04/10/2009

Constitución española e nacionalismo galego: unha visión socialista

Xosé Manuel Beiras
Á volta do vran do 1985 era inminente a convocatória de eleicións para a segunda lexislatura do Parlamento de Galicia. No outono do 1981 celebráranse as primeiras eleicións lexislativas galegas no marco do Estatuto de Galicia, recén entrado en vigor conforme ao deseño constitucional español do chamado Estado das Autonomías, que suplantara ao non-nato pacto federal, propugnado polas forzas sociais e políticas propulsoras da frustrada "creba democrática" como fórmula de artellamento da realidade plurinacional do Estado español . Ésa era mesmamente a posición do nacionalismo galego rupturista que, integrado no Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG), elaborara no 1976 unhas "Bases Constitucionais para a participación da nación galega nun pacto federal" constituínte dun novo Estado democrático. Mais, como é ben sabido, non houbera creba democrática, senón "reforma política". Os tres escanos obtidos neses comicios de 1981 pola coalición do BN-PG co PSG perdéranse, ao seren expulsados os seus titulares do novo Parlamento autónomo por negárense a prometer o acatamento da Constitución esixido no Regulamento que a cámara elaborara despois de constituída. Agora o BNG, fundado en setembro do 1982, tiña que decidir se transixía con ese trámite obrigado, para non ser excluído da acción parlamentar, ou renunciaba a ela para manter intacta unha posición rupturista mália que, naquil contexto, só puidese ser testemuñal. Eu estaba a prol da primeira opción, que foi a que prosperou. Mais quixen facer pública a miña leitura do proceso que dera ao traste coa arelada "creba democrática" e a miña denuncia do fraude político que, ao meu ver, acobillaba o pacto da "reforma". Tenteino nun monllo de artigos que a prensa do entón "declinou" publicar. Editouno nun folleto a "Agrupación Cultural Alexandre Bóveda" da Coruña. A deriva política deturpadora das "nosas" institucións autonómicas que arestora andamos a padecer fíxome relembrar aquil texto. Ofrézovolo eiqui en varias entregas, tal cal fora escrito daquela, como exercizo de memória e testemuño persoal da nosa história recente, por se vos pode ser de proveito. Dedicárallo daquela a Pancho Pillado. Reitero a dedicatoria nesta reaparición.

*************************

I
A diferéncia do nazismo xermano e dos fascismos latinos, o fascismo español non morreu de morte violenta. O Estado hitleriano, o rexime mussoliniano e máis o goberno de Vichy na Francia ocupada, foron derrubados "manu militare". Os seus edificios institucionais foron esbarrullados e os seus alicerces socio-políticos desencovados e esnaquizados a resultas dunha aniquilación bélica e unha subseguinte depuración, ainda que non completa, dos seus inquilinos -desde os voláteis dos tellados até as ratas dos esgotos subterráneos. Que Albert Camus escrebese nesa época A Peste, coa sua elocuente simboloxía, non é un casual, como non o é tampouco a contemporaneidade das suas Catro cartas a un amigo alemán, aparecidas primeiro e clandestinamente en Combat, baixo a ocupación nazi. Contemporaneidade e dureza: "Deprendémos que, pola contra do que ás veces coidamos, o espírito non pode ren contra a espada, mais que o espírito xunguido á espada é o eterno vencedor da espada tirada por sí mesma" -escrebe don Alberte no 1943.

Mais a vaga que asolagara ao fascismo detivérase daquela nos Pirineus. Nen o fascismo franquista nen o salazarista resultaron barridos pola maré, contra pronósticos e convicións hoxe impresas nas memórias francesas dunha Beauvoir, Simone Signoret ou a nosa paisana Maria Casares, a filla do fundador da ORGA. Os cidadáns demócratas e republicanos peninsulares, no interior ou no exílio, viron cómo os seus ideais, os seus direitos e o seu combate era atraizoados polas democrácias occidentais vencedoras do inimigo común, en aras dunha nova guerra: a chamada "fría" -e non precisamente por mor da longa invernía que así se ía prolongar tres decénios máis sobre dos pobos da Península. Nen sequer foi recompensado políticamente o heroísmo dos demócratas republicanos socialistas, comunistas ou anarquistas, nen o dos loitadores nacionalistas galegos, vascos ou cataláns, que despois da resisténcia militar da II República ainda tiveran folgos e carraxe para combateren alén os Pirineus frente aos nazis na Resisténcia francesa, nos servicios secretos e de enlace que empregaban o euskera como código críptico, nos carros de combate que liberaron Paris, ou aquén ese montes na guerrilla anti-fascista que na Galiza seguiu en pé até os anos cincuenta. Demócratas, revolucionários e nacionalistas que ainda hoxe bradan no alén polo restabelecimento dunha xustícia histórica e non somente tal que segue sen serlles devolta. Quén fala hoxe deles nos Parlamentos celtibéricos, quén defende realmente os seus ideais, os ideais polos que eles loitaron até a morte? Qué xustícia política se fai hoxe ás camadas sociais e máis aos pobos que eles encarnaban daquela na loita pola liberdade sen máis adxectivos e sen cancelas?

O fascismo español durou trinta anos máis, até o esgotamento biolóxico dos seus faraóns, e ainda que non foi agredido militarmente nunca máis, el si que morreu matando: ainda acaba de pasar en siléncio case completo o décimo cabodano dos fusilamentos de setembro do setenta e cinco, decretados por un vello merdallán tiránico ás portas da sua própria agonía. Escoitádeme en castelán por unha vez: "avive el seso y despierte". Cómo podería eu ollar á cara dos meus fillos adolescentes, que xa os teño, se esquecese, na mente e na prática, esta história que é tan deles como miña, a história na que se fundamenta o que de positivo poda ter o presente que estamos a viver?


II

Ás portas do setenta e sete -ese ano de cifras hebraicas, hoxe muro das lamentacións tamén el para os que fixeran a travesía do deserto español- o panorama socio-político interno no "solar hispano" deseñábase asi: dous eixos dinámicos vertebraban o proceso de demolición do Estado fascista, a saber, a loita do proletariado que, através do movimento obreiro, inflixía derrotas crecentemente graves á base social do rexime fascista e gañaba acumulativamente espácios de liberdade real e prática ainda a costa de sangue traballador como o vertido na Ponte das Pías ferrolan; e máis o combate nacionalista dos pobos sen Estado de Euskadi, Galiza e Catalunya, que, á par de combinarse solidariamente co movimento obreiro, feria de morte o aparello de Estado unitário fascista e burgués.

A oposición democrática ao fascismo español -tal seguía a ser o franquismo, arrombemos dunha vez eufemismos panximiqueiros- era tan consciente dese dobre feito cardinal no proceso político de entón, que suscrebía sen pestanexar as reivindicacións primordiais de uns e outros, traballadores e nacionalistas, do movimento obreiro e das nacións sen Estado, mesmo cando non eran as suas próprias por mor da ubicación na estrutura de clases ou no des-concerto dos pobos peninsulares: pequena burguesía demócrata, no primeiro caso, e cidadáns non "periféricos" do Estado, no segundo.

E digo ben que as suscrebían, non que as asumisen coa determinación de facelas suas por identificación ou por solidariedade na prática política futura. Botade unha ollada aos documentos clandestinos da época, á prensa internacional daquel tempo, e, mesmo, a partir do chamado "destape", á própria prensa do interior. Todos os que hoxe se pasaron de rosca -involutivamente, enténdese, ou sexa, que recuaron públicamente- suscrebían entón pontos reivindicativos cruciais deses dous grandes inimigos internos do Estado fascista: sindicalismo de clase e unitário, no movimento obreiro; autodeterminación e soberanía dos pobos galego, vasco e catalán, no frente nacionalista "periférico". Eran postulados básicos e innegociábeis da democrácia que se loitaba por estabelecer, pontos esenciais da quebra democrática liquidadora do rexime fascista. Por qué eses pontos esenciais, por riba de seren arrombados sen escrúpulos no proceso de "transición", se converteron en cocóns e fantasmas shakesperianos -hamletianos ou macbethianos, como gostedes- do sindicalismo e a política oficiais, respectivamente, do presente? Por qué eses dous grandes inimigos do Estado fascista son apresentados agora, de xeito subliminal ás veces, descarado moitas outras, como inimigos ou ameazas para o Estado democrático? Eu son, persoalmente, testemuña involuntariamente cualificado deses feitos todos, da veracidade deses posicionamentos, no campo democrático socialista. Algo sei, logo, do asunto.


III

Cando na primavera do 1974, a raíz da aceleración histórica esoxenamente producida, esta vez, pola revolución portuguesa, se convoca multilateralmente a Conferéncia Socialista Ibérica (CSI), dous son os eixes dos debates e negociacións entre as diversas organizacións que concorren a ela (singularmente, de primeiras, O Partido Socialista Galego (PSG), o Moviment Socialista de Catalunya (MSC), o Partit Socialista del País Valenciá (PSPV), o PSOE e Reconstrucción Socialista): un, a procura dos denominadores ideolóxicos e programáticos comúns do "novo" socialismo agromado organizativamente baixo o fascismo franquista; outro, a fórmula e prerrequisitos para a articulación do Estado español a vir despois do fascismo e máis a dos propios partidos socialistas entre si. Os documentos ideolóxicos, políticos de principios, e programáticos editados clandestinamente -pero profusamente difundidos xa daquela- pola CSI e, máis logo, pola Federación de Partidos Socialistas do Estado español (FPS, 1976), acredítano sen lugar a dúbidas, inclusive coa autoría firmada, en bastos casos, de indivíduos que hoxe son persoeiros do Estado central, as institucións autonómicas ou as altas xerarquías da administración política.

Nun documento informativo da CSI, no que dá conta dos acordos concluídos nas sesións do 1974, consta o "recoñecimento polo PSOE da existéncia de partidos socialistas nas nacionalidades periféricas e posibilidade dunha federación de todos os partidos socialistas, coa conseguinte disolución das federacións rexionais do PSOE naquelas nacionalidades nas que existan partidos socialistas". Ainda me lembro hoxe do Pablo Castellanos colléndome do brazo á porta da sede do PS francés en Paris, en xuño do 1974, e dicéndome que habería que mudar moitas cousas, "incluídas as siglas do PSOE". É sabido: Pablo Castellanos non chegou sequer ao final dese ano como Secretario General do PSOE. El servira para gañarlle a batalla do recoñecemento internacional á direición do partido no exílio, mais foi liquidado á sua vez no congreso de Suresnes, no outono do setenta e catro, polos "jeunes loups" meridionais que, através dos fíos detentados polo "Tanque" Múgica, fixéronlle a cama a Willy Brandt nos habitáculos da Internacional Socialista. O PSOE tenta conxelar a CSI, e dende marzo do 1975 recorre ao veto para impedir que calle unha unanimidade na que el é o único discrepante. Consecuéncia: o PSOE autoexclúise, poisque todos os demáis deciden continuar, e suliñan: "a CSI non está formada só polos partidos socialistas das nacionalidades en conflito co PSOE", xa que "tamén participan nela outras organizacións socialistas tais como Reconstrucción Socialista -que non ten connotacións nacionalistas- e USO, un sindicato de tendencia socialista". A chave da custión, iso si, faise evidente por pasiva, cando a CSI afirma: "Existe unha fonda convición de que nengun participante ten pretensións hexemónicas".

Aquelas cousas que a nova equipa do PSOE segue declarando ainda para a galeria que asume, mais xa non está disposto a suscreber en documentos de órgaos interpartidários socialistas -ergo, xa non quer comprometerse a asinar- fanse evidentes, por contraste, ao lermos os contidos dos documentos pre-fundacionais da FPS editados en marzo do 1976. Así, Reconstrucción Socialista, por voz de Eugenio Royo, brazo dereito de Quique Barón, reclama o direito dos pobos do Estado "a elexiren e dotárense de institucións representativas próprias que permitan o exercício do direito de autodeterminación". Eusko Socialistak, através de Mikel Salaverri, propugna "un sindicato unitário, de clase, autoxestionário, democrático e autónomo, polo que estamos abertamente e polo que loitaremos en todos os planos". O PSC, coa firma de Joan Raventós, escrebe que "á par da concepción federativa de partidos socialistas no Estado español, compre unha concepción organizativa deles totalmente democrática" e máis "un grande debate teórico-político sobre das bases nas que debe apousar a unidade dos socialistas" -debate no que se eluciden "as grandes opcións estratéxicas que os socialistas debemos definir e asumir". O PSPV, en palabras escritas por Joan Garcès, afirma que a FPS "procurará e manterá relacións de solidariedade militante co movimento obreiro internacional, coas forzas socialistas e anti-imperialistas de dentro e fóra de Europa, e cos pobos en loita pola sua liberación nacional" -a empezar, naturalmente, polos de dentro do Estado español no que a FPS está enxertada. En fin, o que o PSG escrebe coa antefirma do meu próprio nome non viría a conto, obviamente, de non facelo seu a própria FPS como no resto dos casos mentados: "un dos problemas máis sérios cos que bate calquer estratéxia para o estabelecimento da democrácia no ámbito do Estado español consiste na contradición entre o carácter unitário dese Estado, por unha banda, e a índole plurinacional da realidade socio-política que ese mesmo Estado recobre, pola outra"; por iso mesmo, "o Estado desmesurou fóra de cacho o emprego dunha ideoloxía "nacionalista" española centrípeta, hipertrofiando a sua función negadora dos demáis valores nacionais autóctonos". Mais mesmamente desas plurais realidades nacionais "teñen que partir o internacionalismo e máis os plantexamentos de solidariedade de clase. De aí partimos nós, socialistas, e co logro da FPS damos probas de asumir na prática os nosos principios de solidariedade, e prefiguramos, no plano da articulación conxunta das nosas organizacións, a fórmula que preconizamos para o artellamento do próprio Estado".

O PSOE non estaba disposto a "misturarse", federándose en condicións de paridade, con outros partidos soberanos nos seus respectivos ámbitos nacionais, onde, polo demáis, o PSOE non existía virtualmente en absoluto -cando menos na Galiza, como se demostrou despois e sabiamos moi ben daquela os socialistas indíxenas. No setenta e cinco, cando as cousas xa ían mal na CSI e se aviciñaba a ruptura co PSOE, que adoitaba enviar alí, por relevos, a González e Múgica -sal e pementa, se cadra- o Múgica, nunha sesión surrealista na que acabamos increpándoo e parangonándoo con Arias Navarro desde Raventós e Barón e min mesmo, tivo a fachenda de apresentarnos a un mozo lánguido e tristísimo como "o seu home en Galiza", ao Graham Greene, suposto tecelán duha suposta rede psocialista que faria ilusória a hexemonia do PSG no socialismo galego. Sorrin e irriteime a un tempo ante tamaña provocación. O tal mozo era coñecido xa entre nós -e seríao moito máis posteriormente- como "o Innombrable", por gafe. Pouco despois, César Portela, daquela artífice da criación do Coléxio de Arquitectos de Galicia, relataríame con moito humor os "vaciles" aos que o sometía cando recebía a sua visita para lle propor o ingreso no PSOE. "Cántos sodes xa?" -inquiría o Portela. "Xa che somos cinco" -respondía impertérrito "o Innombrable". Ofrecéralle xa daquela ser alcalde da sua cidade nas primeiras eleicións "democráticas" que houbese. A eses niveis andaba o choio do "Tanque" en Galiza. Nas eleicións do 1977, "o Innombrable" foi segundo da lista do PSOE pola Coruña, e resultou eleito deputado. Aos poucos meses pasábase a UCD, e mesmo despois a unha direición xeral na Xunta pre-autonómica de Rosón. Por certo que a cabeza desa mesma lista fora Paco Vázquez. Eu soubera del -da sua existéncia- porque figuraba na axenda de enderezos do Quique Barón, que me perguntara se o coñecía. Aseguráralle que nos eidos da clandestinidade era absolutamente ignoto. "Sí, hombre, un chico que es inspector de trabajo", insistiu o Barón. "Nen idea, Quique". "Pues él te conoce, y dice que Beiras es una institución". "Para, Quique, neno! O nacionalismo non ten institucións aínda. E non me "cousifiques", por favor". Hoxe Paco Vázquez é un alcalde da Coruña que fai boa a memória de Molina Brandao -un megalómano fascistón que, por certo, morrera dunha coitelada nun tugúrio brasileiro, en viaxe oficial de pracer.

Esa "relutáncia" do PSOE á paridade connosco era tal vez un reflexo de sobrevivéncia dun vello partido reencarnado en novos cadros recén chegados ao activismo socialista clandestino -moito máis recén chegados eles, desde logo, os do novo cúmio pesoísta, do que a maioría de nós, os da "periféria", e sen os nosos vínculos ininterrompidos coas xeracións devanceiras, poisque nos nosos "curricula" colectivos non houbera ainda unha ruptura traumática semellante á da equipa gonzalista a respeito da llopista. En calquer caso, se eles non "pasaban" por recoñecer a soberanía política e organizativa a partidos "irmáns" das nacións galega, vasca ou catalá. cómo irian recoñecer soberanía intrínseca e direito á autodeterminación a esas correlativas nacións sen Estado? A cerimonia da confusión estaba encetada xa dunha vez por todas, convertendo en cinza o lume de decénios de esforzos e loita pola comprensión recíproca e a coordenación solidária. Esforzos xurdidos, por certo, da "periféria" e non do "centro": o PSG nacera no 1963, e no outono do 1964 xa estaba a tender a man a outras organizacións peninsulares en Imperia, na Riviera italiana, baixo os auspicios do PSI de Nenni e do brazo do xúrdio vellote largocaballerista, de tan conmovedora memória para min, que se chamou en vida Xosé Calviño, quen debatía crítica e didácticamente comigo en Paris certos contidos non nidiamente socialistas da nosa primeira declaración de principios, e invocaba con paciente sosego -e até con tenrura- o método do "socialismo científico", quer dicer, do marxismo. Pobre Calviño se estivese a ver ónde acabara o seu amado Partido Socialista Obrero e o seu albaceádego de Largo Caballero!


IV

Como quer que o fascismo franquista non morreu no frente, senón na cama dun hospital da S.S. -en singular- entubado, "pinchado" e con suspense de traxicomédia filmada, foron as condicións políticas da "comédie humaine" internacional as determinantes do desenlace sucesório. Impórtame suliñalo, poisque esta opinión non é comun.

Adóitase sopesar as causalidades endóxena e esóxena dese proceso dun xeito que atribui moito relevo ás condicións internas -endóxenas- do proceso e, somente a partir delas, un papel de importáncia variábel segundo as ópticas, pero sempre só complementário, ás circunstáncias internacionais -esóxenas. Conforme a esta opinión, a correlación de forzas entre a oposición democrática e o franquismo non teria sido propicia á consecución dunha quebra democrática, isto é, alén as elementais cuestións de aduvio democrático no plano institucional, estabelecemento de liberdades formais, lavado e encalado de fachadas, e desinfección de inodoros políticos. Nesta situación, a presión internacional das democrácias occidentais tería sido o factor determinante para facer pasar ás bases sociais do fascismo franquista seródio por algo máis que os retoques das Leis Fundamentais que ainda postulaba Fraga -e, xa que logo, AP- na primavera do setenta e sete cara aquelas eleicións parlamentárias que por algo -argúese- non foran convocadas co carácter de Cortes constituíntes, ainda que logo se adicasen de feito a elaborar unha Constitución, a gaditana do XX, ou sexa, a vixente do 1978.

A miña valoración é mesmamente a contraria désta. As loitas sociais, cívicas e nacionais no decurso dos anos setenta dentro do Estado español, as loitas obreiras e nacionalistas, os movementos universitários e cidadáns, experimentan tal pulo e ritmo de aceleración, acadan tal degrau e magnitude de movilización popular, e conquiren o estabelecimento ou a apropriación de tal cúmulo e diversidade de plataformas -incluída a penetración no corazón mesmo dun sistema así, coa aparición da UMD no exército, polo demáis en contacto sempre co tecido social e a clandestinidade política organizada- que, para os que participamos naquel proceso cunha mínima capacidade simultánea de obxectivación crítica e reflexión analítica, resultaba impensábel que a quebra democrática desmanteladora a fundo do aparello fascista non tivese lugar... agás que as condicións políticas externas -as variábeis esóxenas- operasen como freo do proceso, no canto de afortalárenno e ampliárennno acumulativamente.

É máis, recordade: dende nadal do1973 e en seis breves meses aconteceron tres feitos dunha enorme releváncia conxuntural en fases críticas como aquela: a execución de Carrero polos "gudaris" vascos, a revolución "dos cravos", e máis a tromboflebite do vello marrau. Tres feitos que feriron o rexime fascista español en tres pontos vitais: a liquidación do futuro continuísta do poder institucional e fáctico do aparello "fascistopusdeísta"; a defenestración do gardaespaldas lusitano postsalazarista; e a "morte anunciada" -ou anúncio de morte iminente- do sapo eterno: a tanxibilidade da condición mortal do tirano que a mente popular chegara a pór subconscientemente en dúbida. O Estado fascista andou á deriva durante un tempo, e abonda consultar a información periódica da época para se decatar. Ainda cando máis logo Fraga dicía que a rua era sua, a realidade foi que non durou como ministro da gobernación porque a situación xa era ingobernábel para o aparello de Estado fascista. O contexto internacional máis ben permitiu e propiciou que a deriva temporal -nunca mellor dito- do Estado non acabase en caos e descalabro. Cousa esta á que, por certo, contribuiu non pouco a alarma que nos meios "demócratas" occidentais -filoianquis todos eles- suscitara o sesgo que collia a revolución portuguesa, levada a sério polos gobernos do rexo Vasco Gonçalves co apoio popular dunhas xentes que, fartas de cadeas e explotación, lle berraban: "forza, forza, compañeiro Vasco!".

Queredes unha proba sintomática desa alarma? Velaqui: "Os comunistas portugueses teñen un sério problema de credibilidade tocante ao respeito da democrácia política, ou pluralismo ideolóxico, durante ese proceso de transición". "Seria un erro que marcaria definitivamente o futuro o de que o MFA se institucionalizase como veículo de intervención directa na vida política portuguesa, á marxe da representación popular emanada das urnas". "Os socialistas (portugueses) están mellor situados ca ninguén para enarbolaren a bandeira da construción do socialismo en liberdade". Non son propósitos do Pentágono. Son aseveracións de Felipe González feitas en Cuadernos para el diálogo, xa en abril do 1975, no número adicado a "La vía portuguesa". Desde pouco despois, durante os oito últimos anos até agora transcorridos, a Constitución elaborada baixo os gobernos provisórios do Vasco, a Intersindical dos traballadores, o sector progresista do MFA que aínda anima a Asociación Vintecinco de Avril, e o eleitorado da APU catalizado arredor do PCP, levan sido bastións que manteñen a defensa das conquistas da "revolución dos cravos" frente ao proceso contrarrevolucionário orquestrado internacionalmente, e no que o PSP leva actuado sistemáticamente de celestina. A "construción do socialismo en liberdade" polo partido de Soares, úla, que non se albisca por ningures?

O eido socialista era de certo un lugar de observación e auscultación privilexiado nesa época, por razóns obvias. E debo declarar que alguns, entre os que me conto, tivemos a grave sospeita, xa desde o início da CSI na primavera do 1974 e as xuntanzas dese verán no estranxeiro, como hóspedes do PS francés e da SPD alemá, de que, desde fóra -léase en concreto: desde os cuarteis xerais da Internacional Socialista- estabase a precociñar unha transición española "sen traumas" nen "espirais revolucionárias". Os "traumas" previsíbeis por nós somente podían selo para os fascistas e os colaboracionistas co franquismo. Ergo, se se aforraban, aforrábansellelos, e para qué aforrárllelos? Non traumatizaran eles durante meio século ás clases traballadoras e máis aos pobos da Península? Acaso era revanchismo en vez de simples sensatez limpar a fondo as nosas casas se queriamos ter garantías de democrácia e socialismo para o futuro? "Espirais revolucionárias", logo: o cheiro a xofre do tartufismo demócrata-occidental perante o drama político da guerra española rebrotaba das covas da história e alertaba o noso olfato -algo estaba a apodrecer outravolta. O mesmo tema, con variacións, que no 1945 e seguintes.

No meu caso, a sospeita fíxose certidume xa desde o congreso de Suresnes do PSOE. Desde aquel mesmo momento souben que o destino convertera en adversarios e mesmo inimigos non queridos nosos aos que me esforzara en considerar, apesar de tantas discrepáncias, fraternos amigos socialistas. Non fun eu só. Fomos bastantes os que, desde entón até o setenta e sete, nos esforzamos en afogar en nós mesmos esa sospeita que se tornaba evidéncia, e seguimos a fiar neles e traballarmos xuntos como "compañeiros". Especialmente cos máis próximos, xa consumada a ruptura co PSOE, forxada a FPS, e virtualmente perdido o apoio -ou mesmo gañada a desconfianza e animadversión- da Internacional Socialista.

Ainda no 1976 viaxei en nome da FPS, e na compaña de Narcís Serra, Joan Garcès e Enrique Barón, a Arxel, en procura do apoio internacional dos países non alineados. Fomos recebidos oficialmente polo goberno de Boumedian. O forno internacional non estaba para cocer, e o apoio non chegou a traducirse material nen diplomáticamente en nada sensíbelmente apreciábel.

A FPS nacera morta, tal coma un tal Beiras dera en cismar a pesar seu no meio do alborozo en torno das xornadas constituíntes. E todos os seus membros agás o PSG, desde cataláns a baróns e usos, limitáronse no seu intre a enterrala e facerenlle funerais solemnes pactando co PSOE perante as eleicións do setenta e sete. A executiva do PSG escrebeu daquela con amargura: "Cómo se pode comprender que pacte co PSOE unha organización como o PSC, que foi membro fundador da FPS, e que nese trance suscrebeu unhas señas de identidade socialista e uns principios organizativos de federación de partidos que o PSOE non pode aceitar e que, mesmamente por non aceitalos, saíuse da CSI primeiro e non se incorporou á FPS despois? Iso chámase fariseísmo por parte do PSOE e, dalgun xeito, insolidariedade por parte do PSC". É o brado inútel do guindado pola borda en alta mar: "Qué é o que está primeiro? O socialismo galego ou a existéncia e os intereses criados do Partido Socialista Obrero Español?".

Alguns pagámolo máis caro ca outros. Pero máis caro ca ninguén pagáronno o proletariado e os pobos sen Estado da Península chamada, impropriamente, ibérica. Non llelo perdoarei, non llelo perdoaremos endexamáis.


V

Perguntarédesvos: e a Constitución española? Como certos personaxes dos esperpentos, está presente no ambiente e na trama sen se facer ver apenas. En Luces de bohemia de Valle-Inclán, hai nun intre dado unha anotación de acción, práticamente irrepresentábel, que reza: "Atravesa a escena un gato que berra ¡viva España!" -ainda mo recordaba o outro dia Pancho Pillado.

É natural. Unha constitución non é máis ca un documento onde se plasma un modelo político de estruturación da sociedade resultante dun proceso constituinte. O proceso constituinte acontece no seo da sociedade mesma como colectividade viva e en movimento, non nun salón ou cámara determinados. O proceso constituínte da Iª República francesa, vertido na declaración universal dos "droits de l"homme et du citoyen" e na primeira constitución democrático-burguesa da Europa continental, foino a Revolución Francesa do 1789-92. O proceso constituinte da Unión Soviética, primeira federación de repúblicas socialistas na história do planeta, foino a revolución bolchevique de Outubro no 1917. O da Constitución portuguesa hoxe vixente, ainda e pésia todo, foino o proceso revolucionário que se desata co golpe militar progresista do 25 de abril do 1974 e culmina nos gobernos provisórios presididos por Vasco Gonçalves. E o da actual constitución española do 1978 estámolo a ver reflexado aqui através dun prisma que fixen esplícito desde o mesmo título: o dun socialista que loitou desde a adolescéncia até hoxe no frente do nacionalismo galego, quer dicer, na vanguarda do proceso histórico-político de autodeterminación do pobo galego, pobo que constitui unha nación sen Estado en curso ascendente de accesión á plena conciéncia colectiva da sua identidade como nación, e conseguintemente de loita polo exercício da sua soberania -se empregamos, para entendernos, este termo nado nas suas connotacións semánticas contemporáneas na mesma revolución francesa precisamente.

A identidade nacional da Galiza, a sua existéncia histórica como nación na dimensión sociopolítica do termo -non na superestrutural que é sempre unha "excrecéncia, nunca de seu un fenómeno estrutural na sociedade- estivo sempre en contradición co feito xurídico-político -superestrutural, logo- do Estado español. Esa contradición, sempre existente, agudizouse na história a partir da forma moderna e borbónica de Estado unitário centralista desde o XVIII, e agravouse co Estado centralista español burgués, por duas razóns primordiais: unha, o desenvolvimento capitalista para o que ese Estado foi o instrumento superestrutural que, mutatis mutandis, serviu aos mesmos fins cardinais en toda a história contemporánea de Europa, pero que ao actuar sobre da base económica galega converteuna ademáis nunha colonia "interna"; outra, o despertar e desenvolvimento que desde o XIX experimentou a conciencia nacional -se queredes, o "volkgeist", nas formulacións teóricas europeas da época- na conciencia social de Galiza. A agravación e agudización desa contradición acada o seu cume histórico coa fase franquista de Estado español totalitário e fascista.

Por outra banda ese fenómeno, nos seus termos xerais, non se dá somente coa realidade nacional galega, senón tamén coas outras englobadas no espácio territorial e político dese Estado español: Euskalherria e máis Catalunya -ou, nun senso lato, os Países cataláns. O fascismo, coa sua concepción totalitária do Estado e a sua abafante presión represiva sobre das liberdades de calquer caste, agudiza non só as contradicións de clase na sociedade "española", senón tamén as contradicións nacionais, quer dicer, entre o Estado unitário e anti-democrático e a realidade plurinacional da sua base de asentamento. De aí mesmamente que os vectores primordiais da dinámica socio-política anti-fascista sexan o movimento obreiro -loita de clase do proletariado- e os nacionalismos "periféricos" -loita das nacións asoballadas pola sua autodeterminación.

A liquidación do rexime franquista, ou sexa, o desmantelamento do Estado facista, tiña que resolver esas duas contradicións, dar satisfación a esas duas correntes de movilización política de camadas populares, plasmar nunha nova fórmula de superestrutura xurídico-política esas duas expresións activas da conciéncia social. Só dándolles solución no plano institucional "ex-novo" poderia abrirse unha situación democrática de amplo horizonte e estabilidade -"consolidarse" a democrácia, como se adoita predicar retórica e farisaicamente nos meios políticos oficiais de hoxe. Noutras palabras, o proceso constituinte que estaba a operarse de feito na sociedade xa baixo o franquismo camiñaba nesa dobre direición. A via de paso dese proceso, para se traducir superestruturalmente, constitucionalmente, chamábase no argot da época creba democrática. Ora: escamoteouse a quebra democrática, furtáronse as reivindicacións cardinais tanto do movimento obreiro canto das loitas nacionalistas emancipadoras, arrombáronse os postulados esenciais previamente suscritos, ao parecer, por todas as forzas e organizacións democráticas, e fíxose unha constitución consagradora da "economía social (?) de mercado" -eufemismo supletorio da expresión "capitalista"- e negadora da soberanía nacional e o direito de autodeterminación dos pobos galego, vasco e catalán. Acabouse aplicando, a fin de contas, a Lei de Sucesión franquista do 1946 "sub specie constitutionis": ao cabo os vencedores resultaron ser Fraga e demáis "revenants" políticos, absolutamente impresentábeis en calquer democrácia normal. Estamos a pagar ainda hoxe as consecuéncias. Seguiremos a pagalas. E o pior é que pagamos "xustos por pecadores", os inocentes polos culpábeis, os explotados polos explotadores, os asoballados polos asoballadores, os colonizados polos colonizadores.

"O pobo galego non pode transixir con nengunha forma de transición política, no nivel do Estado español, que non leve enxertada a sua autodeterminación como pobo. O respeito dos direitos nacionais dos pobos do Estado español non pode ser unha "cuestión adicional" na estratéxia da transición, por moi "sine qua non" que se chegue a considerar esa cuestión. O exercício dos direitos nacionais da Galiza e dos demáis pobos do Estado español actual é consustancial co proceso de quebra democrática": son diáfanas afirmacións contidas no documento que o PSG apresenta ao Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG) para levalo -e será levado- á xuntanza de plataformas democráticas que se vai celebrar o 25 de setembro do 1976 en Valéncia, cando xa está a apodrecer a alianza antifascista e as organizacións chave a nivel de Estado andan a pactar coas forzas do rexime franquista, a saldaren o patrimonio da quebra democrática, e aceitaren a reforma.

Curiosa extravagáncia, pactar unha reforma democrática! Obviamente, pola sua própria índole, un Estado e un rexime fascistas son irreformábeis. Só se pode reformar unha democrácia que xa exista; un rexime e un Estado anti-democráticos "per se" non cabe sometelos a unha reforma democrática: ou se botan abaixo, se dinamitan ou desmontan peza a peza, ou viciarán conxénitamente calquer Estado e rexime que os sucedan. E iso non se resolve con que media dúcia de "xurisconsultos" escreban un papeliño co rótulo de Constitución e logo se aprobe nunhas cortes ou nun referendum: tamén facía referendums Fraga a prol do vello marrau, e gañábaos, naturalmente. Coa reforma política, a Constitución do 1978 e o subseguinte referendum, a base social do fascismo franquista e os seus escribas e pontífices gañaron a sobrevivéncia política frente ao conxunto das camadas populares do Estado español e á conciéncia social que apostaba por un proceso constituínte aberto e disipador dos fedores de tanto cadáver político por enterrar de vez. A reforma e a Constitución foron a UCI que non resucitou ao tirano pero salvou in extremis aos seus cans de presa. A democrácia, e o poder formal nela, nacen así secuestrados. Seguen secuestrados ainda, por máis que xa pareza gostarlles esa situación: son os fillos de Franco.

"Conforme ao princípio de autodeterminación nacional, a soberanía política en Galiza corresponde ao Pobo Galego. Un Goberno galego asumirá a repesentación e o exercício do poder político no território da Galiza en tanto non se estabelezan as institucións definitivas no correspondente proceso constituinte. A participación da nación galega nun Pacto federal español, terá de axustarse ás condicións mínimas seguintes: A) O Pacto federal terá de ser concluído sobre os princípios da negociación en plano de igualdade dos representantes lexítimos dos pobos das diversas nacións integradas hoxe no Estado español, segundo veñan determinados polos respectivos procesos constituintes...".

Son párrafos das "Bases constitucionais" elaboradas na primavera do 1976 e asumidas polo CFPG. Semellan ecoares dun pasado remoto, prosa de política-ficción, extrapolación dun documento vietnamita? Non: era a linguaxe política cotián nas plataformas ilegais, xa non estritamente clandestinas, das forzas democráticas nesta Terra e nas demáis da Península hai menos de dez anos. Cando abria o dia no Padornelo após a longa noite de pedra celsoemiliana, recitabamos de memória o Alba de Grória do Daniel, e as hostes de Waldemar, señor de Gurre, cantaban para nós con música de fanfárria do Schoenberg: "Vede, o sol escintilante ao borde do ceo saúda o voso soño. Ridente, remóntase das vagas da noite, facendo voar desde o relocinte sobrancello os seus mollos dourados de luz!".

Non foi un espellismo. Esa premonición de antonte é hoxe o porvir.

Compostela, 6 de outubro do 1985

Nenhum comentário: