Xosé Manuel Beiras
I. Diagnose da crise (I)
II. Diagnose da crise (II)
III. Diagnose da crise (III)
IV. Diagnose da crise (IV)
Algúns amigos suxeríronme que transvasase a este meu espazo no GH a prédica que botei días pasados na sesión de clausura da XXVII edición da Semana de Filosofía de Pontevedra, ese miragre de acontecemento cultural que levan todo ese tempo -máis dun cuarto de século xa- a orgaizar anualmente ese fato de exemplares activistas inteleituais, ou activos inteleituais exemplarmente comprometidos, que integran a Aula Castelao de Filosofia. Dubidei, e mesmo de primeiras recuseime facerlles caso. Para empezar, por preguiza: non tiña escrita esa prédica, só un guión. Logo, e sobre todo, por razóns de método: esta miña sección non é unha cátedra de "universidade a distancia" onde desenvolver unha temática de ciencias sociais de xeito sistemático e rigoroso cara un alumnado obrigado a debullar nocións formuladas na correspondente metalinguaxe científica -mais, porén, ise fora o enfoque que lle eu dera á miña intervención na Semana de Filosofía, por congruencia coa sua índole e respeito aos orgaizadores e participantes. Finalmente porque, a esta altura da miña andaina, padezo a desacougante impresión de que o que fago, digo ou escribo públicamente só val pra que conste que o fixen, escribin ou dixen, e non para contribuir a mudar o escandalosamente aberrante estado de cousas no sistema social que nos cadrou padecer -mais, porén, isto último é o único que me interesaría, a única arela que me resta, a fame do imposíbel que aínda me devora: poisque o meu narcisismo esmorece a cada pouco conforme me volvo máis vello. Daquela, fronte á consciencia desa miña impotencia perante o drama que estamos a vivir, o único desafogo que me alivia un chisco non é dar leicións, senón botar petardos tan sequer verbais. Velaí.
Inda así, o impenitente rabudo que se acobilla no meu ser reviróuseme e obrigoume a facer caso das suxerencias amigas e asumir o risco que conlevan. Vou, xa que logo, tentar debullar convosco a mazaroca da crise. Fatalmente, algunhas das cousas que vos conte ou diga hanvos soar a repetidas. Algunhas outras resultaránvos aborrecedoras. E nen sequer sei cántas entregas vai durar isto. Mais, desque aborrezades, mandaime parar, e obedecerei no intre: non é o comandante, senón o povo, "quen máis ordena" -como cantara o Zeca Afonso e eu sigo a acreditar.
I. Diagnose da crise (I)
Na procura dunha diagnose, comecemos pola índole ou natureza da crise. Que non é a que parece, non consiste nos síntomas nos que se manifesta -como non consiste na calentura a índole dunha pulmonía- senón na doenza do corpo social que xenera eses síntomas -tais coma o estoupido da burbulla financeira ou da inmobiliaria, ou a proliferación do desemprego. Nen tampouco comezou a crise cando eclosionaron eses síntomas: pola contra, viña de ben atrás. Non comezou no 2008, cando "súpetamente" rebentaron os grandes xigantes financeiros no mercado bursátil de Wall Street -é dicir, cando infartou o corazón financeiro do imperio e colapsou o fluxo arterial todo do sistema. Nen sequer tampouco cando dos seus precedentes infartos abdominais, digámolo así: os estoupidos de "burbullas financeiras" -en termos de Brenner- en áreas máis periféricas, como a crise mexicana de comenzos dos noventa, recén estreada a flamante área de libre comercio co Canadá e os USA, ou a dos "dragóns" asiáticos pouco despois. Non. A crise de "longa duración" comezou cara 1973, cando se colapsou o proceso de expansión constantemente acelerada dos tres decenios precedentes, acadou o climax a progresiva exacerbación das "rivalidades inter-estatais" da economía da metrópole imperial ianqui coas das submetrópoles europeu-oucidental e xaponesa, e os mercados de euro-dólares e petro-dólares fixeron estoupar o sistema monetario internacional (SMI) construído en Bretton Woods (1945) co dólar como patrón divisa-ouro, e Nixon suprimiu (1972), pola sua realísima conta, a convertibilidade do dólar en ouro, porque as reservas de Fort Nox non daban para atender as obrigas inerentes ao rol atribuído polo SMI a esa divisa como patrón convertíbel. Estralou así unha crise "de sobre-acumulación" -ou sexa, de acumulación de capital excesiva a respeito das oportunidades de investimento e rendibilidade do capital adicional acumulado en novas actividades produtivas no sistema-mundo, ou sistema capitalista mundializado. E dende aquela ese sistema está en crise. Con fases diferentes e traxectoria ondulante en intermitentes alzas e baixas relativas -pero en crise constante até hoxe mesmo. Arrighi diría que 1973 marca a "crise-sinal" e 1978 a "crise-terminal" deste período crítico do sistema e máis do declive da hexemonía ianqui dentro dil -pero disto falareivos máis logo.
O caso é que, portanto, non se trata dunha crise "conxuntural" -ou sexa, dun punto de inflexión no ciclo curto da economía, dun desaxuste conxuntural entre o producido e o vendido, entre a oferta e a demanda globais, entre o "produto nacional" e o "gasto nacional". Non. Trátase, pola contra, dunha crise estrutural: son as estruturas cardinais do sistema-mundo as que entraron en crise cara 1973 e levan en crise dende aquela até hoxe -cun gradual e constante proceso de deterioro e metamorfose perversa. Adiántovos unha mostra: que os fluxos de capital en forma de diñeiro se desprazasen crecentemente dende as operacións produtivas na economìa real cara as operacións especulativas na economía monetaria, nos "mercados financeiros" -o que se deu en chamar a "finanzarización", e que á sua vez agravou cada vez máis o proceso crítico nas trabes mestras do sistema.
Tampouco se trata só da crise dun modelo de xestión da economía capitalista, dun modelo de "política económica": do modelo neo-liberal -eu prefiro chamalo ultra-liberal- entronizado polos "think-tanks" de Hayek, Milton Friedman e os seus "Chicago-boys", inventores da "doutrina do shock" e demiurgos do "capitalismo do desastre" -nas certeiras denominacións carimbadas por Naomi Klein. Certamente que ese modelo non só entrou en crise, senón que fracasou. É máis: ese modelo ven ser, en grande medida, o responsábel de que a crise encetada nos anos setenta, lonxe de ser resolta, desembocase no desastre que a humanidade leva tres decenios a padecer e que se agrava máis a cada pouco -desastre económico, social, cultural e ecolóxico. Pero o que está en crise é o proprio sistema-mundo capitalista ao que se lle aplicou ese modelo neo-liberal de xestión político-económica. Quero dicir que tampouco o modelo keynesián desterrado no seu día polos neo-liberais resolvería hoxe o problema estrutural que padece o sistema-mundo -nen sequer lograría por si só "reflotar" a economía do seu centro, das metrópoles do "norte", como recoñecen neo-keynesiáns tan acreditados como o Nobel Paul Krugman, por caso.
Podemos, xa que logo, chantar uns primeiros poios no noso roteiro cara unha diagnose global. Un: esta crise non é conxuntural, senón estrutural. Dous: a crise financeira non é máis ca unha manifestación desa profunda crise estrutural. Tres: a crise non comezou hai dous anos, co rebentón de Wall Street, senón hai sete lustros, a comenzos dos setenta. Catro: non está en crise só un modelo de xestión do sistema, senón o proprio sistema-mundo -en expresión de Wallerstein, Arrighi e os demáis que seguiron os pasos do grande Fernand Braudel, o definidor e analista da longue durée no proceso histórico de xestación, expansión e mundialización do capitalismo dende o albor da idade moderna: da sua conversión no modern world economic system, no sistema-mundo dentro do ciclo da modernidade. Estamos mergullados, portanto, nunha crise sistémica que atinxe á totalidade da estrutura global e a cada unha das suas instancias ou esferas: eis o que compre analisar para acadarmos unha diagnose certeira e completa.
II. Diagnose da crise (II)
Concluía o día pasado dicíndovos que estamos mergullados nunha crise sistémica que atinxe á totalidade da estrutura global e a cada unha das suas instancias ou esferas. Despréndese desta aseveración, se concordamos con ela, que a crise maniféstase e opera nos diferentes níveis estruturais do actual sistema-mundo -ou sexa, non só na base económica do sistema: non é só unha crise económica. Compre engadirmos agora que nen sequer se cinxe ao espazo socio-humano abranguido polo sistema mundializado, senón que sobarda os seus lindes e incide na sua contorna "natural": nos ecosistemas que artellan a biosfera do planeta Terra. A crise, xa que logo, reviste ou proxéctase asemade en varias diferentes dimensións. Resulta así unha desconcertante fasquía polimorfa e mutante da crise, como a das imaxes proxectadas polos espellos nun caleidoscopio, que dá a impresión de se tratar dunha serie de crises diferentes e mesmo inconexas -cando en rigor son, insisto, só diferentes níveis nos que opera e dimensións nas que se proxecta unha soa e mesma crise sistémica: a "crise unha e trina" á que irónicamente me teño referido xa nalgunha ocasión, parodiando o enigma teolóxico da trinidade. Mais cómpreme pasar do sarcasmo á necesaria espricación deses fenómenos.
A empezar polo lerio dos niveis estruturais. Vexámolo. O actual sistema-mundo constitue un conglomerado de formacións sociais artellado polo modo de produción capitalista, que ocupa nel unha posición e un rol dominantes. É neste senso no que se pode denominar capitalista ao sistema no seu conxunto, inda que en boa parte do seu espazo e das formacións sociais que o integran esteñan vixentes modos de produción non-capitalistas ou pre-capitalistas -primordialmente na periferia do sistema, mais non só: dende formas de comunismo primitivo en povos indíxenas, sociedades campesiñas con economías de susbsistencia, autoconsumo, troco ou produción simples de mercadurías, até formas socialistas ou de transición, con propiedade colectiva, cooperativa ou mesmo estatal dos medios de produción, e así seguido. En todo caso, para o que nos ocupa, o fenómeno determinante é o rol dominante do modo de produción capitalista, que impón o seu modelo de acumulación e de desenvolvemento a tódolos demáis existentes e ao conxunto de formacións sociais que integran o sistema-mundo. Eis por qué a crise do capitalismo se propaga, con diversas formas e degraos de incidencia, por práticamente tódolos recantos do sistema.
Ora, cada formación social -e portanto o proprio sistema- está estruturada en tres instancias ou níveis cardinais: a económica, a ideolóxica e a xurídico-política. A primeira constitue a "base real" da sociedade; as outras duas son as suas superestruturas. O artellamento das tres require que, entre elas, exista unha necesaria "correspondencia" -é dicir, unha indispensábel congruencia ou compatibilidade entre as suas respeitivas índoles: así, unhas formas feudais de aparellaxe ideolóxica e política son congruentes con relacións de servidume no modo de produción, pero incompatíbeis coas de traballo asalariado proprias do capitalismo, que require forza de traballo "libre" nun "mercado laboral". E outro tanto debe acontecer dentro da base económica, entre a forma e nível de orgaización das forzas produtivas -recursos, forza de traballo e medios de produción- e a das relacións de produción e distribución dos produtos, ou tamén entre a esfera da produción e a da circulación: así, o escravismo nas relacións de produción é incompatíbel co "industrialismo" ou "civilización industrial" na orgaización das forzas produtivas -e por iso, primordialmente, estralou a guerra de secesión nordeamericana, que non o foi por establecer unha igualdade racial que os negros aínda tardarían cen anos en conquerir, malia que os "federais" do norde industrial se abandeirasen coa ideoloxía "abolicionista" como coartada para facérenlles a guerra aos "confederais" do sul escravista. Mais disimulade por este impremeditado excurso peripatético.
Voltándomos ao rego, o caso é que a crise actual enxéndrase e estoura na instancia económica ou "base real" das formacións sociais do centro do sistema, pero, ademáis de esparexerse por todo il, implica e atinxe tamén ás duas instancias superestruturais, tanto a xurídico-polìtica -marco legal e aparello de estado- canto a ideolóxica -como o ideoloxema neo-ultra-liberal e o famoso "pensamento único", cos seus coñecidos mecanismos estupefacientes e de coerción ideolóxica. Instancias que, compre sinalalo, resultan implicadas tanto no impacto e "xestión" da crise dende que estoupa coma tamén xa na sua xénese e "deflagración" . Relembremos por caso, tocantes á instancia ideolóxica, a teimuda e sórdida angueira dos think tanks reaccionários da escola de Hayek e M.Friedman -os "evanxelistas do mercado", en certeira metáfora sarcástica de Keith Dixon- e dos ideólogos da xenocida "doutrina do shock" imperial. E, no que fai á instancia política, a fabricación do "pinochetazo" polo tandem Nixon-Kissinger, a supresión unilateral da convertibilidade do dólar, a imposición de tiránicos reximes militares ou de "transicións á española" -por só darmos mostras dos anos setenta.
Pero non se non trata só da implicación das instancias superestruturais no proceso crítico. O máis relevante é que ese proceso de crise desencadeado na base económica, ao cabo, pon en crise tamén ás superestruturas ideolóxica e política. Non outra cousa é o fracaso e o descrédito do modelo neo-liberal. Tampouco outra cousa é a grave crise de lexitimidade e representatividade "democrática" na que se achan as institucións do chamado "Estado de dereito", ou a demolición do Welfare-state e sustitución do "Estado providencia" polo "Estado penitencia" -en sarcasmo esta vez de Loïc Wacquant no seu lúcido e valente ensaio As prisións da miseria. Na trastenda destes fenómenos está a operarse un proceso que, de proseguir, conduce á crise da xa referida "correspondencia necesária" entre base económica e superestruturas ideolóxica e política -que, por certo, ten como correlativo fenómeno crítico o percibido polo común como "divorcio" entre a "sociedade civil" e o aparello de poder político. Históricamente, se a correspondencia entre base e superestrutura acada o punto límite da creba, ábrese unha transición sistémica de longa duración, na que se "remudan", digámolo así, as tres instancias das formacións sociais, e non só o modo de produción stricto sensu. Na historia europea, a transición do feudalismo ao capitalismo propriamente dito durou cousa de tres séculos (do Renacemento ao "século das luces") -ou inda máis se, como fan os seguidores de Braudel, situarmos o comenzo xa nas florecentes cidades-estado italiáns do XIII-XIV. Mais, en troques, no Xapón durou apenas meio século, só que arrincou moito máis tarde, ben andado xa o s. XIX -como elucidara o grande Paul Baran, hoxe cáseque esquecido.
Eu non son tan ousado como pra diagnosticar que estamos mergullados nunha transición desa caste. Mais si que ouso considerar evidente que o modelo de Estado "democrático" deseñado pola ilustración europea do XVIII e nacido coas subseguintes revolucións liberal-burguesas, o modelo "correspondente" á consolidación e expansión do capitalismo, ese modelo, digo, está obsoleto, deturpado e en proceso de descomposición. De aí que o esteñan tamén a maioría dos reximes políticos instalados no edificio institucional dese mesmo modelo. E tamén concordo con Antoni Domènech cando fala de "re-feudalización" na instancia ideolóxica e boa parte das pezas da xurídico-polìtica -e portanto na sua acción sobre a conciencia social e modos de relación da cidadanía, reconvertida en súbdita, ou "suxeita" por elas. De xeito que as superestruturas das formacións sociais que integran o actual sistema-mundo tamén están en crise. Mais, e qué dicirmos das construídas após a IIª Guerra Mundial para o "goberno" da "comunidade internacional" e o mantemento da paz universal?. Acaso non están en crise a ONU e demáis institucións e orgaísmos correlativos?. Podería a crise sistémica derivar en caos, como está a suceder, se esas superestruturas globais non estivesen en crise tamén elas?
Mais abonda por hoxe. Xa vos decatades que isto ven ser como tirar cereixas dun cesto: saen encerelladas unhas nas outras -e compre parar, sob pena de indixestión.
III. Diagnose da crise (III)
Se é que non vos indixestáchedes coa enchenta de cereixas do outro día, daquela proseguirei. E fareino pasándomos a examinar, sequer sexa ás apalpadas, as diferentes dimensións da crise. E digo ás apalpadas non porque esteñamos cegos, senón por termos que facer como fan os médicos, ou cando menos facían outrora, facíanos don Felipe, o noso médico de cando eu neno, que nos pousaba os dedos da sua man esquerda no bandullo e marteláballes nos cotenos cos da sua man dereita, e a min fascinábame o enigma desa operación, cómo diaño podería averiguar asi o que pasaba nas miñas tripas, que nen que tivese nos dedos raios equis, que aínda o do fonendo resultábame comprensibel, malia que cando me deixaba facer a proba a min, por enredar, eu non ouvía nada por moito que apretase a orella no chirimbolo, mais iso de darme cotenadas no bandullo non, iso non tiña espricación, pero o caso é que logo, polo que se vía nas resultas, acertabame no diagnóstico. Xa me ensarillei. A ver se recobro o fío.
O aparello ideolóxico do sistema funciona coma un caleidoscopio: o poder métenolo diante dos ollos e fainos ver a realidade através dil. Aplicado á crise, dixéravos, o seu xogo de espellos cria unha fantasmagoría de ilusións ópticas na que semella haber unha diversidade de crises: inmobiliaria, financeira, alimentar, enerxética, climática, e así seguido. Mais non hai tal. Se no canto de enredarmos co caleidoscopio apalpámoslle o bandullo á crise, descobriremos que esa confusa diversidade morfolóxica non é outra cousa ca o repertorio sintomático dunha crise sistémica que se manifesta e proxecta nas diferentes dimensións da realidade. Se reducimos esas dimensións ás tres do espazo euclidián, resultarános a crise "unha e trina" á que xa vos fixera alusión. O ollo clínico da Susan George, a autora do xenial Informe Lugano, fixera un lacónico enunciado desa trinidade: o diñeiro, a desigualdade, o clima. Podería parecervos unha simplificación abusiva, mais non é tal: esa tríada de siñificantes designa a síntese das tres primordiais dimensións da crise sistémica, a saber, a económica, a social e a ecolóxica -que eu prefiro, cando menos neste contexto, denominar "ecosistémica". Vaiamos por partes, logo, para debullarmos esa natureza "trinitaria" -ou digamos tridimensional, se sodes agnósticos- desta crise sistémica.
Poñamos por caso a chamada "crise enerxética", que se adoita vencellar ao esgotamento dos recursos enerxéticos fósiles. Eses recursos cada vez máis escasos son en rigor un ben social, patrimonio do común -para empezar, do común dos povos, case todos da periferia do sistema, onde os recursos están localizados- mais son obxeto de apropriación e depredación por empresas que operan co criterio do lucro "individual" e en rexime mercantil de dereito privado -inda que sexan xigantescas coporacións transnacionais. O mesmo ocorre coa propriedade e o control da tecnoloxía que, teóricamente, permitiría racionalizar socialmente o aproveitamento enerxético: invírtese perversamente a potencial "utilidade" do avance tecnolóxico, adquírense "patentes" para inutilizadas, "conxélase" a aplicación de fórmulas enerxéticas alternativas. E outro tanto acontece, mutatis mutandis, cos recursos "renovábeis" -enerxías hidráulica e eólica, mesmo a solar e a xeotérmica.
En Galiza temos xa meio século de amarga experiéncia dunhas e outras. Primeiro cos encoros. Logo cos xacementos de lignito. Despois tamén cos parques eólicos. Inda están por calcular os custes económicos, sociais e ecolóxicos cos que apandou o povo galego, e primordialmente o campesiñado, por mor do sistemático e sistemáticamente abusivo "aproveitamento hidroelétrico integral dos rios galegos". E cos que segue a apandar -como a aberrante falcatruada de Iberdrola nos canóns do Sil, coa delictiva complicidade dos poderes políticos locais, provinciais e autonómico. Os beneficios, en troques, si que é doado calcular a sua magnitude -e identificar aos beneficiarios. Sabíano ben as xentes labregas que, xa nos anos sesenta, loitaran na defensa do val de Castrelo de Miño, e logo, nos setenta, nas Ecncrobas, con Moncho Valcarce, o cura de Sésamo. E sabíano igualmente as xentes galegas do común que proclamaban nas mobilizacións que "esta Terra é nosa e non de Fenosa" -agora xa nen Fenosa é desta terra, senón do Gas Natural.
Eis as contradicións que determinan de raíz a caótica irracionalidade do actual sistema enerxético. Na instancia económica, o resultado directo é unha "crise enerxética" que ven ser irreversíbel dentro das coordenadas do actual sistema-mundo. Pero, alén desa dimensión, proxéctase asimesmo como un dos vectores causais máis determinantes das crises "ecolóxica" e "climática" -ou millor dito, das dimensións ecolóxica e climática da actual crise sistémica.
No entanto, para comprendermos a etioloxía da crise nesta sua dimensión económica, convén coñecer a lóxica do capital nas suas diferentes formas e as fontes da sua valorización e acumulación. Mais isto tentareino debullar convosco un algo outro dia: por hoxe abonda, digo eu.
IV. Diagnose da crise (IV)
Fora un poeta, e non un economista, quen escribira aquilo tan certo de que "solo el necio confunde valor con precio". Tan certo como que, por paradóxico que pareza, de necios está cheo o olimpo dos economistas ortodoxos, e máis as institucións políticas nas que aniñan os xestores que aplican ao pé da letra as receitas dictadas polos primeiros -de necios que incurren nesa necia confusión, claro é. Porque "valor" e "prezo" non só son fenómenos económicos totalmente diferentes, senón que funcionan como categorías antitéticas -e a transformación do un no outro supón un complexo proceso de mutación cualitativa e constitue un problema teórico ainda non cabalmente resolto.
O enguedello comenza co xogo dual das formas de valor que revisten os bens económicos. Por unha banda o seu "valor de uso", ou sexa, pra entendérmonos, a aptitude específica que ten cada un para unha determinada función económica -ao cabo, para satisfacer unha determinada necesidade: o centeo serve para alimentarse, a fouce pra seiturar o centeo, mais nen podes matar a fame cunha fouce nen podes facer a seitura cunha palla de centeo. Por outra banda o seu "valor de cámbio", ou sexa, pra intercambialo por outro en determinada proporción, e así resolver a sua ineptitude para un uso distinto de aquil para o que serve: ti tes centeo, pero precisas unha fouce, vas onda o ferreiro e trócaslle unha medida de centeo por unha fouce nova do trinque. Eis a troca. Ora, cando os intercámbeos tenden a xeneralizarse, fanse meiante o diñeiro: os bens circulan no "mercado", funcionan como "mercadurías", e a cantidade de diñeiro que expresa o equivalente do valor de cámbio de cada ben económico constitue o seu "prezo". Mais o diñeiro-prezo é só o equivalente dese valor de cámbio -non é o valor de cambio mesmo. E detrás do equivalente monetario está o equivalente real -o da proporción na que se intercambian cantidades distintas de dous produtos diferentes, coma na troca: "equis" varas de lenzo inglés por "zeta" mollos de viño portugués, no célebre exemplo de David Ricardo pra espricar os "prezos comparativos" no comercio inernacional -que por certo, se vivise e escribise un par de séculos antes, poñería o viño galego no seu exemplo, no canto do portugués, mais iste é outro lério.
Pero do que non é equivalente o prezo é do valor de uso: son antitéticos, porque o son as duas formas do valor dos bens, o de uso e o de cámbio. Cando eu era máis novo, adoitaba facerlles unha brincadeira irónica aos amigos que viñan pola nosa casa -agora xa perdín o humor. Se algún comentaba a beleza dun lenzo dun pintor amigo, poñamos por caso de Xosé Luis de Dios, eu ría e dicíalle: "Non se che ocorra dicir, e menos perguntarme, cánto pode "valer", porque non volves entrar nesta casa". O amigo ou amiga así interpelad@ ficaba estupefacto, lóxicamente: "E logo?" -marmuraba. "Pois éche moi sinxelo" -retrucáballe eu. "Se me dis que pode valer un millón -de pesetas, claro- estás a referirte aos cartos que me darían se o vendo. E se o vendo non poderei contemplalo e disfroitar desa beleza -nen ti tampouco cando volvas vir eiqui. Pero iso, podermos disfroitar desa beleza, é o valor dese lenzo. O outro pasa pola privación dese valor, ou sexa, pola sua perda, pola aniquilación do seu valor: os cartos son a sua antítese. E eu teño esas pinturas pola sua beleza e o pracer de contemplalas, ise é o seu valor, non os cartos que me dean por non podelas disfroitar. Os cadros de Van Gogh valían o mesmo cando il os pintaba e non daba vendido un só que cando agora se pagan cifras astronómicas por un diles, estamos?". Ben sei: o meu era un xogo capcioso. Mais diso se trataba: mostrar o disfraz capcioso que oculta a relación antitética entre valor de uso e de cámbio -o que tódolos días nos oculta ese ilusionista perverso chamado mercado.
Mais, agora que o penso, andaredes a perguntarvos: "e qué raio ten que ver isto todo coa crise?". Tedes razón: metinme por unha congostra que vai de revolta en revolta, entre toxeiras, e non se mira a onde leva. Mais si que leva á custión da crise. Inda máis: leva ao cerne da crise na dimensión económica -só que por camiño de carro, e non por autoestrada: por eses longos e enfestos arrodeos que son os arrodeos da razón. Non sei se inda quereredes acompañarme. Mais, se acaso si, pillarei logo un atallo.
A lóxica do capital é "realizar" un beneficio, e iso faino en diñeiro na esfera da circulación -no mercado. Mais só operando na da produción pode "valorizarse", pode detraer directamente o incremento de valor que logo transforma en beneficio ao vender o produto. Se só opera na circulación poderá obter beneficio a custe de que outros capitais perdan, mais non por "realizar", converter en diñeiro, un incremento de valor que só se xera na produción -agás que se aproprie do xerado en procesos produtivos non-capitalistas, como as esplotacións leiteiras labregas galegas, por caso, ou, por suposto, tódalas formacións precapitalistas da periféria do sistema espoliadas meiante a "troca desigual" analisada no seu dia polos Arghiri Emmanuel, Samir Amin e demáis.
De xeito que -simplificándomos- o sistema só funciona con "normalidade" se os beneficios que se fan na circulación das mercadurías -produtos- "realizan" máis-valor -plusvalía- xerado na produción. Alén das oscilacións dos prezos por desaxustes "normais" na mecánica dos mercados, a diverxencia entre xeración e realización do valor enxendra procesos de crise estrutural, porque responde a unha creba na lóxica cardinal do sistema. Ora, nos mercados financeiros, nos que opera o capital bancario -capital-diñeiro- é o diñeiro mesmo o que funciona como mercaduría, no canto de como simples equivalente do valor delas. Aí a lóxica do beneficio é "comprar" diñeiro con diñeiro pra "vendelo" por máis diñeiro: a sua disociación verbo do valor xerado na produción, na economía "real", acada aí o límite. Así que, cando a forma hexemónica do capital pasa a ser a do "capital-diñeiro", ou "bancario", tende a impór a sua lóxica específica sobor da do "capital-produtivo", ou "industrial", e "roubarlle" o máis-valor que iste, á sua vez, lle chuchara á forza de traballo no proceso produtivo. Lémbrome dos laios do empresariado industrial galego nunha comisión parlamentar especial de hai dous decenios, cando os tipos de interés estaban disparados a níveis proibitivos: queixábanse de que a banca se apropiaba dos beneficios que iles facían co seu "traballo" empresarial.
Se ademáis hai sobre-produción e sobre-acumulación, de xeito que reinvestir os capitais acumulados en actividades produtivas deixa de ser rendíbel, os capitais desprázanse a operar nos mercados financeiros: dedícanse á especulación. A crise está servida: aí xurde o fenómeno chamado "finanzarización" do sistema e abrollan as famosas "burbullas financeiras". Mais diso non teño espazo pra falarvos hoxe. Como no conto da boa pipa: queredes que volo conte o vindeiro domingo, ou estades fartos xa?
Algúns amigos suxeríronme que transvasase a este meu espazo no GH a prédica que botei días pasados na sesión de clausura da XXVII edición da Semana de Filosofía de Pontevedra, ese miragre de acontecemento cultural que levan todo ese tempo -máis dun cuarto de século xa- a orgaizar anualmente ese fato de exemplares activistas inteleituais, ou activos inteleituais exemplarmente comprometidos, que integran a Aula Castelao de Filosofia. Dubidei, e mesmo de primeiras recuseime facerlles caso. Para empezar, por preguiza: non tiña escrita esa prédica, só un guión. Logo, e sobre todo, por razóns de método: esta miña sección non é unha cátedra de "universidade a distancia" onde desenvolver unha temática de ciencias sociais de xeito sistemático e rigoroso cara un alumnado obrigado a debullar nocións formuladas na correspondente metalinguaxe científica -mais, porén, ise fora o enfoque que lle eu dera á miña intervención na Semana de Filosofía, por congruencia coa sua índole e respeito aos orgaizadores e participantes. Finalmente porque, a esta altura da miña andaina, padezo a desacougante impresión de que o que fago, digo ou escribo públicamente só val pra que conste que o fixen, escribin ou dixen, e non para contribuir a mudar o escandalosamente aberrante estado de cousas no sistema social que nos cadrou padecer -mais, porén, isto último é o único que me interesaría, a única arela que me resta, a fame do imposíbel que aínda me devora: poisque o meu narcisismo esmorece a cada pouco conforme me volvo máis vello. Daquela, fronte á consciencia desa miña impotencia perante o drama que estamos a vivir, o único desafogo que me alivia un chisco non é dar leicións, senón botar petardos tan sequer verbais. Velaí.
Inda así, o impenitente rabudo que se acobilla no meu ser reviróuseme e obrigoume a facer caso das suxerencias amigas e asumir o risco que conlevan. Vou, xa que logo, tentar debullar convosco a mazaroca da crise. Fatalmente, algunhas das cousas que vos conte ou diga hanvos soar a repetidas. Algunhas outras resultaránvos aborrecedoras. E nen sequer sei cántas entregas vai durar isto. Mais, desque aborrezades, mandaime parar, e obedecerei no intre: non é o comandante, senón o povo, "quen máis ordena" -como cantara o Zeca Afonso e eu sigo a acreditar.
*****
I. Diagnose da crise (I)
Na procura dunha diagnose, comecemos pola índole ou natureza da crise. Que non é a que parece, non consiste nos síntomas nos que se manifesta -como non consiste na calentura a índole dunha pulmonía- senón na doenza do corpo social que xenera eses síntomas -tais coma o estoupido da burbulla financeira ou da inmobiliaria, ou a proliferación do desemprego. Nen tampouco comezou a crise cando eclosionaron eses síntomas: pola contra, viña de ben atrás. Non comezou no 2008, cando "súpetamente" rebentaron os grandes xigantes financeiros no mercado bursátil de Wall Street -é dicir, cando infartou o corazón financeiro do imperio e colapsou o fluxo arterial todo do sistema. Nen sequer tampouco cando dos seus precedentes infartos abdominais, digámolo así: os estoupidos de "burbullas financeiras" -en termos de Brenner- en áreas máis periféricas, como a crise mexicana de comenzos dos noventa, recén estreada a flamante área de libre comercio co Canadá e os USA, ou a dos "dragóns" asiáticos pouco despois. Non. A crise de "longa duración" comezou cara 1973, cando se colapsou o proceso de expansión constantemente acelerada dos tres decenios precedentes, acadou o climax a progresiva exacerbación das "rivalidades inter-estatais" da economía da metrópole imperial ianqui coas das submetrópoles europeu-oucidental e xaponesa, e os mercados de euro-dólares e petro-dólares fixeron estoupar o sistema monetario internacional (SMI) construído en Bretton Woods (1945) co dólar como patrón divisa-ouro, e Nixon suprimiu (1972), pola sua realísima conta, a convertibilidade do dólar en ouro, porque as reservas de Fort Nox non daban para atender as obrigas inerentes ao rol atribuído polo SMI a esa divisa como patrón convertíbel. Estralou así unha crise "de sobre-acumulación" -ou sexa, de acumulación de capital excesiva a respeito das oportunidades de investimento e rendibilidade do capital adicional acumulado en novas actividades produtivas no sistema-mundo, ou sistema capitalista mundializado. E dende aquela ese sistema está en crise. Con fases diferentes e traxectoria ondulante en intermitentes alzas e baixas relativas -pero en crise constante até hoxe mesmo. Arrighi diría que 1973 marca a "crise-sinal" e 1978 a "crise-terminal" deste período crítico do sistema e máis do declive da hexemonía ianqui dentro dil -pero disto falareivos máis logo.
O caso é que, portanto, non se trata dunha crise "conxuntural" -ou sexa, dun punto de inflexión no ciclo curto da economía, dun desaxuste conxuntural entre o producido e o vendido, entre a oferta e a demanda globais, entre o "produto nacional" e o "gasto nacional". Non. Trátase, pola contra, dunha crise estrutural: son as estruturas cardinais do sistema-mundo as que entraron en crise cara 1973 e levan en crise dende aquela até hoxe -cun gradual e constante proceso de deterioro e metamorfose perversa. Adiántovos unha mostra: que os fluxos de capital en forma de diñeiro se desprazasen crecentemente dende as operacións produtivas na economìa real cara as operacións especulativas na economía monetaria, nos "mercados financeiros" -o que se deu en chamar a "finanzarización", e que á sua vez agravou cada vez máis o proceso crítico nas trabes mestras do sistema.
Tampouco se trata só da crise dun modelo de xestión da economía capitalista, dun modelo de "política económica": do modelo neo-liberal -eu prefiro chamalo ultra-liberal- entronizado polos "think-tanks" de Hayek, Milton Friedman e os seus "Chicago-boys", inventores da "doutrina do shock" e demiurgos do "capitalismo do desastre" -nas certeiras denominacións carimbadas por Naomi Klein. Certamente que ese modelo non só entrou en crise, senón que fracasou. É máis: ese modelo ven ser, en grande medida, o responsábel de que a crise encetada nos anos setenta, lonxe de ser resolta, desembocase no desastre que a humanidade leva tres decenios a padecer e que se agrava máis a cada pouco -desastre económico, social, cultural e ecolóxico. Pero o que está en crise é o proprio sistema-mundo capitalista ao que se lle aplicou ese modelo neo-liberal de xestión político-económica. Quero dicir que tampouco o modelo keynesián desterrado no seu día polos neo-liberais resolvería hoxe o problema estrutural que padece o sistema-mundo -nen sequer lograría por si só "reflotar" a economía do seu centro, das metrópoles do "norte", como recoñecen neo-keynesiáns tan acreditados como o Nobel Paul Krugman, por caso.
Podemos, xa que logo, chantar uns primeiros poios no noso roteiro cara unha diagnose global. Un: esta crise non é conxuntural, senón estrutural. Dous: a crise financeira non é máis ca unha manifestación desa profunda crise estrutural. Tres: a crise non comezou hai dous anos, co rebentón de Wall Street, senón hai sete lustros, a comenzos dos setenta. Catro: non está en crise só un modelo de xestión do sistema, senón o proprio sistema-mundo -en expresión de Wallerstein, Arrighi e os demáis que seguiron os pasos do grande Fernand Braudel, o definidor e analista da longue durée no proceso histórico de xestación, expansión e mundialización do capitalismo dende o albor da idade moderna: da sua conversión no modern world economic system, no sistema-mundo dentro do ciclo da modernidade. Estamos mergullados, portanto, nunha crise sistémica que atinxe á totalidade da estrutura global e a cada unha das suas instancias ou esferas: eis o que compre analisar para acadarmos unha diagnose certeira e completa.
II. Diagnose da crise (II)
Concluía o día pasado dicíndovos que estamos mergullados nunha crise sistémica que atinxe á totalidade da estrutura global e a cada unha das suas instancias ou esferas. Despréndese desta aseveración, se concordamos con ela, que a crise maniféstase e opera nos diferentes níveis estruturais do actual sistema-mundo -ou sexa, non só na base económica do sistema: non é só unha crise económica. Compre engadirmos agora que nen sequer se cinxe ao espazo socio-humano abranguido polo sistema mundializado, senón que sobarda os seus lindes e incide na sua contorna "natural": nos ecosistemas que artellan a biosfera do planeta Terra. A crise, xa que logo, reviste ou proxéctase asemade en varias diferentes dimensións. Resulta así unha desconcertante fasquía polimorfa e mutante da crise, como a das imaxes proxectadas polos espellos nun caleidoscopio, que dá a impresión de se tratar dunha serie de crises diferentes e mesmo inconexas -cando en rigor son, insisto, só diferentes níveis nos que opera e dimensións nas que se proxecta unha soa e mesma crise sistémica: a "crise unha e trina" á que irónicamente me teño referido xa nalgunha ocasión, parodiando o enigma teolóxico da trinidade. Mais cómpreme pasar do sarcasmo á necesaria espricación deses fenómenos.
A empezar polo lerio dos niveis estruturais. Vexámolo. O actual sistema-mundo constitue un conglomerado de formacións sociais artellado polo modo de produción capitalista, que ocupa nel unha posición e un rol dominantes. É neste senso no que se pode denominar capitalista ao sistema no seu conxunto, inda que en boa parte do seu espazo e das formacións sociais que o integran esteñan vixentes modos de produción non-capitalistas ou pre-capitalistas -primordialmente na periferia do sistema, mais non só: dende formas de comunismo primitivo en povos indíxenas, sociedades campesiñas con economías de susbsistencia, autoconsumo, troco ou produción simples de mercadurías, até formas socialistas ou de transición, con propiedade colectiva, cooperativa ou mesmo estatal dos medios de produción, e así seguido. En todo caso, para o que nos ocupa, o fenómeno determinante é o rol dominante do modo de produción capitalista, que impón o seu modelo de acumulación e de desenvolvemento a tódolos demáis existentes e ao conxunto de formacións sociais que integran o sistema-mundo. Eis por qué a crise do capitalismo se propaga, con diversas formas e degraos de incidencia, por práticamente tódolos recantos do sistema.
Ora, cada formación social -e portanto o proprio sistema- está estruturada en tres instancias ou níveis cardinais: a económica, a ideolóxica e a xurídico-política. A primeira constitue a "base real" da sociedade; as outras duas son as suas superestruturas. O artellamento das tres require que, entre elas, exista unha necesaria "correspondencia" -é dicir, unha indispensábel congruencia ou compatibilidade entre as suas respeitivas índoles: así, unhas formas feudais de aparellaxe ideolóxica e política son congruentes con relacións de servidume no modo de produción, pero incompatíbeis coas de traballo asalariado proprias do capitalismo, que require forza de traballo "libre" nun "mercado laboral". E outro tanto debe acontecer dentro da base económica, entre a forma e nível de orgaización das forzas produtivas -recursos, forza de traballo e medios de produción- e a das relacións de produción e distribución dos produtos, ou tamén entre a esfera da produción e a da circulación: así, o escravismo nas relacións de produción é incompatíbel co "industrialismo" ou "civilización industrial" na orgaización das forzas produtivas -e por iso, primordialmente, estralou a guerra de secesión nordeamericana, que non o foi por establecer unha igualdade racial que os negros aínda tardarían cen anos en conquerir, malia que os "federais" do norde industrial se abandeirasen coa ideoloxía "abolicionista" como coartada para facérenlles a guerra aos "confederais" do sul escravista. Mais disimulade por este impremeditado excurso peripatético.
Voltándomos ao rego, o caso é que a crise actual enxéndrase e estoura na instancia económica ou "base real" das formacións sociais do centro do sistema, pero, ademáis de esparexerse por todo il, implica e atinxe tamén ás duas instancias superestruturais, tanto a xurídico-polìtica -marco legal e aparello de estado- canto a ideolóxica -como o ideoloxema neo-ultra-liberal e o famoso "pensamento único", cos seus coñecidos mecanismos estupefacientes e de coerción ideolóxica. Instancias que, compre sinalalo, resultan implicadas tanto no impacto e "xestión" da crise dende que estoupa coma tamén xa na sua xénese e "deflagración" . Relembremos por caso, tocantes á instancia ideolóxica, a teimuda e sórdida angueira dos think tanks reaccionários da escola de Hayek e M.Friedman -os "evanxelistas do mercado", en certeira metáfora sarcástica de Keith Dixon- e dos ideólogos da xenocida "doutrina do shock" imperial. E, no que fai á instancia política, a fabricación do "pinochetazo" polo tandem Nixon-Kissinger, a supresión unilateral da convertibilidade do dólar, a imposición de tiránicos reximes militares ou de "transicións á española" -por só darmos mostras dos anos setenta.
Pero non se non trata só da implicación das instancias superestruturais no proceso crítico. O máis relevante é que ese proceso de crise desencadeado na base económica, ao cabo, pon en crise tamén ás superestruturas ideolóxica e política. Non outra cousa é o fracaso e o descrédito do modelo neo-liberal. Tampouco outra cousa é a grave crise de lexitimidade e representatividade "democrática" na que se achan as institucións do chamado "Estado de dereito", ou a demolición do Welfare-state e sustitución do "Estado providencia" polo "Estado penitencia" -en sarcasmo esta vez de Loïc Wacquant no seu lúcido e valente ensaio As prisións da miseria. Na trastenda destes fenómenos está a operarse un proceso que, de proseguir, conduce á crise da xa referida "correspondencia necesária" entre base económica e superestruturas ideolóxica e política -que, por certo, ten como correlativo fenómeno crítico o percibido polo común como "divorcio" entre a "sociedade civil" e o aparello de poder político. Históricamente, se a correspondencia entre base e superestrutura acada o punto límite da creba, ábrese unha transición sistémica de longa duración, na que se "remudan", digámolo así, as tres instancias das formacións sociais, e non só o modo de produción stricto sensu. Na historia europea, a transición do feudalismo ao capitalismo propriamente dito durou cousa de tres séculos (do Renacemento ao "século das luces") -ou inda máis se, como fan os seguidores de Braudel, situarmos o comenzo xa nas florecentes cidades-estado italiáns do XIII-XIV. Mais, en troques, no Xapón durou apenas meio século, só que arrincou moito máis tarde, ben andado xa o s. XIX -como elucidara o grande Paul Baran, hoxe cáseque esquecido.
Eu non son tan ousado como pra diagnosticar que estamos mergullados nunha transición desa caste. Mais si que ouso considerar evidente que o modelo de Estado "democrático" deseñado pola ilustración europea do XVIII e nacido coas subseguintes revolucións liberal-burguesas, o modelo "correspondente" á consolidación e expansión do capitalismo, ese modelo, digo, está obsoleto, deturpado e en proceso de descomposición. De aí que o esteñan tamén a maioría dos reximes políticos instalados no edificio institucional dese mesmo modelo. E tamén concordo con Antoni Domènech cando fala de "re-feudalización" na instancia ideolóxica e boa parte das pezas da xurídico-polìtica -e portanto na sua acción sobre a conciencia social e modos de relación da cidadanía, reconvertida en súbdita, ou "suxeita" por elas. De xeito que as superestruturas das formacións sociais que integran o actual sistema-mundo tamén están en crise. Mais, e qué dicirmos das construídas após a IIª Guerra Mundial para o "goberno" da "comunidade internacional" e o mantemento da paz universal?. Acaso non están en crise a ONU e demáis institucións e orgaísmos correlativos?. Podería a crise sistémica derivar en caos, como está a suceder, se esas superestruturas globais non estivesen en crise tamén elas?
Mais abonda por hoxe. Xa vos decatades que isto ven ser como tirar cereixas dun cesto: saen encerelladas unhas nas outras -e compre parar, sob pena de indixestión.
III. Diagnose da crise (III)
Se é que non vos indixestáchedes coa enchenta de cereixas do outro día, daquela proseguirei. E fareino pasándomos a examinar, sequer sexa ás apalpadas, as diferentes dimensións da crise. E digo ás apalpadas non porque esteñamos cegos, senón por termos que facer como fan os médicos, ou cando menos facían outrora, facíanos don Felipe, o noso médico de cando eu neno, que nos pousaba os dedos da sua man esquerda no bandullo e marteláballes nos cotenos cos da sua man dereita, e a min fascinábame o enigma desa operación, cómo diaño podería averiguar asi o que pasaba nas miñas tripas, que nen que tivese nos dedos raios equis, que aínda o do fonendo resultábame comprensibel, malia que cando me deixaba facer a proba a min, por enredar, eu non ouvía nada por moito que apretase a orella no chirimbolo, mais iso de darme cotenadas no bandullo non, iso non tiña espricación, pero o caso é que logo, polo que se vía nas resultas, acertabame no diagnóstico. Xa me ensarillei. A ver se recobro o fío.
O aparello ideolóxico do sistema funciona coma un caleidoscopio: o poder métenolo diante dos ollos e fainos ver a realidade através dil. Aplicado á crise, dixéravos, o seu xogo de espellos cria unha fantasmagoría de ilusións ópticas na que semella haber unha diversidade de crises: inmobiliaria, financeira, alimentar, enerxética, climática, e así seguido. Mais non hai tal. Se no canto de enredarmos co caleidoscopio apalpámoslle o bandullo á crise, descobriremos que esa confusa diversidade morfolóxica non é outra cousa ca o repertorio sintomático dunha crise sistémica que se manifesta e proxecta nas diferentes dimensións da realidade. Se reducimos esas dimensións ás tres do espazo euclidián, resultarános a crise "unha e trina" á que xa vos fixera alusión. O ollo clínico da Susan George, a autora do xenial Informe Lugano, fixera un lacónico enunciado desa trinidade: o diñeiro, a desigualdade, o clima. Podería parecervos unha simplificación abusiva, mais non é tal: esa tríada de siñificantes designa a síntese das tres primordiais dimensións da crise sistémica, a saber, a económica, a social e a ecolóxica -que eu prefiro, cando menos neste contexto, denominar "ecosistémica". Vaiamos por partes, logo, para debullarmos esa natureza "trinitaria" -ou digamos tridimensional, se sodes agnósticos- desta crise sistémica.
*****
A dimensión económica, primeiro -é dicir, na estrutura da base económica da sociedade. Pra empezar, na fase actual da mundialización capitalista -a da globalización ultra-liberal- exacérbase a contradición entre, por unha banda, as relacións técnicas de produción -os níveis de desenvolvemento tecnolóxico e de "socialización" das forzas produtivas- e, pola outra, as relacións sociais de produción e a sua forma xurídica -forza de traballo asalariada e excluída da propriedade (privada) dos medios de produción e das decisións sobre o seu uso. O primeiro fenómeno, no nível das forzas produtivas, requiriría a aplicación dunha lóxica e uns criterios sociais no aproveitamento dos recursos, no uso da teconoloxía e nas relacións laborais, mais o segundo impón a lóxica (depredadora) do capital e os criterios (mercantilistas) do lucro "individual". Unha mostra límite de mercantilización aberrante éo a dos bens definidos literal e semánticamente como "públicos" e como "sociais", cuxa "privatización" para convirtilos en mercadurías obxeto de compra-venda lucrativa constitue unha auténtica "contradictio in terminis": ensino, sanidade, cultura, seguridade e servizos sociais de toda caste. E unha mostra límite de apropriación e mercantilización "contra natura" de recursos naturais éo a da auga: nos meus tempos de estudante, os manuais académicos de economía, para ilustrar a definición dos "bens económicos" e contrapoñelos aos que non o eran, puñan mesmamente a auga como exemplo de "bens libres", ou sexa non económicos pola sua propria natureza -vivir para ver. Mais a exacerbación da dinámica contraditoria entre as relacións de produción capitalistas e o carácter das forzas produtivas no actual sistema-mundo compróbase tamén a respeito dos recursos normalmente definidos como económicos.Poñamos por caso a chamada "crise enerxética", que se adoita vencellar ao esgotamento dos recursos enerxéticos fósiles. Eses recursos cada vez máis escasos son en rigor un ben social, patrimonio do común -para empezar, do común dos povos, case todos da periferia do sistema, onde os recursos están localizados- mais son obxeto de apropriación e depredación por empresas que operan co criterio do lucro "individual" e en rexime mercantil de dereito privado -inda que sexan xigantescas coporacións transnacionais. O mesmo ocorre coa propriedade e o control da tecnoloxía que, teóricamente, permitiría racionalizar socialmente o aproveitamento enerxético: invírtese perversamente a potencial "utilidade" do avance tecnolóxico, adquírense "patentes" para inutilizadas, "conxélase" a aplicación de fórmulas enerxéticas alternativas. E outro tanto acontece, mutatis mutandis, cos recursos "renovábeis" -enerxías hidráulica e eólica, mesmo a solar e a xeotérmica.
En Galiza temos xa meio século de amarga experiéncia dunhas e outras. Primeiro cos encoros. Logo cos xacementos de lignito. Despois tamén cos parques eólicos. Inda están por calcular os custes económicos, sociais e ecolóxicos cos que apandou o povo galego, e primordialmente o campesiñado, por mor do sistemático e sistemáticamente abusivo "aproveitamento hidroelétrico integral dos rios galegos". E cos que segue a apandar -como a aberrante falcatruada de Iberdrola nos canóns do Sil, coa delictiva complicidade dos poderes políticos locais, provinciais e autonómico. Os beneficios, en troques, si que é doado calcular a sua magnitude -e identificar aos beneficiarios. Sabíano ben as xentes labregas que, xa nos anos sesenta, loitaran na defensa do val de Castrelo de Miño, e logo, nos setenta, nas Ecncrobas, con Moncho Valcarce, o cura de Sésamo. E sabíano igualmente as xentes galegas do común que proclamaban nas mobilizacións que "esta Terra é nosa e non de Fenosa" -agora xa nen Fenosa é desta terra, senón do Gas Natural.
Eis as contradicións que determinan de raíz a caótica irracionalidade do actual sistema enerxético. Na instancia económica, o resultado directo é unha "crise enerxética" que ven ser irreversíbel dentro das coordenadas do actual sistema-mundo. Pero, alén desa dimensión, proxéctase asimesmo como un dos vectores causais máis determinantes das crises "ecolóxica" e "climática" -ou millor dito, das dimensións ecolóxica e climática da actual crise sistémica.
No entanto, para comprendermos a etioloxía da crise nesta sua dimensión económica, convén coñecer a lóxica do capital nas suas diferentes formas e as fontes da sua valorización e acumulación. Mais isto tentareino debullar convosco un algo outro dia: por hoxe abonda, digo eu.
IV. Diagnose da crise (IV)
Fora un poeta, e non un economista, quen escribira aquilo tan certo de que "solo el necio confunde valor con precio". Tan certo como que, por paradóxico que pareza, de necios está cheo o olimpo dos economistas ortodoxos, e máis as institucións políticas nas que aniñan os xestores que aplican ao pé da letra as receitas dictadas polos primeiros -de necios que incurren nesa necia confusión, claro é. Porque "valor" e "prezo" non só son fenómenos económicos totalmente diferentes, senón que funcionan como categorías antitéticas -e a transformación do un no outro supón un complexo proceso de mutación cualitativa e constitue un problema teórico ainda non cabalmente resolto.
O enguedello comenza co xogo dual das formas de valor que revisten os bens económicos. Por unha banda o seu "valor de uso", ou sexa, pra entendérmonos, a aptitude específica que ten cada un para unha determinada función económica -ao cabo, para satisfacer unha determinada necesidade: o centeo serve para alimentarse, a fouce pra seiturar o centeo, mais nen podes matar a fame cunha fouce nen podes facer a seitura cunha palla de centeo. Por outra banda o seu "valor de cámbio", ou sexa, pra intercambialo por outro en determinada proporción, e así resolver a sua ineptitude para un uso distinto de aquil para o que serve: ti tes centeo, pero precisas unha fouce, vas onda o ferreiro e trócaslle unha medida de centeo por unha fouce nova do trinque. Eis a troca. Ora, cando os intercámbeos tenden a xeneralizarse, fanse meiante o diñeiro: os bens circulan no "mercado", funcionan como "mercadurías", e a cantidade de diñeiro que expresa o equivalente do valor de cámbio de cada ben económico constitue o seu "prezo". Mais o diñeiro-prezo é só o equivalente dese valor de cámbio -non é o valor de cambio mesmo. E detrás do equivalente monetario está o equivalente real -o da proporción na que se intercambian cantidades distintas de dous produtos diferentes, coma na troca: "equis" varas de lenzo inglés por "zeta" mollos de viño portugués, no célebre exemplo de David Ricardo pra espricar os "prezos comparativos" no comercio inernacional -que por certo, se vivise e escribise un par de séculos antes, poñería o viño galego no seu exemplo, no canto do portugués, mais iste é outro lério.
Pero do que non é equivalente o prezo é do valor de uso: son antitéticos, porque o son as duas formas do valor dos bens, o de uso e o de cámbio. Cando eu era máis novo, adoitaba facerlles unha brincadeira irónica aos amigos que viñan pola nosa casa -agora xa perdín o humor. Se algún comentaba a beleza dun lenzo dun pintor amigo, poñamos por caso de Xosé Luis de Dios, eu ría e dicíalle: "Non se che ocorra dicir, e menos perguntarme, cánto pode "valer", porque non volves entrar nesta casa". O amigo ou amiga así interpelad@ ficaba estupefacto, lóxicamente: "E logo?" -marmuraba. "Pois éche moi sinxelo" -retrucáballe eu. "Se me dis que pode valer un millón -de pesetas, claro- estás a referirte aos cartos que me darían se o vendo. E se o vendo non poderei contemplalo e disfroitar desa beleza -nen ti tampouco cando volvas vir eiqui. Pero iso, podermos disfroitar desa beleza, é o valor dese lenzo. O outro pasa pola privación dese valor, ou sexa, pola sua perda, pola aniquilación do seu valor: os cartos son a sua antítese. E eu teño esas pinturas pola sua beleza e o pracer de contemplalas, ise é o seu valor, non os cartos que me dean por non podelas disfroitar. Os cadros de Van Gogh valían o mesmo cando il os pintaba e non daba vendido un só que cando agora se pagan cifras astronómicas por un diles, estamos?". Ben sei: o meu era un xogo capcioso. Mais diso se trataba: mostrar o disfraz capcioso que oculta a relación antitética entre valor de uso e de cámbio -o que tódolos días nos oculta ese ilusionista perverso chamado mercado.
Mais, agora que o penso, andaredes a perguntarvos: "e qué raio ten que ver isto todo coa crise?". Tedes razón: metinme por unha congostra que vai de revolta en revolta, entre toxeiras, e non se mira a onde leva. Mais si que leva á custión da crise. Inda máis: leva ao cerne da crise na dimensión económica -só que por camiño de carro, e non por autoestrada: por eses longos e enfestos arrodeos que son os arrodeos da razón. Non sei se inda quereredes acompañarme. Mais, se acaso si, pillarei logo un atallo.
*****
Nos procesos económicos capitalistas a xeración do valor acontece na esfera da produción -nos procesos produtivos- mais a sua realización ten lugar na esfera da circulación -nos "mercados". E tamén nos procesos produtivos se opera a metamorfose do valor de uso en valor (de cámbio) dos bens empregados para obter os "produtos". O capital que opera na esfera da circulación ten a forma de capital-diñeiro: é o capital denominado "bancario". O que o fai na da produción tena de capital-produtivo: é o capital denominado "industrial". A lóxica no proceso de circulación é empregar diñeiro pra adequirir unha mercaduría e vendela logo por unha suma de diñeiro meirande: facer así un "beneficio". A lóxica no proceso de produción é aplicar nil uns bens -medios de produción e forza de traballo- que teñen aptitude para seren transformados nun produto que teña máis valor ca o dos bens empregados nese proceso: eis a xeración do valor. Mais non é o capital quen pode xeralo: só a forza de traballo ten a aptitude para ser fonte desa xeración de valor, meiante o xogo entre o seu valor de uso -utilizala durante un tempo de traballo- e o seu valor de cambio: o salario -mais non vou tentar espricarvos isto eiqui.A lóxica do capital é "realizar" un beneficio, e iso faino en diñeiro na esfera da circulación -no mercado. Mais só operando na da produción pode "valorizarse", pode detraer directamente o incremento de valor que logo transforma en beneficio ao vender o produto. Se só opera na circulación poderá obter beneficio a custe de que outros capitais perdan, mais non por "realizar", converter en diñeiro, un incremento de valor que só se xera na produción -agás que se aproprie do xerado en procesos produtivos non-capitalistas, como as esplotacións leiteiras labregas galegas, por caso, ou, por suposto, tódalas formacións precapitalistas da periféria do sistema espoliadas meiante a "troca desigual" analisada no seu dia polos Arghiri Emmanuel, Samir Amin e demáis.
De xeito que -simplificándomos- o sistema só funciona con "normalidade" se os beneficios que se fan na circulación das mercadurías -produtos- "realizan" máis-valor -plusvalía- xerado na produción. Alén das oscilacións dos prezos por desaxustes "normais" na mecánica dos mercados, a diverxencia entre xeración e realización do valor enxendra procesos de crise estrutural, porque responde a unha creba na lóxica cardinal do sistema. Ora, nos mercados financeiros, nos que opera o capital bancario -capital-diñeiro- é o diñeiro mesmo o que funciona como mercaduría, no canto de como simples equivalente do valor delas. Aí a lóxica do beneficio é "comprar" diñeiro con diñeiro pra "vendelo" por máis diñeiro: a sua disociación verbo do valor xerado na produción, na economía "real", acada aí o límite. Así que, cando a forma hexemónica do capital pasa a ser a do "capital-diñeiro", ou "bancario", tende a impór a sua lóxica específica sobor da do "capital-produtivo", ou "industrial", e "roubarlle" o máis-valor que iste, á sua vez, lle chuchara á forza de traballo no proceso produtivo. Lémbrome dos laios do empresariado industrial galego nunha comisión parlamentar especial de hai dous decenios, cando os tipos de interés estaban disparados a níveis proibitivos: queixábanse de que a banca se apropiaba dos beneficios que iles facían co seu "traballo" empresarial.
Se ademáis hai sobre-produción e sobre-acumulación, de xeito que reinvestir os capitais acumulados en actividades produtivas deixa de ser rendíbel, os capitais desprázanse a operar nos mercados financeiros: dedícanse á especulación. A crise está servida: aí xurde o fenómeno chamado "finanzarización" do sistema e abrollan as famosas "burbullas financeiras". Mais diso non teño espazo pra falarvos hoxe. Como no conto da boa pipa: queredes que volo conte o vindeiro domingo, ou estades fartos xa?
Nenhum comentário:
Postar um comentário