03/03/2010

O nacionalismo cruzouse de brazos

Bautista Álvarez, expresidente da UPG
Mais vale entrar na Coruña de noite que no ceo de día.Deste xeito festexaban os viaxeiros a súa chegada cando a vella estación recebía o tren na beira do mar, e as luces da cidade chiscábanlle o ollo ás augas da ría.Para a Igrexa era unha blasfemia.Quen blasfema e prevarica agora son as autoridades do concello coruñés.Un rótulo insultante, provocador, fixado en placa metálica nas paredes que rodean o largacío que serve de antesala da avenida dos Cantóns, evidencia o desprezo que fan da toponimia oficial e do noso idioma: Plaza de Orense, cando xa nas televisións españolas lle chaman Ourense á cidade das Burgas.¿Será o herdo españolizador daquel rexedor municipal cativo do seu acento, que lle segue a mancar no bico da lengua como unha espulla que lle naceu de pequeno?Aquel rexedor, prototipo do autoodio, que promoveu unha praza de touros, sabedor de que unha España sen touradas é unha España coxa?Anímense os taurófilos e aproveiten o ruedo para cortarlle o rabo e as orellas a quen para ser un español cabal só lle falta pór na cabeza unha peineta.
Os romanos cambiáronnos a lingua pero deixáronnos os castros e algúns topónimos esparexidos pola xeografía galega.Os invadidos de agora, os mentalmente invadidos, coidan que a mellor maneira de borrar o complexo é furtando á historia calquera pegada que poida dar testemuño dunha identidade propria.En Roma están moi ben estes invadidos, aspirantes a invasores.Alí naceron os imperios.O primeiro con Augusto.Mais tarde a reencarnación soñada e fracasada por Benito Mussolini.
Pero non.Non é responsabilidade exclusiva do partido herdeiro daquela fobia antigalega, outrora petulante cando as urnas eran pródigas con el.Castigado un pouco nas últimas eleicións, viuse obrigado a petar na porta do nacionalismo.Así naceu un matrimonio de conveniencia.Mais, ¿para quen foi a comenencia?Para quen casou polo dote e non polo amor.A cohabitación non supón a fusión de programas, pero esixe un mínimo de cortesía política co parceiro.¿E non é a lingua patrimonio inalienábel para o nacionalismo?Vista a tolerancia do irreverente topónimo parece que importa máis o prato na mesa da Cámara municipal.Galiza pode agardar.O estómago non.Nunca valeron menos seis concelleiros, precisamente cando estes son necesarios.Non eramos moitos máis os militantes que polas noites iamos restaurando a maltreita toponimia do país, nos tempos en que usar un spray era case tan perigoso como levar unha pistola.Non tiñamos a lei pero sobrábanos coraxe, e a forza de coraxe fomos conquistando a lei.¡Vaia paradoxo, agora que gañamos a lei perdemos a coraxe!
¿De quen é a culpa?¿Intransixencia dunha parte ou febleza e desleixo da outra?Nos dous casos quen deserta é o que tira as armas porque non quere ou non sabe utilizalas.Se os barcos importasen menos que a honra, hai principios irrenunciábeis nun pacto de goberno.As aldraxes ao idioma –e tamén á lei que o protexe- é causa suficiente para que o acordo sexa declarado nulo.Así se facía cando o nacionalismo era alguén.Se nos preocupamos máis por facer número que por construír país, corremos o risco de substituír os acoirazados por unha frota de submarinos.¿E cara onde van estes dirixir os seus torpedos?¿Ou será que os moi valentes cando estaban fóra tornáronse mansos ao metérense dentro?Hai algo máis que o la, la, la, canción preferida por alguén que se adicou á política por fracasar na súa vocación de cupletista.Quedan aínda os Ourense e os Arteijo, palabra esta irritante para as gorxas galegas, afeitas a modulacións calmas e garimosas.
Pensaba eu que na Coruña había nacionalismo.Non o poño en dúbida.¡Faltaría máis!Pode ser que se volvese cego.¿Cruzaríase de brazos, quizais?Por cobardía non será, pois non parece lóxico fuxir do combate cando todos os ventos sopran a favor.É a interpretación máis indulxente que eu atopo para explicar a indolencia daqueles que indo a Compostela manifestárense –na Ferradura e na Quintana- en defensa do idioma, esquécense de que tamén hai prazas nas ribeiras do Orzán.Tal proceder contraditorio só se explica pola ritualización da ideoloxía.En canto o ideal se converte en rito perde a súa virtualidade.A cerimonia do Nadal, constituída pola Igrexa para honrar o Neno, converteuse na festa da papatoria.Se transformarmos as mobilizacións en efemérides, non tardaremos en reducilas a eventos culinarios.
E xa que falamos de liturxias, vénme á mente a imaxe daqueles cregos preconciliares, uniformados con sotana chea de botóns, sempre de loito, panza xenerosa e tonsura no curuto da cabeza.Aqueles abades que a Pardo Bazán meteu nalgunha das súas novelas.No púlpito predicaban castidade, e na casa fochicaban coa criada.Se o noso ideal, a nosa consigna, é a normalización lingüística, comecemos por facelo onde está na nosa man normalizar.Doutro xeito, organizar simposios, imprimir carteis, apresentar mocións, é simple retórica de púlpito.
¿Qué facer?Entendemos que as organizacións son fortes, que están vivas, cando practican o debate interno.Para isto se convocan asembleas.Non está mal falar do aborto, non sei se para deter ou agravar a sangría demográfica, que nos pode converter dentro de pouco nun país anémico.Antes Galiza escoaba habitantes pola ferida da emigración.Agora, tamén, polas covas do camposanto, que está a esgotar as nosas reservas de poboación.De seguirmos así non imos tardar en vermos substituídas as escolas por residencias da terceira idade.¿Que quero suxerir con isto?Que a nosa escala de problemas, de reivindicacións, de valores, non pode estar xerarquizada por criterios de importación.Non vou seguir.Se vén a conto, algunha vez adicarei máis atención a un tema que non cabe na dimensión nin nas pretensións deste artigo.Abonda afirmar que sen xente non hai nación, e sen nación sobran os nacionalismos.Boa advertencia para os ecoloxistas urbanitas, tan preocupados eles pola extinción do lobo, e que promoven confiscar montes para manter esquíos.Non tardaremos os galegos –seguindo o exemplo daquel esgrevio avogado brasileiro perseguido pola ditadura de Getúlio Vargas- en solicitarmos o amparo da lei de protección dos animais.
A conclusión é que os órgaos políticos funcionan cando elaboran estratexias, e sobre todo cando corrixen desaxustes na aplicación das mesmas.Vendo a pasividade ante a provocativa ofensa non só á lingua senón á toponimia que con traballo conseguimos oficializar, a diagnose é de encefalograma plano.Nin a praxe nin a teoría dan síntomas de actividade.Diredes que é doado censurar.Sementar, procurar, cortar e debullar o millo, é tocar outro pandeiro.Pois eu vou dárvolo xa moído.É de catón que nos pactos políticos debe garantirse a exclusión de todo aquilo que sexa lesivo dos principios ideolóxicos do aliado.Sen este compromiso sobran outras cláusulas.Non hai diálogo posíbel.Sen idioma non hai nación, e sen nación –díxeno antes- non hai nacionalismo.Supoño eu que este requisito sería conditio sine qua non para a entrada no consistorio de María Pita.A tolerancia sería comprensíbel nos primeiros meses de goberno municipal, por subordinar a correción da toponimia a outros obxectivos de maior urxencia.¿Mías importantes quizais? Pasaron máis de dous anos e a rotulación leva traza de rematar así.Os nacionalistas –dirán os críticos- apandan co que lles boten.A súa furia acábaselles en canto cheiran un codelo que roer.Baixaron do monte, declararía un ex-deputado que cuspiu na Cámara e no seu Diario de Sesións inmundas ofensas, non contra os seguidores de Bóveda e Castelao, senón contra o mesmo ideario que eles e nós defendemos.Recentemente, este personaxe chamou na porta nacionalista para recuperar escano da man da ideoloxía que antes aldraxara.O máis grave é que o chaqueteiro atopase avais na casa onde petou.
Chegado este momento, non hai máis alternativa que afundir os barcos para recuperar a dignidade.Pobre argumento é obxectar que a responsabilidade corresponde aos que ostentan a representación popular na corporación.Déixemoslles a eles o codelo, se tanta importancia lle dan ao chusco.Foron moitos os chusqueiros que fixeron carreira na milicia.Teñen a lei da súa banda, xa que as credenciais son das urnas..Mais os carnés son do partido que apadriñou a súa candidatura.Os que reman río arriba –os revolucionarios, libertadores, nacionalistas, emancipadores, os que ademais de chamarse son de esquerda- non avanzarán se non se desprenden dos que se deixan arrastrar pola corrente.
Vista a indeferenza e preguiza dunha organización local que se atopa en estado clínico, a miña proposta e constituír un comando operativo de nacionalistas da terceira idade, e iniciar de contado a limpeza do infamante topónimo.Con cinco persoas abonda.Por servidume da lei de paridade, cómpre que polo menos dúas delas sexan homes.Chega unha escada, un martelo e unha ducia de parafusos.Pouco máis.As placas metálicas corren do meu peto.Un domingo de mañá soleada, para que a concorrencia sexa maior, tiramos ao lixo a Plaza de Orense, seguindo o exemplo dos ferroláns que expulsaron da entrada da cidade o dono e o cabalo.Será curiosa a que se vai montar.Unha liorta entre o código civil e o código penal.O primeiro a prol do topónimo oficial.O segundo en contra dos estragos na propriedade pública.
Como queira que a reacción, a dereita, a mediocridade,, son fervorosos devotos do código penal, que ven na xustiza punitiva o talismán que resolve todos os conflitos, o desenlace está cantado.O comando operativo será capturado como refén pola xendarmaría municipal.Será enxaulado na comisaría, na que non hai moito os mequetrefes vestidos de gris hostiaban aos detidos por negárense a falar en español.¿Lémbraste, Paco? Volverán entón os tempos de voltar á rúa para reclamar “liberdade” e “amnistía”.A min vaime facer moita graza comprobar así de que parte estarán os edís nacionalistas.¿Poránse ao lado do código civil, da liberdade, ou estarán co código penal e cos xendarmes? ¡Quen o diría! ¡Ás trincheiras, que chegaron os nosos!

Nenhum comentário: