coincidencia -di Domènech- de que o país onde a "guerra cultural" e a conseguinte polarización "artificial" (portanto incongruente) inducida pola dereita ten sido máis baixa -Alemaña- é tamén o país onde o potencial de crítica ao capitalismo como sistema económico intrínsecamente irracional e desastroso é máis alto". Podemos engadir que é tamén Alemaña -como viamos o domingo pasado- o país europeu no que a distribución das posicións ideolóxico-políticas da cidadanía se agrupa en duas medas ou chepas cara as duas estremas opostas -dereita e esquerda- do eixo dunha polarización "bimodal", no canto de amorearse arredor do centro. E no que, concordantemente con esa distribución sociopolítica, unha nova esquerda, Die Linke, progresa velozmente en aquiescencia das clases populares, configurando un bloque de esquerdas internamente congruente -mesmamente por ter acertado en conectar con esa maioría social que "deploraba a falla de equilibrio social" causada polas políticas neoliberais, as mesmas que provocaron a crise, mentras o resto dos partidos "se disputaban o "centro"" que, sociolóxicamente, estaba a minguar: e así retornamos a restablecermos a ligazón cos asertos de Oskar Lafontaine.
*****
É curioso, e abondo insólito, o caso deste home, Lafontaine. Quero dicir, da sua traxectória ideolóxica e política: un proceso de radicalización segundo avanzaba en idade, inversamente ao dos "jeunes-loups" do maio francés paulatinamente reconvirtidos a unha morixerada acomodación ao sistema. Criado no molido berce da SPD do Willy Brandt que inventou a González, Oskar Lafontaine chegou a ser aquel ministro alemán de Facenda que dimitiu por negarse a asumir a virada cara as pautas "social-liberais" que acabaron por esmendrellar a fiscalidade progresiva e redistribuidora da "welfare-finance" e o "welfare-state" outrora construidos precisamente polas socialdemocracias centroeuropea, escandinava e anglosaxona. Ou sexa: por non se querer convirtir nun renegado. De primeiras, pagouno caro. Logo, foise da SPD e encetou unha dura camiñata cara a esquerda, nunha "aventura" política impropria da sua idade-diría retranqueiramente eu- que o conducíu á fundación e o liderádego da Linke.
Mais acertou na sua aposta -porque prestou máis atención á dinámica da base da sociedade cá do aparello institucional do poder. Nesta sua alocución que estou a glosar agora, esplicita os alicerces da diagnose que o guiou. "A fenda antre a teoría e a prática política é sintomática para a historia do socialismo do oeste de Europa". É máis: "A historia dos partidos socialistas da Europa oucidental no poder é unha longa lista de compromisos podres". Primeira conclusión: "Compre saírmos do dilema e rompermos con esta tradición fatal do compromiso podre. Para un partido de esquerdas, os principios do governo deben de ser sempre os mesmos ca os principios da oposición. Se non, desaparecerá máis axiña do que chegara". Enfin. "Se a esquerda perde a sua credibilidade, perderá a sua razón de ser. Mesmo por iso, a Linke ten tomado medidas para neutralizar esa tendencia fatal dos dirixentes cara o compromiso político (podre) do que vos falo". E veleiquí esta pérola do ex-socialdemócrata engarzábel nun torque dos nosos: "As decisións encol dos grandes principios do noso programa deben de ser tomadas polo conxunto dos militantes do partido, e non só por unha asemblea de delegados".
Agora que o penso e acordo do soño da esquerda (imaxinaria), e apalpo a materia celulósica do texto que estou a reler: a min estes asertos resúltanme familiares. A min só? E logo non vos soan a algo xa escoitado na nosa contorna crítica da esquerda e o nacionalismo galegos destes últimos anos?

III. "Cipaios austeros, fame segura"
Non estou certo de que sexa ésa a tradución máis exacta, pero así rezaba máis ou menos, coido recordar, o aforismo hindú que escoitara hai uns anos en Mumbai cando do Foro Social Mundial que se celebrara alí, o do 2004. Fora un taxista, diso lémbrome ben, quen o introducira no palique que sostivéramos durante un traslado do noso hotel ao recinto do Foro, no "arrabaldo do norte" da cidade. Un taxista que, por certo, apelidábase Da Silva -inda conservo o seu cartón ou tarxeta de visita nalgures, dentro de calquera dos inordes caixóns de xastre do meu escritório. Nacera e criarase en Goa, mais era ese apelido o único que aínda tiña de portugués, como puidera eu comprobar de resultas da esploración á que tentara sometelo desque me revelara eses dous dados ou elementos de identificación, nome e procedéncia. No resto era hindú dos pés á cabeza. E hinduísta, non mahometano. Falaba un peculiar castrapo do inglés que me resultaba tan pintoresco e cáseque incomprensíbel como debía resultarlle a il o meu enferruxado inglés chafalleiro -mais ese castrapo non constituia unha singularidade sua, senón a pauta dominante na fala das xentes do común que só empregaban o inglés como lingua franca para se dirixiren aos forasteiros e nunca entre elas, como puidera comprobar eu aqueles días escoitándoas ao pasar no fervedoiro do enorme formigueiro humán que eran os bairros populares e interminábeis arrabaldos da imensa cidade discontínua que é Mumbai. Éravos simpático, o taxista Da Silva, moi espresivo e falangueiro. Axustaramos o prezo da carreira sen dificuldades -alí compría facelo sempre, era o costume, antes de montar no taxi. Axustaramolo á primeira e sen apretarmos, il ficara moi satisfeito e inda o haberíamos coller outras veces máis. Non paraba de falar en todo o traxecto, mentras conducía temerariamente, ao que parecía, polo meio das moitedumes que inzaban na calzada coma choupíns no outono e sen que, miragreiramente, ao que parecía tamén, atropelase nunca a ninguén. Falaba de continuo e, no que eu daba apreixado e entendido, era un pozo de saber popular. O que non dou relembrado é a santo de qué ceibara il ese aforismo no meio do seu delongado parcemique, vai ti saber xa. Mais iso tanto ten: chamoume moito a atención, pola sua versatilidade semántica e espresiva; espetouseme no caletre e ficou alí, aletargado. Até hoxe mesmo.
*****
Até hoxe mesmo que, de sutaque, saltoume do limbo da memoria letárxica ao proscenio da memoria activa. A santo de qué, esta vez?. Pois a santo dun par de leituras recentes resuscitadas por unha nova lida hoxe nun xornal. Alá vou.
O detonante da miña involuntária rememoración do aletargado aforismo hindú foino un "leit-motiv" recurrente nas partituras desas composicións ensaísticas recentemente lidas por min e re-suscitadas pola información do xornal. Era iste: a austeridade. Si, si, a austeridade. Mais, qué ten de particular a austeridade para suscitar semellante sobresalto mental? -pensaredes. E ademáis, austeridade en qué, para qué e por parte de quen? -perguntarédesvos, e levaredes razón. Porque depende, non si?. Como pauta de conduta individual, a austeridade será apreciada polo asceta e detestada polo hedonista. E como directriz de comportamento social colectivo, o aprecio ou a repulsa da austeridade dependerá de en qué actividades, para qué finalidades e por parte de qué xentes ou grupos sociais se tencione que sexa praticada. Despexareivos, logo, algunhas desas incógnitas. E fareino, de primeiras, por negación ou exclusión, como nos xogos das adiviñas. Así: Non se trata da austeridade no consumo suntuario, por caso, nen na produción e venda de armamento. Tampouco para estimular, como alternativa, a produción de bens de consumo necesario -de bens salariais, que diría don Carlos- nen para desactivar os conflitos bélicos e propiciar a consecución da paz mundial. E non son os magnates das finanzas nen dos poderes mediáticos os conminados a praticala. Nada diso. Trátase, simplesmente, das "políticas de austeridade" a decretar polos governos nestes tempos de crise. Meigas fóra! -dirédesvos, arrepiados. O mesmo esconxuro rosmei eu. E, no intre, o limbo da miña memoria exaculou o aletargado aforismo hindú: "cipaios austeros, fame segura".
*****
Sabedes tod@s moi ben, porque sodes xente informada, que o vocábulo "cipaio(s)" denominou, en orixe, a aqueles indíxenas ou nativos hindús que se alistaban, como mercenarios, no exército colonial británico. Ou sexa, que servían coas armas á potencia imperial que asoballaba ao povo do que iles, os cipaios, formaban parte ou, cando menos, procedían -poisque resultaría moi improprio afirmarmos que seguían a formar parte do povo oprimido aqueles colonizados que se pasaban ao inimigo incorporándose ao exército de ocupación opresor. E venme ás mentes aquela catiga tantas veces cantada polo uruguaio Daniel Viglieti nos tempos da loita dos "tupamaros" -por referencia ao lexendario Tupac Amaru, sabédelo tamén- contra a xenocida ditadura militar no seu país daquela aferrollado: "soldado, aprende a tirar: para abajo no, que aquí estoy yo". Por certo que un veterano "tupa" de aquela época, o Múgica -sobrenome de guerra: "el Pepe"- é hoxe o candidato do Frente Amplio á presidencia da República Oriental del Uruguay -imaxinades que algo análogo puidese acontecer na moi democrática celtiberia? Non, claro, pensaredes: eiqui non hai República, senón Reino de España, e non hai un presidente na xefatura dese estado, senón un monarca. Xa, xa...
Mais recollo o fío, ou o sedal. O caso é que "cipaio" pasou logo a denominar tamén, por extensión, ao que en rigor compriría chamar "colaboracionista", neste caso co poder colonial, antes, e agora neocolonial. Eu mesmo téñoo empregado nese senso figurado, nunha extensión se cadra abusiva da sua valencia semántica, en intervencións miñas na cámara galega, para tracexar un deseño político caricatural da nosa sociedade... e de aquela cámara tamén: eiquí hai -dicía eu- indíxenas, cipaios e "pieds-noirs" -os colonos franceses na Alxeria de outrora, recordaredes.
Pois ben, no período da imperial globalización ultraliberal que desembocou na actual crise do sistema, recrudecéronse as modalidades de opresión características do colonialismo, nunha nova metamorfose dese fenómeno -como levan diagnosticado e denunciado arreo os pensadores da esquerda latinoamericán inspiradores dos movementos sociais protagonistas dos actuais procesos políticos anti-sistémicos nese continente. E, nesa metamorfose do imperialismo colonialista globalizado, deron en proliferar os cipaios. Nomeadamente, a nova figura dos "governos cipaios". E non só na consabida periféria estrita do sistema -o malchamado "terceiro mundo"- senón tamén nas periférias internas ao proprio espazo socioeconómico e político do centro -as suas "colonias interiores"- e mesmo en metrópoles subalternas do imperio -como a England de Blair.
Os cipaios de turno -governos e oligarquías emisarias- aplicaron servilmente impertérritos, contra os indíxenas seica paisanos seus, o que Naomi Klein definíu gráfica e certeiramente como "doutrina do shock" do "capitalismo do desastre": as políticas económicas depredadoras, as destrutivas políticas anti-sociais, e as agresivas estratexias belicistas, decretadas polos amos ultraliberais do imperio e executadas meiante as intervencións do FMI, o BM, a OMC ou a OTAN en tódolos chanzos da pirámide escalonada do sistema-mundo. O resultado foi o que xa sabemos tod@s: a conversión da humanidade en carne de cañón do capital-diñeiro especulador. E o desenlace a día de hoxe coñecémolo tamén, comezamos a padecelo as xentes do común por todo o mundo adiante: a crise "unha e trina", que dixera eu eiqui mesmo, e o arranque dunha recesión mundial máis grave aínda cá histórica "grande depresión" dos anos trinta do pasado século. Nesas estamos.
*****
Os analistas sociais de esquerda, os de verdade, coinciden en sinalar que unha das causas profundas da crise, alén das suas manifestacións epidérmicas máis visíbeis, radica na aceleración e agravación, até acadar ritmos e niveis paroxísticos, das desigualdades sociais e territoriais ínsitas na natureza mesma do sistema. O desenvolvemento do capitalismo é desigual de seu. Trátase dun fenómeno consustancial coa natureza mesma dese modo de produción na sua conxénita dinámica económica e social. Mais a globalización ultraliberal, coa exacerbación da concentración e centralización do capital e o poder econòmico que enxendrou, e máis coa hexemonía do capital-diñeiro especulador nos mercados financeiros, sobor do capital-produtivo ou "industrial" actuante na esfera da produción, escordou os artellos que vertebraban a relación antre os dous nas fases precedentes do desenvolvemento do sistema. Iso desencadeou unha brutal agravación das desigualdades entre clases sociais, entre o centro e a periféria do sistema, e máis tamén dentro do centro e da periféria respeitivamente. As consecuencias foron o empobrecemento superlativo das clases traballadoras -ou sexa, a imensa maioría social en cadanseu país e na humanidade enteira- a concentración da riqueza en cada vez máis reducidos continxentes do cumio da pirámide social, as ´bolsas de pobreza" nas formacións do centro, a fame xeralizada en espazos demográficos cada vez máis dilatados dos continentes africano, asiático e americano, a destrución das formas precapitalistas de produción agraria que daban mantenza aos desherdados do mundo e... a caída en picado da capacidade adquisitiva da demanda de consumo de produtos pola maioría dos habitantes do planeta. Noutras verbas: a piques estivo esa lóxica perversa do sistema de "matar a galiña dos ovos de ouro" e facerse esborralllar o sistema enteiro. Non se esborrallou, polo de agora, mais entrou en crise. E teríase esborrallado seguramente de non teren acudido os governos imperiais, servilmente seguidos por tódolos governos cipaios, en ausilio dos causantes da catástrofe -no canto de facéreno en socorro das masas así condeadas á miseria, como disque preconiza a defensa do tan cacarexado "ben común".
Mais, agora que a crise desemboca en depresión universalizada, qué están a decidir agora os amos do sistema?. Velaí está o flamante G-20. Moi simple: decretan austeridade.. Para quen? Para os que encheron os cofres esbullando á humanidade? Non: para os outros. Ou sexa, para tododiós agás precisamente para eses malandros. A irracionalidade é cega: esa "austeridade" dos de sempre condeados a seren austeros a fortiori, non pode dar outro resultado que agravar a crise. Impórtalles aos amos?. Dáme risa, pesia que o conto é triste, como dixera Castelao. Impórtalles, digo?. Quiá. Importáballes aos amos de outrora a fame e a morte dos servos e os escravos?. Boh!. Daquela, por qué ía importarlles aos de agora?. Teñen o poder, a policía e os exércitos para manter a raia aos miserábeis, chegado o caso. Mais, e cómo responden os cipaios? Dispóñense a obedecer ordes. Todos iles?. Está por ver. Os cipaios auténticos, os soldadiños indíxenas hindús, sulbeváranse no 1857 -leo na famosa Enciclopedia Británica. Farán o proprio os cipaios por extensión de arestora?
*****
Veño de me decatar de que xa esgotei o espazo desta miña prédica dominical e inda non vos dixen qué leituras me espertaran a lembranza do xa famoso aforismo hindú. Deixarémolo para a próxima. E a nota de prensa? Esa si. Disque os novos inquilinos da Xunta van aplicar unha polìtica de austeridade.É natural, madia leva. Fuxamos á Galiza sul -ou sexa alén Miño. Ou se cadra millor ao Brasil -mar por medio. Alí, cando menos, non están por ésas.

Nenhum comentário: