Xosé Manuel Beiras
I.
II. O TNT de 1974
III. Os cravos do cristo
IV. Eutanasia constitucional
V.- Epílogo provisório: "L'Espagne est en vente"
I.
O rótulo non é meu: é un empréstimo. Ao pouco de que a A.C. "Alexandre Bóveda" editase nun opúsculo, como xa vos dixen, o texto dos artigos que a imprensa do entón rexeitara publicarme e que veño de ofrecervos eiquí, en catro entregas, nestes domingos pasados, recibin unha chamada de Joan Garcès. Estaba en Madrid. Había oito anos que non sabía nada dil. Perderamos o contacto dende as eleicións do 1977, as primeiras do post-franquismo. En rigor, perdérao eu, por mor da grave crise persoal que me precipitara nun descenso aos infernos do que tardara varios anos en rexurdir. Joan Garcès fora o compañeiro da FPS co que máis me sintira identificado e no que máis confiaba. Tamén o que máis eu aprezaba e ademiraba, polo seu talento e a sua traxectória, tanto inteleitual coma ética e política. Fora asesor de Allende durante o governo da Unidad Popular, e -escribiría máis tarde Mario Benedetti- "foi un dos homes máis achegados e de meirande confianza do Presidente, a quen acompañou até os seus últimos momentos no Palacio de La Moneda". Morto Allende, il salvárase de miragre, pola sua audacia e máis unha decidida intervención do embaixador español en Santiago de Chile. De alí pasara a Paris, onde se integrara na equipa asesora da candidatura de Mitterrand ás eleicións presidenciais de 1974 -que gañara Giscard d"Estaing- na compaña de membros do famoso CERES, como Michel Rocard, e economistas como Jacques Attali. Precisamente á volta dese verán, fora convidado por Pierre Guidoni a asistir ao "cónclave" -que non congreso- de Suresnes, o da entronización de González na direición do PSOE, mais refugara o convite: "O camiño da recuperación da soberanía nacional e as liberdades democráticas, díxenlle ao meu amigo -escribiría Garcès ben anos despois- non debera pasar por unha "intervención preventiva" como aquela, de manual, en previsión de que a ruptura de Portugal co rexime de ditadura -a revolución dos cravos acontecera na primavera anterior- puidera extenderse ao resto da Penínsua Ibérica". Retornado pouco máis logo a España, e activamente incorporado ao proceso de xestación da efémera FPS, a min retratárame moi gráficamente a comedia de Suresnes nunha lacónica sentencia que nunca máis esquecín: "En Suresnes -dixérame- o anfitrión foi o PS francés, o "bailleur des fonds" -fornecedor dos cartos- foino a SPD, e o direitor de escena o Departamento de Estado norteamericano".
Garcès posuía xa daquela unha moi sólida formación teórica e ideolóxica, inusual nos cadros políticos da esquerda peninsular do entón, e a sua insaciábel curiosidade e insólita erudición como investigador e analista fornecíanlle un coñecemento exaustivo da urdime política do sistema e unha certeira capacidade de diagnose das suas tensións dinámicas. Pola sua estreita relación coa esquerda francesa máis criativa dende o período final do gaullismo, e a sua ulterior actividade na "Fondation Nationale des Sciences Politiques", dispuña dunha información privilexiada encol dos procesos que estaban a darse a partir do sesenta e oito nos diferentes eidos das esquerdas europeas. E pola sua experiencia chilena e o seu rol no círculo de confianza de Allende, coñecía perfeitamente o panorama latinoamericán e tiña valiosísimos contactos políticos no espazo dos países non alineados. Un seu irmán formaba parte do grupo nuclear do PSPV, liderado por Vicent Ventura, e por ese vieiro se incorporara Joan ao proceso de xestación da FPS, consumada a ruptura co PSOE na Conferencia Socialista Ibérica. Naturalmente, romper co Psoe implicaba gañármonos a enemistade da Internacional Social(demócrata)ista, cociñeira na suplantación da creba democrática pola reforma política do Estado franquista con receita ianqui, de xeito que os da FPS ficabamos sen respaldo internacional ningún. Foi nesa tesitura na que o Garcés fixo uso dos seus contactos para tentarmos arrecadar apoios onda os países non alineados, e xestionou a entrevista dunha delegación da FPS, encabezada por il mesmo, co governo de Boumedian en Alxer á que xa me referin. Do que non dispuña o Garcès, nen tampouco a propria FPS, era do poder ou o peso específico suficiente para obter ese apoio a contracorrente da operación deseñada polas "Potencias hexemónicas" para a transición no Estado español, é dicir, para contrarrestar eficazmente as presións exercidas sobre o governo alxerián pola "Coalición da Guerra Fría" -como certeiramente denomina Garcès ao "bloque oucidental"- e as contrapartidas ofrecidas por membros dela, a empezar pola IS co Psoe como "correveidile" -incluídos acordos de comercio de estado coma os que fixeron inzar exóticas palmeiras a treu en espazos públicos remodelados da franxa atlántica septentrional peninsuar climáticamente máis adversos á fisioloxía desa especie vexetal mediterrán. Así ficamos sen ousíxeno exterior, abafados e, os que non pactamos, varridos pola propaganda e os cartos dos "Flick" nas eleicións do setenta e sete -como o PSG e, no PSPV, o grupo de Ventura. Canto ao Joan Garcès, que, a diferencia doutros moitos cadros da FPS, non entrou no xogo da "reforma política do irreformábel", decidíu encetar a investigación documental precisa para a redacción dunha obra de grande alento encol das estratexias de intervención no período da Guerra Fría, con Latinoamérica e o Estado español como centros focais do amplo espectro desa esculca.
Nésas andaba, mesmamente, cando me telefonou dende Madrid e me propiciou así reanudar unha relación suspendida durante oito anos. "Non che pregunto que é da tua vida porque eu si que sigo os teus últimos pasos e leo o que andas a escribir" -lémbrome que me espetara, para o meu pasmo, nada máis saudármonos. Eu viña de estrearme como único deputado do novo BNG no Parlamento de Galicia, xusto despois de editado o meu opúsculo encol da pre-transición. O pasmo tornouseme abraio cando escoito ao Joan engadir: "Temos que vernos. Non vas vir por Madrid?. Temos moito que falar, porque lin o que escribiches sobre a transición, e pódoche dicir que coincide coa miña diagnose nun dos capítulos dun libro que estou a rematar de redactar, despois de arrecadar moita documentación que non fora consultada até agora, mesmo documentos secretos desclasificados dos arquivos norteamericanos e ingleses dende o tempo da Guerra mundial en diante, que corroboraron as miñas hipóteses...". E adiantoume un relato moi abreviado da sua andaina nos últimos anos e máis do labor de esculca que emprendera. Nin que dicirvos teño que, conforme o escoitaba, proíame a curiosidade e escocíame a presa por podérmonos ver e falarmos de vagar sen auriculares por medio. De xeito que aproveitei o primeiro pretexto que se me apresentou para viaxar a Madrid, xantarmos xuntos e escoitar a modo o seu relato completo.
Así souben que, para arrecadar as fontes documentais máis auténticas da sua investigación, fórase residir por unha longa tempada nos Estados Unidos, onde traballara arreo na consulta e peneira de documentación conservada nos arquivos do Congreso e do Departamento de Estado, e máis obtivera acceso a todo un repertorio de documentos "top secret" que, co paso do tempo, foran "desclasificados", nomeadamente, pola sua relevancia, os custodiados nos arquivos do Office of Strategic Services (OSS), e máis do Combined Chiefs of Staff (CSS) dos USA e o Reino Unido referentes ás American-British Conversations. Mesmo algúns deses documentos foran desclasificados a petición sua. Con toda esa documentación, engadida aos materiais bibliográficos e informativos que il mesmo fora arrecadando anteriormente ao longo dos anos, Garcès abordara a redacción dunha obra que naquela altura estaba a piques de rematar, unha impresionante análise historiográfica e política do período da guerra fría -con algúns excursos retrospectivos á mitade anterior do mesmo século- enfocada e vertebrada a traveso da dialética antre dous fenómenos antitéticos: o exercizo de cadansúa soberanía nacional polos diferentes povos e a intervención intrusiva nese exercizo polas potencias hexemónicas no sistema "oucidental" -primordialmente, claro está, a metrópole imperial USA e a sua aliada submetrópole británica. Con ese fío condutor, a estrutura expositiva da análise e o relato dispúñase en duas grandes partes: artellada unha sobre o binomio "intervención e guerra fría", e sobre o de "estratexias mundiais e intervención" a outra. Nese grande mural, dous espazos aparecían traballados con pincelada máis miuda e análise máis migalleira: Latinoamérica e a Penínsua ibérica. O longo capítulo consagrado ao tardo-franquismo e a transición política ao post-franquismo fora o que suscitara a sua chamada telefónica e os comentos que nela me fixera. Foi tamén a temática na que se centraría primordialmente a nosa conversa xa en Madrid, e máis as outras que subseguintemente teríamos. Eu "alucinaba" -dirían os mozos de hoxe- coas revelacións do seu relato, e riamos os dous a cachón, solprendidos pola sintonía que se mantivera entre os nosos caletres durante os anos que pasaramos sen comunicármonos.
Rematada a redacción da sua obra, Garcès tardou varios anos en achar editor que ousase publicarlla -tal era a cárrega explosiva que agochaba. Lémbrome que nun intre dado, ben entrados xa os anos noventa, chamoume para perguntarme se podería editarse na Galiza, en Laiovento, mais era empresa inasequíbel para tan cativa editorial. Pensei como alternativa Portugal. Mais as xestións intentadas renqueaban e no entanto, finalmente, decidíuse a editarllo "Siglo XXI". Era o ano 1996: pasara práticamente un decenio dende que rematara de escribilo. O silencio nos "medios" foi a forma preponderante de publicidade coa que foi acollido. Nada do que solprenderse estándomos na celtiberia dos espellos cóncavos. Pesia que Mario Benedetti, no limiar que lle escribiu, dictaminaba o libro do Garcés como "leitura obrigada para quen pretendan recoller do pasado as duras leicións que ás veces serven para clarexar o presente". Ou, se cadra, mesmo por iso arrepiaba aos que deberan lélo o vérense retratados tal como foran -e seguían a ser. "Soberanos e intervenidos", é o seu tíduo. Mais dalgúns dos seus contidos falareivos, se vos prace, próximamente. Só, para rematar, esta aguda ironía do Benedetti no seu prólogo: "é un tíduo perfeito, (mais) tamén podería ter sido, se Graham Greene non o tivera usado nunha novela do 1948, The Heart of the Matter, ou se cadra inda millor o seu rótulo en castelán: El revés de la trama. Por iso, e moito máis, o libro de Garcès resulta fascinante. Mesmo ten un algo de enigma policiaco, poisque ao final enterámonos de quen era o asasino". E tanto!
II. O TNT de 1974
Ben sei que é a fórmula dun explosivo se cadra obsoleto: tri-nitro-tolueno. A quevén aquí, logo, no cabezal desta entrega? A ningunha intención violenta, asegúrovolo. Só un xeito metafórico -de humor gris, nin sequera negro- de re-bautismar algo que vos dixen por escrito o mes pasado: "Dende nadal do 1973, e en seis breves meses, aconteceron tres feitos dunha enorme relevancia conxuntural en fases críticas como aquela: a execución de Carrero polos "gudaris" vascos, a revolución "dos cravos", e mais a tromboflebite do vello marrau". Se o reescribo agora non é por teimar en reeditarme nin por reencarnar a consabida personaxe do conto de Borges. É por religar co libro de Joan Garcès nunha pasaxe crucial do seu esclarecedor relato da transición española que se refire a eses tres mesmos feitos. Esclarecemento que comeza polo certeiro rótulo desa pasaxe, no que Garcés enuncia a clave das reaccións dos poderes interventores a resultas deses acontecementos: "A xefatura vitalicia do Estado e das Forzas armadas". Eis o cerne da custión, o nó do enguedello. Vexámolo, se vos prace.
Primeiro, un necesario salto atrás: 1944-45. En decembro do 1944, o agregado naval dos USA en Madrid entrevístase con Juan March. No informe secreto que remite a Wáshington presenta a March como "o home máis rico de España e en gran medida o responsábel do financiamento das tropas de Franco durante a Guerra Civil". Certo. Certo tamén que, no verán do 1940, March executara unha operación do Foreign Office para subornar un feixe de "arredor de 30" principais xenerais franquistas, "cunha suma de $10 millóns postos ao dispor deles polo British Government", para convenceren a Franco de non entrar na guerra acarón de Hitler -ou sexa, ao revés da historia que nos contaran. Agora, March "recomenda a intervención angloamericana" para impor "un acordo antre os partidos da dereita moderada (Gil Robles) e da esquerda (Prieto), con exclusión dos comunistas", e restablecer, non a República, senón "unha monarquía constitucional na que o Rei ficaría reducido a un status de cabeza-figurante (figure-head)", cun governo, "por moitos anos", de coalición esquerda-dereita. March considera que, "de restablecerse unha república, desintegraríase axiña en tres repúblicas separadas e independentes (i.e., República Española, República Catalá e República Basca)" -galega non, claro. Garcès sinala que ese informe xa "deseña o propio marco ao que se axustou a transición política após a morte de Franco en 1975". Mais non ao remate da Guerra Mundial no 1945. Para daquela, os ianquis xa decidiron converter a Franco en "Vixía de Oucidente", e posporen a solución "March": deseñan a fórmula que se vai plasmar nas leis franquistas de Sucesión e do Referendum, de 1946-47, que converte a España en Reino, cun rexente vitalicio (Franco), quen designará no seu día ao sucesor, tamén vitalicio, na xefatura do Estado e das Forzas armadas, na persoa dun Borbón descendente de don Juan ou don Jaime -para enredar con eles até decidir el mesmo- que, após morte ou renuncia do rexente, será investido rei ... polas Cortes do réxime. A "rexencia" -ben sabemos- duraría trinta anos máis. Logo, morto o marrau no 1975, a solución "March" "sería a matriz da transición aplicada en España pola Coalición da Guerra Fría" -conclúe Garcès. Daquela, os españois, ¿"soberanos" ou "intervenidos"?: podedes contestar vós mesm@s.
De modo que o destino do "pueblo soberano español" estaba predeterminado e precociñado o mesmiño que o fast-food dos McDonalds. A ingratitude e o desprezo dos democráticos gobernos aliados polos republicanos cidadáns celtibéricos era de tal calibre que, non satisfeitos con teren abandonado á sua sorte á República martirizada polo "eixe" dos fascismos europeus e bailado o rigodón con Mussolini e Hitler até o 39, por riba pretendían que esa cidadanía dezmada, desangrada e exánime se encargase ela soa de derrubar ao Moloch nacional-católico-fascista que a esmagaba -cousa que ben sabían eles ser "misión imposíbel" naquela altura. No outono do 1945, nunha carta ao secretario de Estado USA, o embaixador Norman Armour non ten recato en escribir que os resistentes demócratas españois "están infectados polo virus de creren que a intervención estranxeira "salvará a situación", que GB e/ou USA van "entrar" para acabar co réxime de Franco que eles mesmos son incapaces de derrubar", eludindo así "dárense o penoso traballo de organizárense politicamente antre os proprios españois". Diredes: se non o leo non o creo, non si?
Mais, co paso do tempo, foi mesmamente esa cidadanía a que levou adiante un proceso de acumulación de forzas e teimoso combate cívico-político que, paso a paso, levaba camiño de botar abaixo o prato de comida-lixo precociñado pola Coalición da Guerra Fría. E primordialmente, no seo desa cidadanía, o movemento obreiro e os nacionalismos emancipadores "periféricos" -e perdoade que teime nisto, mais os feitos corrobórano. E daquela, a reacción da CGF, foi de apoio? Non: de alarma, desactivación e intromisión. Duas mostras. Primeira: movemento obreiro. "En febreiro do 1961, por primeira vez dende 1939, puido unha organización obreira (as nacentes CCOO) realizar unha folga prolongada, na conca hulleira asturiana -duramente reprimida polo goberno do que era ministro Manuel Fraga Iribarne. En Wáshington avaliaron a folga como un sinal de alarma" -escribe Garcés, quen engade que no outubro seguinte o "Proxecto Vulcano", elaborado polo Pentágono, "incluía a España antre as ditaduras protexidas por EEUU" -xunto a Salazar, Trujillo, Somoza e Chiang Kai-chek; bonito, ou? Solución: a "intervención preventiva", doutrina de Huntington -"necesítase unha estratexia de intervención premilitar (...) para conformar o curso político e afortalar os grupos comprometidos connosco (...) antes que a situación (requira) a intervención militar directa". Ou sexa: intervención para derrubar o fascismo, non, que o derruben os "pacientes", mais, se van camiño de conseguíreno, daquela, intervención preventiva premilitar ou, no límite, intervención militar a secas para impedírllelo. Bravo. Escuso revelarvos que a promoción e finanzamento de "grupos comprometidos connosco" pariu o PSP de Soares e o PSOE de González. Tamén, a última hora, a UCD de Suárez.
Segunda mostra: nacionalismos emancipadores. "No outono do 1970 -outravolta Garcès- sucedéronse as mobilizacións de protesta (provocadas por) os xuízos do Tribunal militar de Burgos contra nacionalistas vascos" -os que axusticiaran o torturador Melitón Manzano. De inmediato, Nixon encárgalle a un seu axente secreto "a misión confidencial de lle transmitir a Franco que "España era vital para o Oeste e Nixon non quería ver desencadearse unha situación caótica ou anárquica" -ou sexa, unha explosión de liberdade, claro. Dálle a escoller duas fórmulas alternativas para encetar "unha transición pacífica e ordeada que o proprio Franco supervisaría". Primeira, e preferida: que entronizase a Juan Carlos, conservando en troques a "xefatura vitalicia" do exército. Segunda, supletoria: que, conservando a xefatura do estado, pasase a do goberno a "unha persoa (da sua confianza) que asegurase, cando Franco morrese, a "pacífica e ordenada" entronización de Juan Carlos de Borbón". Franco obedeceu -faltaba máis- pero escolleu a segunda fórmula -faltaba máis tamén. Iso si: a rastras e remusgando. Botou dous anos para cumprir: en xuño do 1973 nomeou presidente do goberno ao almirante Carrero Blanco. Mais -paradoxos das intrigas- ao facelo, condeouno. Si. Das condicións de Nixon para a escolla da persoa, Carrero cumpría unha: era da plena confianza e absoluta lealdade ao réxime a ao seu xefe, co que garantía a continuidade. Mais, por iso mesmo, puña en perigo a outra: "a súa identificación co Caudillo" -di Garcès- desacreditábao para "manter a stability interna" nunha transición "pacífica e ordenada". Casualmente, en decembro dese mesmo ano, ETA encargouse de resolver cando menos un dos termos desa contradición: a garantía da continuidade -non o outro, abofé. Lembrade, os que xa nacerades, a adiviña que circulou daquela polo tam-tam popular: "nació en la tierra, vivió en el mar, y subió al cielo en un Dodge-Dart". Mais a estratexia interna do aparato do réxime reconverteuse axiña. O vello marrau reaccionou tan xelidamente como conta Barea en "La forja de un rebelde" que facía en África cando, para impor disciplina, dicía aquilo de "a ese, que le peguen dos tiros": rendeu homenaxe ao morto, engadiu a famosa frase -enigmática?- de "no hay mal que por bien no venga", botou do goberno a tódolos homes de Carrero e, como sinala Garcès, "desentullou o camiño cara a unha monarquía máis próxima ao prototipo auspiciado por Wáshington co "matiz diferencial" que lle expuxera ao mensaxeiro de Nixon". E, dende aí, aceleráronse, multiplicáronse e encerelláronse as "intervencións preventivas" da doutrina Huntington -en detrimento, naturalmente, da "soberanía" popular que avantaba cara a unha "creba democrática" plena co réxime e o estado fascisto-franquistas.
A eliminación de Carrero foi a primeira detonación das tres que, en só seis meses, estiveron a piques de dar ao traste co plan tracexado dende tres decenios atrás pola CGF para impedirlles aos cidadáns dos pobos do estado celtibérico exerceren como "soberanos" e manipulalos como "intervenidos". As tres detonacións do que, en metáfora de humor gris, rotulei aquí como o TNT de 1974. Mais das outras dúas, nestas glosas do "explosivo" relato veraz escrito por Joan Garcès, falareivos o día que vén. Hoxe é tarde por demais -e acabóuseme o papel.
III. Os cravos do cristo
Disimulade a aparente irreveréncia -que non é tal- deste rótulo reversíbel: podería igualmente ser "o cristo dos cravos". Porque os "cravos" son -xa o adiviñárades- os caraveis bermellos da revolución de abril portuguesa, día 25, santa Herminia -o dia do "santo" da miña nai. E o "cristo", con minúscula, é o vocábulo do argot popular do común, cuxo siñificado to-d@s coñecedes. Ningunha intención irreverente, portanto. E o enunciado do rótulo é perfeitamente reversíbel -só muda a énfase, nos "cravos" ou no "cristo"- porque de ámbolos dous xeitos expresa o mesmo: o cristo que se armou no enguedello político de celtiberia aquela primavera do 1974 cando, "no viciño Portugal -escribe Garcès- os capitáns agrupados no MFA (Movemento das Forças Armadas), sen dispararen un só tiro, derrocaron unha ditadura de catro décadas". Namentras, da banda do leste da sua fronteira, é dicir, na Terra Ancha, que diría o Ferrin, noutra ditadura de catro décadas de idade tamén, o escenário era esactamente o inverso, ou sexa, era a bota do exército, precisamente, a primordial lousa que, cara abaixo, esmagaba as pulsións emancipadoras do común e, cara arriba, sostiña en pé o arcaico castelo kafkián dun cheirento rexime totalitario apodrecido. Leición nunca adeprendida pola soberbia española despreciadora do povo portugués, que endexamáis quixo saber que, dende a ilustración de Pombal en diante, a historia dese povo e do seu Estado sempre lle levou a dianteir á do español, e decote máis perto da sincronía co avance histórico da Europa de alén Pirineus.
Ben sei: a diferencia do franquista, o rexime salazarista non se enxendrara nunha guerra "civil" do exército portugués contra o seu proprio povo, e a diferencia do portugués, o exército español non levaba anos a desgastarse no encerello dunha guerra colonial imposíbel de gañar. Certo. Pero, en troques, o exército español non estaba baixo o control da OTAN, mentras que o portugués si -e ninguén terá a ocurrencia de pensar que aos poderes do Pacto Atlántico dáballes o mesmo ditadura ca democracia en Portugal: menteivos o día pasado que o informe "Vulcano" do Pentágono incluía ao rexime salzarista nas "ditaduras protexidas por EEUU". E, de feito, como sinala Garcès, "a inesperada revolución democrática e endóxena (portuguesa), nun país fundador da OTAN, alarmou ao resto da Coalición Bélica, cuxas estruturas foron mobilizadas para isolala e afogala". Até o ponto de que o brután do Kissinger "mostrabase partidario de aplicar aos portugueses o castigo que padecía Chile dende meio ano antes" -o sanguiñento 11 de setembro do 1973, que non do 2001- e tivo que saírlle ao paso Willy Brandt dicíndolle que "Europa non toleraría un Pinochet" -mais ofrecéndolle en troques, iso si, "métodos distintos para reintegrar a Portugal na disciplina da Coalición e -ollo ao parche- evitar en España outra revolución democrática: penetrar nos dous Estados ibéricos a traveso de políticos cooptados, finanzalos e darlles apoio político baixo cobertura das internacionais Demo-cristián, Socialdemócrata e Liberal".
Os instrumentos operativos seríano a fundación democristián Adenauer, a socialcristián Seidel, a liberal Neumann, e a socialdemócrata Friedrich Ebert -nome, por certo, do que fora primeiro chanceler após a guerra do 14-18, cando da feroz represión contra os Espartaquistas e os "paseos" de Rosa Luxemburg e Karl Liebnecht. Por certo que desta última e benemérita fundación foramos hóspedes os da Conferencia Socialista Ibérica nunha das nosas reunións do 74 co Psoe de Pablo Castellanos, en Münster-Eifel -aquela na que, á volta, sentado González acarón de min nun microbus camiño de Frankfurt, ao pasarmos polas aforas de Bad-Godesberg, fixérame aquel comento que eu interpretara de primeiras nun senso inverso do que logo resultou que tiña: "E pensar, Beiras, que eiquí a SPD renunciou ao marxismo...".
No entanto, se na trastenda das fundacións estaban partidos e governos, inda máis arrecuados, na rebotica, estaban os principios activos dos fármacos, os auténticos "bailleurs des fonds" -como diría Guérin a respeito do fascismo clásico e eu gosto de aplicar ás suas mutacións e epifenómenos ulteriores. Garcès relata que, "o 24 de maio de 1984, perante a Comisión do Parlamento da RF de Alemaña que investigaba a evasión fiscal do consorcio Flick (industria de armamentos), o seu socio -Günter Max Paefgen- afirmaba que diñeiro negro evadido antre 1973 e 1976 era entregado a Alfred Nau -tesoureiro da SPD e presidente da Friedrich Ebert- (...) "para manter a situación (en España e Portugal), que estaban a piques de pasarse completamente á outra banda (sic), para estabilizar a situación na Penínsua Ibérica e América Latina" -en prata: impedir o intolerábel escenario dunha Penínsua ibérica "roja" no teatro da guerra fría. Xa nese período, sen agardarmos un decenio a esas revelacións oficiais, sabíamolo, inanque imprecisamente, algúns dos da CSI que coñeciamos a conexión financeira de "O tanque" co secretario do sindicato do metal alemán -persoaxes, os dous, "de cuxos nomes non quero acordarme", asumindo a interpretación freudián que Julio Cortázar fixera da re-escrita da hipercoñecida frase cervantina pola persoaxe do conto de Borges.
Mais, voltándomos a ese vran, poucos meses despois da Revolución dos cravos, producíase a terceira das "detonacións" ás que ando a referirme: a tromboflebite do vello marrau. Aquilo acelerou inda máis a dinámica do activismo e as mobilizacións cívicas rupturistas -incluída a recén criada Unión Militar Democrática (UMD), que tiña conexións tanto co MFA portugués coma coas inda clandestinas orgaizacións antifranquistas, e na que o meu grande amigo e daquela capitán Fortes Bouzán, a quen eu coñecera anos atrás cando fixera as práticas da mili e il era tenente recén saído da academia, era o principal enlace conmigo no espazo no que se movía o PSG. Mais tamén aquilo fixo dar un definitivo chouto adiante á estratexia das "intervencións preventivas" da CGF -e desta vez xa co protagonismo en primeira liña das seccións europeas das Internacionais SD e DC, e nomeadamente da SPD de Brandt: de imediato, envíase a Portugal a Soares -o ano anterior criárase en Bonn o PSP "co apoio material dos governos interesados en destruir o proxecto nacional autónomo do MFA", di Garcès- e convócase o "cónclave" de Suresnes que porá a andar o Psoe gonzalista da transición. "Unha subseguinte campaña de marketing introduciría perante a opinión pública nomes até daquela descoñecidos que, en pouco tempo (1975-76), isolaron e marxinaron aos militares da UMD e máis, en xeral, a tódolos que eran reacios a que España entrase na CEE e na OTAN sen condicións e calquer que fose o custe diso para a sua economìa ou a sua independencia".
Os efectos corrosivos foron coma os da couza na madeira para a armazón do movemento popular rupturista en proceso de construir unha alternativa de creba democrática rotunda co franquismo. Xa no outono dese ano, González repetía como un retransmisor os propósitos declarados meses antes polo presidente USA sucesor de Nixon, Gerald Ford, após unha sua entrevista co príncipe Juan Carlos. No ano seguinte, antes mesmo de morrer Franco, Carrillo entrevistábase co mesmo Borbón e comprometíase ao PCE "non mover un dedo até que don Juan Carlos sexa coroado Rei" -prezo a pagar pola legalización do Partido. Mais, simultáneamente, montaban, uns, a Xunta e, outros, a Plataforma -Democráticas as duas, e as duas a prol da "quebra" idem- que acabarían mesmo por refundírense, efémeramente, na famosa "Plata-xunta" (oficialmente Coordenación Democrática) de 1976. E os seus discursos proclamaban as reivindicacións do movemento popular rupturista: governo provisorio, amnistía, liberdades, eleicións libres, unidade sindical, referendum sobre se república ou monarquía...
Qué máis tiña?. O caso estaba na cerimonia da confusión, ou sexa, sintonizar verbalmente co movemento cívico-político antifascista e gañar así a credibilidade do común necesaria para, chegado o intre, endilgarlle o prato precociñado dende trinta anos antes pola CGF: esas mesmas reivindicacións -ou simples aturuxos- figuraran xa, literalmente, na declaración conxunta encol de España dos governos USA, GB e Francia do 4 de marzo do... 1946!. Garcès declara, con meridiana franqueza: "En 1975-76, eu contemplaba atordoado esta diacronía de máis de trinta anos". Eu, modestamente, tamén: cada vez comprendo millor por qué o meu cerebro estoupou nunha poeira de frangullas cintilantes após que as eleicións do 1977 rubricaran o "consumatum est" da paixón emancipadora das clases populares esbulladas e os povos asoballados no interminábel esperpento español.
IV. Eutanasia constitucional
Ben pode chamarse así, sen apenas metáfora, ao fenómeno resultante como desenlace do proceso descrito nas entregas anteriores desta minha mesma série. Garcés enunciao de xeito máis esplícito no rótulo de un dos epígrafes do seu libro: "Constitución, e eutanasia, do Estado-nación". Porque, nefeito, nas condicións en que foi elaborado, o documento constitucional español de 1978 constituíu formalmente un estado-nación soberano e democrático mais, realmente, praticoulle simultaneamente a eutanasia. "Un Estado que depende da Potencia hexemónica para sobreporse ao seu proprio povo -escribe Garcés na introdución ao seu libro- é unha prolongación do poder imperial". Ora, como levo reiterado ao longo de anos, a constitución parida institucionalmente nas Cortes da transición, impúxose dende arriba para facer abortar e suplantar á "creba democrática" xestada pola cidadania activamente antifascista no proceso socio-politicamente constituinte protagonizado polos mass movements das clases populares democráticas durante o tardo-franquismo. O documentadisimo relato de Garcés corrobórao de xeito inapelábel. E é máis: "A subordinación do Estado á Potencia hexemónica pode ser necesaria para sectores locais con estatus e poder vacilantes (os do rexime franquista daquela internamente en crise), pero asi activan forzas internas e externas de desintegración do proprio Estado. Meirandes ainda se iste é plurinacional. Canto máis alienado se acha un governo á Potencia exterior, meirande é a sua inclinación a reprimir as expresións diferenciadas de identidade nacional. Na etapa que sucede ao esgotamento da Ditadura -prosegue Garcés- formalizouse un proceso de progresivo desmantelamento de funcións e competencias inerentes ao Estado democrático-soberano, (e paralelamente á sua) disolución nas estruturas supranacionais derivadas da guerra fria". En contra de aqueles que teimaban en "recuperar constantes históricas agochadas durante a ditadura" -primordialmente estas tres: "asentar a convivencia dos povos hispánicos nunha federación democraticamente pactada, no non alineamento tras do Poder imperial de turno, e na libre determinación de cada persoalidade nacional e cultural diferenciada".
Inda hai outra dimensión máis do sometemento ao poder "imperial" que interferiu no proceso constituinte cara o post-franquismo e impediu a plasmación da "creba democrática" no deseño constitucional do novo rexime. Trátase da conxuntura de transición, no sistema económico mundial, dende a longa etapa baseada na arquitectura edificada a partir de 1945 en Bretton-Woods e rexida polo modelo do welfare keynesián, á ultraliberal da chamada globalización, na que o poder dos grandes conglomerados transnacionais governaría sen atrancos político-institucionais relevantes en todo o espazo do sistema-mundo. Porque, como ben sabemos e nos relembra Garcés, "a diferencia dos governos, as grandes corporacións multinacionais non están sometidas a responsabilidades politicas, nen a condicionamentos eleitorais, ou aos vaivéns da opinión pública. En troques, si que poden atacar -ou sosteren- aos mercados e finanzas de governos e Estados (?) e se algo rexeitan é unha orgaización que as controle. Ao Estado democrático-soberano, participado polos seus cidadáns -o único en principio con capacidade-lexitimidade para pretendelo- quéreno feble e pasivo cara elas".
Non esquezamos que a dinamitaxe da arquitectura "Bretton-Woods" encetouna Nixon, a comenzos dos setenta, coa unilateral decisión de suprimir a convertibilidade do dólar en ouro -chave de bóveda do sistema monetario internacional (SMI) construido en 1945- e transformar asi o modelo de patrón divisa-ouro en patrón dólar sen máis, abrindolle as portas á tiránica hexemonía dos mercados financeiros da metrópole USA -e á subseguinte implantación do que Gowan chamaria "sistema dólar-WallStreet", clave da globalización financeira e máximo culpábel da crise actual. Que dende ai se prepara o asalto ao "welfare-state", ou sexa, ao sector público e ás institucións dos Estados reguladoras dos mercados -a empezar polos dos capitais e da forza de traballo- e garantes das políticas de benestar social -servizos públicos e sociais gratuitos, non mercantilizados. E enfin que, simultaneamente, o seu "alter-ego" Kissinger pon en prática a denominada, por Naomi Klein, "doutrina do shock", ferozmente ensaiada en Chile en setembro do 1973 -receita que, como xa vos dixen outro dia, Kissinger pretendía aplicar tamén ao Portugal nacido da revolución de abril.
Pois ben: iste foi o contexto internacional no que se desenvolveu o desenlace do rexime franquista, e ésas as primordiais condicións que determinaron a suplantación do proceso constituinte cívico-popular emerxente de abaixo arriba polo prato precociñado de costas aos cidadáns, servido nas Cortes con aduvio de documento constitucional, e imposto logo de arriba abaixo, sen opción alternativa -como un castizo "trágala"- ao "pueblo soberano" español. "A planificación norteamericana do postfranquismo foi ríxida nos fins e elástica nos medios" -sinala Garcés. "Os obxetivos estratéxicos seguiron as pautas tracexadas dende a Administración Truman", ao remate de II Guerra mundial: preservar o valor xeoestratéxico da Penínsua ibérica como simples "accidente xeográfico na entrada do mediterráneo" dentro da xeopolítica da guerra fria en confrontación coa URSS. "Os medios, en troques, podian ser mudábeis. A inhumana e sanguiñenta represión aplicada por Kissinger antre 1968 e 1974 ás orgaizacións e paises rebeldes á sua política, foron sustituidas durante a Administración Carter -ironiza o Joan- por políticas de impulso a formas de governo menos entusiastas de aplicar a tortura e o cárcere de xeito masivo". E atención: "Con Carter chegaba ao poder unha equipa formada arredor da Comisión Trilateral, criada en outubro do 1973 e impulsada dende o grupo económico Rockefeller".
E veleiquí por que vos fixen prestar tanta atención aos cambios de rumbo marcados polo duo Nixon-Kissinger ao governo do sistema imperial -con Milton Friedman na rebotica das receitas económicas anti-keynesiáns, claro é. Mesmamente porque -Garcés outravolta- "a sucesión do rexime franquista foi encetada mentras Kissinger estaba no poder, e ás suas direitrices axustouse o governo Arias Navarro-Fraga Iribarne (novembre 1975-xullo 1976)". Ora ben, "inaugurada a Administración Carter-Brzezinski en xaneiro do 1977, o postfranquismo readaptou de imediato a ela o seu rumbo": ponse en aplicación a "reforma política" -do irreformábel, teimarei en engadir. E o pacto "constitucional" co franquismo. Millor dito, como puntualiza Garcés, dos "grupos políticos cuxos cooptados líderes asumiran o programado cambio", coas "estruturas de poder socioeconómico construidas durante o franquismo", que naturalmente "aceitaron a reforma política na medida en que as consolidaba e, ao mesmo tempo, as adaptaba ás da Europa da guerra fria".
O resto é conñecido, ou non? -cando menos polos que o vivimos dende o "exilio interior". Mais non me resisto a relembrar -memoria, si, que non rencor nen amargura- en que precarísimas condicións materiais concurriramos os do PSG ás eleicións do 77, cos poucos cartos dos nosos petos, pequenos cartaces elementais deseñados en branco e negro polo Siro, e mitins a eito dados a pleno pulmón por todo o país adiante. Enchimos campos de futebol, frontòns e polideportivos nas cidades como ninguen -mais fomos sepultados en vida pola millonaria propaganda dos "cooptados". En rigor, faimo relembrar o Garcés. Léde: "Durante a campaña eleitoral de 1977, os medios económicos e audiovisuais, públicos e privados, dosificaron axeitadamente o seu apoio a persoas cooptadas ou comprometidas co programa de cambio, contribuindo asi a modelar os resultados dos comicios e a lexitimar os úteis preliminares do resto do plan de estabilización: conformar un Parlamento asentado arredor dun polo de centro-dereita e outro de centro-esquerda (ambos en mans de persoas que asumían o contido e alcanzo da reforma)". Esas foron as Cortes que redactaron a constitución conforme a pautas marcadas nunha famosa sesión da Trilateral de maio de 1975 -na que Carter e Brzezinski, ainda non no poder, tiveran sonada participación- para incidiren na configuración, se posíbel, e no funcionamento, en todo caso, dos aparellos políticos estatais e supraestatais europeus. A Trilateral, naquel intre, preocupáballe primordialmente a probabilidade do acceso ao poder dunha coalición de esquerdas en Franza e Italia. Mais as receitas valeronlle, con Carter xa no poder, para cociñar o menú constitucional da transición española.
De xeito que, con esas todas reviravoltas, ao cabo, "aos españois redactouselles en 1977-78 o texto constitucional millor preparado para a integración-disolución do Estado no sistema da Europa da guerra fria. Na Constitución de 1978 as cesións de soberanía posíbeis son praticamente ilimitadas, superiores ás impostas a Alemania e Italia despois da sua derrota en 1945" -e non vou aborrecervos cun relatorio exemplificador, mais podedes vós mesm@s compulsar mostras ben significativas en artigos como os 93, 55 ou 148 e 149. Ou o famoso art.8, que pon ás forzas armadas fóra do control das Cortes -depositarias, porén, da soberanía democrática cidadán- reproducindo, "sen maiores cambios, o art. 38 da lei Orgánica do Estado de Franco" (!).
Mais o cerne da custión está no escamoteo do exercizo da soberanía democrática que se lles fixo aos cidadáns e os povos do ámbito do Estado español operado, no proceso constitucional postfranquista, polos mesmos que dende aquela en diante -iles ou os seus vinculeiros- se levan fartado de invocar o "patriotismo constitucional" como invectiva contra os que, segundo iles, somos reos ou sospeitosos de deslealdade cunha constitución feita por iles ao dictado dos poderes hexemónicos estranxeiros. En sintese verbalizada polo Garcés, "a sucesión do rexime franquista levouse a cabo de maneira que se dificultase, e imposibilitase, un proxecto nacional (plurinacional) ou unha política non alineada ou neutral. Pode haber un ou outro proxecto nacional, e haino de feito, en Franza, Gran Bretaña, Alemaña, Suiza, Noruega, etc. Non o haberá antre os españois entramentras as cúpulas políticas se achen mediatizadas ou satelitizadas por intereses doutros Estados. Nesta perspeitiva, e na sua lóxica dinámica, España tería deixado de ter fundamento socioeconómico e político como Nación e Estado independente-soberano. Sería custión de tempo a sua desintegración cara fóra (?). No seu racional desenrolo, os intereses máis integrados nas estruturas supraestatais poderían asi estimular, sen bater con norma legal ningunha, a progresiva eutanasia da conciencia de Estado e Nación dos españois, a sua disolución nas estruturas supraestatais criadas ao longo da guerra fria. Cousa que sería compatíbel co eventual mantemento dun ente administrativo que puidera seguir a ser denominado "Estado", mais con funcións apenas de orde interna, (?) non de soberanía". Quen sabe?. Os espellos cóncavos son deformantes: todo cabe no esperpento español.
V.- Epílogo provisório: "L'Espagne est en vente"
Non se non trata dun meu exabrupto denigratório, non vaiades pensar. Non. Trátase dun eslogan publicitario do empresariado francés a raíz do ingreso do Estado español na CEE que, completo e literalmente, dicía: "Non sexades miopes, España está á venda". Remítome a Garcès: "Ne soyez pas myopes, l"Espagne est en vente, foi un eslogan da campaña promovida en 1986 antre consorcios empresariais polo francés Jacques Delors, presidente da Comunidade Económica Europea. Nen un só responsábel español lle saíu ao paso" -nen sequer en aras do "patriotismo constitucional", digo eu. O mesmo Delors que, á altura do 1988, pronosticaba que á volta de dez anos "o 80% das decisións sociais e económicas dos Estados da CEE se tomarán en Bruxelas". Cousa que suscitaba esta interrogación do Garcès: "Qué destino agarda aos povos sen Estado merecente de tal nome, gobernados dende un centro de poder que nen lles responda democráticamente nen poidan controlar?". E esta resposta: "A sumisión ou a revolta, cos seus custes conseguintes".
Mais é natural. Desque o proceso constituinte do post-franquismo español tivo como desenlace -espriqueivolo o dia pasado- unha paradóxica "eutanasia constitucional" do Estado-nación, imponse estoutro interrogante: "Cabe falarmos de independencia cando o Estado é un referente nominal, do pasado?". A resposta xa veu dada en 1994 con palabras de Klaus Kinkel, ministro de Exteriores alemán -"estou disposto a romperlle o carrelo a España"- cando o goberno español tentou oporse ao aumento da cifra de votos precisa para vetar resolucións do Consello europeu por mor da ampliación da UE operada daquela: o goberno de González aturou a bravata teutona e engulíu o purgante. Polo estilo faría Aznar máis logo coa redución de escanos "españois" no Parlamento europeu na ampliación da UE "ao leste". "Na derradeira década do s.XX -sinala Garcès- o sistema político español funcionaba como a maior parte dos latinoamericáns: as suas elites dominantes razonaban conforme á premisa de que as soberanías popular e nacional, históricamente, finaran. No seo da Coalición que sostivo a guerra fría, a función encomendada aos gobernos era adaptaren e executaren decisións tomadas nos centros da Coalición, e manteren a orde pública interna mesmo a custe da coesión social. O final desa guerra impelíunos a pedir que se institucionalizase o seu legado. Como se temesen que, antes de acadar un ponto de non retorno, os cidadans tomasen conciencia das consecuencias do camiño seguido".
Nese contexto, "a palabra "Europa" foi o esconxuro para agochar o que realmente se desexaba recibir da CEE: nacionalidade, direición económica, mando militar, direitrices diplomáticas, partidos que encadrasen aos eleitores locais". Así como "o mesmo cabería dicir da función ideolóxica que tanto en España coma en América Latina cumplían os conceitos de "modernización", "globalidade", etc. -coberturas actualizadas de vellas relacións de subordinación-dominación". A fin de contas seguía en vigor, mutatis mutandis, o criterio xeopolítico que Kissinger lle guindara á cara, coma un esgarro, a un ministro chileno antes da UP de Allende: "o eixo da historia comenza en Moscú, pasa por Bonn, cruza por Washington, e chega até Tokio. O que aconteza no Sul non conta" -"as moscas mudan, só a merda non varía", que cantara Luis Cilia polo entón. E a Penínsua ibérica seguía a estar tan ao sul dese paralelo coma Latinoamérica -pesia estarmos en Europa e mesmo, disque, na UE. Labregos, mariñeiros, proletariado e até empresariado autótono galegos, cada quen ao seu xeito, esperimentárono nas suas carnes -sen outra anestesia que o estupefaciente administrado polos poderes mediáticos e as organizacións políticas, ou sexa , a "amansadora".
A síntese deses fenómenos foi o norde da "reforma política" operada na transición: "o obxetivo da reforma política gravitou arredor do mantemento do status quo social interno e do estratéxico externo". Os medios fórono os "democrático-liberais": cara dentro,"innovar nos medios era funcional para preservar os fins, a orde social construida após o derrocamento do sistema democrático republicán no 1939"; e cara fóra, para "ancorar a España militar, económica e políticamente nas institucións supraestatais criadas durante a guerra fria", compría un aparello de Estado "homologábel cos reximes liberais". A metamorfose da repugnante crisálida franquista operouse, xa que logo, "actualizando os plans, conxelados dende 1942-46, de restaurar a monarquía e afortalar as estruturas socioeconómicas meiante a sua "lexitimación democrática" ": eis a tarambeleira bolboreta borbónica. Mais iso supuxo que "a devolución dos seus dereitos políticos aos cidadáns tivo lugar baixo a supervisión dos intereses beneficiarios de aqueles plans" -"é a faciana descoñecida da historia do postfranquismo, da que pouco leva transcendido", acusa Garcès.
Obviamente, esa operación non sería factibel nun escenário de creba democrática protagonizada pola cidadanía activa que abrise un proceso constituinte ex-novo de abaixo arriba. Por conseguinte, compría cortocircuitar os mecanismos e a dinámica da democracia participativa. Foi o primeiro que se fixo: disociar as retesías políticas da dinámica social, meiante "a redución-recondución das pugnas sociopolíticas á sua vertente parlamentar antre as equipas cooptadas", de xeito que "os partidos da reforma funcionaron na prática como órganos do Estado", no canto de pontes de acceso da cidadanía á actuación nas institucións políticas. Esa mutación na funcionalidade democrático-representativa das organizacións partidarias requería unha deturpación da sua inicial estrutura democrática interna: a sua oligarquización, ou sexa, "lograr que se configurase unha unidade oligárquica concentrada arredor dunha persoa con plenos poderes no seo de cada partido, que mediatizase aos seus afiliados e os convirtise en instrumentos executores de plans e compromisos adoito secretos" - persoa, asemade, "non responsábel, na prática, perante os órgaos colectivos do proprio partido na medida en que istes foron á sua vez copados por clientelas de sumisión probada". A partir de aí, "a actuación independente da cúpula de semellantes partidos a respeito dos seus membros e eleitores, facilitou a sua actuación á marxe de referencias de clase, ou de relacións de dominación" social, cultural ou nacional -e nese punto, Garcès trai a colación a aseveración de Agnoli de que así xurde "unha nova forma de organización estatal" que constitue "o último chanzo cara a manipulación ininterrumpida e cara o sistema político que tende a perpetuarse".
Estruturada así a aparellaxe político-institucional, púxose en prática "un proceso denominado de consenso" antre os grupos que pactaran e protagonizaran a "reforma", que "operaron como grupos socialmente autónomos instalados en retrincos do Estado, como compoñentes sociais do mesmo con intereses e necesidades proprias", e tecendo unha urdime que "actuou como órgano de conservación do status quo socioeconómico". En suma, un proceso de transformación interna e funcional dos partidos que levaba aparellada a "desideoloxización" da sua política e máis "unha renuncia progresiva á realización de reformas estruturais profundas na sociedade e na economia" -conforme ao pronosticado hai decenios por Flechtheim e relembrado por Garcès na sua análise. Porque o lerio do consenso -enervador da tensión dialética de opostos que obxetivamente existe en toda sociedade de clases antagónicas- non se praticou só no "pacto constitucional" e no seu desenvolvemento ulterior: aplicouse asimesmo á dinámica parlamentar nas primordiais temáticas políticas nas que debera evidenciarse a contraposición transformación-conservación -ou esquerda-dereita, se preferides. E mesmo proxectouse sobor dos contidos programáticos dos partidos axiais dun "bipartidismo imperfecto" en permanente disputa polo "centro", de xeito que os seus programas políticos, en verbas de Garcès, eran "só en apariencia distintos": "inda que os partidos semellaban pelexar por conquistaren posicións de poder, eran parte dunha unidade simbiótica". Subxace constantemente unha pulsión cara fórmulas de coalición de goberno socialdemócrata-democristián -en prata, "concentración nacional"- análogas ás do onesto compromesso contraído na Italia dos sesenta pra isolar ao daquela potentísimo PCI. Esa pulsión vai abrollar intermitentemente en situacións delicadas para o mantemento do status quo -e sempre como fórmula involucionista, claro está. Así aconteceu nos arredores do episodio do 23-F, coincidentes co "advenimento" de Reagan, a virada definitiva cara o ultra-liberalismo e a globalización financeira, e a trunfante traxectoria dos neo-cons ianquis que acadará o apoxeo con Bush-II. Daquela, por certo, vai ser o Psoe gonzalista o que se implique na finalmente frustrada "alternativa Armada", en esperpéntico contraste contraste coa honrosa actitude de Suárez -non da UCD, que xa estaba rota por dentro, nen por suposto de AP, que estaba no xogo. Mais, case tres decenios despois, ben lonxe portanto do contexto da transición, vaise escenificar no marco autonómico euskaldún, coa expulsión da esquerda abertzale do terreo de xogo e o pacto PSE-PP para arrebatarlle a "lehendakaritza" e o governo ao partido eleitoralmente máis votado, o PNV. Dicíame con humor retranqueiro un amigo euskaldún que ese pacto demostraba que, para o poder do Estado español, a custión basca era política exterior, pois PP e Psoe facían ali o que non sería factíbel en Madrid. Diagnose moi didáctica: contra os "separatismos" todo val neste rexime. Mais esquecía que tamén valera todo contra "rojos" e republicáns.
Asi perduran as constantes conxénitas nun rexime que naceu cunha fraude á cidadanía que se arriscara a loitar pola conquista da democracia e das liberdades e dereitos individuais e colectivos inerentes ao exercizo da soberanía popular. Un rexime -concluo eu pola miña conta- que hoxe se atopa en proceso descomposición, roto o pacto constitucional, dinamitados pola caverna celtíbera os peares da propria "carta magna" que iles mesmos cociñaran. Ás veces penso que esta segunda Restauración áchase nunha fase análoga á da primeira á altura do terceiro decenio do s.XX. Incluída a emerxencia -agora en metamorfose acaída á moi diferente etapa do capitalismo mundializado- dos fascismos no seu trasunto profundo, ou sexa, como fenómeno sociopolítico antes que superestrutural, no seu cerne no canto das suas fórmulas orgánicas e dos seus aduvíos simbólicos de outrora. Se cadra conserva plena vixencia a descarnada diagnose formulada por Garcès para o contexto da transición ao postfranquismo, coa que remato de vez: "O partido único do rexime franquista, o Movimiento Nacional, foi na prática reconvertido despois do 1975 nunha versión plural dun partido dominante subxacente". Se cadra. Daquela, "qué facer?".
Nenhum comentário:
Postar um comentário