II. Fisión, que non fusión
III. Capital "do norte", capital "do sur"
IV. "Flash-back"
V. "Blow up"
Xosé Manuel Beiras
I. Fusión ou fisión?
Porque non é o mesmo –sabémolo tod@s, mesmo eu que non son físico. A fusión implica un cambio de estado da materia; a fisión atinxe á sua estrutura nuclear. A fusión muda un corpo sólido nun fluido líquido; a fisión desintegra os seus átomos. A fusión require enerxía -calórica; a fisión enxéndraa -transforma materia en enerxía. E poderiamos seguir -mais coido que abonda. Porque ben imaxinades e comprenderedes que, pesia ás aparencias, non estou tan tolo como para aventurarme polos vieiros da saudade na física, da que non sei máis ca o que adeprendera nos remotos tempos do famoso bacharelato aquel dos sete cursos enciclopédicos, cun pouco de case tódolos saberes sen chegar ao consabido extremo do saber nada de todo do xeneralista modélico antitético do saber todo de nada do especialista absoluto. Non, iso déixoo praos ‘políticos’, onde os hai desas dúas castes estremas, e só desas duas. Non, non. Pesia as aperencias, repito, a cousa vai, ou pretende ir, inanque sexa bulreira e metafóricamente, das ‘caixas’.
Ou se cadra debera ir de Pandora, a que disque destapou aquela tan famosa –poisque de Pandora resultan ser imitadores, que non discípulos, os banqueiros e políticos todos do actual universo-mundo. Mais, en rigor, o ‘se cadra’ non cadra. Primeiro porque, conforme a Hesíodo, Pandora foi a primeira muller -e os banqueiros e políticos son cáseque todos homes, ou millor dito, asumen tod@s o rol do ‘home’ nesta cultura machista, sexa cal for o seu sexo anatómico-fisiolóxico. E ademáis, evidentemente, non son @s primeir@s seres humáns de calisquer dos dous xéneros. Segundo, porque o de Pandora é un mito, mentras que no lerio dos banqueiros e políticos o único elemento mítico é o da sua tan predicada benfeitora función social. E terceiro, porque non cadra léxicamente, nen no plano do siñificante nen no do siñificado, dado que, no relato grego do mito, o que destapou Pandora non foi unha caixa, senón un xerro -e haivos boa diferencia: cando víchedes un bo viño nunha caixa?; só esas purrelas enlatadas en cartón forrado de papel de estaño por de dentro. Agora que o penso: tal como as chamadas ‘sub-prime’, por mal nome, ou?
Con todo, fose caixa ou xerro, estoxo ou ánfora, o recipiente que a Pandora da mítica lenda grega cometeu a imprudencia de destapar, o certo é tamén que as analoxías subsisten, alén imprecisións coma ésas e discordáncias funcionais ou anatómicas de xénero, no feito de que Pandora fora unha invención de Zeus para se vingar de Prometeu nas costas dos homes, semellaba unha deusa mais era de barro, sedutora mais nada de fiar, e do xerro que tiña proibido tocar, ao destapalo, saíron todolos andacios e pauliñas que inzaron polo mundo adiante e desgraciaron á humanidade. Como analoxía non é pouca, concordaredes conmigo que lle chega ben.
II. Fisión, que non fusión
Pois si: fisión, que non fusión -qué con-fusión!. Vou polo atallo, para recuperar o tempo perdido co apagón do outro dia. Quero dicir que é un proceso de fisión, e non de fusión, o fenómeno que, encubertamente, se pretende desencadear coa solerte cerimonia da confusión montada arredor do asunto das "caixas". Nese enguedello inestricábel para nós, as xentes do común, o que está en xogo é a desintegración da estrutura nuclear do peculiar modelo de entidades financeiras que aínda son as "caixas populares de aforros", como deseño nidiamente diferenciado, e mesmo orixinariamente antitético na sua índole, da banca privada dentro do universo dos chamados "intermediarios financeiros". Simultáneamente, trátase de que esa desintegración aniquile o único instrumento de intermediación de que dispoñen institucións políticas de poder autónomo como as galegas, para veiculizaren unha política crediticia concebida en clave de desenvolvemento socioeconómico endóxeno do país que governan, e non das metrópoles coloniais do imperio e as suas sucursais. Como eses dous obxetivos desintegradores son socialmente inconfesábeis e, no marco constitucional vixente, indefendíbeis, os poderes financeiros e políticos celtíberos que pretenden semellante aduanada fan aplicación do moi castelán requilorio de "aprovechando que el pisuerga pasa por vaya-usté-saber-donde", e utilizan para os seus renartes fins o pretexto dos desperfectos causados pola crise enxendrada en e por "a globalización financeira" na finca particular dos intermediarios idem: redimensionemos, concentremos, centralicemos! -é a imaxinativa consigna, tan vella, monótona e reincidente como a história mesma do capital bancario e financeiro e a famosa "destrución criativa" schumpeterián, ou sexa, destrución social criativa de lucros para os destrutores. E hala!. Recéitanse os mesmos fármacos que inocularon a doenza e enxendraron a crise-pandemia -á que eu ousaría chamar "o SIDA financeiro" deste período de entre-séculos. E para despistar, como nas obras públicas, póñense grandes cartaces que avisan: "Fundimos pra vostede, desculpen as molestias" -no canto de "Afundímolos a vostedes, é o noso interese", que sería veraz pero suicida. O caso é que a xente non se decate de que se volve tentar remediar o rebentón dunha "borbolla" financeira insuflando ár noutra meirande -e de que eses fármacos empezoñan, no canto de curar. Mais, ben pensado, vaiamos por partes e a modiño, que as presas non valen se queremos desencerellar o enguedello.
Ben sei: hai unha distancia sideral antre o que eran as caixas nas orixes e o que son agora -se fosen como daquela, non serían presa cobizada por poderes bancarios e políticos nen, xa que logo, se tecería enguedello ningún para reconvirtilas, desintegralas e engulilas no buraco negro da rediviva globalización financeira. Mais, precisamente, se o "cartel" dos banqueiros e políticos coaligados en santa alianza arma esta de-dios-es-cristo para engulilas e dixerilas, é mesmamente porque resultan ser un "corpo estraño" na anatomía do moloch financeiro, unha substancia perturbadora da fisioloxía do seu sistema circulatorio. É porque, malia todalas metamorfoses experimentadas no seu xigantesco proceso de crecemento, a natureza esencial orixinaria das caixas, o seu código xenético, segue a estar impreso na sua estrutura nuclear -e resulta incompatíbel coa lóxica da chamada "finanzarización" ou, digámolo en prata, o predominio da especulación, que determina a dinámica dos actores e os mercados financeiros no actual sistema globalizado. Quero dicir: as caixas non son entidades mercantís con fins de lucro; non son sociedades anónimas por accións; non reparten beneficios en forma de dividendos aos accionistas; non cabe nelas que unha familia ou un grupo minoritario controle a maioría do capital, a xunta de accionistas e o consello de administración; os excedentes obtidos na sua actividade -o equivalente dos beneficios empresariais- só poden destinarse a gastos e/ou investimentos en "obra social" ou a reservas; na sua estrutura orgánica teñen representación -con variantes segundo sexa a sua constitución fundacional- diversos sectores sociais, empresariais e laborais, e máis, no seu caso, institucións polìticas de goberno locais ou territoriais... Iste, cando menos, é o deseño institucional das caixas: igualiño ca un banco calquera, o do botin ou calquer outro, non si?. Fóra lerias: as caixas son, teórica e legalmente, un instrumento potencialmente perfeito para unha política financeira de benestar económico e social ao servizo dos cidadáns nunha sociedade e un rexime político democráticos. Por riba, o Estatuto de Galiza, no seu artigo 30.5, atribúille ao Parlamento e o Governo (Xunta) galegos a competencia exclusiva na regulación das "institucións de crédito corporativo, público e territorial, e Caixas de Aforros". Comezades a pillar o fio do enguedello, xentes galegas do común coma nin?.
O problema real das "caixas", no seu trasunto profundo, é político, e non financeiro, menos aínda técnico-financeiro -malia que sexa financeiro o factor desencadeante dos "apuros" polos que están a pasar. Factor desencadeante non enxendrado, por certo, no eido peculiar das caixas, senón da banca privada. E non da banca periférica, senón da xigantesca banca ínsita no corazón do Sistema Dólar-WallStreet -en termos do xenial Peter Gowan finado este verán- que se afundíu o ano pasado coma o Titanic, e polo mesmo ca o Titanic: por soberbia temeraria dos seus comandantes. Certo que o andacio pegou tamén nas caixas, en diferente medida segundo os casos: precisamente tanto máis canto máis se alonxaran dos comportamentos congruentes coa lóxica da sua específica natureza peculiar, e tamén canto máis fixeran incursións no mercado internacional do diñeiro e se aventuraran nos tipos de operacións que resultaron ser irresponsábeis e causantes do rebentón do sistema financeiro mundializado -e falaremos algo disto no sucesivo, se me permitides proseguir coas entregas destas miñas matinacións.
Mais o cerne do problema das caixas é político, insisto. En duas dimensións, cando menos, que hoxe limitareime a enunciarvos. Unha, a reacción dos poderes políticos perante a crise: no canto de encetaren unha liña tan sequer reformista, de retorno a esquemas neo-keynesiáns -por caso, na versión green new-deal propugnada polo Nobel Stiglitz e compañeiros mártires- de regulación macroeconómica da demanda e oferta globais, o sistema monetario e os mercados de capitais, no canto diso, digo, teiman no recetario ultra-liberal que fracasou clamorosamente nos tres últimos decenios. E así, no canto de aproveitaren a ocasión para restauraren as funcións de economía social que son xenuinas das caixas, empúrranas cara o rego da banca de negocios desregulada ou con regulacións feitas a medida da sua depredadora cobiza. Outra, o proceso de liquidación e derrubo do famoso Estado constitucional das Autonomias, que está en curso no contexto da creba do "pacto constitucional" e descomposición do actual rexime político: porque as competencias autonómicas dificultan institucionalmente a homeneixación e uniformización do "mercado único" en clave ultraliberal, tanto no ámbito interno do Estado español coma en canto peza desa Unión Europea filla bastarda do antidemocrático Tratado de Lisboa. Nesa operación está, como xefe de brigada da fontanería doméstica celtíbera, o tal Fernández Ordóñez -ese quiste reaccionário, resíduo franquista "neo-con", que constitue unha vergoña pública para un goveno que se pretende socialdemócrata. Mais dixen que só ía enunciar esas duas dimensións, e vou cumplir: paro por hoxe. Deica o dia que vén.
III. Capital "do norte", capital "do sur"
Non me non reprendades. Non esquecín aquilo de que "o capital non ten patria" -nin falla que lle fai. Inda menos agora que non precisa pasaporte para atravesar fronteiras, e mesmo conseguiu o don da ubicuidade refugado até agora aos simples mortais. Mais o caso é que nin o norte nin o sur son "patrias". Nin sequera son "localidades". Simples pontos cardinais, referentes extremos pra fixar a latitude da posición na esfera, na bóla do mundo. Nada que poida dar pé a "patriotismo" nin sequera "localismo" de caste ningunha. Só a fixar posición(s) na esfera -e naturalmente, chegado o caso, a guerras de posicións, iso si. Guerras, por certo, tanto máis cruentas e devastadoras, con tanto máis vítimas civís e "danos colaterais", canto meirande sexa a envergadura e potencia de fogo dos antagonistas e a dimensión do espazo xeonómico convertido en escenário bélico -e non á inversa. Causan moitos máis destragos as guerras no seo dos oligopolios, ou mesmo antre as grandes corporacións que se disputan un mercado de competencia monopolística, do que antre os minúsculos actores do mercado de competencia perfecta imaxinado nos tratados académicos de microeconomía. Para empezar, dos "minúsculos" caídos en combate ninguén se ocupa: é a lei da competencia, díselles -é "lei de vida", vénselles dicir. Agora, dos grandes, os máis grandes, e os mastodontes, teñen que ocuparse os poderes políticos, os Estados, ou a mesmísima "comunidade internacional": de "reflotalos", pór a salvo aos seus comandantes, repoñer baixas e perdas, xestionar a desfeita, financiar a reconstrución -e todo ás costas de todos nós, os cidadáns do común, os que padecemos primeiro a acción despótica dos magnates, sufrimos logo inermes os destragos da guerra, e aturamos ao cabo os custos do salvamento dos guerreantes e da reconstrución do escenario bélico. Até o seguinte episodio. Porque na economìa capitalista si que resulta certo que a política é a continuación da guerra por outros medios -en sarcástico investimento dos termos do requilorio famoso de von Klausevitz.
E que ninguén remusgue, que a ninguén do común se lle ocurra preguntar: e logo os grandes non teñen que ser solventes, eficientes e competitivos, a lei da competencia non rexe para eles?; non teñen que apandar coas perdas os seus donos, como calquer comerciante do común que se arruina?. Será fulminado por iñorante, por non entender que está en xogo o "interese social" e a estabilidade do sistema. De xeito que a mellor defensa non consiste en seres eficiente, senón en seres grande, canto máis mellor, até converter os resultados da túa ineficiencia en problema de Estado e ameaza de crise do sistema: daquela terán que sacarche as castañas do lume queiran que non. Así que, se tes buracos nas contas por seres imprudente, incompetente ou mal xestor, xúntate con outros coma ti, proponlles unha fusión, metede nun mesmo saco as perdas vosas todas, e ide reclamarlle ao Estado salvamento e protección: iso chámase un SIP -sistema institucional de protección. É unha variante instrumental dun proceso que antes tiña un nome máis sinxelo e diáfano: concentración e centralización do capital e o poder conómico -conxénito ao capitalismo, á sua lóxica e ao seu desenvolvemento histórico.
Claro que, á longa, ese proceso acaba coa competencia e co mercado mesmo. Mais, alguén cre que eles cren niso da concorrencia perfecta e no mercado omnisciente que impón as súas regras de xogo obectivas aos actores todos que nil concorren? Sabémolo ben os usuarios de enerxía elétrica, que agora podemos escoller entre distintas empresas "comercializadoras" desa enerxía, pero non entre diferentes prezos e calidades do servizo, porque todas ofrecen os mesmos contratos "de adhesión" coas mesmas condicións leoninas e atrácannos coas mesmas tarifas abusivas, como se a luz e a calor fosen bens de luxo para millonarios caprichosos e, polo tanto, prescindíbeis para as xentes do común: son persoas xurídicas distintas, mais un só leviathan verdadeiro. E sábeno moi ben, sobre todo, os apóstolos ultraliberais do mercado e a competencia: o mercado ideal para eles é aquel no que unha soa megaempresa global ocupa o mercado mundial do produto que ela ofrece, e portanto non ten competidor ningún -ou sexa, o "mercado inexistente" ou, máis fino, o "mercado virtual", equivalente á reinvención dunha economía con planificación central, só que á marxe do poder político e con racionalidade antisocial. Na banca, o mesmo. Mellor dito, a banca, nisto, raia na perfección: o produto que vende sono os cartos, o diñeiro mesmo, e produce o diñeiro cos cartos dos demáis, non cos seus proprios. Na era ultra-liberal, o capital-diñeiro -ou sexa, o capital bancario ou "financeiro"- acadou a hexemonía sobre os demais -o industrial e o comercial. E comezou a enredar co seu xogo preferido: producir "borbollas"... até rebentar. Ou sexa, especular co diñeiro nos mercados financeiros, no canto de finanzar con il investimentos produtivos na economía real -único lugar onde se enxendra valor incorporado aos produtos que logo se trocan por diñeiro.
É algo elemental, e até o dixera Machado, coido, que era poeta e non banqueiro: "solo el necio confunde valor con precio". Gañar diñeiro sen producir valor só pode facerse á conta dos que o producen. A especulación é un parasito da vida económica, e cando os parasitos proliferan nun organismo chúchanlle as enerxías, cáusanlle anemia e poden acabar por matar o ser vivo que os padece -sexa vexetal, animal ou... social. Mesmo por iso, Keynes, que era, el si, economista e non poeta, pretendía, co seu sistema, levar a cabo a "eutanasia do rentista", como terapia profiláctica para salvagardar a saúde económica das sociedades. Mais a globalización financeira ultraliberal fixo todo o contrario: converteu o sistema económico mundial no paraíso dos rentistas, dos especuladores -dos parasitos. A tódolos niveis e en tódolos chanzos do sistema, até as pequenas industrias achuchadas polos intereses dos créditos, os pequenos comercios esganados polos alugueres dos locais, os asalariados afogados polas hipotecas das vivendas. Agora ben, reparade. A rede veicular do andacio parasitario foino o aparato circulatorio do sistema: dende os mercados bursáteis metropolitáns, co corazón en Wall Street, á rede arterial e venosa da banca e demáis intermediarios financeiros. O plasma ou fluxo sanguíneo portador do virus parasitario foino o capital-diñeiro -o financeiro- e non o capital-produtivo -o industrial. E o vento que difundiu o andacio por todo o sistema-mundo veu do norte, non do sur.
Así que, ao cabo e con todo, haivos norte e haivos sur neste enguedello. E capitais "do norte" e "do sur", tamén, e a diferentes escadas cartográficas e latitudes da economía global. Tamén, polo tanto, na cartografía das "caixas". E tamén no arco das latitudes intra-galegas do capital. Si, hai capital "do norte" e capital "do sur" mesmo tamén no liliput galego. E non é, en principio, custión de localización xeográfica nin de "localismo" -inda que lle cadre ter esas proxeccións. Non: é custión de índole ou morfoloxía do capital. Simplificadamente: o capital do norte é primordialmente capital-diñeiro; o do sur, industrial. Cadra logo tamén que o corazón financeiro do país está no norte, e no sur o corazón industrial. A realidade simplificada neste esquema non é de hoxe: veuse xestando dende un século atrás. E esa realidade, na súa dinámica evolutiva, condicionou e incidiu no proceso de conformación da idiosincrasia, estratexias financeiras, estrutura funcional e modalidades operativas de relación co contorno socioeconómico peculiares e diferenciais das dúas únicas caixas hoxe existentes en Galiza, e nomeadamente das entidades matrices dos procesos de fusión-absorción xa operados até hoxe -que en tres decenios reduciron o censo de sete a dúas se, coas presas, o meu caletre non reconta mal.
Hai preto de tres lustros, cando, a mediados dos noventa, se abordou a reforma da lei galega das "caixas" -ocasión perdida de innovar cunha normativa que tería evitado boa parte dos problemas actuais, como queriamos os nacionalistas- xa se escoitaba o balbordo, inda afastado, do asalto bancario ás "caixas" que acontecera noutras latitudes europeas, xa se abesullaba o cabalo-de-troia que podían volverse as "cotas participativas" para unha ulterior conversión desas entidades da economía social en sociedades por accións capitalistas, e xa tamén soaban trompetas, inda con surdina, chamando á fusión das catro "caixas" entón existentes -Galicia(Coruña), Ourense, Pontevedra e Vigo. Eu, como portavoz do Bloque no noso Parlamento, estudara a fondo e arrecadara asesoramento científico abondo sobre esa problemática. Tamén solicitara interlocución directa e franca con cada unha das catro entidades: unhas aceitárana e outras deran a calada por resposta -non vou desvelarvos cales foran unhas e outras. O caso é que conseguín analizar os seus balances, a estrutura das súas operacións activas, e ordear ao cabo a sua tipoloxía, nun leque que tiña nunha estrema á de Ourense e na outra á de Vigo. Ourense viña ser a máis "tradicional", e tamén a máis embarcada daquela en operacións financeiras especulativas. Vigo, todo o contrario: a máis comprometida en finanzar investimento produtivo no tecido industrial do país, a empezar polo do hinterland vigués e o complexo mar-industrial galego -mais non só. Lémbrome dunha pintoresca anécdota do Vitorino Núñez, un día en conversa no Parlamento, dicíndome alporizado como Caixa Vigo arrecadaba liquidez no "interbancario" cando os tipos andaba polas nubens -Ourense, por suposto, "investía" no interbancario unha porción descomunal dos seus recursos, operación moi lucrativa pero absolutamente estéril para a malparada economía da provincia e do país. Cando, pouco despois, presións "políticas" espúreas forzaron a fusión das "caixas sul" que deu a luz a Caixanova, eu preguntábame que consecuencias tería aquel casoiro forzoso das dúas entidades máis distantes entre si nas opcións alternativas pola especulación ou polo finanzamento produtivo da economía real.
Alén doutras connotacións e implicación que hoxe vos aforro, direivos que a fusión que agora se pretende non resolve nada que non se poida resolver con outras fórmulas e vieiros, e só criará novos problemas que, se non saltan ao escenario no imediato, rebentarán no seu día. E non é un problema de "localismos" -inda que o localismo sexa doenza crónica no seo das necias, pitoñas e alienadas clases dirixentes indíxenas, tántas veces doentes de pailanismo vilego, que non aldeán. Nin de protagonismos vaidosos -malia que habelos háxaos. Sexamos analíticos e non badocos. Gayoso e Méndez son dúas mentes financeiras moi distintas. Mais non só polas suas respectivas personalidades intelectuais, profesionais e humanas. Tamén, e sobre todo, polos diferentes e até case antitéticos contextos peculiares nos que se forxaron as súas traxectorias á fronte de cadansúa entidade. Haivos capital "do norte" e capital "do sur", reitero. E as súas diferentes lóxicas pódense artellar nunha política financeira pública autónoma e autótona, ou sexa, nacional galega, hoxe inexistente nas institucións políticas de autogoberno. Mais, como a auga e o aceite, comprimidas e mexidas a fortiori nun recipiente fechado ao baleiro, non haberá quen as faga emulsionar.
IV. "Flash-back"
No vran do 1985, portanto aínda na primeira lexislatura da recén estreada Autonomía política galega, o Parlamento de Galiza madrugou en aprobar unha lei -Lei 7/1985 de 17 de xullo- reguladora das Caixas de Aforros. Tanto das que tiñan o seu domicilio social na Galiza como tamén das actividades, no territorio galego, das que o tiñan fóra. A nosa cámara de representantes amostrábase así dilixente en exercitar o mandato competencial lexislativo conferido polo Estatuto de Autonomía que, no punto 5 do apartado I do seu artigo 30, incluía ás "institucións de crédito corporativo, público e territorial e Caixas de Aforros" nas materias de "competencia exclusiva" da Comunidade Autónoma galega. Compre dicir que Camilo Nogueira, coa sua tenacidade característica, tivera bastante que ver co logro da inclusión desa competencia na carta autonómica galega, xa dende o proceso de elaboración do famoso "Estatuto dos dezaseis", precedente xerminal -e máis ambicioso por certo- do texto que finalmente aprobarían as Cortes españolas e entraría en vigor no 1981.
Para esa declaración de "competencia exclusiva", o devandito artigo 30 invocaba os "termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1, 11 e 13 da Constitución" española. E o único marco normativo limitativo do exercizo desa competencia exclusiva era iste: "De acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado". Reparemos na literalidade dese enunciado: o linde competencial sinálao o respeito ás "bases" ordenadoras a nivel do Estado da sua política macroeconómica, como conxunto -"actuación económica xeral"- e, dentro dela, da política monetaria -tamén macroeconómica e xeral, portanto. Insisto: trátase, daquela, das bases e ordeación xeral -por certo que a Constitución (a.149.1, 13º) di literalmente "coordenación", que non é idéntico a "ordenación"; e di "da planificación xeral da actividade económica", que tampouco é o mesmo ca "actuación económica xeral". Mais, ao caso: non se trata, portanto, da regulación normativa concreta e polo miúdo das materias confiadas en "competencia exclusiva" á nosa autonomía -poisque doutro xeito, evidentemente, estaría de sobro, por valeiro de contido efectivo, o establecido como competencia propria polo Estatuto, e que fora asumido e convirtido en lei orgánica do Estado polas proprias Cortes.
Á par da regulación das Caixas, figuraban no mesmo artigo 30 -figuran aínda, poisque o Estatuto non foi abolido, derrogado nen legalmente demoucado, que eu saiba- como materias de competencia exclusiva "nosa" a industria, a agricultura e gandería, o comercio interior (pontos 2, 3 e 4), e até esta xoia de "welfare economics" keynesián, paradigma daquela aínda non esborrallado pola barbarie ultra-liberal (ponto 6): "Sector público económico de Galicia". Por certo que o apartado II dese artigo decretaba inclusive que "a Comunidade Autónoma galega participará, tamén, na xestión do sector público económico estatal" ubicado en territorio galego -e relembremos que, naquela altura, formaban parte dese sector empresas e factorías do INI como Bazán, Astano, As pontes, San Cibrán, e así seguido. Inciso: qué fica efectivamente en vigor de todo iso? Úlo o "sector público económico galego"? Cándo e ónde chegou a participar a Xunta nas empresas públicas estatais antes de seren regaladas ao gran capital privado ou á contorna dos buscóns azanaristas?. Úlo o exercizo de todos eses eidos competenciais exclusivos polas sucesivas maiorías parlamentares e governos da Xunta, ostentados polas "forzas de ocupación" da dereita española durante vintetrés dos vinteoito anos que levamos de "autogoverno" ou, se preferides, de "governos autistas"?. Pero prosigamos.
O que dotaba de sentido "común" a ese conxunto de materias competenciais exclusivas érao a posibilidade de elaborar, artellar e vertebrar unha política macroeconómica antónoma, axeitada á peculiar realidade socieonómica do noso país e capaz de remediar a patoloxía do noso subdesenvolvemento -aínda dentro das escasas marxes permitidas pola Constitución. Esa pretensión traducíase en norma estatutaria no ponto primeiro dos enunciados nese mesmo artigo 30: "Fomento e planificación da actividade económica en Galicia". Verdade que se fixo uso dese precepto?. Verdade que os sucesivos governos e maiorías parlamentares autónomas foron esforzada e patrióticamente dilixentes en planificaren a ordenación e desenvolvemento socioeconómico do benestar da nación galega e dos seus cidadáns? Tal "como en Irlanda, como en Irlanda", que bradaba o católico Brañas tan adorado polo fraguismo? Acaso non se fixo uso para tan "galeguista" finalidade do preciosísimo instrumento financeiro que era a rede das "caixas" -de Pandora- galegas? -non riades, que o conto é triste, escribira o "irmán Daniel", e fixéralle eco saloucante Cabanillas: "na praia de Rianxo caían como bágoas as estrelas".
O certo é que, dos artigos da Constitución invocados polo "noso" Estatuto no devandito artigo 30, cáles chegaron a aplicarse ou tan sequer respeitárense?. O 38 recoñece a "liberdade de empresa no marco da economía de mercado", e compromete aos poderes públicos a garantiren "o seu exercicio e a defensa da produtividade", mais condiciónao a que sexa "de acordo coas esixencias da economía xeral e, cando corresponda, da planificación". Úla?. O 131 asevera que "o Estado, mediante lei, poderá planificar a actividade económica xeral para atender ás necesidades colectivas, equilibrar e harmonizar o desenvolvemento rexional e sectorial e estimular o crecemento da renda e da riqueza e a sua máis xusta distribución" Maravilloso: fíxoo, non si? Pero hai máis, no ponto 2 desa mesma norma constitucional, establécese o compromiso de que "o Goberno elaborará os proxectos de planificación de acordo coas previsións que lle sexan subministradas polas Comunidades Autónomas". Nunca os sucesivos governos do Estado obedeceron ese precepto constitucional. É máis: "A tal fin constituiráse un Consello, cunha composición e cunhas funcións que se desenvolverán por lei" -remata ese artigo. Criouse, si, o Consello Económico e Social, por lei de 1991 -mais nunca funcionou operativamente, e nunca se chegou a darlle presencia nil á flamante Comunidade Autónoma galega, nen sequer no apoxeo do esplendor fraguiano: eu reclamárallo cando do famoso "diálogo institucional", e il confesárame a sua impotencia política no asunto.
Coidaredes, se cadra, que isto pouco ten que ver co enguedelllo das "caixas": pois xa vedes en cal contexto se situa en orixe ese eido competencial autónomo, a sua razón de ser, os atrancos políticos ao seu exercizo, o desleixo dos ocupantes das institucións galegas responsábeis de exercelo, e a xestación do proceso que desembocaría no enguedello actual. Prosigo, logo?
Etabamos en que a primeira lei de Caixas galega era de xullo do 1985. No Estado, o Psoe gonzalista áchase en pleno apoxeo: primeira lexislatura de governo con maioría absolutísima. Pois ben, cousa dun mes máis tarde, en agosto dese mesmo ano, promúlgase unha lei das Cortes españolas (Lei 31/1985) , que non se ocupa de regular as bases nen a ordenación-coordenación da planificación-actuación económica xeral nen tampouco da política monetaria macroeconómica -conforme vimos que reservaba a Constitución ao poder central. Non. Esa lei impón o "Regulamento das normas sobre órganos rectores das Caixas de Aforro". Así comenza a intromisión, a invasión dese eido competencial declarado "exclusivo" polo Estatuto de Autonomía de Galicia. Así enceta o poder central o proceso de uniformización dunha morfoloxía tan diversa e tan vencellada a cada peculiar realidade socio-institucional e orixe fundacional como é o deseño orgánico desas entidades non mercantís de economía social que son as caixas de aforros -diversidade ben marcada aínda, naquela altura, mesmo dentro do pequeno pero polimorfo universo galego.
Pero no ronsel desa lei navega logo -faltaba máis- o Tribunal Constitucional, como buque-escolta do governo central dedicado a botar cárregas de profundidade contra calquera das "nacionalidades históricas" que pretenda exercer as suas competencias políticas. O Tribunal é lento, pero seguro, no seu labor de cancerbero do Estado unitario de sempre, disfrazado de "descentralizado": a nosa nación-sen-estado ten declaradas potestades moi lindas, a condición de que non as exerza máis que pra aforrarlle choio administrativo ao poder central -xa se sabe, algo así como unha deputación supra-provincial, con caciques incluídos. E o T.C. dicta duas sentencias no mesmo día, o 22 de marzo, do 1988. Unha delas arremete contra a lei galega das Caixas, a de xullo do 1985, e anúlalle un feixe de artigos. A outra, por se acaso non abondase con iso, atribuelle "carácter básico" a determinadas normas da lei estatal intrusista no tema dos órganos das Caixas, a de agosto do 1985 tamén.
En Galiza governa, neses intres, o malpocado "tripartito" -Psoe, CG, PNG- presidido polo infeliz Fernando G.Laxe, sospeitoso en Madrid por ter sido outrora "pexego" (do PSG), e odiado en Génova por ter ousado apresentar, e por riba gañar, unha moción de censura contra a inefábel "Xunta de Albor" -aquela á que lle cantabamos "no cortello está millor", lembrádesvos?. E ese governo da Xunta baixa as cirolas perante o T.C. e apresúrase a tramitar no Parlamento un proxecto de lei de modificación da lei galega de Caixas do 1985. A exposición de motivos dese proxecto de lei é patética. Ten dous breves paragrafos. O primeiro dá conta das sentencias do T.C. atentatorias contra as competencias estatutarias do Parlamento e a Xunta de Galiza -ou sexa, as suas, as dese governo tripartito investido un ano antes por ese parlamento. O segundo confesa as suas culpas e fai acto de atrición, coma os encausados pola Inquisición de outrora e de arestora: "Co fin de lles dar cumprimento ás Sentencias mencionadas, compre proceder á adecuación da Lei galega ás resolucións das mesmas, mediante a supresión das custións declaradas inconstitucionais e a modificación da redacción daqueles artigos nos que o texto orixinario (...) é incompatible coa normativa declarada básica". Abraiante, poisque o único inconstitucional dese asunto érano as sentencias do tal Tribunal Constitucional da Inquisición celtibérica. O BNG tiña un só deputado na cámara: ben sabedes que era eu mesmo. A emenda de totalidade e devolución que apresento daquela tiña un texto moi breve tamén -e mesmo tamén patético, a fin de contas: "este Proxecto de lei -argüía- significa un autorrecorte de competencias promovido pola actual opción no poder". A demouca ou auto-castración da primeira lei galega das Caixas consumouse o 25 de abril do 1989: quince aniversario da revolución portuguesa "dos cravos". Daquela non había, que se soubese, crise nen buracos negros nas institucións financeiras galegas de aforro "popular". Mais xa comezaba a prepararse o asalto do poder central a esa cidadela ubicada fóra do seu feudo. Remataba así o primeiro acto da traxicomedia que tería como desenlace o actual enguedello das "caixas"... de Pandora. O segundo contareivolo outro día, se queredes. Agora voume a Madrid -a conspirar.
V. "Blow up"
Se na miña pasada entrega ensaiei un "flash-back" e vos fixen dar un pinchacarneiro de costas no tempo -pirueta ben arriscada se non caes de pé- desta tentarei unha ampliación fotográfica do acontecido daquela. Ben sei que o máis probábel é que me ocorra como ao protagonista do famoso -e xenial- filme de Antonioni ao que lle furto o título e lle empresto a idea. Lembrádesvos? Era fotógrafo, andaba a pasear por Black Heath e tirar fotos á toa. Ao lonxe, unha parella flirteaba, ou rifaba, ou cousa polo estilo. Fotografouna tamén. Ao revelalas no seu estudio algo lle chamou a atención. Con sucesivas ampliacións acabou por descubrir un cadáver deitado na herba ao pé dunha cancela: houbera un crime. Volveu ao lugar do feito, mais o cadáver xa non estaba alí. Voltou logo ao seu estudio, mais furtáranlle os negativos. En resumo, éravos máis ou menos así. Ao cabo non ficaban pegadas de que o crime tivese lugar: nen cadáver, nin parella, nin fotos. Como a pelota imaxinaria da partida de tenis "virtual" que están a xogar os comediantes no parque na secuencia final do filme. A pelota invisíbel que, nun lance, se lles vai por riba da cerca da cancha e o protagonista, a requerimento deles, arrecada na herba e devólvellela polo ár, para que reanuden o xogo. Vós diredes logo se ten algo que ver co enguedello das "caixas" -ou non-.
Quiá! Xa de primeiras, a exposición de motivos da nova lei revela -ou confesa- que vai a remolque da locomotora estatal: "viñéronse producindo algunhas modificacións na normativa básica do estado que fan necesaria a adaptación da norma autonómica". Por se non ficase claro abondo, aínda reitera que, ademais da "conveniencia de completar a normativa autonómica" -faltaría máis que non se argüíse un pretexto- é "a necesidade de adaptala ás novidades introducidas na normativa estatal" o que fai "aconsellábel a elaboración dunha norma (...) que abordase todos os temas". O carácter de pretexto do primeiro motivo -o de "completar a normativa autonómica" cunha lei "que abordase todos os temas"- salta á vista desque se examina o contido dos seis títulos do texto legal: ou se limitan a aplicar e desenvolver as novas normas estatais, ou se enredan en redefinicións do xa definido -dende o concepto de caixa de aforros (!) até os de fusión e absorción, por certo encerellados un co outro (!)- ou se perden en vougos asertos declarativos de intencións e carentes de virtualidade preceptiva, ou, sinxelamente, e malia que semelle incríbel, renuncian de xeito explícito a entrar en materia. E non unha materia calquera, senón materias cruciais. Unha mostra: nada menos que no tocante á "organización institucional das caixas" (Tit. II), o lexislador declara paladinamente: "Non recolle o (...) referente a órganos de goberno, pois (...) non é propósito desta lei reformar estes aspectos da normativa vixente" -poisque, claro está, xa fora reformada no 1988 para axustala disciplinadamente ao feitío e medidas do uniforme carpetovetónico confeccionado polas Cortes!
Ampliemos un cacho este negativo. O grupo parlamentar do BNG, en defensa da autonomía lexislativa que nin a Xunta nin o Parlamento están a defender, formula daquela unha emenda á totalidade do proxecto, reclamando a sua devolución á Xunta para que o reelabore en condicións axeitadas. "Operado polas Cortes Españolas, o Goberno Central e o Tribunal Constitucional -dise nesa emenda- o proceso involutivo de domesticación, disuasorio de calquer veleidade no uso pleno das competencias teoricamente exclusivas por parte dos poderes lexislativos e executivos autonómicos que ousaron facelo interpretando nunha dirección positiva o marco constitucional vixente, non debera solprender que avanzase progresivamente a uniformización en materia de Caixas de Aforro", nen que o proxecto apresentado "fose a fin de contas un texto timorato e "homologado" na convención imposta a nível estatal". Inda así, á vista dos seus contidos, "a sorpresa prodúcese, e mesmo reduplicada: o texto que apresenta a Xunta aínda semella máis papista que os papas do poder central". Como mostras, sinálanse varios eidos temáticos primordiais.
Primeiro: o das "intervencións públicas", ou sexa, as normas reguladoras da intervención do poder político galego en uso das súas competencias. O lexislador afirma, moi runfante, que o título que as regula (o III) vén ser, "en realidade, un título novo no que se regulamentan os distintos ámbitos de intervención dos poderes públicos sobre as caixas". Lonxe diso, sinala o BNG, o texto da nova lei "nin sequera fai obxecto de regulación as posibilidades de orientación ou encarreiramento do potencial de xeración de crédito das Caixas cara a obxetivos de investimento acordes ou armonizados coas necesidades obxetivas de desenvolvemento económico e priorización de especializacións produtivas da C.A. galega".
Segundo: a "solvencia" das caixas. Os "coeficientes de solvencia", introducidos por lei estatal do 1992, desprazaran aos "coeficientes de investimento", definitivamente suprimidos no 1993. A nova lei galega limítase a "traducir" as normas estatais. "Fortaleza financeira e solvencia -di o BNG- consitúense asi pois nos obxetivos prioritarios das Caixas, como garantía da sua actividade e condicións imprescindíbeis pra acadaren outras metas". E engade: "Non parece que, a partir deses plantexamentos, resulte doado que as Caixas poñan en valor as súas peculiaridades e vantaxes xenuinas a respeito doutras modalidades de intermediarios financeiros para executaren unhas políticas de operacións activas propiciadoras do finanzamento de investimentos reais e máis acopladas ás obxetivas necesidades da base económica do noso país" -poisque, "no proxecto de lei apresentado, nada figura ao respeito". Polo demais, o único control concreto esplicitado (a.39) é a -só potestativa- "necesidade de autorización previa" da Xunta "para os investimentos en inmobles, accións, participacións ou outros activos monetarios, a concesión de grandes créditos ou a concentración de riscos nunha persoa ou grupo": se os sucesivos governos dos trece anos decorridos dende aquela tivesen exercido ese control, estarían as Caixas na "delicada" situación na que se achan agora? E senón, quen é o responsábel (político) desa situación?
Terceiro: as "cotas participativas". Configúranse como instrumentos para a dotación de "recursos proprios", e proclámase a "salvagarda plena da natureza" das Caixas -esplicítase que non outrogarán "dereito político ningún" aos seus titulares. "Mais -sinala o BNG- o trasunto subxacente da custión dista de estar claro" e xa ten provocado "suspicacias e receios no proprio ámbito das Caixas", á vista de "procesos acontecidos xa en Italia e en curso de acontecer na Gran Bretaña, que en definitiva consisten na penetración da banca privada no tecido orgánico das Caixas, coa conseguinte desnaturización e inclusive desparición delas como segmento aparte, peculiar e diferenciado dentro do sistema dos intermediarios financeiros". O aviso fica dado xa, portanto, á altura do 1995 -e con este retrouso: "quen poden ter interese en subscribir tales cotas (participativas) nas condicións económicas e técnico-financeiras que legalmente se establecen, carecendo os seus titulares dos dereitos "políticos"..." (?).
Cuarto: a "obra benéfico-social". Regúlase, si. "Mais, despois dunha migalleira regulación dos aspectos cuantitativos das dotacións" con ese destino, resulta que, "en troques, o deseño legal dos aspectos cualitativos contén abondosas ambigüidades e mesmo indefinicións" -a empezar por "que destinos dados a excedentes das Caixas terán a consideración de obra benéfico-social". En realidade, o interesse da Xunta vai por outro camiño: "alimentar circuítos paralelos aos dos Orzamentos Xerais da C.A., que cubran a dotación de servizos públicos sociais, culturais, educativos e até de promoción económica" -ou sexa, que lle aforren ao erario público fondos que só a traveso da legalidade parlamentaria dos Orzamentos públicos deberan asignarse "a cometidos irrenunciábeis e indisociábeis da función pública". Outro aviso inútil, non si?
En fin: "O resto dos contidos do proxecto de lei -advirte o BNG- resultan virtualmente irrelevantes. Digámolo dun xeito gráfico: o resto e nada veñen ser, prao caso, a mesma cousa". E, como pedra de escándalo, a xa referida renuncia expresa a regular acaidamente os órganos de representación e decisión das caixas galegas en procura dunha necesaria "clarificación e normalización a nivel da C.A. galega".
Naturalmente -disque a democracia non é o goberno do povo, senón das maiorías sen consideración das minorías, anque representen a metade menos un- nin o proxecto foi reelaborado, nin se aceptaron tampouco as normas alternativas concretas propostas polo Bloque Nacionalista Galego en emendas parciais. A omnisciente maioría fraguiana comportouse como o que realmente era: autista. As consecuencias perniciosas abrollan agora.
Porque non é o mesmo –sabémolo tod@s, mesmo eu que non son físico. A fusión implica un cambio de estado da materia; a fisión atinxe á sua estrutura nuclear. A fusión muda un corpo sólido nun fluido líquido; a fisión desintegra os seus átomos. A fusión require enerxía -calórica; a fisión enxéndraa -transforma materia en enerxía. E poderiamos seguir -mais coido que abonda. Porque ben imaxinades e comprenderedes que, pesia ás aparencias, non estou tan tolo como para aventurarme polos vieiros da saudade na física, da que non sei máis ca o que adeprendera nos remotos tempos do famoso bacharelato aquel dos sete cursos enciclopédicos, cun pouco de case tódolos saberes sen chegar ao consabido extremo do saber nada de todo do xeneralista modélico antitético do saber todo de nada do especialista absoluto. Non, iso déixoo praos ‘políticos’, onde os hai desas dúas castes estremas, e só desas duas. Non, non. Pesia as aperencias, repito, a cousa vai, ou pretende ir, inanque sexa bulreira e metafóricamente, das ‘caixas’.
Ou se cadra debera ir de Pandora, a que disque destapou aquela tan famosa –poisque de Pandora resultan ser imitadores, que non discípulos, os banqueiros e políticos todos do actual universo-mundo. Mais, en rigor, o ‘se cadra’ non cadra. Primeiro porque, conforme a Hesíodo, Pandora foi a primeira muller -e os banqueiros e políticos son cáseque todos homes, ou millor dito, asumen tod@s o rol do ‘home’ nesta cultura machista, sexa cal for o seu sexo anatómico-fisiolóxico. E ademáis, evidentemente, non son @s primeir@s seres humáns de calisquer dos dous xéneros. Segundo, porque o de Pandora é un mito, mentras que no lerio dos banqueiros e políticos o único elemento mítico é o da sua tan predicada benfeitora función social. E terceiro, porque non cadra léxicamente, nen no plano do siñificante nen no do siñificado, dado que, no relato grego do mito, o que destapou Pandora non foi unha caixa, senón un xerro -e haivos boa diferencia: cando víchedes un bo viño nunha caixa?; só esas purrelas enlatadas en cartón forrado de papel de estaño por de dentro. Agora que o penso: tal como as chamadas ‘sub-prime’, por mal nome, ou?
Con todo, fose caixa ou xerro, estoxo ou ánfora, o recipiente que a Pandora da mítica lenda grega cometeu a imprudencia de destapar, o certo é tamén que as analoxías subsisten, alén imprecisións coma ésas e discordáncias funcionais ou anatómicas de xénero, no feito de que Pandora fora unha invención de Zeus para se vingar de Prometeu nas costas dos homes, semellaba unha deusa mais era de barro, sedutora mais nada de fiar, e do xerro que tiña proibido tocar, ao destapalo, saíron todolos andacios e pauliñas que inzaron polo mundo adiante e desgraciaron á humanidade. Como analoxía non é pouca, concordaredes conmigo que lle chega ben.
*****************************
(Vou parar, porque se foi a luz. E inda que o ordenador segue a funcionar coa batería, e a pantalla está acesa, darredor todo está escuro. E inda tamén que prenda candeas para entrever o teclado –estou a facelo xa– os meus ollos van vellos e cansos de máis pra traballaren nesta penumbra máis aló dun instantiño sen forzar a vista. Cústame descifrar os apontamentos manuscritos nos papeis pousados á par deste chirimbolo sustituto da miña máquina de escribir. Podo pasar diles, mais non de ver o teclado como é debido. Repítese a historia de todolos anos. Chegou o inverno, e claro, como estamos no terceiro mundo, ou no cuarto, vai ti saber, e nun país coma o noso, sen fontes proprias de enerxía, nen recursos pra modernizar tendidos, inda menos soterralos, xa se sabe, desque chove ou venta, alá vai, fúndenselle os plomos ao plan Mega, que coido que así se chamaba a ‘millora elétrica de Ghalicia’ na remota era fraghiana. A culpa é nosa, só nosa, por non termos trasladado Galiza ao Mediterráneo marbellí, onde nen chove nen venta nen hai inverno. Ou por termos aturado que trasladasen a mentalidade climática marbellí ao interior dos cerebros de cuspe de grilo da ‘clase dirixente’ do noso im-país –co teu permiso, Manolo, polo empréstimo– incluída a das ‘caixas-xerro’ de Pandora e dos ‘estoxos-ánfora’ de San Gaitán. Somos periféria, recoiro, díxeno tántas veces durante tantos anos que xa nen eu mesmo me lembro de telo dito nen do que a verba ésa quer dicir. Neste caso, ‘periféria próusima’, e tan ‘próusima’, a dez kilómetros de Santiago, menos aínda en liña recta, non no Courel, nen Caldebarcos, nen Corrubedo, nen Cervo, nen Callón, por só mentar periférias con ‘ce’, sitas todas elas nas estremas, pero dentro, da periféria global que é este país non-noso e a sua paisanía toda, ou sexa todos nós, indíxenas e importados. Pero claro, a condición periférica non é custión de distancia kilométrica nen lonxanía física, senón social. A periféria da que eu falo agora, na que estou, na que habito, na que se foi a luz hai un cacho, ten feitío proteiforme de arquipélago e un nome ubícuo moi usado na política municipal: é ‘o rural’. Desque se foi a luz, achegueime á xanela pra botar unha ollada ao esterior e comprobar o que xa supuña. Dende a nosa casa, na aba do outeiro dos Barreiros, pretenciosamente chamada ‘balcón da Mahía’ polos vilegos cursis, dexérgase todo o val do Sar, dende Santiago, arriba á esquerda, no leste, até as veigas de Padrón. Contemplo o val nesta noite de invernía. Con ceos descubertos, mesmo que non haxa lúa, esa paisaxe noiturna adoita ser fascinante e ás veces aseméllaseme á dunha ría, salferida de luceciñas que se agrupan en mollos ciscados polas caeiras até a beira do fondal, máis escuro, como un rego de mar con pontos luminosos coma os das embarcacións. Tal imaxino eu, que teño a señardade do mar metida na alma dende a miña infancia. Hoxe é noite negra, de trebón, venta forte, é certo, escusa doada para este apagón. Mais en Santiago hai lus a eito, o resplandor proxéctase obscenamente nas tebras das nubes baixas que gavean cara o nordés a toda mecha. E moito máis perto, ao pé de onda min, Bertamiráns é unha orxía de lus que descobre impúdicamente a sua fealdade urbanística. E máis á dereita, cara o oeste, as novas ‘urbanizacións’ (sic) de Monte Valado, o adefesio de Agro Novo, Monte Debesa, máis discreta: todas teñen luz a esgalla. Mesmo Pedrouzos, en Santa Minia, onde está o Concello de noso, se cadra por iso. Dende aí, cara acó, todo negro. As aldeas e lugares que ruben cara os Barreiros, dende Castrigo e Brans de Abaixo até Brans de Arriba e Aguiar, a nosa, ás escuras todas elas, mesmo o escaso alumeado público nas corredoiras asfaltadas que chaman ‘pistas’. Somos a periferia, ou a micro-periferia se queredes. Somos os da aldea, ou sexa, do esterco mesmo xa sen vacas nen cortellos dos porcos, que xa cáseque non hai nen unhas nen outros, agás en tres ou catro casas por xunto, as únicas onde inda fica boa xente labrega que bota millo, centeo e mesmo algo de trigo en leiras doutros viciños, sen bancos de terras nen contratos de arrendamentos, cedidas en uso pra que non fiquen a monte e incen nelas a maleza ou os alcolitos. Ás escuras outravolta. E así un inverno e outro inverno máis durante os vinte anos que hai que vivimos eiquí, que os vai facer un dia destes, e durante os primeiros, un bó feixe deles, nen sequer tiñamos a ‘trifásica’, que si que a tiña a instalación da casa que restauraramos mais non o transformador, que estaba nun poste ao vintimperio, e segue a estar ainda, e o eleitricista que daquela levaba o mantemento das liñas de Fenosa dérame unha manchea de fusíbeis gordos coma chourizos de Manzaneda para que eu mesmo puidese poñelos cando se fundían na caixa de entrada da acometida na casa, onda o contador, e tiñades que verme a min, máis novo daquela, flamante deputado e portavos de grupo parlamentar, saír da casa nas noites de temporal e mallóns dauga a dios dar pra repoñer un fusíbel sen ter que molestar ao Reboredo e agardar por il, e volver entrar enchoupado e aterecido a sentarme ao pé da Jotul de combustión lenta para aquecer antes de volverme deitar. Galiza anos noventa do século vinte, Aguiar, San Fins de Brión. Non Moreda de Novoneira, Savane do Courel, anos corenta. E o lerio inda dura, malia que xa teñamos trifásica e xa non saia repoñer os plomos gordos coma chourizos-de-manzaneda na acometida da casa, que de nada valería tampouco, porque o que salta é o transformador no poste ou ou diaño da liña que disque ven de Negreira ou vai saber ti o qué, cagho-na-cona. E vou parar, que non sei se isto que vos conto vos importa algo ou non, mais sobre todo é que me choran os ollos e non de carraxe, que tamén, senón de forzar a vista, que levo a forzalos moito máis do instantiño que vos dixera e xa no entramentras desque volo dixen a lus veu e foise varias veces, e eu a apagar e acender as candeas, apaga candeas que volveu a lus, acende as candeas que se volveu ir, apaga, acende, ‘abre la muralla, cierra la muralla, abre la muralla, cierra...’, que se inda tivésemos feito ou fixésemos agora aínda coma os protagonistas desa cantiga latinoamericán se cadra tiñamos nós tamén o equivalente dun Evo, ou dun Hugo, ou dun Correa, ou dun ‘Pepe’ Mugica, o vello ‘tupa’, mais non, que non o fixemos e temos unha ‘habichuela’, que tal siñifica en español o nome que ben vós sabedes, da mentalidade climática marbellí de importación... Puaf!)***************************************
Volveu a luz! E Ultreia! Mais xa non teño folgos nin espazo para proseguir coa confusión da fusión e a fisión das caixas-de-pandora. Fica para a próxima –se vos dignades agardar.II. Fisión, que non fusión
Pois si: fisión, que non fusión -qué con-fusión!. Vou polo atallo, para recuperar o tempo perdido co apagón do outro dia. Quero dicir que é un proceso de fisión, e non de fusión, o fenómeno que, encubertamente, se pretende desencadear coa solerte cerimonia da confusión montada arredor do asunto das "caixas". Nese enguedello inestricábel para nós, as xentes do común, o que está en xogo é a desintegración da estrutura nuclear do peculiar modelo de entidades financeiras que aínda son as "caixas populares de aforros", como deseño nidiamente diferenciado, e mesmo orixinariamente antitético na sua índole, da banca privada dentro do universo dos chamados "intermediarios financeiros". Simultáneamente, trátase de que esa desintegración aniquile o único instrumento de intermediación de que dispoñen institucións políticas de poder autónomo como as galegas, para veiculizaren unha política crediticia concebida en clave de desenvolvemento socioeconómico endóxeno do país que governan, e non das metrópoles coloniais do imperio e as suas sucursais. Como eses dous obxetivos desintegradores son socialmente inconfesábeis e, no marco constitucional vixente, indefendíbeis, os poderes financeiros e políticos celtíberos que pretenden semellante aduanada fan aplicación do moi castelán requilorio de "aprovechando que el pisuerga pasa por vaya-usté-saber-donde", e utilizan para os seus renartes fins o pretexto dos desperfectos causados pola crise enxendrada en e por "a globalización financeira" na finca particular dos intermediarios idem: redimensionemos, concentremos, centralicemos! -é a imaxinativa consigna, tan vella, monótona e reincidente como a história mesma do capital bancario e financeiro e a famosa "destrución criativa" schumpeterián, ou sexa, destrución social criativa de lucros para os destrutores. E hala!. Recéitanse os mesmos fármacos que inocularon a doenza e enxendraron a crise-pandemia -á que eu ousaría chamar "o SIDA financeiro" deste período de entre-séculos. E para despistar, como nas obras públicas, póñense grandes cartaces que avisan: "Fundimos pra vostede, desculpen as molestias" -no canto de "Afundímolos a vostedes, é o noso interese", que sería veraz pero suicida. O caso é que a xente non se decate de que se volve tentar remediar o rebentón dunha "borbolla" financeira insuflando ár noutra meirande -e de que eses fármacos empezoñan, no canto de curar. Mais, ben pensado, vaiamos por partes e a modiño, que as presas non valen se queremos desencerellar o enguedello.
************************
A índole das "caixas", primeiro. É ben sabido, mais convén recordalo, poisque disto nen se fala -millor dito, silénciase coidadosamente- polos protagonistas da cerimonia de confusión, é dicir, os poderes promotores do proceso de "reconversión" desintegradora da estrutura nuclear dese tecido financeiro. En orixe, as caixas nacen no seo e no espazo social das clases populares sometidas ao poder do capital e á sua lóxica -esplotación, lucro, apropiación e acumulación do valor escedente enxendrado polos que só dispoñen da sua forza de traballo nas relacións de produción e distribución capitalistas. Nacen como tantas outras fórmulas e artiluxios de auto-defensa das clases traballadoras e subalternas, sexan cooperativas, mútuas, pósitos e así seguido. Un repertorio de fórmulas e trebellos de morfoloxía moi diversa, mais moi análogos na súa índole medular: a finalidade social e non mercantil, a lóxica da cooperación e non da competición, da cobertura de necesidades e non do lucro empresarial. No seu deseño orixinario, as caixas son institucións alternativas á banca capitalista: nacen como "fundacións", non como "empresas"; como entidades de aforro para os que teñen pouco que aforrar, de crédito para os que teñen pouco co que responder, ao sumo algo que hipotecar, obxetos que pignorar -de aí a sua frecuente simbiose orixinaria de funcións como "caixas populares de aforro" e "montes de piedade". As fórmulas populares de institucións de aforro, creto ou axuda mútua varían conforme ás diferentes clases sociais conexas con distintos espazos e culturas de actividade produtiva primordial, mais teñen en común a índole da sua lóxica pre-capitalista ou non-capitalista. Conviría revisitar as páxinas de "El crédito agrícola", a monumental obra en sete tomos de Joaquin Díaz de Rábago, contemporáneo e amigo de Brañas, concebida no contexto da Galiza finisecular do dezanove, maiormente labrega, mariñeira e artesán, só xerminalmente obreira, para comprendermos o escenario social que dota de sentido ao fenómeno peculiar das caixas de aforro nos medios populares urbáns.Ben sei: hai unha distancia sideral antre o que eran as caixas nas orixes e o que son agora -se fosen como daquela, non serían presa cobizada por poderes bancarios e políticos nen, xa que logo, se tecería enguedello ningún para reconvirtilas, desintegralas e engulilas no buraco negro da rediviva globalización financeira. Mais, precisamente, se o "cartel" dos banqueiros e políticos coaligados en santa alianza arma esta de-dios-es-cristo para engulilas e dixerilas, é mesmamente porque resultan ser un "corpo estraño" na anatomía do moloch financeiro, unha substancia perturbadora da fisioloxía do seu sistema circulatorio. É porque, malia todalas metamorfoses experimentadas no seu xigantesco proceso de crecemento, a natureza esencial orixinaria das caixas, o seu código xenético, segue a estar impreso na sua estrutura nuclear -e resulta incompatíbel coa lóxica da chamada "finanzarización" ou, digámolo en prata, o predominio da especulación, que determina a dinámica dos actores e os mercados financeiros no actual sistema globalizado. Quero dicir: as caixas non son entidades mercantís con fins de lucro; non son sociedades anónimas por accións; non reparten beneficios en forma de dividendos aos accionistas; non cabe nelas que unha familia ou un grupo minoritario controle a maioría do capital, a xunta de accionistas e o consello de administración; os excedentes obtidos na sua actividade -o equivalente dos beneficios empresariais- só poden destinarse a gastos e/ou investimentos en "obra social" ou a reservas; na sua estrutura orgánica teñen representación -con variantes segundo sexa a sua constitución fundacional- diversos sectores sociais, empresariais e laborais, e máis, no seu caso, institucións polìticas de goberno locais ou territoriais... Iste, cando menos, é o deseño institucional das caixas: igualiño ca un banco calquera, o do botin ou calquer outro, non si?. Fóra lerias: as caixas son, teórica e legalmente, un instrumento potencialmente perfeito para unha política financeira de benestar económico e social ao servizo dos cidadáns nunha sociedade e un rexime político democráticos. Por riba, o Estatuto de Galiza, no seu artigo 30.5, atribúille ao Parlamento e o Governo (Xunta) galegos a competencia exclusiva na regulación das "institucións de crédito corporativo, público e territorial, e Caixas de Aforros". Comezades a pillar o fio do enguedello, xentes galegas do común coma nin?.
O problema real das "caixas", no seu trasunto profundo, é político, e non financeiro, menos aínda técnico-financeiro -malia que sexa financeiro o factor desencadeante dos "apuros" polos que están a pasar. Factor desencadeante non enxendrado, por certo, no eido peculiar das caixas, senón da banca privada. E non da banca periférica, senón da xigantesca banca ínsita no corazón do Sistema Dólar-WallStreet -en termos do xenial Peter Gowan finado este verán- que se afundíu o ano pasado coma o Titanic, e polo mesmo ca o Titanic: por soberbia temeraria dos seus comandantes. Certo que o andacio pegou tamén nas caixas, en diferente medida segundo os casos: precisamente tanto máis canto máis se alonxaran dos comportamentos congruentes coa lóxica da sua específica natureza peculiar, e tamén canto máis fixeran incursións no mercado internacional do diñeiro e se aventuraran nos tipos de operacións que resultaron ser irresponsábeis e causantes do rebentón do sistema financeiro mundializado -e falaremos algo disto no sucesivo, se me permitides proseguir coas entregas destas miñas matinacións.
Mais o cerne do problema das caixas é político, insisto. En duas dimensións, cando menos, que hoxe limitareime a enunciarvos. Unha, a reacción dos poderes políticos perante a crise: no canto de encetaren unha liña tan sequer reformista, de retorno a esquemas neo-keynesiáns -por caso, na versión green new-deal propugnada polo Nobel Stiglitz e compañeiros mártires- de regulación macroeconómica da demanda e oferta globais, o sistema monetario e os mercados de capitais, no canto diso, digo, teiman no recetario ultra-liberal que fracasou clamorosamente nos tres últimos decenios. E así, no canto de aproveitaren a ocasión para restauraren as funcións de economía social que son xenuinas das caixas, empúrranas cara o rego da banca de negocios desregulada ou con regulacións feitas a medida da sua depredadora cobiza. Outra, o proceso de liquidación e derrubo do famoso Estado constitucional das Autonomias, que está en curso no contexto da creba do "pacto constitucional" e descomposición do actual rexime político: porque as competencias autonómicas dificultan institucionalmente a homeneixación e uniformización do "mercado único" en clave ultraliberal, tanto no ámbito interno do Estado español coma en canto peza desa Unión Europea filla bastarda do antidemocrático Tratado de Lisboa. Nesa operación está, como xefe de brigada da fontanería doméstica celtíbera, o tal Fernández Ordóñez -ese quiste reaccionário, resíduo franquista "neo-con", que constitue unha vergoña pública para un goveno que se pretende socialdemócrata. Mais dixen que só ía enunciar esas duas dimensións, e vou cumplir: paro por hoxe. Deica o dia que vén.
III. Capital "do norte", capital "do sur"
Non me non reprendades. Non esquecín aquilo de que "o capital non ten patria" -nin falla que lle fai. Inda menos agora que non precisa pasaporte para atravesar fronteiras, e mesmo conseguiu o don da ubicuidade refugado até agora aos simples mortais. Mais o caso é que nin o norte nin o sur son "patrias". Nin sequera son "localidades". Simples pontos cardinais, referentes extremos pra fixar a latitude da posición na esfera, na bóla do mundo. Nada que poida dar pé a "patriotismo" nin sequera "localismo" de caste ningunha. Só a fixar posición(s) na esfera -e naturalmente, chegado o caso, a guerras de posicións, iso si. Guerras, por certo, tanto máis cruentas e devastadoras, con tanto máis vítimas civís e "danos colaterais", canto meirande sexa a envergadura e potencia de fogo dos antagonistas e a dimensión do espazo xeonómico convertido en escenário bélico -e non á inversa. Causan moitos máis destragos as guerras no seo dos oligopolios, ou mesmo antre as grandes corporacións que se disputan un mercado de competencia monopolística, do que antre os minúsculos actores do mercado de competencia perfecta imaxinado nos tratados académicos de microeconomía. Para empezar, dos "minúsculos" caídos en combate ninguén se ocupa: é a lei da competencia, díselles -é "lei de vida", vénselles dicir. Agora, dos grandes, os máis grandes, e os mastodontes, teñen que ocuparse os poderes políticos, os Estados, ou a mesmísima "comunidade internacional": de "reflotalos", pór a salvo aos seus comandantes, repoñer baixas e perdas, xestionar a desfeita, financiar a reconstrución -e todo ás costas de todos nós, os cidadáns do común, os que padecemos primeiro a acción despótica dos magnates, sufrimos logo inermes os destragos da guerra, e aturamos ao cabo os custos do salvamento dos guerreantes e da reconstrución do escenario bélico. Até o seguinte episodio. Porque na economìa capitalista si que resulta certo que a política é a continuación da guerra por outros medios -en sarcástico investimento dos termos do requilorio famoso de von Klausevitz.
E que ninguén remusgue, que a ninguén do común se lle ocurra preguntar: e logo os grandes non teñen que ser solventes, eficientes e competitivos, a lei da competencia non rexe para eles?; non teñen que apandar coas perdas os seus donos, como calquer comerciante do común que se arruina?. Será fulminado por iñorante, por non entender que está en xogo o "interese social" e a estabilidade do sistema. De xeito que a mellor defensa non consiste en seres eficiente, senón en seres grande, canto máis mellor, até converter os resultados da túa ineficiencia en problema de Estado e ameaza de crise do sistema: daquela terán que sacarche as castañas do lume queiran que non. Así que, se tes buracos nas contas por seres imprudente, incompetente ou mal xestor, xúntate con outros coma ti, proponlles unha fusión, metede nun mesmo saco as perdas vosas todas, e ide reclamarlle ao Estado salvamento e protección: iso chámase un SIP -sistema institucional de protección. É unha variante instrumental dun proceso que antes tiña un nome máis sinxelo e diáfano: concentración e centralización do capital e o poder conómico -conxénito ao capitalismo, á sua lóxica e ao seu desenvolvemento histórico.
Claro que, á longa, ese proceso acaba coa competencia e co mercado mesmo. Mais, alguén cre que eles cren niso da concorrencia perfecta e no mercado omnisciente que impón as súas regras de xogo obectivas aos actores todos que nil concorren? Sabémolo ben os usuarios de enerxía elétrica, que agora podemos escoller entre distintas empresas "comercializadoras" desa enerxía, pero non entre diferentes prezos e calidades do servizo, porque todas ofrecen os mesmos contratos "de adhesión" coas mesmas condicións leoninas e atrácannos coas mesmas tarifas abusivas, como se a luz e a calor fosen bens de luxo para millonarios caprichosos e, polo tanto, prescindíbeis para as xentes do común: son persoas xurídicas distintas, mais un só leviathan verdadeiro. E sábeno moi ben, sobre todo, os apóstolos ultraliberais do mercado e a competencia: o mercado ideal para eles é aquel no que unha soa megaempresa global ocupa o mercado mundial do produto que ela ofrece, e portanto non ten competidor ningún -ou sexa, o "mercado inexistente" ou, máis fino, o "mercado virtual", equivalente á reinvención dunha economía con planificación central, só que á marxe do poder político e con racionalidade antisocial. Na banca, o mesmo. Mellor dito, a banca, nisto, raia na perfección: o produto que vende sono os cartos, o diñeiro mesmo, e produce o diñeiro cos cartos dos demáis, non cos seus proprios. Na era ultra-liberal, o capital-diñeiro -ou sexa, o capital bancario ou "financeiro"- acadou a hexemonía sobre os demais -o industrial e o comercial. E comezou a enredar co seu xogo preferido: producir "borbollas"... até rebentar. Ou sexa, especular co diñeiro nos mercados financeiros, no canto de finanzar con il investimentos produtivos na economía real -único lugar onde se enxendra valor incorporado aos produtos que logo se trocan por diñeiro.
É algo elemental, e até o dixera Machado, coido, que era poeta e non banqueiro: "solo el necio confunde valor con precio". Gañar diñeiro sen producir valor só pode facerse á conta dos que o producen. A especulación é un parasito da vida económica, e cando os parasitos proliferan nun organismo chúchanlle as enerxías, cáusanlle anemia e poden acabar por matar o ser vivo que os padece -sexa vexetal, animal ou... social. Mesmo por iso, Keynes, que era, el si, economista e non poeta, pretendía, co seu sistema, levar a cabo a "eutanasia do rentista", como terapia profiláctica para salvagardar a saúde económica das sociedades. Mais a globalización financeira ultraliberal fixo todo o contrario: converteu o sistema económico mundial no paraíso dos rentistas, dos especuladores -dos parasitos. A tódolos niveis e en tódolos chanzos do sistema, até as pequenas industrias achuchadas polos intereses dos créditos, os pequenos comercios esganados polos alugueres dos locais, os asalariados afogados polas hipotecas das vivendas. Agora ben, reparade. A rede veicular do andacio parasitario foino o aparato circulatorio do sistema: dende os mercados bursáteis metropolitáns, co corazón en Wall Street, á rede arterial e venosa da banca e demáis intermediarios financeiros. O plasma ou fluxo sanguíneo portador do virus parasitario foino o capital-diñeiro -o financeiro- e non o capital-produtivo -o industrial. E o vento que difundiu o andacio por todo o sistema-mundo veu do norte, non do sur.
Así que, ao cabo e con todo, haivos norte e haivos sur neste enguedello. E capitais "do norte" e "do sur", tamén, e a diferentes escadas cartográficas e latitudes da economía global. Tamén, polo tanto, na cartografía das "caixas". E tamén no arco das latitudes intra-galegas do capital. Si, hai capital "do norte" e capital "do sur" mesmo tamén no liliput galego. E non é, en principio, custión de localización xeográfica nin de "localismo" -inda que lle cadre ter esas proxeccións. Non: é custión de índole ou morfoloxía do capital. Simplificadamente: o capital do norte é primordialmente capital-diñeiro; o do sur, industrial. Cadra logo tamén que o corazón financeiro do país está no norte, e no sur o corazón industrial. A realidade simplificada neste esquema non é de hoxe: veuse xestando dende un século atrás. E esa realidade, na súa dinámica evolutiva, condicionou e incidiu no proceso de conformación da idiosincrasia, estratexias financeiras, estrutura funcional e modalidades operativas de relación co contorno socioeconómico peculiares e diferenciais das dúas únicas caixas hoxe existentes en Galiza, e nomeadamente das entidades matrices dos procesos de fusión-absorción xa operados até hoxe -que en tres decenios reduciron o censo de sete a dúas se, coas presas, o meu caletre non reconta mal.
Hai preto de tres lustros, cando, a mediados dos noventa, se abordou a reforma da lei galega das "caixas" -ocasión perdida de innovar cunha normativa que tería evitado boa parte dos problemas actuais, como queriamos os nacionalistas- xa se escoitaba o balbordo, inda afastado, do asalto bancario ás "caixas" que acontecera noutras latitudes europeas, xa se abesullaba o cabalo-de-troia que podían volverse as "cotas participativas" para unha ulterior conversión desas entidades da economía social en sociedades por accións capitalistas, e xa tamén soaban trompetas, inda con surdina, chamando á fusión das catro "caixas" entón existentes -Galicia(Coruña), Ourense, Pontevedra e Vigo. Eu, como portavoz do Bloque no noso Parlamento, estudara a fondo e arrecadara asesoramento científico abondo sobre esa problemática. Tamén solicitara interlocución directa e franca con cada unha das catro entidades: unhas aceitárana e outras deran a calada por resposta -non vou desvelarvos cales foran unhas e outras. O caso é que conseguín analizar os seus balances, a estrutura das súas operacións activas, e ordear ao cabo a sua tipoloxía, nun leque que tiña nunha estrema á de Ourense e na outra á de Vigo. Ourense viña ser a máis "tradicional", e tamén a máis embarcada daquela en operacións financeiras especulativas. Vigo, todo o contrario: a máis comprometida en finanzar investimento produtivo no tecido industrial do país, a empezar polo do hinterland vigués e o complexo mar-industrial galego -mais non só. Lémbrome dunha pintoresca anécdota do Vitorino Núñez, un día en conversa no Parlamento, dicíndome alporizado como Caixa Vigo arrecadaba liquidez no "interbancario" cando os tipos andaba polas nubens -Ourense, por suposto, "investía" no interbancario unha porción descomunal dos seus recursos, operación moi lucrativa pero absolutamente estéril para a malparada economía da provincia e do país. Cando, pouco despois, presións "políticas" espúreas forzaron a fusión das "caixas sul" que deu a luz a Caixanova, eu preguntábame que consecuencias tería aquel casoiro forzoso das dúas entidades máis distantes entre si nas opcións alternativas pola especulación ou polo finanzamento produtivo da economía real.
Alén doutras connotacións e implicación que hoxe vos aforro, direivos que a fusión que agora se pretende non resolve nada que non se poida resolver con outras fórmulas e vieiros, e só criará novos problemas que, se non saltan ao escenario no imediato, rebentarán no seu día. E non é un problema de "localismos" -inda que o localismo sexa doenza crónica no seo das necias, pitoñas e alienadas clases dirixentes indíxenas, tántas veces doentes de pailanismo vilego, que non aldeán. Nin de protagonismos vaidosos -malia que habelos háxaos. Sexamos analíticos e non badocos. Gayoso e Méndez son dúas mentes financeiras moi distintas. Mais non só polas suas respectivas personalidades intelectuais, profesionais e humanas. Tamén, e sobre todo, polos diferentes e até case antitéticos contextos peculiares nos que se forxaron as súas traxectorias á fronte de cadansúa entidade. Haivos capital "do norte" e capital "do sur", reitero. E as súas diferentes lóxicas pódense artellar nunha política financeira pública autónoma e autótona, ou sexa, nacional galega, hoxe inexistente nas institucións políticas de autogoberno. Mais, como a auga e o aceite, comprimidas e mexidas a fortiori nun recipiente fechado ao baleiro, non haberá quen as faga emulsionar.
IV. "Flash-back"
No vran do 1985, portanto aínda na primeira lexislatura da recén estreada Autonomía política galega, o Parlamento de Galiza madrugou en aprobar unha lei -Lei 7/1985 de 17 de xullo- reguladora das Caixas de Aforros. Tanto das que tiñan o seu domicilio social na Galiza como tamén das actividades, no territorio galego, das que o tiñan fóra. A nosa cámara de representantes amostrábase así dilixente en exercitar o mandato competencial lexislativo conferido polo Estatuto de Autonomía que, no punto 5 do apartado I do seu artigo 30, incluía ás "institucións de crédito corporativo, público e territorial e Caixas de Aforros" nas materias de "competencia exclusiva" da Comunidade Autónoma galega. Compre dicir que Camilo Nogueira, coa sua tenacidade característica, tivera bastante que ver co logro da inclusión desa competencia na carta autonómica galega, xa dende o proceso de elaboración do famoso "Estatuto dos dezaseis", precedente xerminal -e máis ambicioso por certo- do texto que finalmente aprobarían as Cortes españolas e entraría en vigor no 1981.
Para esa declaración de "competencia exclusiva", o devandito artigo 30 invocaba os "termos do disposto nos artigos 38, 131, 149.1, 11 e 13 da Constitución" española. E o único marco normativo limitativo do exercizo desa competencia exclusiva era iste: "De acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado". Reparemos na literalidade dese enunciado: o linde competencial sinálao o respeito ás "bases" ordenadoras a nivel do Estado da sua política macroeconómica, como conxunto -"actuación económica xeral"- e, dentro dela, da política monetaria -tamén macroeconómica e xeral, portanto. Insisto: trátase, daquela, das bases e ordeación xeral -por certo que a Constitución (a.149.1, 13º) di literalmente "coordenación", que non é idéntico a "ordenación"; e di "da planificación xeral da actividade económica", que tampouco é o mesmo ca "actuación económica xeral". Mais, ao caso: non se trata, portanto, da regulación normativa concreta e polo miúdo das materias confiadas en "competencia exclusiva" á nosa autonomía -poisque doutro xeito, evidentemente, estaría de sobro, por valeiro de contido efectivo, o establecido como competencia propria polo Estatuto, e que fora asumido e convirtido en lei orgánica do Estado polas proprias Cortes.
Á par da regulación das Caixas, figuraban no mesmo artigo 30 -figuran aínda, poisque o Estatuto non foi abolido, derrogado nen legalmente demoucado, que eu saiba- como materias de competencia exclusiva "nosa" a industria, a agricultura e gandería, o comercio interior (pontos 2, 3 e 4), e até esta xoia de "welfare economics" keynesián, paradigma daquela aínda non esborrallado pola barbarie ultra-liberal (ponto 6): "Sector público económico de Galicia". Por certo que o apartado II dese artigo decretaba inclusive que "a Comunidade Autónoma galega participará, tamén, na xestión do sector público económico estatal" ubicado en territorio galego -e relembremos que, naquela altura, formaban parte dese sector empresas e factorías do INI como Bazán, Astano, As pontes, San Cibrán, e así seguido. Inciso: qué fica efectivamente en vigor de todo iso? Úlo o "sector público económico galego"? Cándo e ónde chegou a participar a Xunta nas empresas públicas estatais antes de seren regaladas ao gran capital privado ou á contorna dos buscóns azanaristas?. Úlo o exercizo de todos eses eidos competenciais exclusivos polas sucesivas maiorías parlamentares e governos da Xunta, ostentados polas "forzas de ocupación" da dereita española durante vintetrés dos vinteoito anos que levamos de "autogoverno" ou, se preferides, de "governos autistas"?. Pero prosigamos.
O que dotaba de sentido "común" a ese conxunto de materias competenciais exclusivas érao a posibilidade de elaborar, artellar e vertebrar unha política macroeconómica antónoma, axeitada á peculiar realidade socieonómica do noso país e capaz de remediar a patoloxía do noso subdesenvolvemento -aínda dentro das escasas marxes permitidas pola Constitución. Esa pretensión traducíase en norma estatutaria no ponto primeiro dos enunciados nese mesmo artigo 30: "Fomento e planificación da actividade económica en Galicia". Verdade que se fixo uso dese precepto?. Verdade que os sucesivos governos e maiorías parlamentares autónomas foron esforzada e patrióticamente dilixentes en planificaren a ordenación e desenvolvemento socioeconómico do benestar da nación galega e dos seus cidadáns? Tal "como en Irlanda, como en Irlanda", que bradaba o católico Brañas tan adorado polo fraguismo? Acaso non se fixo uso para tan "galeguista" finalidade do preciosísimo instrumento financeiro que era a rede das "caixas" -de Pandora- galegas? -non riades, que o conto é triste, escribira o "irmán Daniel", e fixéralle eco saloucante Cabanillas: "na praia de Rianxo caían como bágoas as estrelas".
O certo é que, dos artigos da Constitución invocados polo "noso" Estatuto no devandito artigo 30, cáles chegaron a aplicarse ou tan sequer respeitárense?. O 38 recoñece a "liberdade de empresa no marco da economía de mercado", e compromete aos poderes públicos a garantiren "o seu exercicio e a defensa da produtividade", mais condiciónao a que sexa "de acordo coas esixencias da economía xeral e, cando corresponda, da planificación". Úla?. O 131 asevera que "o Estado, mediante lei, poderá planificar a actividade económica xeral para atender ás necesidades colectivas, equilibrar e harmonizar o desenvolvemento rexional e sectorial e estimular o crecemento da renda e da riqueza e a sua máis xusta distribución" Maravilloso: fíxoo, non si? Pero hai máis, no ponto 2 desa mesma norma constitucional, establécese o compromiso de que "o Goberno elaborará os proxectos de planificación de acordo coas previsións que lle sexan subministradas polas Comunidades Autónomas". Nunca os sucesivos governos do Estado obedeceron ese precepto constitucional. É máis: "A tal fin constituiráse un Consello, cunha composición e cunhas funcións que se desenvolverán por lei" -remata ese artigo. Criouse, si, o Consello Económico e Social, por lei de 1991 -mais nunca funcionou operativamente, e nunca se chegou a darlle presencia nil á flamante Comunidade Autónoma galega, nen sequer no apoxeo do esplendor fraguiano: eu reclamárallo cando do famoso "diálogo institucional", e il confesárame a sua impotencia política no asunto.
Coidaredes, se cadra, que isto pouco ten que ver co enguedelllo das "caixas": pois xa vedes en cal contexto se situa en orixe ese eido competencial autónomo, a sua razón de ser, os atrancos políticos ao seu exercizo, o desleixo dos ocupantes das institucións galegas responsábeis de exercelo, e a xestación do proceso que desembocaría no enguedello actual. Prosigo, logo?
Etabamos en que a primeira lei de Caixas galega era de xullo do 1985. No Estado, o Psoe gonzalista áchase en pleno apoxeo: primeira lexislatura de governo con maioría absolutísima. Pois ben, cousa dun mes máis tarde, en agosto dese mesmo ano, promúlgase unha lei das Cortes españolas (Lei 31/1985) , que non se ocupa de regular as bases nen a ordenación-coordenación da planificación-actuación económica xeral nen tampouco da política monetaria macroeconómica -conforme vimos que reservaba a Constitución ao poder central. Non. Esa lei impón o "Regulamento das normas sobre órganos rectores das Caixas de Aforro". Así comenza a intromisión, a invasión dese eido competencial declarado "exclusivo" polo Estatuto de Autonomía de Galicia. Así enceta o poder central o proceso de uniformización dunha morfoloxía tan diversa e tan vencellada a cada peculiar realidade socio-institucional e orixe fundacional como é o deseño orgánico desas entidades non mercantís de economía social que son as caixas de aforros -diversidade ben marcada aínda, naquela altura, mesmo dentro do pequeno pero polimorfo universo galego.
Pero no ronsel desa lei navega logo -faltaba máis- o Tribunal Constitucional, como buque-escolta do governo central dedicado a botar cárregas de profundidade contra calquera das "nacionalidades históricas" que pretenda exercer as suas competencias políticas. O Tribunal é lento, pero seguro, no seu labor de cancerbero do Estado unitario de sempre, disfrazado de "descentralizado": a nosa nación-sen-estado ten declaradas potestades moi lindas, a condición de que non as exerza máis que pra aforrarlle choio administrativo ao poder central -xa se sabe, algo así como unha deputación supra-provincial, con caciques incluídos. E o T.C. dicta duas sentencias no mesmo día, o 22 de marzo, do 1988. Unha delas arremete contra a lei galega das Caixas, a de xullo do 1985, e anúlalle un feixe de artigos. A outra, por se acaso non abondase con iso, atribuelle "carácter básico" a determinadas normas da lei estatal intrusista no tema dos órganos das Caixas, a de agosto do 1985 tamén.
En Galiza governa, neses intres, o malpocado "tripartito" -Psoe, CG, PNG- presidido polo infeliz Fernando G.Laxe, sospeitoso en Madrid por ter sido outrora "pexego" (do PSG), e odiado en Génova por ter ousado apresentar, e por riba gañar, unha moción de censura contra a inefábel "Xunta de Albor" -aquela á que lle cantabamos "no cortello está millor", lembrádesvos?. E ese governo da Xunta baixa as cirolas perante o T.C. e apresúrase a tramitar no Parlamento un proxecto de lei de modificación da lei galega de Caixas do 1985. A exposición de motivos dese proxecto de lei é patética. Ten dous breves paragrafos. O primeiro dá conta das sentencias do T.C. atentatorias contra as competencias estatutarias do Parlamento e a Xunta de Galiza -ou sexa, as suas, as dese governo tripartito investido un ano antes por ese parlamento. O segundo confesa as suas culpas e fai acto de atrición, coma os encausados pola Inquisición de outrora e de arestora: "Co fin de lles dar cumprimento ás Sentencias mencionadas, compre proceder á adecuación da Lei galega ás resolucións das mesmas, mediante a supresión das custións declaradas inconstitucionais e a modificación da redacción daqueles artigos nos que o texto orixinario (...) é incompatible coa normativa declarada básica". Abraiante, poisque o único inconstitucional dese asunto érano as sentencias do tal Tribunal Constitucional da Inquisición celtibérica. O BNG tiña un só deputado na cámara: ben sabedes que era eu mesmo. A emenda de totalidade e devolución que apresento daquela tiña un texto moi breve tamén -e mesmo tamén patético, a fin de contas: "este Proxecto de lei -argüía- significa un autorrecorte de competencias promovido pola actual opción no poder". A demouca ou auto-castración da primeira lei galega das Caixas consumouse o 25 de abril do 1989: quince aniversario da revolución portuguesa "dos cravos". Daquela non había, que se soubese, crise nen buracos negros nas institucións financeiras galegas de aforro "popular". Mais xa comezaba a prepararse o asalto do poder central a esa cidadela ubicada fóra do seu feudo. Remataba así o primeiro acto da traxicomedia que tería como desenlace o actual enguedello das "caixas"... de Pandora. O segundo contareivolo outro día, se queredes. Agora voume a Madrid -a conspirar.
V. "Blow up"
Se na miña pasada entrega ensaiei un "flash-back" e vos fixen dar un pinchacarneiro de costas no tempo -pirueta ben arriscada se non caes de pé- desta tentarei unha ampliación fotográfica do acontecido daquela. Ben sei que o máis probábel é que me ocorra como ao protagonista do famoso -e xenial- filme de Antonioni ao que lle furto o título e lle empresto a idea. Lembrádesvos? Era fotógrafo, andaba a pasear por Black Heath e tirar fotos á toa. Ao lonxe, unha parella flirteaba, ou rifaba, ou cousa polo estilo. Fotografouna tamén. Ao revelalas no seu estudio algo lle chamou a atención. Con sucesivas ampliacións acabou por descubrir un cadáver deitado na herba ao pé dunha cancela: houbera un crime. Volveu ao lugar do feito, mais o cadáver xa non estaba alí. Voltou logo ao seu estudio, mais furtáranlle os negativos. En resumo, éravos máis ou menos así. Ao cabo non ficaban pegadas de que o crime tivese lugar: nen cadáver, nin parella, nin fotos. Como a pelota imaxinaria da partida de tenis "virtual" que están a xogar os comediantes no parque na secuencia final do filme. A pelota invisíbel que, nun lance, se lles vai por riba da cerca da cancha e o protagonista, a requerimento deles, arrecada na herba e devólvellela polo ár, para que reanuden o xogo. Vós diredes logo se ten algo que ver co enguedello das "caixas" -ou non-.
**********
Outono do 1995. O Parlamento de Galiza enceta o proceso de tramitación e debate dun proxecto de lei da Xunta de Fraga regulador das Caixas de Aforros. Non se non trata dunha simple reforma da xa existente do 1985, modificada polo tripartito en 1988. Trátase dunha lei nova do trinque. Cando menos apreséntase formalmente con tal pretensión. Aproveitarase a ocasión para exercer fraguianamente, ou sexa contundentemente, a competencia exclusiva atribuída nesa materia polo Estatuto de autonomía, mais progresivamente invadida polo poder central nos anos precedentes?Quiá! Xa de primeiras, a exposición de motivos da nova lei revela -ou confesa- que vai a remolque da locomotora estatal: "viñéronse producindo algunhas modificacións na normativa básica do estado que fan necesaria a adaptación da norma autonómica". Por se non ficase claro abondo, aínda reitera que, ademais da "conveniencia de completar a normativa autonómica" -faltaría máis que non se argüíse un pretexto- é "a necesidade de adaptala ás novidades introducidas na normativa estatal" o que fai "aconsellábel a elaboración dunha norma (...) que abordase todos os temas". O carácter de pretexto do primeiro motivo -o de "completar a normativa autonómica" cunha lei "que abordase todos os temas"- salta á vista desque se examina o contido dos seis títulos do texto legal: ou se limitan a aplicar e desenvolver as novas normas estatais, ou se enredan en redefinicións do xa definido -dende o concepto de caixa de aforros (!) até os de fusión e absorción, por certo encerellados un co outro (!)- ou se perden en vougos asertos declarativos de intencións e carentes de virtualidade preceptiva, ou, sinxelamente, e malia que semelle incríbel, renuncian de xeito explícito a entrar en materia. E non unha materia calquera, senón materias cruciais. Unha mostra: nada menos que no tocante á "organización institucional das caixas" (Tit. II), o lexislador declara paladinamente: "Non recolle o (...) referente a órganos de goberno, pois (...) non é propósito desta lei reformar estes aspectos da normativa vixente" -poisque, claro está, xa fora reformada no 1988 para axustala disciplinadamente ao feitío e medidas do uniforme carpetovetónico confeccionado polas Cortes!
Ampliemos un cacho este negativo. O grupo parlamentar do BNG, en defensa da autonomía lexislativa que nin a Xunta nin o Parlamento están a defender, formula daquela unha emenda á totalidade do proxecto, reclamando a sua devolución á Xunta para que o reelabore en condicións axeitadas. "Operado polas Cortes Españolas, o Goberno Central e o Tribunal Constitucional -dise nesa emenda- o proceso involutivo de domesticación, disuasorio de calquer veleidade no uso pleno das competencias teoricamente exclusivas por parte dos poderes lexislativos e executivos autonómicos que ousaron facelo interpretando nunha dirección positiva o marco constitucional vixente, non debera solprender que avanzase progresivamente a uniformización en materia de Caixas de Aforro", nen que o proxecto apresentado "fose a fin de contas un texto timorato e "homologado" na convención imposta a nível estatal". Inda así, á vista dos seus contidos, "a sorpresa prodúcese, e mesmo reduplicada: o texto que apresenta a Xunta aínda semella máis papista que os papas do poder central". Como mostras, sinálanse varios eidos temáticos primordiais.
Primeiro: o das "intervencións públicas", ou sexa, as normas reguladoras da intervención do poder político galego en uso das súas competencias. O lexislador afirma, moi runfante, que o título que as regula (o III) vén ser, "en realidade, un título novo no que se regulamentan os distintos ámbitos de intervención dos poderes públicos sobre as caixas". Lonxe diso, sinala o BNG, o texto da nova lei "nin sequera fai obxecto de regulación as posibilidades de orientación ou encarreiramento do potencial de xeración de crédito das Caixas cara a obxetivos de investimento acordes ou armonizados coas necesidades obxetivas de desenvolvemento económico e priorización de especializacións produtivas da C.A. galega".
Segundo: a "solvencia" das caixas. Os "coeficientes de solvencia", introducidos por lei estatal do 1992, desprazaran aos "coeficientes de investimento", definitivamente suprimidos no 1993. A nova lei galega limítase a "traducir" as normas estatais. "Fortaleza financeira e solvencia -di o BNG- consitúense asi pois nos obxetivos prioritarios das Caixas, como garantía da sua actividade e condicións imprescindíbeis pra acadaren outras metas". E engade: "Non parece que, a partir deses plantexamentos, resulte doado que as Caixas poñan en valor as súas peculiaridades e vantaxes xenuinas a respeito doutras modalidades de intermediarios financeiros para executaren unhas políticas de operacións activas propiciadoras do finanzamento de investimentos reais e máis acopladas ás obxetivas necesidades da base económica do noso país" -poisque, "no proxecto de lei apresentado, nada figura ao respeito". Polo demais, o único control concreto esplicitado (a.39) é a -só potestativa- "necesidade de autorización previa" da Xunta "para os investimentos en inmobles, accións, participacións ou outros activos monetarios, a concesión de grandes créditos ou a concentración de riscos nunha persoa ou grupo": se os sucesivos governos dos trece anos decorridos dende aquela tivesen exercido ese control, estarían as Caixas na "delicada" situación na que se achan agora? E senón, quen é o responsábel (político) desa situación?
Terceiro: as "cotas participativas". Configúranse como instrumentos para a dotación de "recursos proprios", e proclámase a "salvagarda plena da natureza" das Caixas -esplicítase que non outrogarán "dereito político ningún" aos seus titulares. "Mais -sinala o BNG- o trasunto subxacente da custión dista de estar claro" e xa ten provocado "suspicacias e receios no proprio ámbito das Caixas", á vista de "procesos acontecidos xa en Italia e en curso de acontecer na Gran Bretaña, que en definitiva consisten na penetración da banca privada no tecido orgánico das Caixas, coa conseguinte desnaturización e inclusive desparición delas como segmento aparte, peculiar e diferenciado dentro do sistema dos intermediarios financeiros". O aviso fica dado xa, portanto, á altura do 1995 -e con este retrouso: "quen poden ter interese en subscribir tales cotas (participativas) nas condicións económicas e técnico-financeiras que legalmente se establecen, carecendo os seus titulares dos dereitos "políticos"..." (?).
Cuarto: a "obra benéfico-social". Regúlase, si. "Mais, despois dunha migalleira regulación dos aspectos cuantitativos das dotacións" con ese destino, resulta que, "en troques, o deseño legal dos aspectos cualitativos contén abondosas ambigüidades e mesmo indefinicións" -a empezar por "que destinos dados a excedentes das Caixas terán a consideración de obra benéfico-social". En realidade, o interesse da Xunta vai por outro camiño: "alimentar circuítos paralelos aos dos Orzamentos Xerais da C.A., que cubran a dotación de servizos públicos sociais, culturais, educativos e até de promoción económica" -ou sexa, que lle aforren ao erario público fondos que só a traveso da legalidade parlamentaria dos Orzamentos públicos deberan asignarse "a cometidos irrenunciábeis e indisociábeis da función pública". Outro aviso inútil, non si?
En fin: "O resto dos contidos do proxecto de lei -advirte o BNG- resultan virtualmente irrelevantes. Digámolo dun xeito gráfico: o resto e nada veñen ser, prao caso, a mesma cousa". E, como pedra de escándalo, a xa referida renuncia expresa a regular acaidamente os órganos de representación e decisión das caixas galegas en procura dunha necesaria "clarificación e normalización a nivel da C.A. galega".
Naturalmente -disque a democracia non é o goberno do povo, senón das maiorías sen consideración das minorías, anque representen a metade menos un- nin o proxecto foi reelaborado, nin se aceptaron tampouco as normas alternativas concretas propostas polo Bloque Nacionalista Galego en emendas parciais. A omnisciente maioría fraguiana comportouse como o que realmente era: autista. As consecuencias perniciosas abrollan agora.
**********
Coda. No entanto, esa lei galega do ano 1996 criou un interesante mecanismo de control das Caixas, anunciado na exposición de motivos e estatuído nunha disposición adicional: "consiste na creación dunha unidade administrativa, no seo da Consellería de Economía e Facenda, profesionalizada e capaz de levar adiante o control de toda a normativa contida na presente lei, así como de se coordinar cos órganos competentes da Administración do Estado". De acordo. Pois logo, que andou a facer esa parella da garda-civil político-administrativa durante estes trece anos? Xogar aos biosbardos, facer a vista gorda, praticar a complicidade? Sospeito que esa parella nunca vai parir a resposta -se non lla sacamos con fórceps os cidadáns-.
Nenhum comentário:
Postar um comentário